Deep Purple é un grupo de rock inglés xurdido en Hertfordshire en 1968. Está considerado un dos pioneiros do heavy metal e do hard rock moderno, aínda que o seu estilo musical ten variado cos anos.
Nos seus primeiros tempos integrábano músicos de rhythm and blues como John Lord, Nicky Simper ou o solista Rod Evans, un guitarrista tan duro como Ritchie Blackmore, e un batería tan caracterizado, enerxético e repetitivo coma Ian Paice. Os seus primeiros temas son versións e dan lugar a unha primeira época onde Lord imprime un carácter sintético entre o blues, o rock sinfónico máis denso e algunhas resonancias tomadas de The Beatles, con álbums como Book of Taliesyn e o que leva o nome do grupo e sérvelles de tarxeta de presentación. O teclista Jon Lord sendo un fanático da música clásica compón en 1970 o Concerto for Group and Orquestra en colaboración có trompetista e compositor británico Malcolm Arnold). Peza que o grupo grava ese mesmo ano no Royal Albert Hall de Londres coa colaboración da Real Orquestra Filharmónica de Inglaterra.
A segunda época, que arranca de 1970, relacionará ós incorporados Ian Gillan (voz) e Roger Glover (produción e baixo), que tomarían partido pola liña propugnada por Blackmore: In Rock (1970) será unha contundente mostra desta etapa, á que seguiron Fireball (1971), Machine Head (1972) e o mítico dobre Made in Japan (1972), que define o seu retrato máis difundido e aceptado, pero á custa de prexudicar o futuro da banda, xa que sendo un dos grupos que máis discos en directo sacaron, todos estes se basean nas mesmas 7 cancións.
O disco single Smoke On The Water está considerado un clásico no seu xénero polo seu atronador arranxo e a súa repetitiva liña guitarrística.
A banda disgrégase en 1973 coa marcha de Gillan que é substituído por David Coverdale, e a saída de Roger Glover que cambia o seu posto con Glen Hughes. Finalmente en 1975 gravan o Made in Europe durante a última xira do grupo por Europa, nesa época Ritchie Blackmore xa formará a súa propia banda (Ritchie Blackmore´s Rainbow).
A mediados dos anos oitenta a banda recomponse en parte xa que os cambios na guitarra (Ritchie Blackmore, Tommy Bolin...) e no cantante (Ian Gillan, David Coverdale...) son constantes.