Colmado
O colmado[1] (de colmo: palla escollida de centeo ou de trigo usada para cubertas, este do latín culmus, palla de centeo[2]) ou cuberta vexetal é unha cuberta feita de palla de centeo ou trigo que se usa nos palleiros e en certas construcións rústicas[3]. Tamén recibe os nomes de colma, colmazo e colmo.
Constrúense artesanalmente realizando unha cuberta con vexetación seca de diferentes especies vexetais dependendo o tipo, dispoñibilidade ou lugar do mundo, como colmo, palla, carrizas, xuncas, xuncos ou queiroas e colocándoas en camadas, de xeito que a auga se elimine lonxe da cuberta interna. Probabelmente sexa este o material máis antigo que se ten empregado nas cubrición das cubertas, usándose tanto en climas tropicais coma temperados. Algúns construtores de países en vías de desenvolvemento aínda empregan cubertas vexetais, construíndoas normalmente con vexetación da zona e de baixo custo. Pola contra, nalgúns países desenvolvidos (Alemaña, Reino Unido) existe unha demanda deste tipo de cuberta, por parte de cidadáns acomodados que queren dar ao seu fogar un ar rústico.
En Galicia aínda existen mostras de colmados en vivendas das montañas, o caso máis coñecido é o das pallozas, porén as cubertas vexetais foron habituais, especialmente en construcións auxiliares (cabazos, hórreos, alpendres etc) até hai poucos anos. Outra mostra galega do uso de colmados deuse nas vivendas circulares dos castros antes da introdución da tella (tellados) polos romanos. As vivendas circulares (coñecidas en inglés coma roundhouses) déronse en toda a Europa atlántica, posibelmente de orixe celta.
Historia
[editar | editar a fonte]A tradición das cubertas vexetais foi pasando de xeración en xeración durante milleiros de anos. Existen poucas descricións das súas técnicas construtivas, especialmente nas rexións tropicais. Nos países ecuatoriais as plantas son o material local usado con frecuencia en cubertas, e a miúdo tamén nas paredes.
Plantas bravas coma a carriza (Phragmites australis), a espadana ou palla real (Typha spp. especialmente Typha latifolia), a xesta (Cytisus scoparius), a queiroa (Calluna vulgaris), xuncos (Juncus spp.) e buños (Schoenoplectus lacustris) emprégaronse para cubrir cabanas e vivendas primitivas en Europa a finais do período Paleolítico, porén non temos probas arqueolóxicas disto, xa que os materiais vexetais non deixan pegada. A xente seica comezou a empregar colmo no período Neolítico cando comezarons os primeiros cultivos de cereais, mais doutra volta non temos evidencias disto até a época medieval. Queda claro que nos poboados de vivendas circulares da Europa atlántica, coma nos castros galegos e británicos, empregáronse cubertas vexetais, xa que non hai restos de tellas até a chagada dos romanos.
Existe constancia das cubertas vexetais europeas desde antes da Idade Media, cando se formaron as primeiras poboacións. A creación das vilas trouxo consigo a necesidade dun material de construción facilmente dispoñíbel, económico e duradeiro como o colmo. A causa dos incendios producidos en distintas cidades medievais, redactouse en Londres a primeira normativa vixente de construción, que prohibía a edificación de novos colmados e ordenaba o encalado das que xa existían cunha camada de xeso.
Moitos pobos indíxenas americanos, coma os maias, os incas ou os aztecas, vivían en casas con cubertas vexetais. Despois do colapso da maioría das sociedades americanas existentes por mor das doenzas introducidas desde Europa, os primeiros europeos que atoparon a americanos ollaron que estes vivían en estruturas cubertas con cortiza ou paneis que podían engadirse ou eliminarse para a ventilación, quecer ou arrefriar as estancias. Non antes do ano 2000 descubríronse moitos edificios complexos con material de cuberta a base de fibras. Os colonos franceses e británicos construíron vivendas temporais con cubertas de vexetación local cando chegaron a Nova Francia e Nova Inglaterra, porén para vivendas permanentes xa comezaron a usar tellas de madeira. Os españois e portugueses levaron a tella a Latinoamérica.
Na maior parte de Europa, os colmados ficaron só coma material de cuberta en zonas illadas do campo, coma nas aldeas das montañas ou en construcións auxiliares, coma alpendres, palleiros e celeiros. Perén até finais do século XIX eran aínda moi comúns.[4] En Galicia era comúns os colmados en celeiros, alpendres e hórreos de todo o país até mediados do século XX. Os colmados nas casas restrixíronse ás vivendas das montañas (coma nas pallozas) especialmente nas zonas de lousados (provincia de Lugo), pero aos poucos a lousa foi substituíndo a cubrición de colmo. Por exemplo no reino unido, a comercialización de lousa comezou no País de Gales en 1820, e o transporte (canles e camiño de ferro) axiña fixo que o material estivese dispoñíbel en todo o territorio. Porén, o número de casas con colmados viuse incrementado no Reino Unido dende mediados do século XIX a medida que a agricultura se espallaba, mais doutra volta decreceu a finais de século coa perda de poboación rural e a migración cara ás cidades. Aos poucos, o colmado volveuse un sinal de pobreza, e o número de casas con colmado decreceu así coma o de profesionais artesáns (colmeiros[5]). O mesmo que ocorreu en Gran Bretaña ocorría en Galicia coas pallozas. Porén os colmados tornáronse moi populares nos últimos trinta anos no Reino Unido, e hoxe en día é un símbolo de riqueza máis ca de pobreza polo gasto de mantemento que supón. Hai arredor de 1000 vivendas con colmado no Reino Unido,[Cómpre referencia] e os colmados estanse volvendo populares polo crecente interese na conservación de edificios históricos e o crecente uso de materiais de construción renovábeis. En Galicia, aínda que existen certas axudas da administración para colmar os edificios, o estado das cubertas dalgunhas pallozas está en serio perigo[6].
