Coronavirinae

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirixido desde "Coronavirus")
Saltar ata a navegación Saltar á procura

Coronavirus
Coronaviruses 004 lores.jpg
Clasificación científica
Grupo: IV (Virus ARN monocatenario positivo)
Orde: Nidovirales
Familia: Coronaviridae
Subfamilia: Coronavirinae
Xéneros

Os Coronavirinae son unha subfamilia de virus da familia Coronaviridae á que pertencen os coronavirus.[1][2] Os virus desta subfamilia teñen forma esférica, mentres que os da outra subfamilia de Coronaviridae, os Torovirinae, son bacilares ou unha mestura das dúas formas. Os coronavirus son virus con envoltura cun xenoma de ARN monocatenario de sentido positivo e unha nucleocápsida de simetría helicoidal. O tamaño do xenoma dos coronavirus está entre 26 e 32 kb, o que é extraordinariamente grande para un virus de ARN. O nome "coronavirus" deriva do latín corona, que significa coroa ou halo, referíndose á aparencia característica dos seus virións nas imaxes de microscopio electrónico nas que presentan unha banda de proxeccións superficiais na súa envoltura grandes e bulbosas, que lembra a coroa solar. Esta morfoloxía débese ás espículas virais ou peplómeros, que son proteínas que sobresaen da superficie do virus e determinan o seu tropismo de hóspedes (os hóspedes aos que poden infectar). Os coronavirus, como todos os virus da orde Nidovirales á que pertencen, teñen as proteínas estruturais codificadas na rexión 3' do xenoma, as cales se expresan a partir dun conxunto de ARNms subxenómicos producidos durante a infección.

As proteínas que contribúen a formar a estrutura de todos os coronavirus son as proteínas chamadas espícula (S), envoltura (E), membrana (M) e nucleocápsida (N). No caso específico do coronavirus SARS, un dominio de unión ao receptor ben definido da proteína das espículas (S) media a unión do virus co receptor celular, que é o ACE2.[3] Algúns coronavirus (especificamente os membros dos Betacoronavirus do subgrupo A) tamén teñen unha proteína de tipo espícula máis curta chamada hemaglutinina esterase (HE).[1]

Enfermidades producidas por coronavirus[editar | editar a fonte]

Os coronavirus infectan principalmente as vías superiores do aparato respiratorio e o tracto gastrointestinal de mamíferos e aves. Coñécense actualmente catro cepas de coronavirus que infectan a humanos. O coronavirus que adquiriu máis sona foi o coronavirus SARS (SARS-CoV) que causa a Síndrome respiratoria aguda severa (SARS), que ten unha patoxenia peculiar para estes virus, xa que afecta tanto o tracto respiratorio superior coma o inferior e pode tamén causar gastroenterite. Crese que os coronavirus causan unha porcentaxe significativa dos arrefriados nos humanos adultos. Os coronavirus causan os arrefriados principalemnte en inverno e inicio da primavera. A importancia e impacto económico dos coronaviruses como axentes causantes de arrefriados comúns é difícil de avaliar, porque, a diferenza dos rinovirus (outro virus común dos arrefriados), os coronavirus humanos son difíciles de cultivar en laboratorio.

Nos polos o virus da bronquite infecciosa (IBV), que tamén é un coronavirus, afecta non só ao tracto respiratorio senón tamén o tracto uroxenital. O virus pode espallarse a diversos órganos do animal.

Os coronavirus poden causar diversas doenzas en animais domésticos e mascotas, algunhas das cales poden ser graves e son unha ameaza para a industria agropecuaria. Economicamente, os coronavirus importantes de animais domésticos son o coronavirus porcino (coronavirus da gastroenterite transmisible) e o coronavirus bovino; ambos os dous orixinan diarrea nos animais novos.

O coronavirus felino pode aparecer en dúas formas, unha das cales é o coronavirus entérico felino, que é un patóxeno de importancia clínica menor, pero a súa mutación espontánea dá lugar a outra forma que causa peritonite infecciosa felina, unha enfermidade con alta mortalidade.

Hai dous tipos de coronavirus caninos (CCoV), un que causa unha doenza gastrointestinal suave e outro que causa unha enfermidade respiratoria.

