Parede

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Esquema dunha parede.

Unha parede (do latín: paries, -ĕtis[1]) é unha obra levantada verticalmente, que forma o exterior dun edificio ou serve para cerrar un espazo ou para dividilo[2] A súa forma soe ser prismática e as súas dimensiones horizontal (longo) e vertical (alto) son sensibelmente maiores ca o seu espesor (largo).

Trátase dun termo bastante amplo. En construción, se ten función estrutural ou para sustentar os elementos estruturais superiores, adoitamos falar máis ben de muro. En caso de ser de pouco grosor e non soportar carga, sería sinónimo de tabique, normalmente dividindo pezas ou interior dunha casa, nave etc. (chamado caneiro cando o tabique é de madeira)[3]. O contrario sería a parede mestra, aquela parede grosa que soporta o teitume.

Un valado ou valo sería tamén unha parede, construción vertical non moi alta, de pedra ou outro material coa que se cerra ou delimita un espazo. A palabra inglesa wall (muro, parede) ten a mesma orixe ca a galega valo[4].

Materiais e acabados[editar | editar a fonte]

Parede de vidro.

Unha parede pode estar construída de diversos materiais, porén, actualmente os materiais máis empregados son tixolo e o cartón xeso, sendo menos frecuentes a madeira e os seus derivados. En determinadas zonas do planeta aínda seguen a empregar técnicas ancestrais como as paredes de pedra, adobe ou tapal[5]. En climas máis benignos, as paredes puoden elaborarse con materiais máis lixeiros, ou estar conformadas por todo tipo de plantas (como a cana de bambú). Na casa tradicional galega as paredes de carga ou muros adoitaban construirse en pedra, pola abundancia deste material no país; porén os tabiques internos de división da casa soían ser se madeira ou de madeira/xeso antes da chegada do tixolo. No caso dos cerramentos téxtiles, como os das carpas ou as tendas de campaña, suporía o límite do concepto "parede", pois aínda que seguirían cumprindo as funcións de separación e protección, carecerían da cualidade de rixidez inherente ao concepto de parede.

Se a parede só cumpre a finalidade de división, normalmente emprégase tixolo cerámico, macizo (no caso de fachadas) ou oco (en particións interiores). Na actualidade, para divisións interiores non estruturais emprégase con moita frecuencia tamén o cartón xeso, a xeito de paneis ancorados a unha armazón interior, que pode ser de listón de madeira (caso das Balloon frame norteamericanas) ou máis comunmente de perfís pregados de aceiro. Tamén é posíbel substituír a placa de cartón xeso por pranchas de madeira ou dalgún derivado da madeira, coma taboleiros de partículas, aglomerados, OSB, etc. Tamén é posíbel atopar paredes de cristal, tanto en fachadas coma en divisións interiores.

As paredes soen ter tratamentos superficiais de acabado. As de tixolo revístense con morteiros de cemento, cal ou xeso, que posteriormente se pintan. As paredes de cartón xeso só necesitan de pintura, mentres que as de madeira normalmente se protexen con vernices.

Outros significados[editar | editar a fonte]

Por extensión a palabra parede úsase en xeoloxía e alpinismo para lle chamar a calquera corte vertical, ou moi dereito, na cara dunha montaña. Úsase tamén a verba parede en anatomía para designar calquera superficie que cerra ou limita unha cavidade ou órgano, como por exemplo as paredes do estómago[6]

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Real Academia Española
  2. Definición en Portal das Palabras da RAG.
  3. Caneiro en Portal das Palabras
  4. Valado en Portal das Palabras
  5. Léxico de urbanismo, construcción e arquitectura, Vigo, COAG-Concello de Vigo, 1998
  6. Diccionario galego de termos médicos, Santiago de Compostela, Xunta de Galicia, 2002

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]