Saltar ao contido

Evanxeo de Xoán

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Evanxeo de San Xoán»)
San Xoán Evanxelista de Xosé Ferreiro na sancristía de San Martiño Pinario en Santiago de Compostela

O Evanxeo de Xoán é un libro da Biblia no Novo Testamento que contén a mensaxe de Xesucristo. O apóstolo Xoán o evanxelista é considerado tradicionalmente como o seu autor.

O Evanxeo de Xoán e o Corpus Xoánico

[editar | editar a fonte]

O Evanxeo de Xoán, dentro do conxunto dos Evanxeos, resulta moi distinto aos Sinópticos: Mateu, Lucas e Marcos. Se os sinópticos se constrúen con pezas breves: milagres e parábolas, Xoán opta por relatos moi detallados dos milagres e grandes discursos. No canto dos Evanxeos da Infancia con que comezan Mateu ou Lucas, ábrese cunha reflexión sobre o significado teolóxico que para os cristiáns ten a figura de Xesús de Nazaret. Incluso a cronoloxía da predicación e da paixón de Cristo varían respecto aos sinópticos.

Pola contra, está moito máis achegado dos outros textos que tradicionalmente foron atribuídos ao apóstolo Xoán: as tres cartas e a Apocalipse, tanto pola teoloxía de fondo como polos termos usados. Por iso os estudosos fan unha subdivisión dentro do Novo Testamento e engloban todo este material baixo o nome de Corpus Xoánico.[Cómpre referencia]

Data de composición e destinatarios

[editar | editar a fonte]

Tódolos investigadores coinciden en que é o máis serodio dos Evanxeos, o máis común é situar a súa composición arredor do ano 100.

Tradicionalmente, o lugar de composición era a cidade de Éfeso, situada preto da actual Selçuk, en Turquía. Sen poder precisar este dato, si se pode afirmar, tendo en conta o idioma e as frecuentes explicacións sobre costumes e leis xudeas, que foi composta no contexto dunha comunidade cristiá de orixe grega.

A aguia, símbolo de Xoán o Evanxelista. Mosaico do século VI en San Apolinar en Classe (Rávena)

Tradicionalmente, a súa autoría foi atribuída ao Apóstolo Xoán, así, San Ireneo escribía no século II: "Segundo isto, Xoán, o discípulo de Xesús (...), deu tamén á luz o seu evanxeo cando residía en Éfeso, en Asia"[1]. No mesmo senso falarían Policarpo de Esmirna ou Polícrates de Éfeso. Aínda que, hai que ter en conta que estas referencias son sempre de segunda man. Ningún deste autores coñeceu a Xoán, e todos fundamentan as súas palabras sobre o testemuñol doutros.

Ademais, unha serie de datos fan pensar nun proceso de elaboración e, polo tanto, nunha atribución máis complexa:

  • Tendo en conta a data de composición, Xoán tería que ter polo menos 80 anos cando o rematou. Unha idade moi alta para a época.
  • O manexo do grego, idioma orixinal do evanxeo, a profundidade teolóxica e o fondo coñecemento que ten de tódalas escrituras, non parece corresponder co nivel cultural que tería un mariñeiro de Galilea.
  • O texto que conservamos ten dous finais, un en (Xn 20, 30-31) e outro en (Xn 21, 24-25), o que evidenciaría a existencia de, polo menos, dous autores.

Pola contra o texto contén descricións de lugares ou detalles da vida de Xoán e da súa relación con Xesús cunha forte carga autobiográfica. Por exemplo, cando fala do primeiro encontro de Xoán con Xesús: e eles foron e viron onde paraba, eran contra as catro da tarde (Xn 1, 39). O que apontaría a que o outor tivo acceso a unha testemuña directa de Xesús.

O autor podería ser, polo tanto, un discípulo ou un grupo de discípulos de Xoán, que recolleron a predicación e a testemuña do apóstolo e que formaban parte da súa comunidade cristiá. Dentro dese ambiente, nado do liderado do apóstolo e a partir da súa testemuña, elaboraron o Evanxeo.

Estrutura

[editar | editar a fonte]

A principal característica distintiva de Xoán respecto aos outros evanxeos radica en que se elabora a partir con unidades temáticas de gran tamaño.

O autor constrúe o Evanxeo mediante parellas formadas por un milagre máis un discurso. A isto engade un prólogo e remata coa actuación de Xesús e Xerusalén. predicación e paixón, morte e resurección.

Fresco das Vodas de Caná (século XIV) no mosteiro de Decani (Kosovo). Trátase do primeiro milagre narrado no Evanxeo de Xoán (2, 1-11)
Capítulos Denominación Contido
1 Prólogo Xesús é o Verbo de Deus
2 Vodas de Caná Milagre da auga convertida en viño
Discurso sobre a "hora" de Xesús
--- Xesús e a Lei Curación do paralítico
Discurso sobre a nova Lei
6 Xesús, Pan de Vida Multiplicación dos pans e os peixes
Discurso do Pan de Vida
--- Xesús, Luz do mundo Curación do cego de nacemento
Discurso da Luz do Mundo
--- Xesús, a Vida Resurreción de Lázaro
Discurso da Vida do Mundo
--- Predicación en Xerusalén Xesús, Bo Pastor
Episodio da adúltera
--- Paixón e morte Apresamento e xuízo no Sanedrín
Ante Pilatos
No pazo de Herodes
Crucifixión e morte
--- Resurrección O sepulcro baleiro
Aparición á Magadalena
Aparicións aos Doce
Primeiro final do Evanxeo
21 Epílogo Derradeira aparición
Misión de Pedro e os Doce
Peche

Edicións en galego

[editar | editar a fonte]

Ao abeiro do Concilio Vaticano II a Igrexa Católica autorizou o emprego de linguas vernáculas na liturxia, facendo necesaria a tradución da Biblia á lingua galega.[2] Deste xeito, a editorial SEPT editou en 1965 a primeira edición dos Evanxeos baixo o título A Palabra de Deus: Os Evanxeos sendo Manuel Espiña Gamallo e Xosé Morente os seus tradutores.[3] En 1980, dentro do proxecto de tradución por enteiro da Biblia, de novo a editorial SEPT, publicou o Novo Testamento en galego, sendo Xosé Fernández Lago o responsable da tradución do Evanxeo de Mateu dende o orixinal grego.[4]

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • MATEOS, J e BARRETO, J: El Evangelio de Juan (análisis lingüistico y comentario exegético), Ed. Cristiandad, Madrid, 1982 (2ª ed.)
  • A BIBLIA: Ed. SEPT, Vigo, 1989.
  • SCHNACKENBURG, R.: El Evangelio según San Juan, 4 vol., trad. A. Esteban Lator, Ed. Herder, Barcelona, 1980.

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]