Teito (casa)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Teito no lago del valle, en Somiedo (Asturias).

Teito ou casa de teito (tamén chamada de teitu ) é unha edificación de pedra con cuberta vexetal de xestas ou colmo de centeo típica do occidente asturiano e leonés, especialmente na zona de Somiedo en Asturias, nas comarcas leonesas dos Ancares e A Cabreira. Moi relacionadas coas pallozas de Galicia e León coas que case estreman.[1]

Teito é en realidade unha voz asturleonesa, que como en galego, designa calquera cuberta feita con material vexetal (coñecidas en galego coma colmados ou colmas).[2] Por extensión chamouse teito ao edificio en si, sempre que a súa cuberta sexa vexetal.[3] O teito asturiano ten moita relación coa palloza galega-leonesa dos Ancares, en canto ao colmado se refire, aínda que se diferencian na forma e estrutura do edificio habitacional que acubilla dita cuberta (planta arredondada nas pallozas e cadrada nos teitos); diferénciase tamén na súa localización xeográfica e na distribución do espazo. En Asturias e León prefírese a voz teito, mentres que en Galicia utilízase a voz palloza ou pallaza.[4]

As construcións con teito pertencen á arquitectura popular autóctona, destinadas a vivendas, palleiras, alpendres, cortes, hórreos e outros pequenos edificio auxiliares. Coma ocorreu coas construcións de colmado en Galicia, de todas estas construcións, resistiron o paso do tempo as cabanas, os hórreos, as palleiras e algún máis. As vivendas ou ben foron desaparecendo ou se modificaron ostensibelmente. Nalgúns casos mantivéronse até finais do século XX e comezos do XXI, até a morte dos seus propietarios. Algunhas destas casas mantiveron a súa vida por terse convertido en museos etnográficos ou por ter cambiado o seu uso rehabilitándoas coma cortes ou palleiras.

Orixe e evolución[editar | editar a fonte]

As casas habitacionais con teito, formando pequenas aldeas de tempada ou espalladas ao longo da xeografía asturiana e leonesa, foron herdanza das casas que configuraron os castros. A planta circular dos castros é considerada como a máis antiga (semellante á planta das pallozas galegas), mais nalgún deles coexistiu coa planta rectangular. As orixes dos castros peninsulares remóntanse ao final do bronce tardío. Teñen afinidades coa cultura atlántica e son anteriores á cultura céltica de Hallstatt e La Tène aparecidas no centro de Europa.[5]

Durante a segunda metade do milenio I a. C., a poboación foi cambiando de lugar asentándose en terras axeitadas para o cultivo. As casas seguiron sendo circulares ao principio e máis tarde fóronse construíndo rectangulares como viña ocorrendo no resto da península.[6] Os arqueólogos sacron á luz enclaves que así o demostran, pertencentes ao primeiro milenio a. C.:

No territorio astur-leonés e en Galicia estas casas-vivenda tiñan os seus correspondentes edificacións tamén con colmado que servían para as tarefas agrícolas e gandeiras. Son testemuña da evolución da vida rural desde os primeiros agricultores do Neolítico. Moitos destes edificios perduraron en maior ou menor cantidade até o século XXI mostrando o que puideron ser as casas con teito, casas habitacionais desaparecidas ou transformadas a maioría, tanto na súa estrutura como no seu uso. Estes edificios anexos (hórreos, cortes, alpendres, palleirasn etc.) se mantiveron grazas á súa situación xeográfica en lugares estratéxicos, protexidos pola natureza.[7] A súa pervivencia débese tamén a que esas zonas non chegaron nunca a ser enteiramente colonizadas por Roma polo que os métodos de construción dos romanos non cambiaron nin influíron nunca nos métodos ancestrais destas xentes.[8]

Xunto ás primeiras casas circulares habitacionais existiron uns cercados que ás veces acadaban unha altura de 2 m, construídos con pedra cando era doada de obter ou con madeira. Nestes cerrumes gardábse o gado.[9] Téñense identificado estas cortes ou estábulos polo tupido nivel de esterco atopado.[10] Este sistema evoluíu durante o tempo protohistórico cando a corte pasou a formar parte da propia casa, cuxo exemplo máis coñecido e perdurábel é a palloza dos Ancares. Os arqueólogos consideran que foi esta a grande innovación do período protohistórico nas construcións do norte da península e do norte europeo e que é posíbel que influíse tanto o clima como a necesidade de manter os animais ben vixiados día e noite ao seren a súa gran riqueza e obxecto de subsistencia[11].

No noroeste da Península Ibérica o colmado foi predominante até o século XX, por mor das súas propiedades como illante térmico, superiores ás doutras cubertas como a lousa: o colmo pode manter a temperatura no interior dun cuarto quecido cun lume a uns 15 °C polo inverno, incluso en zonas de montaña onde as temperaturas medias mínimas non adoitan superar os 2 °C; á vez, a cuberta vexetal tamén conserva o ambiente fresco na vivenda durante os días calorosos. Un teito ben confeccionado e arranxado periodicamente dura uns vinte anos.[12]

O principal inconveniente dos teitos radicaba na súa maior propensión a ser un punto de inicio e propagación de lumes, e era habitual que varios edificios ou incluso vilass enteiras quedasen destruídas ao prenderen as lapas nos colmados. O elevado risco de incendio deixou a súa marca tanto nas técnicas de construción como nas leis e ordenanzas das poboacións, entre as que se poden mencionar a prohibición de facer pan durante a noite, e a inspección periódica rigorosa de fornos e lareiras;[13] tamén foi un factor importante na gradual substitución pola lousa ou a tella nos edificios destinados á habitación durante o século XX e á gradual restrición do uso de colmados en construcións auxiliares illadas das vivendas.

