A pousadeira

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A pousadeira
Autor/aCarlo Goldoni
OrixeItalia
Lingualingua italiana
Xénero(s)comedy
Data de pub.1753
editar datos en Wikidata ]

A pousadeira (en italiano La locandiera) é unha comedia italiana escrita por Carlo Goldoni en 1751, estreada en Venecia en 1752. Foi traducida ao galego por Cándido Pazó, estreada en 1987 polo CDG e publicada nese mesmo ano por Edicións Xerais.[1] A obra está escrita en italiano, e inclúe xerga do mundo do teatro e palabras do dialecto veneciano da lingua véneta. Pertence á etapa máis cómica de Goldoni.

A historia ten lugar en Florencia, na pousada de Mirandolina, unha moza astuta e atractiva que se encarga de levar o negocio co seu axudante Fabrizio.

Personaxes[editar | editar a fonte]

Eleonora Duse como Mirandolina en 1891.
  • O Cabaleiro de Penacrecha;
  • O Marqués de Forlipópoli;
  • O Conde de Albaflorida;
  • Mirandolina, a pousadeira;
  • Hortensia, comedianta;
  • Deianira, comedianta;
  • Fabricio, criado da pousada;
  • Criado do Cabaleiro;
  • Criado do Conde.

Trama[editar | editar a fonte]

Constantin Stanislavski como o cabaleiro Penacrecha en 1898.

Primeiro acto[editar | editar a fonte]

Mirandolina é cortexada constantemente por cada home que pasa pola pousada, e dun modo moi particular polo Marqués de Forlipópoli (un aristócráta que non posúe máis có título nobiliario), e polo Conde de Albaflorida, un mercador que debido ao seu éxito nos negocios pasou a formar parte da nobreza. Os dous personaxes representan os extremos da alta sociedade veneciana da época. O marqués, apoiándose na súa honra, pensa que basta a súa protección para conquistar o corazón dunha muller. Pola contra, o conde cre que así como mercou o título nobiliario, pode gañar o amor de Mirandolina, dándolle numerosos agasallos. Mirandolina, como boa comerciante, non se deixa levar por ningún dos dous homes, deixándolles a esperanza dunha posible conquista. Así os nobres clientes tardan en abandonar a hostería, contribuíndo deste xeito ao aumento das ganancias de Mirandolina.

A chegada do Cabaleiro de Penacrecha, un alto aristocrático e un misóxino que despreza toda muller, rompe o equilibrio instaurado na hostaría. O cabaleiro, pola súa orixe nobre, laméntase do servizo da pousada, dá ordes a Mirandolina e critica ao marqués e ao conde por rebaixarse a cortexar unha muller común. Mirandolina, aferrada ao seu orgullo feminino e non estando habituada a ser tratada coma unha serva, proponse facer que o cabaleiro enamore dela.

Segundo acto[editar | editar a fonte]

Mirandolina comeza a mostrarse máis amable e a ofrecer coidados ao Cabaleiro, quen comeza a ceder, deixando de ver as mulleres simplemente como unhas lerchas que só queren atopar un bo matrimonio. Máis tarde ela comprométese ante o cabaleiro a non seguir dando esperanzas ao marqués, que quere fachendarse cun viño de Chipre que non sabe nada rico, e mentres que o cabaleiro non é quen de dicirllo, ela si lle di a verdade, polo que o cabaleiro comeza a admirar a Mirandolina pola súa franqueza.

A protagonista segue no seu intento de seducir ao cabaleiro con diverxas estratexias nunha serie de escenas cómicas. O cabaleiro acaba por ceder, e o sentimento de odio que tiña convértese nun amor apaixonado que o atormenta.

Á pousada chegan dúas comediantes, que se fan pasar por nobres ante o Marqués.

Terceiro acto[editar | editar a fonte]

Mirandolina arrepíntese ao ver que o xogo está a escapárselle das mans. O marqués e o conde, con celos pola especial atención de Mirandolina cara ao cabaleiro, queren vingarse do seu rival. O cabaleiro, enfrontado polos seus dous sentimentos totalmente distintos, non quere demostrar que foi atraído por unha muller, pero quere ansiosamente ter a pousadeira para el e está disposto a usar a violencia para conseguilo.

Mirandolina logra calmar as ansias dos nobres e promete casar con Fabricio, que sempre a amara, e proponse non volver xogar cos sentimentos dos homes. Mirandolina non ama a Fabricio, mais prometera ao seu pai antes da súa morte que casaría con el.

Representacións[editar | editar a fonte]

Eleonora Duse foi unha das actrices que interpretou o papel principal de Mirandolina. O 18 de maio de 1894 actuou no Castelo de Windsor para a raíña Vitoria.