As cubertas vexetais hoxe
[editar | editar a fonte]Na Península Ibérica existen diferentes exemplos de cubertas vexetais, especialmente no noroeste: as pallozas e os teitos asturianos son os superviventes do antigo uso estendido de colmados en Galicia, Norte de Portugal, Asturias e León (antiga Gallaecia).
Só no Reino Unido existen máis cubertas de colmados que en calquera outro país de Europa. O material utilizado tradicionalmente nunha gran parte de Inglaterra é a carriza (Phragmites australis) (especialmente no condado de Norfolk) ademais do colmo, cultivado na actualidade por produtores especializados. Unha cuberta vexetal de boa calidade pode resistir entre 45 e 50 anos, se se realizou por un artesán experimentado.
As follas das palmeiras, por exemplo, en Na Bure Fidxi, os colmados combínanse con teitos de follas de palmeiras e paredes de canas. En Dominica empréganse tamén as cubertas con follas de palmeiras.[7] En Hawai e Balí úsase para as cubertas Alang-alang (Imperata cylindrica). En Kenya as cubertas fanse coas follas da cana de azucre, especialmente nas vivendas da tribo Kikuyu.[8][9]
Examplos de edificios con colmado
[editar | editar a fonte]- Casas circulares da Europa Atlántica
- Castros.
- Blackhouse, Escocia e Irlanda.
- Cottages (vivendas tradicionais) inglesas e galesas (Reino Unido).
- Vivendas tradicionais da Bretaña e Normandía (Francia).
- Palloza, Galicia.
- Teito, Asturias.
- Payeiru de León.
- Cabazos e algúns hórreos e celeiros.
Outros exemplos
[editar | editar a fonte]- España: Barracas do Delta do Ebro. Chozos de Estremadura. Tinás de Ávila. Bordas del Pireneo. Chozones ou parideras de barda en Guadalaxara. Bombos de Toledo. Corralones de Zamora. Pajal de Tenerife.
- Vivendas tradicionais de Ucraína, Romanía, e Escandinavia.
- Attap, casas no sueste asiático.
- Chickee, poboados amerindios do sur dos Estados Unidos.
- Palapa, México.
- Rondavel en Suráfrica, e cabanas e celeiros tradicionais africanos.
Galería de imaxes
[editar | editar a fonte]-
Técnica de atado utilizada no recubrimento con plantas.
-
Cabazo de cesto en Palas de Rei.
-
Tinada ou Tiná en Ávila.
-
Casa con colmado na illa de Madeira a finais do século XIX.
-
Chozo de cabrero en Estremadura.
-
Vila de Nakpanduri, norte de Ghana.
-
Vista interior dos cangos e o colmado nunha vivenda.
-
Casa con cuberta de colmada na vila histórica de Shirakawa-go (Patrimonio da Humanidade) no Xapón.
-
Barraca tradicional do Delta do Ebro.
-
Vista interior da cuberta dunha vivenda inca nunha das casa reconstruídas do Machu Picchu.
-
Casa longa de fume, en Dinamarca.
-
Nas illas Feroe vense moitos teitos verdes tradicionais. Neste caso non é colmo senón plantas vivas o material de recubrimento.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Nome en Vocabulario ortográfico da lingua galega, A Coruña, Real Academia Galega / Instituto da Lingua Galega, 2004
- ↑ Dicionario da RAE co termo castelán colmo
- ↑ Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para colmado.
- ↑ Moir, J; Letts, John (1999). "Thatch: Thatching in England 1790–1940". Research Transactions (English Heritage) 5..
- ↑ "Definición de colmeiro no Portal das Palabras". Arquivado dende o orixinal o 24 de setembro de 2015. Consultado o 17 de setembro de 2014.
- ↑ Artigo de La Voz de Galicia sobre o mal estado das pallozas de Piornedo, setembro de 2014
- ↑ http://hawaiianthatch.com/index-3.html
- ↑ "Fiji - Houses". Polynesia. Arquivado dende o orixinal o 26 de xullo de 2009. Consultado o 17 de setembro de 2014..
- ↑ Sedemsky, Matt (30 de novembro de 2003). "Low-Tech Building Craze Hits Hawaii; Indigenous Thatched-Roof Hale Once Out of Favor, Now Seen as Status Symbol on the Islands". The Washington Post..
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Outros artigos
[editar | editar a fonte]- Teito, casa típicas do occidente de Asturias e León, España. O artigo inclúe técnica de colmar e información sobre os colmeiros e outras construción de colmado en Europa.
- Palloza, vivenda típica das serras orientais de Galicia e occidente de Asturias e León.
- Chozos do Suído, cabanas con cubertas de estrutura de pedra e cubrición vexetal das montañas do sur de Galicia e norte de Portugal, son máis ben teitos verdes.
- Casa circular
- Thatching (artigo en inglés)
- Palapa, vivenda en México.
- Teito verde.