Doom metal
Doom metal | |
---|---|
Orixe musical | blues rock, heavy metal |
Orixe cultural | principios dos 1970 en Inglaterra |
Derivados | epic doom metal, traditional doom, stoner doom, funeral doom, blackened doom, proto-doom, proto-sludge, sludge metal, atmospheric doom, goth metal, dark jazz, post-metal |
O doom metal é un subxénero de metal extremo xurdido en Reino Unido a inicios dos 1970s. Caracterízase polo uso de tempos lentos, afinacións graves, vocais graves pero claras e unha estrutura musical accesible, derivada do blues rock. O seu obxectivo é crear unha atmosfera pesada, escura e terrosa.
O xénero orixinal, actualmente coñecido como proto-doom para diferencialo de correntes posteriores, foi iniciado en 1970 coa publicación do primeiro álbum de estudo da banda inglesa Black Sabbath. Outras bandas fundacionais do xénero foron a Trindade estadounidense do doom, conformada polas bandas Saint Vitus, Pentagram e Troubles, iniciadores do traditional doom, así coma a banda sueca Candlemass, iniciadora do epic doom. Desde finais dos 1980, emerxeron unha maior cantidade de subxéneros e estilos crossover. Deste xeito o doom metal consolidouse como un xénero coherente e acadou unha maior atención.
Historia
[editar | editar a fonte]Orixes e proto-doom
[editar | editar a fonte]Malia que o movemento do doom metal non se formaría ata os anos 80, podemos remontar os seus inicios á década de 1960. En retrospectiva, artistas coma Blue Cheer, Iron Butterfly, Black Widow, Bedemon e Arzachel foron recoñecidos como predecesores do xénero.
Periodistas musicais coma Garry Sharpe-Young ou JJ Anselmi sinalan unanimemente a Black Sabbath coma o punto de partida do doom metal. Os primeiros catro álbums da banda son considerados o prototipo do que xurdiu todo o doom posterior. Durante o período de formación do metal, o estilo incluíuse dentro do “hard rock” xunto con bandas coma Deep Purple, Alice Cooper, Kiss e Motörhead, que posteriormente englobaríanse dentro dos seus xéneros respectivos.
Tralos primeiros catro álbums de Black Sabbath, os sinxelos grabados por Pentagram a inicios dos 1970s considéranse o seguinte lanzamento esencial para o desenvolvemento do doom metal. Frank “Skip” Groff, quen máis adiante sería unha das figuras centrais na escena de hardcore punk de Washington, DC, fundou as discográficas Boffo Socko Records e Gemini Records para o lanzamento dos sinxelos Hurricane/Earth Flight e Under My Thumb/When the Screams Come, respectivamente. Pese a pouca atención recibida polos críticos, estes sinxelos influenciaron a importantes membros da escena tales como Scott Weinrich, fundador de The Obsessed e posteriormente vocalista de Saint Vitus, ou Lee Dorrian, fundador da banda Cathedral e a discográfica Rise Above Records.
O álbum Death Penalty de Witchfinder General, de 1982, considérase outro lanzamento vital para o xénero.
Establecemento do xénero
[editar | editar a fonte]O esforzo final para acadar a independencia do doom metal como xénero acontece a mediados dos anos 80, coa aparición da Trindade estadounidense do doom, conformada polos grupos Trouble, Pentagram e Saint Vitus. Cos seus álbums debut homónimos, lanzados entre 1984 e 1985, estas bandas considéranse responsables do establecemento da primeira escena do doom metal. A banda sueca Candlemass, cos seus álbums Epicus Doomicus Metallicus e Nightfall, levou a cabo o último esforzo por cohesionar o xénero.
Nos anos seguintes, o doom metal non conseguiu acadar o éxito mainstream, pero tivo un impacto constante no desenvolvemento do metal como movemento e xénero musical. Nos ollos da escena musical, o doom metal funcionaba como unha contraparte para o thrash e o speed metal, que si obtiveron unha gran popularidade. A tendencia contracultural e esquerdista dos seguidores do doom metal levounos a considerarse máis achegados cultural e economicamente á escena do punk, o hardcore e o crust punk. Co paso do tempo, esta colaboración levou á aparición de xéneros crossover coma o sludge ou o post-metal, de grande influencia punk.
Simultaneamente, o doom metal deu pé a unha serie de estilos crossover. Algúns deles, como o gothic metal ou o stoner doom, acadaron certo éxito comercial. Ademais de Black Flag, artistas pouco convencionais como The Melvins, Godflesh e Boris xogaron papeis clave neste movemento, inicialmente coñecido como doomcore. Deste xeito o doom, xunto co thrash e o black metal, asumiu un papel como catalizador para o desenvolvemento da escena do metal dos anos 90.
A influencia do doom metal continuou na década de 1990 co desenvolvemento do grunge, o metal alternativo, o sludge, o stoner rock e o stoner doom, entre outros. Algunhas bandas de influencia doom, tales coma Type O Negative, The Gathering, Queens of the Stone Age ou Soundgarden acadaron o éxito mainstream. Ao mesmo tempo, apareceron bandas underground internacionais coma Dawn of Winter, Electric Wizard, Count Raven ou Spiritus Mortis.
Co cambio de milenio comezaron a aparecer festivais de música dirixidos especificamente ó doom e os seus subxéneros, tales como Doom Shall Rise, o Dutch Room Days e o Malta Doom Metal Fest. Desde entón, estes festivais orixinais foron suplementados por novos eventos coma o Roadburn Festival ou o Hammer of Doom. A pequena escena de fans do doom crearon múltiples fanzines, tanto en soporte físico (Doom Metal Front) coma dixital (Doom-Metal.com). A inicios dos 2000 houbo un renacemento do xénero co surximento de artistas coma Reverend Bizarre, Witchcraft e Blood Ceremony. Durante as primeiras décadas do século XXI o xénero acadou certa popularidade, conseguindo números especiais en revistas coma Decibel e Deaf Forever, así coma a publicación de libros de non-ficción sobre a historia do movemento.
Este artigo sobre música é, polo de agora, só un bosquexo. Traballa nel para axudar a contribuír a que a Galipedia mellore e medre.
Existen igualmente outros artigos relacionados con este tema nos que tamén podes contribuír. |