A obra foi unha das producidas na primeira tempada do Teatro da Arte de Moscova, estreada o 2 de decembro de 1898, dirixida por Constantin Stanislavski, que tamén interpretaba o papel do Cabaleiro Penacrecha. Stanislavski volveu dirixir a obra no TAM, estreada en febreiro de 1914, e interpretando de novo ao cabaleiro. Nesa ocasión a escenografía foi deseñada polo artista Alexandre Benois, que a concibiu como unha especie de cabina para a actriz Olga Gzovskaya.

A adaptación en galego foi estreada polo Centro Dramático Galego no Teatro Principal de Pontevedra o 16 de maio de 1987. Foi dirixida por Xan Cejudo, e o elenco estaba composto por Susana Dans (Deianira), Juan Luís Goberna (Cabaleiro), Cruz González Comesaña (Mirandolina), Xavier R. Lourido (Fabricio), Vicente Montoto (Conde), Xosé Manuel Olveira "Pico" (Marqués), Fernando Pedrido (criado) e Laura Ponte (Hortensia).[2]

Adaptacións[editar | editar a fonte]

A obra foi levada á ópera en 1773 por Antonio Salieri (La locandiera, con libreto de Domenico Poggi). e Bohuslav Martinů (Mirandolina). En 1800 Simon Mayr e o libretista Gaetano Rossi fixeron unha adaptación en dous actos. O compositor Henry Kimball Hadley fixo unha adptación para unha comedia nun acto chamada Bianca, estreada en 1918. Bohuslav Martinů tamén fixo unha versión en tres actos, chamada Mirandolina e estreada en 1959.

Producíronse cinco películas co título de La locandiera: en 1929 (dirixido por Telemaco Ruggeri), 1944 (Luigi Chiarini), 1975 (telefilme de Jean-Pierre De Decker e Jo Dua), 1980 (Paolo Cavara) e 1982 (Yves-André Hubert).

Do teatro da Comedia dell'arte ao teatro de autor[editar | editar a fonte]

A pousadeira é a obra máis salientable do novo teatro de Goldoni, que substitúe os esquemas arcaicos da obsoleta Commedia dell'Arte. As máscaras que os actores usaban ata entón para interpretar personaxes estáticos foron substituídas polos propios rostros dos actores, que encarnaban o papel de personaxes cotiáns e reais. O transcurso da trama, antes confiado á inventiva dos actores, foi substituído por unha secuencia ordenada de sucesos admirablemente planificada por Goldoni, que deste xeito pasa a ser o poeta do teatro. As personaxes de Deianira e Hortensia, próximas ao mundo da Commedia dell'arte, son descritas como personaxes incapaces de prever e de deducir. Mirandolina, no canto, planifica e calcula: neste sentido é máis próxima a Goldoni. Esta personaxe, entre os outros, non é outra cousa que o desenvolvemento da máscara Colombina, tal e como se atopa na Commedia dell'arte; porén, a diferenza de Colombina, trátase dunha personaxe diferenciada e imprevisible. Esta tendencia ao realismo confire á comedia características humanas e é válido universalmente e en toda época, representando sobre o escenario o mundo coas súas contradicións.

A pousadeira no seu contexto histórico[editar | editar a fonte]

Claramente trátase dunha obra accesible a todos os públicos, que ten o fin de divertir a xente de todas as clases sociais. Neste sentido non se pode dicir que sexa un texto especialmente representativo do Illuminismo. A pesar disto a obra reflicte o debate sobre as clases sociais ten vivo no século XVIII. En efecto, nótase como Mirandolina se preocupa polos seus intereses encarnando nun certo sentido os novos ideais da burguesía emerxente. Os nobres, no canto, son representados baixo os diferentes tipos humanos que caracterizaban a aristocracia no século XVIII: nobres de antiga estirpe pero vidos a menos e privados de medios, nobres provistos de relaciones pero non de cartos, burgueses recentemente ennobrecidos e ollados con desprezo polos "verdadeiros" aristócratas. O conxunto representa aos parasitos da sociedade que non contribúen nin un pouco ao seu desenvolvemento e aspiran a privilexios e sinecuras, facéndose ridículos e irritantes aos ollos dos espectadores (a diferenza de Mirandolina, o conde e o marqués non traballan). Se do punto de vista social, a visión de Goldoni foi profundamente crítica, o mesmo pódese dicir sobre o finximento dos nobres nos diálogos do dramaturgo. Esta é unha das razóns polas que máis adiante Goldoni abandonaría Venecia á volta de París.

Por outra banda, nesta peza emerxe o concepto iluminista da autodeterminación do individuo, especialmente significativo porque é sostido por unha personaxe feminina.

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]