Abdicacións de Baiona

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Ruínas do castelo de Marracq, en Baiona.

Co nome de abdicacións de Baiona coñécense as renuncias sucesivas dos reis Carlos IV e o seu fillo Fernando VII ao trono de España en favor de Napoleón Bonaparte quen, a continuación, cedería os dereitos ao seu irmán Xosé Bonaparte, que reinaría co nome de Xosé I. Ditas abdicacións tiveron lugar o 5 de maio de 1808 no castelo de Marracq da cidade francesa de Baiona.

Antecedentes[editar | editar a fonte]

Tratado de Fontainebleau[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Tratado de Fontainebleau.
Carlos IV.
Napoleón I, emperador dos franceses.

Desexoso o emperador francés Napoleón de illar a Inglaterra, procedeu a estender o bloqueo continental ao Portugal, aliado do Reino Unido. Ante as reticencias do príncipe rexente Xoán, o exército francés entrou en España o 18 de outubro de 1807 en dirección a Portugal, tras o cal, o 27 de outubro, Eugenio Izquierdo e o xeneral Duroc, como plenipotenciarios, pactaron no Tratado de Fontainebleau o reparto de Portugal (entre Francia, España e Godoy, que sería coroado como Príncipe dos Algarves) e mais o libre tránsito por España de 25.000 homes de infantaría e 3.000 de cabalaría.

O 17 de novembro as tropas franco-españolas ao mando de Junot entraron en Portugal e, sen resistencia por parte portuguesa, dirixíronse cara a Lisboa. O continxente español, que ocupou o norte de Portugal, con base no Porto, estaba formado polo exército de Galicia (uns 10.000 soldados) ao mando do seu Capitán Xeneral, Francisco de Taranco y Llano, ao servizo de Junot.[1] [2]No entanto, a familia real portuguesa decidira embarcar para Brasil (29 de novembro).

O 22 de decembro entrou outro exército, liderado por Dupont, con 22.000 efectivos de infantaría e 3.500 de cabalaría, sen contar coa anuencia da Corte española (de Godoy) e, o 9 de xaneiro de 1808, un terceiro exército, ao mando de Moncey, con 25.000 efectivos de infantaría e 2.700 de cabalaría, cruzou a fronteira.

O 1 de febreiro, contravindo o pactado en Fontainlebleau, Junot depuxo formalmente á dinastía Braganza e ao Consello de Rexencia designado polo príncipe rexente, e proclamou o goberno de Napoleón sobre a totalidade do territorio.

A mediados de febreiro os franceses presentáronse en Pamplona e, ante a reticencia de cederlles a cidadela, tomárona por sorpresa o 16 de febreiro. Por outro lado, entrou un exército dirixido por Duhesme, con 11.000 homes de infantaría e 1.700 de cabalaría, en dirección a Valencia, e baixo amenaza, e temendo as autoridades a inimizade francesa, entraron o día 13 en Barcelona e o 28 de febreiro na súa cidadela.

Coa autorización de Godoy, esta vez, o 5 de marzo entregouse Donostia, mentres que o 18 de marzo se rendeu a cidadela de Figueres. Ademais, en marzo, formouse un novo exército, de 19.000 homes, ás ordes de Bessières.

Por outra parte, o xeneral Murat, cuñado de Napoleón, entrou en España en marzo 1808 co rango de Lugartenente xeral do Emperador e comandante do exército de 50.000 homes que formaban l'Armée d'Espagne. Murat debía ocupar Madrid (onde actuou como gobernador da capital) e esperar as ordes de Napoleón.

Pese a todo iso, víase a Napoleón, polo menos nas esferas oficiais, como protector de España.

Motín de Aranjuez[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Motín de Aranjuez.
Manuel Godoy, Príncipe de la Paz.

Godoy, porén, temeroso de que da presenza en España de 100.000 soldados franceses amigos, sen autorización, e sen saber cal era o seu verdadeiro obxectivo, decidiu trasladar á Familia Real a América, a exemplo do que fixra a portuguesa, viaxe que se iniciaría o 13 de marzo encamiñándose cara a Aranjuez.

Os rumores de que proseguiría a viaxe dos rei o 17 ou o 18 de marzo, e as intrigas do Príncipe de Asturias Fernando e dun grupo de nobres que o apoiaban, desexosos de ver a Godoy fóra do goberno, puxo os ánimos alerta e, ante a confusión e alarma entre os empregados do palacio provocada poa saída de Pepita Tudó, unha turba de funcionarios procedeu ao saqueo da casa de Godoy. Novos tumultos producidos polo apresamento do valido levaron a Carlos IV a abdicar no seu fillo Fernando o 19 de marzo,[3] para así salvar a vida do seu favorito.

