Saltar ao contido

Eva Le Gallienne

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:BiografíaEva Le Gallienne

Editar o valor en Wikidata
Biografía
Nacemento11 de xaneiro de 1899 Editar o valor en Wikidata
Londres, Reino Unido Editar o valor en Wikidata
Morte3 de xuño de 1991 Editar o valor en Wikidata (92 anos)
Weston, Estados Unidos de América (en) Traducir Editar o valor en Wikidata
Causa da mortedoenza Editar o valor en Wikidata
ResidenciaEstados Unidos de América Editar o valor en Wikidata
Actividade
Ocupaciónactriz de teatro, guionista, director teatral, actriz de televisión, actriz de cinema, escritora Editar o valor en Wikidata
Período de actividade1914 Editar o valor en Wikidata - 1984 Editar o valor en Wikidata
ProfesoresConstance Collier (pt) Traducir Editar o valor en Wikidata
Obra
Arquivos en
Familia
ParellaMargaret Webster Editar o valor en Wikidata
PaiRichard Le Gallienne Editar o valor en Wikidata
Premios

Descrito pola fonteGrande Enciclopedia Soviética 1969-1978, (sec:Ле Гальенн Ева)
Obálky knih,
American Women Writers (en) Traducir Editar o valor en Wikidata
IMDB: nm0499170 Rottentomatoes: celebrity/eva_le_gallienne Allmovie: p41093 IBDB: 5481
WikiTree: Le_Gallienne-5 Find a Grave: 6809850 Editar o valor en Wikidata

Eva Le Gallienne, nada en Londres o 11 de xaneiro de 1899 e finada en Weston (Connecticut) o 3 de xuño de 1991, foi unha actriz, produtora, directora e escritora británico-estadounidense. Estrela de Broadway aos 21 anos, Le Gallienne abandonou a súa carreira en Broadway para dedicarse á fundación do Civic Repertory Theatre, en que era directora, produtora e actriz principal. Destacada polo seu descaro e idealismo, converteuse nunha figura pioneira no American Repertory Movement, que posibilitou a existencia do Off-Broadway. Actriz versátil e elocuente (interpretou papeis dende Peter Pan a Hamlet), Le Gallienne tamén foi unha respectada directora, produtora e representante.

Le Gallienne dedicouse conscientemente á arte do teatro en oposición ao negocio do espectáculo de Broadway e centrouse en mellorar a calidade do escenario. Dirixiu o Civic Repertory Theatre Company durante dez anos (1926-1936), producindo 37 obras durante ese tempo. Xestionou o Civic Repertory Theatre, de 1100 asentos, en 107 West 14th Street entre 1926 e 1932, que foi a sede da compañía formada por actores como Burgess Meredith, John Garfield, J. Edward Bromberg, Paul Leyssac, Florida Friebus, David Manners e Leona Roberts, ademais da propia Le Gallienne.

Traxectoria

[editar | editar a fonte]
Billy Rose Theatre Division. Eva Le Gallienne, ca. 1920

Le Gallienne naceu en Londres, filla de Richard Le Gallienne, poeta inglés de orixe francesa, e Julie Nørregaard, xornalista dinamarquesa. Casaran en 1897 e separáronse en 1903, para acabar por divorciarse.[1] Despois de que os pais de Eva se separasen cando ela tiña catro anos, ela e a súa nai mudáronse a París, onde pasou a súa infancia viaxando continuamente a Gran Bretaña. Mentres vivían en París, foi presentada nun teatro Sarah Bernhardt, que dixo que lle causara unha enorme impresión. Debutou no teatro aos quince anos cun papel de figurante na produción de 1914 de Monna Vanna, de Maurice Maeterlinck, e logo pasou varios meses na escola de arte dramática. Abandonouna para actuar nunha pequena comedia como serventa cockney, pola que recibiu excelentes críticas.[2]

Arnold Genthe (1869-1942)/LOC agc.7a14724. Eva Le Gallienne, non anterior a 1916

O ano seguinte, con dezaseis anos,s Le Gallienne e a súa nai viaxaron a Nova York, onde as primeiras producións non tiveron éxito, e foi liberada doutra produción mentres facía probas.[2] Pasou logo unha tempada facendo xiras e teatro de verán. Tras viaxar por Europa durante un tempo, volveu a Nova York e converteuse en estrela de Broadway por varias obras, como Not So Long Ago, de Arthur Richman (1920), e Liliom, de Ferenc Molnár (1921) para o Theatre Guild.[2]

