A familia de Carlos IV

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Francisco de Goya y Lucientes 054.jpg
A familia de Carlos IV
Francisco José de Goya y Lucientes, 1800
óleo sobre lenzo
280 cm × 336 cm cm
Museo do Prado (Madrid)

A familia de Carlos IV (en castelán La familia de Carlos IV) é un retrato en óleo sobre lenzo do monarca español e da súa familia pintado por Goya en 1800, durante unha estadía da familia real no Palacio Real de Aranjuez. A realización da obra enmárcase dentro do período no que Goya foi primeiro pintor de cámara do rei, cargo que lle foi outorgado en 1799 (en 1789 fora nomeado pintor de cámara polo propio monarca) [1]. Actualmente consérvase no Museo do Prado de Madrid.

Os personaxes[editar | editar a fonte]

Na obra aparecen retratados de esquerda a dereita don Carlos María Isidro de Borbón, fillo dos monarcas; o futuro Fernando VII, fillo dos monarcas; dona María Josefa de Borbón, irmá de Carlos IV; a futura esposa de Fernando VII (ao descoñecerse a súa identidade na data de realización da pintura aparece coa cabeza xirada); dona María Isabel de Borbón, filla dos monarcas; a raíña María Luísa de Parma; don Francisco de Paula Antonio de Borbón, fillo menor dos monarcas; o rei Carlos IV; don Antonio Pascual de Borbón, irmán de Carlos IV; dona Carlota Joaquina de Borbón, filla maior dos monarcas; don Luis de Parma; e dona María Luisa de Borbón, filla dos monarcas e esposa de Luis de Parma, que apreixa o seu fillo Carlos Luis.

Detrás das figuras de Carlos María Isidro de Borbón e Fernando VII atópase o propio Goya, cuxa actitude é a de estar pintando un cadro.

Os homes portan todos a banda da Orde de Carlos III e as mulleres levan a banda da Orde de María Luisa. O monarca Carlos IV loce, así mesmo, a insignia das Ordes Militares e a da Orde de Cristo de Portugal [2].

A Técnica[editar | editar a fonte]

Previamente á realización da obra, Goya elaborou unha serie de bosquexos sobre algúns dos integrantes da familia real, cinco dos cales se conservan no Museo do Prado de Madrid.

O retrato presenta os personaxes como se se tratasen dun friso, organizándoos en tres grupos: no centro están sitos os monarcas cos seus fillos máis novos, á esquerda o grupo presidido por Fernando VII está pintando nunha gama de cores frías, e á dereita o grupo dos príncipes de Parma está realizado nunha gama de cores máis cálidas [2]. A obra presenta tamén unha certa verticalidade ao estaren tódolos personaxes de pé, reforzada polos grandes lenzos sitos na parte posterior da escena.

No tocante ao estilo obsérvase que o pintor utiliza a pincelada solta [3], xa que ao aproximarse á obra os detalles máis minuciosos revélanse coma pequenas manchas. Non utiliza os xogos de perspectiva, no seu lugar emprega a luz e a cor para dar sensación de volume e diferenciar os distintos planos [2]. A luz emprégase así mesmo para destacar intencionadamente as condecoracións e a ostentosidade das xoias e das teas.

Semellanzas e diferenzas con Velázquez[editar | editar a fonte]

Posiblemente Goya tentou emular co seu retrato a obra de "As Meninas de Velázquez, polo que sentía unha grande admiración.

Por unha banda, o motivo da obra é moi similar: neste retrato a familia real está formando un grupo e observando a un personaxe que se atopa fóra da representación; nun segundo plano atópase a figura de Goya en aparencia retratando a ese personaxe "descoñecido" (presumiblemente trátase do primeiro ministro Manuel Godoy, que era o protexido dos monarcas [3]). Outras semellanzas son os grandes lenzos que decoran a parte posterior da escena e a néboa áurea que envolve as figuras.

Porén, existen pequenos matices que diferencian ámbalas dúas obras. Así por exemplo, no caso de "As Meninas" apréciase certo movemento xa que a obra plasma a chegada da infanta e as súas meninas á estancia onde está a traballar o pintor; no caso da obra de Goya a pintura pode considerarse practicamente como unha instantánea fotográfica [3]. Por outra banda, en relación á súa propia figura, Goya, ao contrario que Velázquez, retrátase en segundo plano.

Interpretación[editar | editar a fonte]

O retrato non amosa a familia real coa maxestuosidade coa que normalmente se retrataba aos gobernantes. A tendencia a pensar que Goya tentou con esta obra ridiculizar os personaxes non resulta de todo convincente xa que a propia raíña, segundo se deduce da súa correspondencia persoal, quedou moi satisfeita co resultado [2] . Así e todo, si se observa que o pintor tenta plasmar a personalidade de cadanseus retratados: así, a raíña María Luísa aparece situada no centro da obra -facendo referencia ao seu poder xa que era ela a que levaba as rendas do estado a través de Manuel Godoy- quedando o monarca Carlos IV relegado a un simbólico segundo plano; dona María Xosefa de Borbón, irmá do monarca, amosa un aspecto bastante afeado como consecuencia da pouca simpatía que sentía por ela o pintor (a súa situación na parte de atrás da obra simboliza a súa existencia á sombra do rei); e o infante Francisco de Paula Antonio de Borbón preséntase como un meniño fermoso para indicar que esa beleza se debía a que era fillo de Godoy [3].

Notas[editar | editar a fonte]