Primeiro reinado de Fernando VII[editar | editar a fonte]

Tendo Murat noticias do acaecido en Aranjuez, acelerou a súa marcha e entrou en Madrid o 23 de marzo. Ao día seguinte fíxoo o novo rei Fernando VII.

Cando Napoleón recibiu as novas o 26 de marzo, dispúxose a facer o cambio de monarca en España. Ao día seguinte propúxolle ao seu irmán Luís a coroa, e o 2 de abril saíu de París en dirección a Baiona, aínda que Murat estendeu o rumor de que iría a Madrid.

En España, os reis pais permaneceron en Aranjuez e, vendo como cambiara o seu status, foron aconsellados e inducidos polos franceses para que protestaran, asegurando que a abdicación fora forzada,[4] decisión que o propio Murat se apoiou, xa que desta maneira fomentaba a desunión da familia real e deslexitimizaba ao novo rei.

Fernando VII.

A instancias de Murat, os reis pais trasladáronse ao Escorial o 9 de abril, aproximándoos así ao camiño de Francia. O trato que Murat reservaba ao novo rei Fernando VII era de total indiferencia, negándose a recoñecelo. O novo monarca, necesitado de apoios e recoñecemento internacional, proseguiu a política de estreitar lazos de amizade e alianza con Francia. Así, o 5 de abril mandou ao seu irmán Carlos ao encontro do emperador. Entre tanto, chegou a Madrid o xeneral Savary coa encarga de levar ao rei a un encontro con Napoleón quen, supostamente, ía de camiño a Madrid, para encontrarse con el en Burgos.

O 10 de abril, o rei, desexoso de contar co beneplácito de Napoleón, partiu de Madrid coa súa comitiva e dispuxo que, na súa ausencia, rexera o goberno unha Xunta Suprema de Goberno presidida polo seu tío o infante Antonio.[5] Á súa chegada a Burgos, o 12 de abril, non tivo noticias de Napoleón, e o xeneral Savary convenceuno de que proseguira viaxe a Vitoria, onde chegou o día 13.

Napoleón entrara en Baiona o 15 e, tendo noticias disto o infante Carlos, que estaba en Tolosa, tamén foi para alá. O xeneral Savary aseguroulle a Fernando que se ía a Baiona ao encontro con Napoleón, este non tería inconveniente en recoñecelo como rei de España e, engadindo isto ao apoio que encontrou no seu conselleiro Escóiquiz, Fernando partiu de Vitoria o 19 precedido pola cabalaría francesa, xa que un inmenso xentío enchía as rúas para impedir aquela viaxe. Finalmente, chegou a Baiona o 20, onde ninguén saiu a recibilo.

Mentres tanto Murat, despois de que saíra Fernando VII de Madrid, presionou á Xunta de Goberno para liberar a Godoy, levalo a Francia e influír así no ánimo dos reis pais.

A excarcelación tivo lugar o 20 de abril, debido ao temor da Xunta á reacción de Murat, e tamén ao convencemento de que con iso beneficiaría a causa do rei Fernando ante Napoleón. Godoy foi entregado aos franceses e chegou a Baiona o 26 de abril.

Murat, o día 16, comunicou á Xunta que o emperador Napoleón non recoñecía a outro rei que a Carlos IV, e que ía publicar unha proclama de Carlos IV na que indicaba que a súa abdicación fora forzosa. Porén, a Xunta respondeu que non se daría por enterada até que o propio Carlos llo comunicara, e pediu o secreto para dita resolución. En seguida Murat púxose de acordo con Carlos IV, quen desde o Escorial escribiu a Napoleón poñéndose nas súas mans, e ao seu irmán Antonio, presidente da Xunta, coa retractación da súa abdicación e a confirmación dos membros da Xunta Suprema tal e como a constituíra o seu fillo o rei Fernando VII.

Señor mi hermano: V.M. sabrá sin duda con pena los sucesos de Aranjuez y sus resultas y no verá con indiferencia a un rey que, forzado a renunciar a la corona, acude a ponerse en los brazos de un grande monarca, aliado suyo, subordinándose totalmente a la disposición del único que puede darle su felicidad, la de toda su familia y la de sus fieles vasallos.

