Eleonora Duse

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Eleonora Duse
Dupont, Aimé (1842-1900) - Eleonora Duse ì -- New York, 1896.jpg
Nacemento3 de outubro de 1858
 Vigevano
Falecemento21 de abril de 1924
 Pittsburgh, Pensilvania
Causapneumonía
NacionalidadeReino de Italia
Ocupaciónactriz, guionista, actriz de teatro e actriz de cinema
Eleonora Duse signature.png
editar datos en Wikidata ]
Nunes Vais, Mario (1856-1932), Eleonora Duse, ca. 1910.jpg
Retratada por Franz von Lenbach.

Eleonora Giulia Amalia Duse, máis coñecida como Eleonora Duse, nada en Vigevano o 3 de outubro de 1858 e finada en Pittsburgh o 21 de abril de 1924, foi a máis soada actriz de teatro italiana de finais do século XIX e principios do século XX.

Alcanzou gran fama por interpretar os papeis do escritor noruegués Henrik Ibsen, ademais dos clásicos. Foi contemporánea das divas británicas Patrick Campbell e Ellen Terry e tamén da diva francesa Sarah Bernhardt, coa que sostivo unha longa rivalidade profesional e persoal.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Inicios[editar | editar a fonte]

Cóntase que naceu nun vagón de tren e que o seu primeiro papel o interpretou aos catro anos, xa que a súa familia era de actores teatrais. Os seus pais foron os actores Alessandro Vincenzo Duse e Angelica Cappelletto. O seu primeiro papel protagonista realizouno aos 14 anos cando encarnou a Xulieta de Shakespeare.

Tivo rivalidade coa famosa actriz francesa Sarah Bernhardt, quen era contemporánea súa; con todo, posuían estilos moi diferentes, xa que Eleonora buscaba comprender a mentalidade da personaxe e Sarah imprimíalle o seu selo persoal ás personaxes que interpretaba. A pesar destas diferenzas de estilo, ambas as actrices sostiveron unha longa rivalidade para lograr ser consideradas "a mellor actriz do mundo" por parte do público. No persoal, a relación que Gabriele d'Annunzio sostivo coas dúas divas fomentou aínda máis a rivalidade.

Matrimonio[editar | editar a fonte]

En 1881 casou con Tebaldo Checchi, unión da que naceu a súa filla Enrichetta. En 1885 aceptou un contrato para unha xira por América do Sur, e entón a súa fama, xa excepcional en Italia, excedeu as fronteiras. Nesta época coñeceu o libretista e compositor Arrigo Boito, de quen aprendeu o valor do estudo e da elevación espiritual e cultural.

No transcurso dunha xira triunfal por Europa (1891-1892) iniciou, en Viena, a batalla en favor de Ibsen, impondo ao público a discutida Casa de bonecas. En 1893 obtivo un grande éxito en América do Norte e noutros países estranxeiros. En 1899 tivo compañía teatral co gran actor Ermete Zacconi.

D'Annunzio[editar | editar a fonte]

En 1894 produciuse o seu primeiro encontro con D'Annunzio, que estaba entón na cúspide da súa fama. O triunfo obtido en París con Il sogno di un mattino di primavera (1897), obra deste autor, convenceuna de que atopara o creador da traxedia moderna. Dende entón o seu repertorio estivo formado case exclusivamente por obras deste autor. Esta relación terminou en 1910, cando o polémico escritor se involucrou en asuntos políticos (o escritor foi precursor do fascismo italiano) e se despreocupou totalmente de Eleonora.

A ruptura deses amores e unha crise espiritual levárona, despois do seu éxito con La locandiera de Goldoni, en 1909, a abandonar inesperadamente o teatro; este retiro durou doce anos.

Última época[editar | editar a fonte]

Durante a guerra de 1914-18 a actriz prodigou a súa asistencia aos feridos e deu recitais nas frontes.

En 1916 filmou Cenere de Febo Mari, o seu único testemuño cinematográfico cando tiña case sesenta anos.

Reapareceu ante o público en Turín en 1921 con Fruen fra havet, de Ibsen, negándose a ser maquillada e preocupándose tan só de ofrecer ao público non unha ficción, senón o froito dunha ansiosa procura da verdade interior. Tras engadir ao seu repertorio outras obras, reemprendeu unha nova etapa da súa vida artística, iniciando outra xira por Norteamérica, onde a sorprendeu a morte en Pittsburgh.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]