Crocodylus suchus

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Crocodilo do deserto»)

Crocodylus suchus

Espécime en Bazoulé, Burkina Faso
Clasificación científica
Reino: Animalia
Clase: Reptilia
Orde: Crocodilia
Familia: Crocodylidae
Xénero: Crocodylus
Especie: Crocodylus suchus
Geoffroy, 1807
Sinonimia
  • C. niloticus suchus

O Crocodylus suchus, chamado xeralmente crocodilo do deserto ou crocodilo de África occidental,[1] é unha especie de crocodilo relacionado (e moitas veces confundido) co crocodilo do Nilo (C. niloticus).[2]

Taxonomía[editar | editar a fonte]

Cranio dun espécime momificado de C. suchus, década de 1870

A especie foi nomeada por Étienne Geoffroy Saint-Hilaire en 1807, que descubriu diferenzas entre os cranios dun crocodilo momificado e o de C. niloticus. Esta nova especie foi despois durante longo tempo considerada como sinónimo do crocodilo do Nilo, pero un estudo de 2011 mostrou que todas as mostras de crocodilos momificados de Exipto pertencían a unha especie distinta de C. niloticus, e, por tanto, recuperouse o nome C. suchus.[3]

Distribución[editar | editar a fonte]

Espécime no Zoo de Copenhagen, que se pensaba que era un crocodilo do Nilo ata 2014[4]

O crocodilo do deserto habita en Mauritania, Benín, Nixeria, Níxer, Camerún, o Chad, a República Centroafricana, Guinea Ecuatorial, o Senegal, Malí, Guinea, Gambia, Burkina Faso, Ghana, Gabón, Togo, Costa do Marfil, a República Democrática do Congo, a República do Congo e Uganda (Uganda ten tanto crocodilos do Nilo coma do deserto). Un espécime de C. suchus vive no Parque Zoolóxico da Granxa de Aligátores de St. Augustine,[5] e hai parellas no Zoo de Copenhagen e no de Dublín.[4]

Estes crocodilos en Mauritania adaptáronse a vivir no seu árido medio ambiente permanecendo en covas e buratos nun estado de estivación durante os períodos máis secos. Cando chove, os réptiles reúnense en pozas chamadas alí gueltas.[6]

Relacións cos humanos[editar | editar a fonte]

Escaneo dunha momia dun crocodilo con xuvenís nas súas costas

No Antigo Exipto veneraban a Sobek, un deus crocodilo asociado coa fertilidade, a protección, e o poder do faraón.[7] C. suchus considerábase máis dócil que o crocodilo do Nilo e foi elixido polos antigos exipcios para os ritos espirituais, incluíndo a momificación. Unha recente proba de ADN encontrou que todas as mostras de crocodilos momificados procedentes dos sitios arqueolóxicos de Grutas de Tebas, Grutas de Samoun e Alto Exipto pertencían a esta especie.[5]

Busto de Sobek, o deus crocodilo do antigo Exipto

Sobek representábase como un crocodilo ou un home con cabeza de crocodilo, e o seu centro de veneración era a cidade de Arsinoe no oasis de Al Fayum, coñecido polos gregos como "Crocodilópole". Outro templo importante dedicado a Sobek é Kom-Ombo.

Historicamente, C. suchus habitaba no río Nilo no Baixo Exipto xunto co crocodilo do Nilo. Heródoto escribiu que os sacerdotes do antigo Exipto eran selectivos cando capturaban crocodilos, xa que sabían que C. suchus era máis pequeno e máis dócil e doado de capturar e manter e coidar nos templos.[5] Cando morrían os crocodilos dos templos eran momificados e metidos en sarcófagos, dos cales se conservan moitos.

No antigo Exipto utilizábanse feitizos para apazugar os crocodilos, e incluso nos tempos modernos os pescadores nubios colocan figuras de crocodilos na porta de casa para gardarse do mal.

En tempos modernos, os pobos tradicionais de Mauritania que vivían en estreita proximidade cos crocodilos do deserto reveréncianos e protéxenos. Isto débese á súa crenza de que igual que a auga é esencial para os crocodilos, os crocodilos son esenciais para a auga, que desaparecería completamente se eses animais non vivisen alí. Os crocodilos viven alí en harmonía cos humanos, e nunca atacan a nadadores.[6]

Conservación[editar | editar a fonte]

Ata a década de 1920, os museos seguían conseguindo espécimes de C. suchus do río Nilo no Sudán.[5]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Crocodylus suchus, The Reptile Database
  2. Schmitz, A., Mausfeld, P., Hekkala, E., Shine, T., Nickel, H., Amato, G., and Böhme, W. (2003). "Molecular evidence for species level divergence in African Nile crocodiles Crocodylus niloticus (Laurenti, 1786)". Comptes Rendus Palevol 2: 703–12. doi:10.1016/j.crpv.2003.07.002. 
  3. Nile crocodile is two species, Nature.com
  4. 4,0 4,1 http://politiken.dk/viden/ECE2174740/koebenhavnerkrokodiller-har-skiftet-art/
  5. 5,0 5,1 5,2 5,3 Hekkala, E., Shirley, M.H., Amato, G., Austin, J.D., Charter, S., Thorbjarnarson, J., Vliet, K.A., Houck, M.L., Desalle, R., and Blum, M.J. (2011). "An ancient icon reveals new mysteries: Mummy DNA resurrects a cryptic species within the Nile crocodile". Molecular Ecology 20: 4199–4215. PMID 21906195. doi:10.1111/j.1365-294X.2011.05245.x. 
  6. 6,0 6,1 Mayell, H. (18 de xuño de 2002). "Desert-Adapted Crocs Found in Africa". National Geographic.com. Consultado o 24 de decembro de 2013. 
  7. "Sobek, God of Crocodiles, Power, Protection and Fertility...". Arquivado dende o orixinal o 25 de xullo de 2017. Consultado o 2007-03-17.