Le Gallienne dedicouse conscientemente á "arte do teatro" como oposición ao "negocio do espectáculo de Broadway", e foi pioneira no nacemento do American Repertory Theater. Dirixiu o Civic Repertory Theatre Company durante 10 anos (1926-1936), respaldada polo apoio financeiro dunha das súas amantes, Alice DeLamar, rica herdeira de minas de ouro de Colorado, e durante ese tempo produciu 37 obras. Xestionou o Civic Repertory Theatre, de 1100 asentos (coñecido máis popularmente como The 14th Street Theatre) no 107 West 14th Street entre 1926 e 1932, que foi a sede da compañía de actores que incluían a ela mesma, J. Edward Bromberg, Paul Leyssac, Florida Friebus e Leona Roberts. Como xefa do Civic Repertory Theatre, rexeitou a admisión de Bette Davis, da que describiu a súa actitude como "insincera" e "frívola". O Civic Rep disolveuse durante a Gran Depresión en 1934, despois de montar 34 producións.[3][4] Le Gallienne recibiu a Medalla Nacional das Artes en 1986.

Arnold Genthe (1869-1942)/LOC agc.7a00339. Eva Le Gallienne cun gato, 1937

Le Gallienne nunca ocultou a súa homosexualidade dentro da comunidade de actores, mais seica nunca se sentiu cómoda coa súa sexualidade, loitando en privado contra ela. Díxose que considerou brevemente amañar un matrimonio de conveniencia co actor Basil Rathbone.[5]

Durante os primeiros tempos da súa carreira adoitaba estar en compañía de actrices agudas e libertinas como Tallulah Bankhead, Estelle Winwood e Blyth Daly, e eran coñecidas como "Os catro cabaleiros do Algonquin",[6] en referencia á mesa redonda do Algonquin.[5]

En 1918, mentres estaba en Hollywood, comezou unha relación coa actriz Alla Nazimova, que estaba no máis alto da súa fama, e que nese tempo exercía un gran poder na comunidade de actores. A relación acabou polos celos de Nazimova. Con todo, a Nazimova gustáballe moito Le Gallienne e axudouna presentándoa a xente moi influente. Nazimova foi quen cuñou a expresión "círculos de costura" ("sewing circles") para describir as intricadas e secretas relacións lésbicas que vivían moitas actrices da época. Le Gallienne tamén estivo por un tempo coas actrices Tallulah Bankhead, Beatrice Lillie e Laurette Taylor nese tempo.[5]

En 1920, relacionouse coa poeta, novelista e dramaturga Mercedes de Acosta, pola que sentiu paixón durante varios anos.[7] Ela e de Acosta comezaron o seu romance pouco despois do matrimonio de de Acosta con Abram Poole que creou tensión na relación. Elas ían de vacacións e viaxaban xuntas, e ás veces visitaban as reunións da celebridade e escritora Natalie Barney.[5] De Acosta escribiu dúas obras para Le Gallienne durante ese tempo, Sandro Botticelli e Jehanne de Arc, mais ningunha tivo éxito. Tras cinco anos puxeron fin á relacións.[8] En 1960, cando de Acosta estaba gravemente enferma por mor dun tumor cerebral e precisaba cartos, publicou un libro de memorias, Here Lies the Heart. As críticas foron positivas e moitos achegados eloxiaron o libro.[9] Le Gallienne estaba furiosa, denunciando a de Acosta como mentirosa e afirmando que inventaba as historias por fama. Porén, moitas das relacións de de Acosta, incluída a que mantivo con Le Gallienne, están confirmadas mediante a súa correspondencia persoal.[10]

Contra 1927, Le Gallienne mantiña unha relación coa actriz Josephine Hutchinson, que estaba casada. O marido de Hutchinson comezou o proceso de divorcio e nomeou neles a Le Gallienne como "corresponsable". A prensa empezou a acusar a Josephine Hutchinson de ser unha "shadow actress" ("actriz na sombra"), o que significaba lesbiana. Cinco meses máis tarde, Le Gallienne interpretou unha obra sobre Emily Dickinson titulada Alison's House. A obra gañou un premio Pulitzer.[5]