Yo no he renunciado a favor de mi hijo sino por la fuerza de las circunstancias, cuando el estruendo de las armas y los clamores de una guardia sublevada me hacían conocer bastante la necesidad de escoger la vida o la muerte...

Yo fui forzado a renunciar; pero he tomado la resolución de conformarme con todo lo que quiera disponer de nosotros y de mi suerte, la de la Reina y la del Príncipe de la Paz.[6]

Deste xeito, tanto pai como fillo demandaban de Napoleón axuda e apoio, e non cuestionaban a súa amizade; o primeiro, para recuperar o trono, e o segundo para lexitimar a súa posesión. Con este espírito emprenderon ambos os monarcas o camiño de Baiona. O 25 de abril, Carlos IV e a súa esposa, María Luísa de Parma, emprenderon viaxe a Baiona, a onde chegaron o 30 de abril, sendo recibidos e agasallados por Napoleón como os verdadeiros reis. A Fernando, recordémolo, non o recibira ninguén.

As abdicacións de Baiona[editar | editar a fonte]

Véxase tamén: Reino de Etruria#Historia.

Tras un xantar con Napoleón o 20 de abril, o rei Fernando foi informado por Savary de que o emperador resolvera substituir aos Borbóns pola familia Bonaparte, e Napoleón convenceu a Escóiquiz de que lle cedería o reino de Etruria e o casaría cunha princesa imperial a cambio da coroa española. Porén, as negociacións dilatáronse polo desexo de Napoleón de non empregar a violencia e de esperar aos reis pais, que chegaron o día 30.

Mentras, en Madrid, Toledo e Burgos crecía o descontento contra os franceses ante os rumores de que ía restaurar no trono a Carlos IV. En Madrid Murat facía ostentación das súas forzas, o que causaba a animadversión no pobo madrileño. O 1 de maio, a comitiva do gran duque de Berg foi asubiada polo pobo.

O seguinte —e transcendental— suceso provocouno unha misiva que Murat entregou á Xunta o 30 de abril, na que Carlos IV pedía a partida dos seus outros fillos: a María Luísa de Borbón, raíña de Etruria e o infante Francisco de Paula. Á primeira permitíuselle que obrara segundo a súa vontade, pero ao infante, tras negarse nun principio, autorizouse a súa saída para o 2 de maio. Corrido o rumor da partida, congregouse fronte ao palacio unha multitude que, ante a presenza do axudante de Murat, Auguste Lagrange, enfureceuse; a isto Murat respondeu sacando un batallón de soldados para dispersar aos manifestantes, o que provocou o levantamento de todo Madrid. Contido o levantamento, proseguiu a partida da familia real, o día 3, a do infante Francisco, e o 4 a do presidente da Xunta, o infante Antonio.

O 1 de maio en Baiona, Napoleón, despois de xantar cos reis pais e Godoy, citou a Fernando VII, ao que os seus pais, apoiados por Napoleón, presionaron e ameazaron para que abdicase en favor de Carlos IV. Desta maneira foille arrincada unha abdicación datada o 1 de maio e condicionada á reunión das Cortes en España, e sen presenza de Godoy. Pero Carlos IV rexeitou esta idea.

O 4 de maio chegou a Baiona un comisionado da Xunta Suprema, Evaristo Pérez de Castro Colomera, que lle comunicou ao rei Fernando as proposicións de actuación da Xunta, a resultas das cales o rei expediu dous decretos nos que afirmaba que se achaba sen liberdade, mandaba á Xunta que exercera en lugar seguro a plena soberanía no seu nome, e autorizaba a convocatoria de Cortes. Ese mesmo día o mariscal Duroc e Godoy, como plenipotenciarios, concluíron un tratado [7] polo que Carlos IV cedía a coroa de España a Napoleón;[8] por otro lado, igualmente ese día recibíronse as noticias do Levantamento do 2 de maio en Madrid, e de novo Napoleón e os reis pais lle botaron a culpa do levantamento a Fernando e o ameazaron para que abdicara, cousa que fixo o 6 de maio.

Feitas xa as renuncias reais, faltaban as dos sucesores, que se levaron a cabo, mediante a xestión de Duroc e Escóiquiz, o 12 de maio en Bordeos, subscritas por Fernando, Carlos e Antonio. O infante Francisco de Paula non asinou dada a súa minoría de idade.[9] A raíña de Etruria seguiu a mesma sorte de seus pais e irmáns.

Feitas as renuncias e establecidas as pensións que recibirían, a familia real española foi internada en Francia.

