Elia Kazan

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Elia Kazan
Nacemento7 de setembro de 1909
LugarKayseri, Imperio Otomán
Falecemento28 de setembro de 2003 (94 anos)
LugarNova York, EUA
NacionalidadeEstados Unidos de América e Grecia
Educado enWilliams College, Yale School of Drama, Juilliard School e New Rochelle High School
Cónxuxe(s)Molly Day Thatcher (1932- 1963)
Barbara Loden (1967-1980)
Frances Rudges (1982-2003)
FillosNicholas Kazan e Chris Kazan
ProfesiónActor, director de cine, produtor de teatro, escritor
Na rede
IMDB: nm0001415 Allocine: 296 Rottentomatoes: celebrity/elia_kazan Allmovie: p96965 TCM: 99584 TV.com: people/elia-kazan IBDB: 15277
Musicbrainz: da6f07e1-db87-4832-bfe2-9f6a840f6e4f Discogs: 2540735 WikiTree: Kazantzoglou-1 Find a Grave: 7926713 Editar o valor em Wikidata
editar datos en Wikidata ]

Elia Kazan, nado en Kayseri o 7 de setembro de 1909 e finado en Nova York o 28 de setembro de 2003, foi un director de cine e escritor estadounidense de orixe grega. O seu nome grego era Elias Kazanjoglou (Ηλίας Καζαντζόγλου).[1]

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Naceu en Kayseri (Cesárea de Capadocia), no antigo Imperio Otomán (actual Turquía). Era fillo dun comerciante de alfombras grego, polo que formaba parte da minoría de lingua grega e relixión cristiá ortodoxa do Imperio Otomán.

A súa familia abandonou o seu país natal para trasladarse a Berlín cando Elia tiña só dous anos. Despois dunha breve estancia na capital alemá, que non mellorou a súa situación económica, en 1913 a familia trasladouse a Nova York, onde o cabeza de familia montou un negocio de alfombras co que conseguiu enriquecerse con rapidez, até que a crise de 1929 puxo fin á súa prosperidade.

Interesado polo teatro, en 1930 Kazan ingresou na Universidade Yale, onde cursou Arte Dramática durante dous anos, custeando os seus estudos co traballo como porteiro de noite dun edificio. Montou a súa primeira obra teatral, The Second Man, de Samuel N. Behrman, en 1931, e en 1932 debutou como actor na obra Chrysalis, que tiña a Margaret O'Sullivan e Humphrey Bogart como protagonistas. Por ese tempo incorporouse ao Group Theatre, unha formación que entendía a arte escénica dunha maneira novidosa e experimental para a época. Levou á escena, entre outras obras, Death of a Salesman, de Arthur Miller.

Pronto se revelou como un dos directores máis innovadores do Group Theatre, o que lle valeu en 1943 o premio da crítica pola posta en escena de The Skin on our Teeth, de Thornton Wilder. En 1947 foi, xunto con Cheryl Crawford e Robert Lewis, un dos fundadores do Actor's Studio, mítica escola de formación de actores que tivo unha influencia decisiva no teatro estadounidense e dela saíron actores do talle de Marlon Brando, Montgomery Clift, Geraldine Page ou Paul Newman.

Fotograma de Viva Zapata! (1952), dirixido por Kazan e protagonizado por Marlon Brando, Jean Peters e Anthony Quinn.

En 1944 dirixiu a súa primeira longametraxe, A Tree Grows in Brooklyn. Seguírona Boomerang (1947) e The Sea of Grass (1947), que lle valeron dous premios da crítica; Gentleman's Agreement (1947) pola que obtivo o seu primeiro Oscar; Pinky (1949); Panic in the Streets (1950); e A Streetcar Named Desire (1951), pola que foi candidato ao Oscar. Os anos seguintes foron os máis prolíficos de toda a súa carreira. Sen desatender a dirección dramática nin a actividade literaria, realizou numerosas e célebres películas: Viva Zapata! (1952); Man on a Tightrope (1952); A lei do silencio (1954) pola que gañou o seu segundo Oscar en 1955; Ó leste do Edén (1955) o seu cuarto nomeamento ao Oscar como director; Baby Doll (1956); Río salvaxe (1960); Esplendor na herba (1961).

Máis tarde reduciu a súa actividade cinematográfica, até que a abandonou para se dedicar enteiramente á produción literaria desde finais dos setenta. As súas últimas realizacións foron América, América (1963), a partir dunha novela autobiográfica publicada en 1962; O compromiso (1968); The Visitors (1972); e The Last Tycoon (1976).

Como autor literario tamén logrou o recoñecemento do público e da crítica. Á parte de America, America, publicou The Assassins (1972); The Understudy (1974); Acts of Love (1978); The Anatolian (1982); e Elia Kazan: a Life (1989), minuciosas memorias polas que desfilan numerosos personaxes de Hollywood.

Galardóns[editar | editar a fonte]

Conseguiu doce Oscars, nos que destaca como mellor director. Tamén recibiu en 1999 un Honorífico ao conxunto da súa carreira. Ademais dos Oscar polas súas películas, Kazan recibiu numerosos galardóns como o Premio de Mestres do Cine, outorgado polo diario 'Times' en 1989 e, en febreiro de 1996, o Oso de Ouro especial polo conxunto da súa obra no Festival de Berlín.

Matrimonio[editar | editar a fonte]

Casou tres veces. Con Molly Day Thacher en 1932, coa que tivo dous fillos e dúas fillas, coa actriz Barbara Loden en 1967, e en 1982 con Frances Rudge.

Joseph R. McCarthy, senador que liderou o Comité de Actividades Antinorteamericanas entre 1950 e 1956.

Testemuña na caza de bruxas[editar | editar a fonte]

Conseguiu unha certa notoriedade tras o seu testemuño ante o Comité de Actividades Antinorteamericanas na época do mccarthismo e a caza de bruxas. Testificou contra os seus antigos compañeiros do Partido Comunista, delación coa que conseguiu manter o seu status pero que non esqueceron algúns actores e os demais colegas da súa profesión. Ao recibir o seu Óscar honorífico, varios deles negáronse a lle aplaudir e a pórense en pé, para deixar así patente o seu rexeitamento.

Filmografía[editar | editar a fonte]

Premios[editar | editar a fonte]

Premios Óscar:

Ano Categoría Película Resultado
1947 Mellor director Gentleman's Agreement Gañador
1951 Mellor director A Streetcar Named Desire Candidato
1955 Mellor director A lei do silencio Gañador
1956 Mellor director Ó leste do Edén Candidato
1963 Mellor director América, América Candidato
Mellor película América, América Candidato
Mellor guión adaptado América, América Candidato
1998 Óscar Honorífico Gañador

Notas[editar | editar a fonte]