Le Gallienne e Hutchinson interpretaron xuntos varias obras no Civic Repertory Theatre, incluída Dear Jane (1932), unha obra de teatro de Eleanor Holmes Hinkley baseada na vida de Jane Austen. Hutchinson fixo o papel de Jane, e Le Gallienne dirixiu a obra e interpretou a súa irmá, Cassandra Austen. No final da obra, a Jane de Hutchinson rexeita tres pretendientes para dedicarse a unha vida futura vivindo coa súa irmá, a Cassandra de Le Gallienne.[11]

Durante un tempo despois do escándalo Hutchinson, Le Gallienne bebeu moito. Segundo o seu biógrafo Robert Schanke, a ansiedade da actriz por ser homosexual obsesionábaa terriblemente nesa época. Unha fría noite de inverno, bébeda, vagou ata a casa dunha veciña. Durante a conversa que seguiu, díxolle á súa veciña: "se tes algúns pensamentos sobre ser lesbiana, non o fagas. A túa vida non será máis ca unha traxedia".[12][5] Outra biógrafa, Helen Sheehy, rexeitou o retrato de Schanke da actriz como lesbiana autoodiada. Sheehy cita palabras de Le Gallienne para aconsellar a súa amiga May Sarton, tamén homosexual: "a xente odia aquilo que non entende e trata de destruílo. Só trata de ser clara contigo e non permitas que a forza destrutiva estrague algo que para ti é simple, natural e fermoso". De xeito semellante, Le Gallienne dixo a unha amiga, Eloise Armen, que o amor entre as mulleres era "a cousa máis bela do mundo".

Interpretou a Peter Pan nunha obra que se estreou o 6 de novembro de 1928, e presentou a personaxe principal chea de encanto delicado e infantil. Os efectos de voo foron deseñados marabillosamente e por primeira vez Peter voou sobre as cabezas do público. Os críticos adoraron a "LeG", como comezou a ser coñecida, e moitos preferiron a súa interpretación á de Maude Adams, primeira intérprete do papel.

A finais de 1929, xusto despois do crac da bolsa, Le Gallienne estaba na portada da revista Time. Durante a Gran Depresión que a seguiu, o presidente Franklin D. Roosevelt ofreceulle a dirección da National Theatre Division da Works Progress Administration. Declinou o ofrecemento porque prefería traballar con "auténtico talento" antes que facer traballos alimenticios con actores e actrices en apuros. Foi fundamental na carreira de intérpretes como Peter Falk e Uta Hagen, que contratou como Ofelia mentres ela interpretaba a Hamlet.[5]

Arnold Genthe (1869-1942)/LOC agc.7a00340. Eva Le Gallienne e unha muller sen identificar (Marion?), con cans, 1937

A finais da década de 1930, Le Gallienne tivo unha relación coa directora de teatro Margaret Webster. Ela, Webster, e a produtora Cheryl Crawford fundaron The American Repertory Theater (sen relación coa institución de Cambridge, Massachusetts, que fundou máis tarde Robert Brustein), que operou entre 1946 e 1948.[13] Nos seguintes anos, viviu con Marion Evensen (1891–1971). A fianis da década de 1950 gozou de grande éxito interpretando a raíña Isabel en Mary Stuart, unha produción de off-Broadway.[2]

En 1964, Le Gallienne recibiu un premio Tony especial como recoñecemento dos seus cincuenta anos como actriz e en honra do seu traballo no National Repertory Theatre.[14] O National Endowment for the Arts tamén a recoñeceu coa Medalla Nacional das Artes en 1986. Le Gallienne nacionalizouse estadounidense en 1927.[15][16][17]

En 1982, Le Gallienne volveu ao teatro para interpretar a Raíña Branca en Alice in Wonderland no Teatro Virginia, dirixido por Le Gallienne e codirixido por John Strasberg.[18] O espectáculo foi producido por Sabra Jones e a intención era iniciar The Mirror Theater Ltd e a Mirror Repertory Company.