He tenido a bien dar a mis amados vasallos la última prueba de mi paternal amor. Su felicidad, la tranquilidad, prosperidad, conservación e integridad de los dominios que la divina providencia tenía puestos bajo mi Gobierno, han sido durante mi reinado los únicos objetos de mis constantes desvelos. Cuantas providencias y medidas se han tomado desde mi exaltación al trono de mis augustos mayores, todas se han dirigido a tan justo fin, y no han podido dirigirse a otro. Hoy, en las extraordinarias circunstancias en que se me ha puesto y me veo, mi conciencia, mi honor y el buen nombre que debo dejar a la posteridad, exigen imperiosamente de mí que el último acto de mi Soberanía únicamente se encamine al expresado fin, a saber, a la tranquilidad, prosperidad, seguridad e integridad de la monarquía de cuyo trono me separo, a la mayor felicidad de mis vasallos de ambos hemisferios.
Así pues, por un tratado firmado y ratificado, he cedido a mi aliado y caro amigo el Emperador de los franceses todos mis derechos sobre España e Indias; habiendo pactado que la corona de las Españas e Indias ha de ser siempre independiente e íntegra, cual ha sido y estado bajo mi soberanía, y también que nuestra sagrada religión ha de ser no solamente la dominante en España, sino también la única que ha de observarse en todos los dominios de esta monarquía. Tendréislo entendido y así lo comunicaréis a los demás consejos, a los tribunales del reino, jefes de las provincias tanto militares como civiles y eclesiásticas, y a todas las justicias de mis pueblos, a fin de que este último acto de mi soberanía sea notorio a todos en mis dominios de España e Indias, y de que conmováis y concurran a que se lleven a debido efecto las disposiciones de mi caro amigo el emperador Napoleón, dirigidas a conservar la paz, amistad y unión entre Francia y España, evitando desórdenes y movimientos populares, cuyos efectos son siempre el estrago, la desolación de las familias, y la ruina de todos.
Dado en Bayona en el palacio imperial llamado del Gobierno a 8 de mayo de 1808.
Yo el Rey.
Al Gobernador interino de mi consejo de Castilla.

Gazeta de Madrid, viernes 20 de mayo de 1808

Consecuencias. O interregno: Murat, a Xunta Suprema e Xosé I[editar | editar a fonte]

Artigos principais: Xoaquín Murat, Xosé I e Xunta Suprema Central.
Xoaquín Murat, cuñado de napoleón, Mariscal de Francia, Príncipe do Imperio, Gran Duque Berg, Lugartenente de Napoleón en España (1808), Rei de Nápoles (1808).
Xosé Bonaparte, irmán de Napoleón, que sería nomeado tras as abdicacións de Baiona rei de España co nome de Xosé I.

Cando saiu o infante Antonio de Madrid, o 4 de maio, Murat presentouse na Xunta Suprema para formar parte dela, recibindo unha negativa inicial; pero volveu a presentarse sorpresivamente outra vez, nunha reunión na noite, e os restantes membros, querendo evitar males maiores, aceptárono.[10] O 6 de maio a Xunta recibiu un decreto datado o día 4 polo que Carlos IV nomeaba a Murat, que era o Lugartenente de Napoleón en España, como Lugartenente do Reino para que gobernara no seu propio nome (do rei Carlos),[11] en virtude da autoridade que otorgaba a protesta da renuncia ao trono do 19 de marzo; e o 10 de maio recibiu os decretos de 5 de maio de convocatoria de Cortes e de traslado da Xunta a lugares seguros, e o de 6 de maio de renuncia de Fernando VII, que revertía os seus dereitos no seu pai Carlos IV.[12]

A Xunta Suprema decidiu ignorar os de 5 de maio e publicar o de renuncia do 6 de maio. Porén, dado que Carlos IV xa renunciara, de novo, á coroa, Murat quedou como Lugartenente dun Reino sen rei, cuxos dereitos ostentaba o emperador dos franceses até o nomeamento dun novo rei (como o apreciamos nun decreto do 25 de maio)[13] Murat, aproveitando a ocasión, chegou a propoñerse como candidato a rei e, de feito, comportouse como tal até que Napoleón designou ao seu irmán Xosé,[14] [15] España estaba, pois, nese momento, en interregno (termo que aparece no decreto de 6 de xuño proclamando a Xosé I rei de España).[16]

Unha vez conseguidas as renuncias reais e a sumisión das autoridades, en maio, Napoleón, depositario dos dereitos do Trono, encomendou ao Lugartenente do Reino e á Xunta Suprema de Goberno a convocatoria dunha Deputación xeral ou Asemblea de notábeis, de 150 persoas, que se reuniría en Baiona para tratar do estado do reino de España.[17]

