Reino da Alta Borgoña

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Borgoña contra o ano 900
     Alta Borgoña, ca. 888 (Transxurania + Condado de Borgoña )      Baixa Borgoña, ca. 879      Ducado de Borgoña de Francia Occidentalis de Ricardo o Xusticieiro

O reino da Alta Borgoña (888933), tamén coñecido como Transxurania ou Borgoña Transxurana, foi un reino medieval centroeuropeo creado no territorio dos antigos reinos dos burgundios, a ambos os lados das montañas do Xura, entre a actual Suíza occidental de fala francesa, o val de Aosta italiano (así mesmo de fala francesa) e o val do alto río Saona, como consecuencia da descomposición do reino da Francia Media tras a morte do emperador carolinxio Lotario I.

Foi o núcleo do reino de Arlés, ou reino das Dúas Borgoñas, no que se integrou desaparecendo como unidade orgánica.

Orixes do reino[editar | editar a fonte]

No Imperio carolinxio despois do tratado de Verdún[editar | editar a fonte]

Tratado de Verdún (843).
A Francia Media (a parte verde central, desde Frisia ao norte até a Italia setentrional ao sur) antes da súa división entre os fillos do emperador Lotario I: o emperador Luís II o Mozo, Lotario II e Carlos de Provenza.
Borgoña contra o ano 1000
     Reino da Alta Borgoña      Ducado de Suabia (Alemaña)
As divisións do Imperio carolinxio segundo os tratados de Verdún (843) e de Mersen (870).

O tratado de Verdún de 843 foi un acordo entre os fillos de Ludovico Pío polo que se repartiu o grande Imperio carolinxio en tres partes, dúas grandes entidades políticas bastante homoxéneas e un conglomerado de territorios situados entre as dúas primeiras:

Neste primeiro repartimento, o antigo reino merovinxio de Burgundia foi dividido entre Francia Occidentalis e Francia Media. Carlos o Calvo quedou co que na Idade Media se convertería no ducado de Borgoña dentro do reino de Francia, mentres que o resto da Burgundia, incluíndo a Provenza, caeu en poder de Lotario I, dentro da Francia Media.

Un dos principais señores feudatarios de Lotario I foi Hugberto, marqués de Transxurania e señor laico da Abadía de San Mauricio de Agaunum (no Valais suízo actual), pertencente a unha das principais casas nobiliarias francas do seu Imperio, os Bosónidas, cos que Lotario I reforzou a súa alianza casando o seu fillo Lotario II con Teutberga, irmá de Hugberto, fillos ambos de Bosón o Vello, conde de Arlés.

Despois do tratado de Prüm[editar | editar a fonte]

Lotario I deixou en Italia ao seu fillo maior, Luís II o Mozo (que xa estaba asociado ao trono como coemperador desde o ano 850) e pasou ao norte atravesando os Alpes, tratando de salvagardar o seu reino dos ataques viquingos en Frisia e dos sarracenos na Provenza.

En 855, nas proximidades da abadía de Prüm (probabelmente no próximo castelo de Schüller), Lotario I, sentíndose enfermo, dividiu o seu Imperio entre os seus fillos no que se coñece como tratado de Prüm:

Lotario II trasladou a capital do seu reino da Lotarinxia a Metz, guerreando contra as apetencias dos seus tíos Carlos o Calvo e Luís o Xermánico, fundamentalmente co primeiro deles, que considerou como casus belli o desexo de Lotario II de divorciarse de Teutberga, coa que non conseguía ter fillos e á que acusaba de incesto co seu irmán Hugberto, para casar coa súa amante e concubina Waldrada. Nesta empresa, Lotario II encontrou a natural oposición do irmán de Teutberga, Hugberto de Transxurania, que se alzou en armas contra el e, despois de que Teutberga se sometera con éxito ao xuízo de Deus na ordalía da auga, Lotario II viuse obrigado a acollela como esposa lexítima en 858.

En 859 Lotario II cedeu os territorios de Hugberto, o país de Gex, Xenebra, Valais e Vaud, ao seu irmán, o emperador Luís II, pola axuda prestada ante a Santa Sede para favorecer o seu divorcio. Cando en 863 morreu Carlos de Provenza, o reino da Baixa Borgoña repartiuse entre os seus irmáns Lotario (que quedou cos países de Lyon e de Vienne, e con Xerardo de Vienne como conselleiro principal) e Luís (que quedou co resto e co título de rei de Provenza).

A dinastía gobernante[editar | editar a fonte]

Orixe[editar | editar a fonte]

Conrado o Mozo, pertencente á antiga Casa de Welf suaba, era sobriño das esposas de Ludovico Pío (Carlos o Calvo era fillo de Judith de Baviera) e de Luís o Xermánico (que casou coa irmán de Judith, Emma de Altdorf), e irmán de Hugo o Abade, como el, conde de Auxerre (na Borgoña ducal da Francia Occidentalis) e un importante apoio do rei Carlos o Calvo cando o irmán deste, Luís o Xermánico, invadiu Francia (858–860) e outro home forte do reino de Carlos o Calvo, Roberto o Forte, margrave na Marca Bretona, se levantou contra o seu rei.