Aínda que foi coñecida principalmente como seu traballo no teatro, tamén apareceu en filmes e producións televisivas. Conseguiu unha candidatura ao premio Óscar pola súa interpretación en Resurrection, que a converteu na candidata ao Óscar de máis idade nese momento (1980); gañou un premio Emmy pola versión televisada de The Royal Family despois de protagonizar unha nova versión en Broadway da obra en 1976.

O 3 de xuño de 1991, Le Gallienne faleceu na súa casa de Weston, Connecticut, por causas naturais aos 92 anos, e as súas cinzas foron esparexidas pola súa propiedade.[19]

Filmografía

[editar | editar a fonte]
Ano Título Personaxe Notas
1955 Prince of Players Gertrude en "Hamlet"
1959 The Devil's Disciple Mrs. Dudgeon
1980 Resurrection Grandma Pearl National Board of Review Award á mellor actriz secundaria
Candidata ao Óscar á mellor actriz secundaria
Candidata ao Saturn Award á mellor actriz secundaria

Televisión

[editar | editar a fonte]
Ano Título Personaxe Notas
1948 The Ford Theatre Hour Annie Jones episodio: Years Ago
1950 The Ford Theatre Hour Lettie episodio: Uncle Harry
1955 Alice in Wonderland Raíña Branca (telefilme)
1956 The Corn is Green Miss Moffat (telefilme)
1958 The DuPont Show of the Month Abbess episodio: The Bridge of San Luis Rey
Studio One in Hollywood Martha Koering episodio: The Shadow of a Genius
Playhouse 90 Grandma James episodio: Bitter Heritage
1960 Play of the Week Raíña Elizabeth episodio: Mary Stuart
1977 The Royal Family Fanny Cavendish (telefilme)
Premio Emmy á mellor actriz secundaria dun especial
1984 St. Elsewhere Evelyn Milbourne episodio: The Women
  1. Sheehy, Helen (28 de decembro de 1998) "The Legacy of Eva Le Gallienne" Arquivado 30 de setembro de 2007 en Wayback Machine. Playbill
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 Staff. (5 de xuño de 1991) "Eva Le Gallienne, Actress, Is Dead at 92" The New York Times. Consultado o 30 de setembro de 2015.
  3. Staff (30 de maio de 1942). "Producer of Play Found Dead in Hotel", The New York Times; consultado o 30 de setembro de 2015.
  4. Brockett, Oscar G. (1974) History of the Theatre (2.ª edición). Boston, Allyn and Bacon. páx. 553
  5. 5,0 5,1 5,2 5,3 5,4 5,5 5,6 Retter, Yolanda. "Le Gallienne, Eva (1899-1991)", GLBTQ. Consultado o 30 de setembro de 2015.
  6. Orixinal en inglés: "The Four Horsemen of the Algonquin"
  7. Schanke (2003), páx. 56-77
  8. Schanke (2003), páx. 77-78
  9. Schanke (2003), páx. 2, 166
  10. Schanke (2003), páx. xiii-xiii
  11. Looser, Devoney (2017). The Making of Jane Austen. Baltimore, MD: Johns Hopkins University Press. p. 121. ISBN 1421422824. 
  12. Orixinal en inglés: "If you have any thoughts about being a lesbian, don't do it. Your life will be nothing but tragedy."
  13. "The American Repertory Theatre" Internet Broadway Database
  14. 1964 Tony Award Winners[Ligazón morta] Tony Awards website. Consultado o 30 de setembro de 2015.
  15. Le Gallienne, Eva: Oath of Allegiance (1927), fold3.com (image); consultado o 10 de outubro de 2015.
  16. Naturalization records for Eva Le Gallienne (a), ancestry.com; consultado o 10 de outubro de 2015.
  17. Naturalization records for Eva Le Gallienne (b), ancestry.com; consultado o 10 de outubro de 2015.
  18. "Alice in Wonderland." IBDB - Internet Broadway Database. The Broadway League, n.d. Web. 10 de xaneiro de 2017. <https://www.ibdb.com/broadway-production/alice-in-wonderland-4200>.
  19. Wilson, Scott. Resting Places: The Burial Sites of More Than 14,000 Famous Persons, 3d ed.: 2 (Kindle Locations 27333-27334). McFarland & Company, Inc., Publishers. Kindle Edition.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]