E o 25 de maio o propio Napoleón lanzou unha proclama aos españois na que indicaba que non ía a reinar en España, confirmando a convocatoria da Asemblea de notábeis en Baiona e, de paso, confirmando no seu posto a Murat.[13]

Españoles: después de una larga agonía vuestra nación iba a perecer. He visto vuestros males y voy a remediarlos... Vuestros príncipes me han cedido todos sus derechos a la corona de las Españas; yo no quiero reinar en vuestras provincias... y os haré gozar de los beneficios de una reforma sin que experimentéis quebrantos, desórdenes y convulsiones.

Españoles: he hecho convocar una asamblea general de las diputaciones, de las provincias y de las ciudades. Yo mismo quiero saber vuestros deseos y vuestras necesidades... asegurándoos al mismo tiempo una Constitución que concilie la santa y saludable autoridad del Soberano con las libertades y privilegios del pueblo.

Españoles: acordaos de lo que han sido vuestros padres, y mirad a lo que habéis llegado. No es vuestra la culpa, sino del mal gobierno que os regía. Yo quiero que mi memoria llegue hasta vuestros últimos nietos y que exclamen: es el regenerador de nuestra patria.
Bayona, 25 de mayo de 1808.

O 6 de xuño, ditou un decreto no que nomeaba ao seu irmá Xosé como rei de España.[16] Ao día seguiente, Napoleón pediulle ao seu irmán, que acabada de chegar a Baiona, que aceptara a corona. Alí foi recoñecido como tal polas autoridades españolas presentes. Xosé aceptou a coroa o 10 de xuño, e confirmou a Murat como Lugartenente do reino.

Apéndice. Diferenzas entre a cronoloxía dos sucesos e a da publicación das leis[editar | editar a fonte]

Cómpre resaltar que existe un desfase entre a orde dos sucesos acaecidos e a súa repercusión legal. Así, seguindo a orde cronolóxica dos sucesos:

  • O 19 de marzo produciuse a abdicación de Carlos IV en Fernando VII,[3] e publícanse os primeiros decretos de Fernando VII.
  • O 21 de marzo está datada a protesta pola abdicación forzada de Carlos IV e o 17 de abril, a carta enviada por Carlos IV con tal motivo ao seu irmán o infante Antonio coa confirmación da composición da Xunta de Goberno.[4]
  • O 4 de maio, a Xunta Suprema de Goberno admite a Murat como Presidente.[10] Pola súa parte, Carlos IV nomea Lugartenente Xeneral do Reino e presidente da Xunta de Gobierno ao xeneral Murat.[11]
  • O 5 de maio Carlos IV cede os seus dereitos ao trono de España en favor de Napoleón.[8]
  • O 6 de maio Fernando VII abdica no seu pai Carlos IV, encomendando á Xunta de Goberno que se poña ao servizo do seu pai.[12]
  • O 12 de maio renuncian aos seus derechos ao trono de España o irmán e os fillos de Carlos IV, en beneficio de Napoleón.[9]

Segundo esta orde, a segunda abdicación de Carlos IV é anterior á de Fernando VII. Por outro lado, os feitos presentados non mostran con que autoridade Carlos IV nomea a Murat Lugartenente Xeneral do Reino, xa que daquela Fernando VII non renunciara aínda á coroa, e é por isoo polo que, fronte á exposición cronolóxica, haxa que mostrar a orde cronolóxica da lexislación:

  • Na Gazeta do 25 de marzo encóntrase a abdicación de Carlos IV en Fernando VII.[3]
  • Na Gazeta do 10 de maio, a Xunta Suprema de Gobierno admite a Murat como Presidente.[10]
  • Na Gazeta do 13 de maio se encóntranse por esta orde:
  • Con rexistro de 6 de maio, a protesta pola abdicación forzada de Carlos IV.[4]
  • Con rexistro de 7 de maio e publicación o 8 de maio, Carlos IV nomea Lugartenente Xeneral do Reino e presidente da Xunta de Goberno ao xeneral Murat.[11]
  • Con rexistro de 10 de maio, Fernando VII abdica no seu pai Carlos IV, encomendando á Xunta de Goberno que se poña ao servizo do seu pai.[12]
  • Na Gazeta do 20 de maio encóntranse por esta orde:
  • Carlos IV informa ao Consello de Castela que cedeu os seus dereitos ao trono de España en favor de Napoleón.[18]
  • O irmán e os fillos de Carlos IV ceden os seus dereitos ao trono de España en beneficio de Napoleón.[9]

