Saltar ao contido

Filosofía da relixión

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A filosofía da relixión é unha disciplina filosófica que se centra nos temas e conceptos centrais das tradicións relixiosas.[1] Ten as súas orixes na antigüidade clásica, e aparece nos primeiros textos filosóficos coñecidos. Está relacionado con outros eidos, como a metafísica, a epistemoloxía, a lóxica ou a ética.[1]

Introdución[editar | editar a fonte]

Os pitagóricos celebrando o amencer (1869), de Fiódor Bronnikov. A escola pitagórica é un exemplo de filosofía grega influenciada por elementos relixiosos

A filosofía da relixión pode definirse como a avaliación crítica das crenzas e conceptos relixiosos.[2] Entre os temas que trata, destacan as crenzas sobre Deus ou os deuses, os diferentes tipos de experiencia relixiosa, as relacións entre ciencia e relixión, a natureza e alcance do ben e do mal, así como a comprensión relixiosa do nacemento, a historia ou a morte.[1] Inclúe tamén as implicacións éticas da relixión; a relación entre fe, razón, experiencia e tradición; o misticismo; ou os conceptos de milagre, revelación e salvación.[3]

O termo "filosofía da relixión" non se xeneralizou en Occidente até o século XIX, e moitos textos filosóficos anteriores a esa época mesturan temáticas relixiosas e cuestións filosóficas sen relación coa relixión. Por exemplo, o pitagorismo ou o estoicismo posúen claros elementos relixiosos, e no seu seo desenvolvéronse teorías sobre as deidades. Do mesmo xeito, a filosofía medieval foi influenciada polas tres grandes relixións abrahámicas. Incluso filósofos modernos, como Thomas Hobbes ou George Berkeley, debateron tanto sobre asuntos relixiosos como sobre cuestións filosóficas seculares.[3] En Asia, destacan textos como as Upanishad hindús ou os textos budistas, así como os clásicos daoístas ou confucianos da China.

Canto á súa relación coa teoloxía, ambas disciplinas diferéncianse en que a segunda se basea en conviccións relixiosas.[4] Neste sentido, a teoloxía fundaméntase nunha autoridade previa, namentres a filosofía emprega a razón.[4]

Por outra banda, algúns aspectos da filosofía da relixión foron considerados pola tradición como unha parte da metafísica. Por exemplo, na Metafísica de Aristóteles fálase da causa necesaria de todo o movemento, que o grego sitúa nun motor inmóbil que inspira o movemento das cousas coma un obxecto de desexo. Esta idea inspiraría a concepción de Deus de autores como Tomé de Aquino. Porén, na actualidade, o termo "filosofía da relixión" considérase un eido separado de investigación, aínda que existen pensadores, especialmente católicos, que o seguen a tratar como unha sección da metafísica.

Temas[editar | editar a fonte]

A realidade última[editar | editar a fonte]

As distintas relixións teñen ideas diversas sobre cal é a realidade última, a súa orixe ou fundamento (ou ausencia do mesmo), ou sobre cal é a máxima grandeza.[5][6] Os conceptos de "preocupación última" (cuñado por Paul Tillich) ou "idea do sagrado" (de Rudolf Otto) refiren á última ou máis elevada verdade, sobre a que reflexiona a meirande parte das relixións. Unha diferenza importante entre as relixións é se a realidade última é un deus persoal ou unha realidade impersoal.[7][8]

Nas relixións occidentais, son máis habituais variantes do teísmo, namentres nas relixións orientais abundan tanto as concepcións teístas como as que non o son. A diferenza entre o teísmo e o non teísmo é un xeito habitual de separar as relixións en categorías.[5]

Hai tamén múltiples posturas respecto á existencia de Deus, incluíndo varias formas de teísmo (como o monoteísmo e mais o politeísmo), agnosticismo e ateísmo.

Monoteísmo[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Monoteísmo.
Tomé de Aquino elaborou cinco argumentos para demostrar a existencia de Deus, coñecidas como as quinque viae ou cinco vías.

Keith Yandell estableceu unha distinción entre tres tipos principais de monoteísmo: o grego, o semítico e mais o hindú. O monoteísmo grego sostén que o mundo existiu sempre, polo que rexeitan as ideas do creacionismo ou da divina providencia, namentres o semítico cre que o mundo foi creado por un Deus nun momento concreto do tempo.[9] Pola súa banda, a versión hindú ensina que o mundo carece dun comezo definido, pero que hai un deus creador que sostén a realidade.[9]

Un dos obxectivos da teoloxía natural é procurar demostracións ou argumentos a favor da existencia de Deus. Neste sentido, busca xustificar a crenza en Deus con independencia da fe. Unha parte importante da filosofía da relixión asume o presuposto da teoloxía natural de que a existencia do divino pode xustificarse ou demostrarse racionalmente. Hai unha longa tradición de debates filosóficos e teolóxicos sobre o tipo de probas, xustificacións ou argumentos que son apropiados neste contexto.

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]