O virus da hepatite do rato (MHV) é un coronavirus que causa unha enfermidade murina epidémica con alta mortalidade, especialmente entre as colonias de ratos de laboratorio. Antes do descubrimento do SARS-CoV, o virus da hepatite do rato era o coronavirus mellor estudado tanto in vivo coma in vitro e tamén a nivel molecular. Algunhas cepas do MHV causan unha encefalite desmielinizante progresiva nos ratos, a cal foi utilizada como modelo murino para a esclerose múltiple.

Estanse a facer importantes esforzos na investigación da patoxénese viral destes coronavirus animais, especialmente por parte dos virólogos interesados en enfermidades veterinarias e zoonóticas.

Replicación[editar | editar a fonte]

Ciclo de infección dun coronavirus.

A replicación dos coronavirus empeza coa súa entrada na célula, a cal ten lugar no citoplasma nun microambiente protexido por membrana. Unha vez dentro, a partícula vírica decapsídase e o xenoma de ARN libérase no citoplasma. O xenoma dos coronavirus ten unha carapucha 5' metilada e unha cola 3' poliadenilada. Isto permite que o ARN se una aos ribosomas para ser traducido. Os coronavirus tamén teñen unha proteína chamada replicase codificada no seu xenoma, que transcribe o ARN viral xenómico creando novas copias de ARN utilizando a maquinaria da célula. A replicase é a primeira proteína que se traduce, xa que unha vez que o xene que codifica a replicase se traduce a tradución queda detida por un codón de finalización. Isto coñécese como transcrito aniñado (nested transcript), no cal o transcrito só codifica un xene, polo que é monocistrónico. Replícase o xenoma de ARN e fórmase unha longa poliproteína a partir do seu único xene, pero que contén todas as proteínas do virus unidas na longa cadea polipeptídica. Os coronavirus teñen unha proteína non estrutural de tipo protease que separa as distintas proteínas cortando a longa cadea. Isto é unha forma de economía xenética do virus, que lle permite codificar a máxima cantidade de xenes coa menor cantidade posible de nucleótidos.

A transcrición dos coronavirus implica unha síntese descontinua de ARN (cambio de molde) durante a extensión da copia negativa dos ARNm subxenómicos. Requírese o apareamento de bases durante a transcrición. Para realizar a síntese do seu ARN cómpre a proteína N dos coronavirus, xa que ten unha actividade de chaperona de ARN que pode estar implicada no cambio de molde. Para a replicación e transcrición son necesarias tanto proteínas virais coma celulares. Os coronavirus inician a tradución por mecanismos dependentes ou independentes da carapucha. Despois da infección o virus pode controlar a síntese macromolecular da célula situando algunhas proteínas do virus no núcleo da célula hóspede. A infección por distintos coronavirus causa no hóspede alteracións nos patróns de transcrición e tradución, no ciclo celular, o citoesqueleto, a apoptose e as vías de coagulación, inflamación, e respostas inmunes e ao estrés.[4]

Síndrome respiratoria aguda severa[editar | editar a fonte]

En 2003, despois do estalido infeccioso de síndrome respiratoria aguda severa (SARS) que empezou en Asia e se estendeu con casos secundarios por todo o mundo, a Organización Mundial da Saúde emitiu un comunicado de prensa indicando que fora identificado un novo coronavirus en varios laboratorios, que era o axente causante do SARS. O virus denominouse oficialmente SARS coronavirus (SARS-CoV).

A epidemia de SARS orixinou unhas 8.000 infeccións, aproximadamente o 10% das cales acabaron en morte.[3] Os estudos de cristalografía de raios X realizados na Fonte de Luz Avanzada do Lawrence Berkeley National Laboratory empezaron a dar esperanzas da elaboración dunha vacina contra esta enfermidade proximamente, "xa que a proteína da espícula parece ser recoñecida polo sistema inmunitario do hóspede."[5]

Descubrimentos recentes de novos coronavirus humanos[editar | editar a fonte]

Despois da gran alarma e publicidade creada pola epidemia de SARS de 2003, produciuse un renovado interese polos coronavirus no campo da viroloxía. Durante moitos anos, os científicos só coñeceron a existencia de dous coronavirus humanos (HCoV-229E e HCoV-OC43). O descubrimento do coronavirus SARS (SARS-CoV) engadiu outro coronoavirus humano a esa curta lista.