Polo tanto, legalmente a abdicación de Fernando VII é anterior á de Carlos IV, e o nomeamento de Murat via contiguo á abdicación de Fernando VII, de forma que dito nomeamento puidera derivarse da autoridade de Carlos IV.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Barreiro Fernández, Xosé Ramón (1982): Historia Contemporánea de Galicia. I. De la Guerra de la Independencia al Postfranquismo (1815-1893). A Coruña: Ediciones Gamma, p. 63.
  2. O capitán xerneral Taranco y Llano faleceu no Porto en marzo de 1808.
  3. 3,0 3,1 3,2 Gazeta de Madrid, 25 de marzo de 1808 pp. 297 e 298.
  4. 4,0 4,1 4,2 Gazeta de Madrid de 13 de maio de 1808 pp. 453, 454 e 455.
  5. Chastenet, Jacques (1953): Godoy Master Of Spain 1792 1808. London: The Batchworth Press.
  6. Extracto da carta dirixida por Carlos IV a Napoleón.
  7. Coñencido como Tratado de Baiona.
  8. 8,0 8,1 Gazeta de Madrid de 14 de outubro pp. 1293 e 1294.
  9. 9,0 9,1 9,2 Gazeta de Madrid de 20 de maio pp. 483 e 484.
  10. 10,0 10,1 10,2 Gazeta de Madrid de 10 de mayo p. 442.
  11. 11,0 11,1 11,2 Gazeta de Madrid de 13 de mayo pp. 457 e 458.
  12. 12,0 12,1 12,2 Gazeta de Madrid de 13 de mayo pp. 458 e 459.
  13. 13,0 13,1 Gazeta de Madrid de 3 de junio p. 530
  14. Aínda que o consolaría dándolle o trono de Nápoles,. que deixaba vacante Xosé.
  15. Artola, Miguel (1973): La burguesía revolucionaria (1808-1869). Historia de España Alfaguara V. Madrid: Alianza Editorial/Alfaguara, pp. 9-11.
  16. 16,0 16,1 Gazeta de Madrid de 14 de junio p. 568.
  17. Gazeta de Madrid de 24 de mayo pp. 491, 492, 493, 494, e 495.
  18. Gazeta de Madrid de 20 de mayo pp. 482 e 483.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Artola, Miguel (1973): La burguesía revolucionaria (1808-1869). Historia de España Alfaguara V. Madrid: Alianza Editorial / Alfaguara. ISBN 84-206-2046-7.
  • Artola, Miguel (1977): La guerra de la indpendencia. Madrid: Espasa-Calpe. ISBN 9788467026245.
  • Artola, Miguel (2008): La España de Fernando VII. Madrid: Espasa-Calpe. ISBN 9788467029185.
  • Berga Marroquín, Armando: "Las abdicaciones de Bayona". Revista Historia 16, nº 381, xaneiro de 2008.
  • Conde de Toreno: Historia del levantamiento, guerra y revolución de España (1807-1814). Tomo I (1807-1808). Ed. de J. M. Martínez Valdueza. Astorga, León: Editorial Akrón, 2008. ISBN 978-84-936293-4-2.
  • Fernández de Pinedo, Emiliano; Gil Novales, Alberto, e Dérozier, Albert (1980): Centralismo, Ilustración y agonía de Antiguo Régimen (1715-1833). Vol. VII de: Manuel Tuñón de Lara (dir.) Historia de España. Barcelona: Editorial Labor. ISBN 84-335-9427-3.
  • Godoy, Manuel (1836-1842): Cuenta dada de su vida política por por Don Manuel Godoy, Príncipe de la Paz: Ó sean memorias críticas y apologéticas para la historia del reinado del Señor D. Carlos IV de Borbón. 6 Vols. Madrid: Imp. de I. Sancha. Consultábeis en liña e en PDF
  • Palacio Atard, Vicente (1981): La España del siglo XIX. Madrid: Espasa-Calpe. ISBN 84-239-4959-1.
  • Pérez Galdós, Benito (2001): El 19 de marzo y el 2 de mayo. Episodios Nacionales, Primera Serie, 3. Madrid: Alianza Editorial. ISBN 978-84-206-7211-3
  • Voltes, Pedro (1985): Ferrnando VII. Vida y reinado. Barcelona: Editorial Juventud. ISBN 84-261-2959-4.

Outros artigos[editar | editar a fonte]