En 861 os irmáns Hugo e Conrado caeron en desgraza e fuxiron da Francia Occidentalis, pasando ao servizo dos fillos de Lotario I, Lotario II e Luís II o Mozo. Por iso, cando en decembro de 864 Conrado matou o rebelde Hugberto de Transxurania en batalla cerca de Orbe (Vaud, Suíza), o emperador Luís II deulle os antigos territorios de Hugberto (Gex, Xenebra, Lausana e Sion), co título de margrave (marquis) de Transxurania, e o señorío laico da Abadía de San Mauricio de Agaunum.

En 865, Lotario II fixo as paces co seu tío Carlos, reuníndose con el en Attigny. Intentou facer as paces tamén co Papado, e viaxou a Roma en 869. Á volta desta viaxe, Lotario II enfermou e morreu en Milán. Foi levado a Metz, onde foi soterrado, e o seu reino da Lotarinxia foi dividido entre os seus tíos, Carlos o Calvo e Luís o Xermánico, tal como o acordaran no tratado de Mersen (870).

A Marca de Transxurania quedou no reino de Francia Oriental, en poder de Luís o Xermánico, mentres que Carlos o Calvo só puido arrancar da Alta Borgoña o condado de Portois e unha parte do condado de Varais, incluíndo a cidade episcopal de Besançon. Conrado o Mozo mantivo as súas posesións pero non o abadengo laico de San Mauricio, que pasou ao novo home forte do rei Carlos o Calvo, Bosón de Provenza, irmán da súa última esposa Riquilda.

Á morte do seu sobriño Luís II o Mozo, Carlos o Calvo viaxou a Italia e conseguiu ser coroado emperador de Occidente, contravindo as disposicións testamentarias de Luís II, que nomeara herdeiro a Carlomán de Baviera, fillo de Luís o Xermánico e Emma de Altdorf. Carlos II deixou en Italia como rexente a Bosón de Provenza, e Conrado recuperou o abadengo laico da Abadía de San Mauricio a tempo para cedelo á súa morte en 876 ao seu fillo e sucesor en Transxurania e a Alta Borgoña co título de conde, Rodolfo I de Borgoña.

O fundador do reino[editar | editar a fonte]

Nese mesmo ano de 876, Rodolfo recibiu en San Mauricio á emperatriz viúva Engelberga, despois de que Bosón de Provenza a secuestrara xunto con Ermengarda de Provenza, a súa única filla sobrevivente habida co emperador Luís II o Mozo. Bosón forzou a Ermengarda a que casara con el en xuño de 876, ao mesmo tempo en que era nomeado gobernador en Italia do novo emperador, Carlos o Calvo, co título de dux. En 877, cando morre seu cuñado Carlos o Calvo e ten que deixar Italia nas mans do novo emperador (Carlos III o Gordo, fillo de Luís o Xermánico e derradeiro emperador carolinxio), era dux dos territorios comprendidos entre o río Saona e o Mediterráneo: o Lyonais, o Viennois e a Provenza (é dicir, a Baixa Borgoña e Provenza). Dous anos despois, á morte do sucesor de Carlos o Calvo en Francia Occidentalis, o seu fillo Luís II o Tatexo, Bosón de Provenza proclamouse o 15 de outubro de 879 en Mantaille, en presenza do arcebispo de Besançon, rei de Borgoña, con capital en Vienne, no que se incluía, ademais dos seus feudos da Baixa Borgoña e a Provenza, a Borgoña Transxurana. Foi o primeiro sinal da descomposición do legado carolinxio: o primeiro rei dun feudo do Imperio carolinxio que non era descendente por vía masculina ou feminina de Carlomagno.

Reis da Alta Borgoña[editar | editar a fonte]

Ao principio do seu reinado, Rodolfo intentou reunir toda a Lotarinxia, pero a forte oposición do emperador Arnulfo de Carintia, rei da Francia Orientalis e do seu fillo Zwentibold obrigouno a centrarse no seu territorio de Transxurania e no occidental condado de Borgoña. Tras a súa morte en 912, a súa viúva Guilla (Willa) casou con Hugo de Arlés, rei da Baixa Borgoña.

En 1922 Rodolfo II combateu no reino de Italia, derrotou a Berengario de Friuli e foi coroado como rei de Italia. O seu reinado foi, porén, impugnado polos nobres, que se rebelaron e convocaron o seu padrastro Hugo de Arlés, que expulsou a Rodolfo e gañou a coroa de ferro de Lombardía en Pavía en 926. En 933 Rodolfo cedeu finalmente todas as súas reclamacións en Italia en favor de Hugo e, a cambio, obtivo o reino da Baixa Borgoña, reunindo así os dous territorios borgoñóns.

Extinción do reino[editar | editar a fonte]

Baixo o seu reinado, o reino de Borgoña (en realidade, o reino das Dúas Borgoñas), pasou a ser coñecido como reino de Arlés que, coa extinción da liña sucesoria en 1032, foi incorporado ao Sacro Imperio como un terceiro reino despois dos de Alemaña e Italia, asumindo os seus emperadores o título de rei de Borgoña.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]