A finais de 2004, tres laboratorios de investigación independentemente informaron do descubrimento dun cuarto coronavirus humano. Déuselle os nomes de NL63, NL ou New Haven coronavirus, xa que cada grupo de investigación lle deu un nome.[6] O nome que debe levar este cuarto coronavirus é aínda controvertido, porque os tres laboratorios están batallando sobre quen foi o que descubriu o virus primeiro, o que lle daría dereito a poñerlle o nome.

A comezos de 2005, un equipo de investigación da Universidade de Hong Kong informou do descubrimento do quinto coronavirus humano en dous pacientes con pneumonía, e denominouno HKU1.

En setembro de 2012, en Qatar e Arabia Saudita descubriuse o que se cría que era un novo coronavirus, provisoriamente denominado Novo coronavirus 2012,[7] que é similar ao SARS (pero distinto del, e tamén diferente do coronavirus que causa o arrefriado común),[8] A Organización Mundial da Saúde emitiu unha alerta global ao respecto[9] e emitiuse unha definición do caso provisoria para axudar aos distintos países a tomar medidas de protección da saúde contra este novo virus.[10] A actualización da información da OMS de setembro de 2012 dicía que o virus parecía non transmitirse doadamente de persoa a persoa.[11] Porén, en maio de 2013, o ministerio francés de Asuntos Sociais e Sanidade confirmou un caso de contaminación de humano a humano.[12]

Existiu algunha confusión entre o Novo coronavirus 2012 (NCoV) e o coronavirus humano-Centro Médico Erasmus (HCoV-EMC). En realidade, ambas as variantes son a mesma. O nome Novo coronavirus 2012 (Novel Corona Virus 2012, NCoV) foi o que se lle deu ao virus antes de que fose adecuadamente secuenciado. Cando o Centro Médico Erasmus dos Países Baixos conseguiu facelo, ao virus déuselle o seu nome científico correcto, seguindo os procedementos aceptados para a denominación.

Lista de coronavirus que afectan aos humanos[editar | editar a fonte]

Taxonomía[editar | editar a fonte]

Actualmente distínguense catro xéneros de coronavirus:

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 de Groot RJ, Baker SC, Baric R, Enjuanes L, Gorbalenya AE, Holmes KV, Perlman S, Poon L, Rottier PJM, Talbot PJ, Woo PCY, Ziebuhr J (2011). "Family Coronaviridae". En AMQ King, E Lefkowitz, MJ Adams, and EB Carstens (Eds),. Ninth Report of the International Committee on Taxonomy of Viruses. Elsevier, Oxford. pp. 806–828. ISBN 978-0-12-384684-6. 
  2. "ICTV Master Species List 2009 – v10" (xls). International Committee on Taxonomy of Viruses. 24 August 2010. 
  3. 3,0 3,1 Li F, Li W, Farzan M, Harrison SC (2005). "Structure of SARS coronavirus spike receptor-binding domain complexed with receptor". Science 309 (5742): 1864–8. PMID 16166518. doi:10.1126/science.1116480. 
  4. Enjuanes (2008). "Coronavirus Replication and Interaction with Host". Animal Viruses: Molecular Biology. Caister Academic Press. pp. 149–202. ISBN 978-1-904455-22-6. 
  5. "Learning How SARS Spikes Its Quarry". Press Release PR-HHMI-05-4. Chevy Chase, MD: Howard Hughes Medical Institute. Arquivado dende o orixinal o 20 de febreiro de 2012. Consultado o September 16, 2005. 
  6. van der Hoek L (2004). "Identification of a new human coronavirus". Nature Medicine 10 (4): 368–73. PMID 15034574. doi:10.1038/nm1024. 
  7. Doucleef, Michaeleen (26 September 2012). "Scientists Go Deep On Genes Of SARS-Like Virus". Associated Press. Consultado o 27 September 2012. 
  8. Miriam Falco (24 September 2012). "New SARS-like virus poses medical mystery". CNN Health. Consultado o 16 March 2013. 
  9. "New SARS-like virus found in Middle East". Al-Jazeerra. 24 September 2012. Consultado o 16 March 2013. 
  10. "Novel coronavirus infection - update". Consultado o 26 September 2012. 
  11. Kate Kelland (28 September 2012). "New virus not spreading easily between people: WHO". Reuters. Consultado o 16 March 2013. 
  12. Nouveau coronavirus - Point de situation : Un nouveau cas d’infection confirmé May 12, 2013 social-sante.gouv.fr

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]