Estado de conservación no século XXI[editar | editar a fonte]

Exemplo de deterioración e abandono dun teito en Campo da Lagúa (Vilafranca do Bierzo). Quedou ao descuberto a súa armazón de madeira.

Nos primeiros anos do século XXI apréciase por unha banda unha alarmante diminución dos teitos e cubertas de colmo en xeral, incluso da casa enteira. Son difíciles de conservar, as familias que os mantiñan van desaparecendo ou emigrando e a razón da súa existencia, o uso, tamén desaparece en moitos casos. A emigración supuxo nalgunhas rexións unha diminución drástica da superficie dedicada ao cultivo do centeo, privando ás zonas onde se usa este material da materia prima para reparar e confeccionar os colmados: por exemplo, na comarca leonesa de Omaña, moitos teitos comezaron a se cubrir con fibrocemento a partir dos anos 70 por este motivo. Nalgúns concellos aprobáronse ordenanzas sobre teitos de colmo que contribuíron á súa desaparición.[14]

Por outra banda, xa desde os últimos anos do século XX xorde un grande interese pola conservación destes teitos, tanto por parte dos descendentes dos propietarios como das autoridades e arqueólogos xunto cos etnólogos. Concéntrase este interese en Asturias, sobre todo nos concellos de Somiedo e Teberga, onde se encontran os máis extensos conxuntos de cabanas teitadas bastante ben conservadas.[15] A creación do Parque Natural de Somiedo —que é tamén Reserva da Biosfera— contribuíu a que se recoñeza a valoración das ancestrais cabanas axudando á súa conservación. Moitas seguen vivas e isto favorece as medidas de axuda e conservación.[16]

Existen subvencións por parte dalgúns concellos, coma o de Somiedo e o de Cangas de Narcea. No ano 2007 conseguiuse axuda en Somiedo para os 373 teitos que o solicitarone en Narcea subvencionouse un 80% do gasto para reparación de colmados en hórreos. O maior problema que xorde é a falla de colmeiros (chamados en asturiano teitadores) profesionais; oficio que vai desaparecendo.

Colmeiros (teiteros). Técnicas e materiais[editar | editar a fonte]

Colmeiros a reparar o teito dun hórreo con materia vexetal, á forma tradicional.

Os colmeiros (chamados en astur-leonés: teiteros ou teitadores) son as persoas que teñen coñecementos de abondo para reteitar as casas, cabanas e hórreos. Adoitan ou adoitaban ser os propietarios ou os arrendados —chamados llevadores—. Estas persoas no século XXI ocúpanse ademais de conseguir a oportuna subvención oficial e de reunir os membros da familia para axudar, pois ao ser un traballo complexo necesitan de varias mans. Nos máis dos casos, ademais da familia reciben a axuda dos veciños, sendo esta unha práctica de colaboración moi antiga chamada de andecha, que vén a significar colaboración.[17]

Feixes de carrizas agardando a súa colocación no teito.

A materia vexetal dos teitos superponse sobro dun forxado de madeira (trabes e cangos) que tamén ten a súa técnica. A estrutura está concibida co propósito de ser duradeira; é bastante habitual empregar a madeira de abeleira e de capudre. Esta complexa estrutura deu lugar a un rico vocabulario ou xerga, pois cada peza, cada trabe, cada terminación, ten o seu propio nome que os identifica, como ocorre coa palloza.[18]

É norma xeral aproveitar para a construción do teito o colmo obtido na propia colleita ou ben as plantas axeitadas que poida ofrecer a contorna. Isto ocorre non só en Asturias, León, Galicia e resto da península senón en toda a Europa onde existen colmados. En Inglaterra utilízase triticale; en Irlanda a avea; en Escocia colmo e xunco; en Gales, xunto ao colmo, carrizas e xuncos de lameiros; en Alemaña carrizas; en Dinamarca colmo de centeo, carrizas e incluso argazo; en Noruega cascas de bidueiro entrelazados con terróns de herba;[19] en Suecia centeo e carrizas sempre acompañados de terróns de herba; a illa de Gotland é moi particular: utilízase dende tempo inmemorial unha planta moi abundante —Cladium mariscus, semellante ás xuncas— que os nativos chaman de ag; en Islandia está documentado dende o Neolítico o uso dos terróns de herba, xa que carecen doutro vexetal; en Francia palla de trigo e centeo (colmo), canas e xestas; en Italia no Piemonte utilizan colmo de centeo.[20]

No occidente asturiano e nos Ancares, nas áreas agrícolas onde se pode semementar o cereal, utilízase de preferencia o colmo de centeo. Noutras zonas que son principalmente gandeiras e onde o solo se aproveita para pastos utilízase a xesta, o piorno e outros arbustos fornecidos polo monte. Nas cabanas de teitos somedanos empréganse en maior abundancia a xesta. Emprégase ademais a pudia (Genista florida). Outro material vexetal é a uz que abunda nas montañas de Somiedo.[21] Son os chamados teitos de escoba moi abundantes nas cabanas de Somiedo, Teberga

Mallo, coñecido coma mayal en Asturias.

Os colmeiros asturianos teñen especial preferencia polo centeo cuxo colmo é resistente e de calidade. Tradicionalmente este cereal sementábase polo outono e se apañaba en xuño ou xullo. Cortábase coa fouce procurando facelo a rentes do chan para un mellor aproveitamento. Coa palla cortada facíanse gavelas e coas gavelas, monllos maiores. Despois porcedíase a separar o gran; antigamente, isto facíase mallando os mollos co mallo, utensilio que en Asturias se facía de pau de acivro, até a aparición das máquinas de mallar. Cando o gran xa estaba ben separado facíase unha selección nos monllos separando a mellor palla que de novo ia formando outros monllos chamados xa de colmos (en asturiano cuelmos), ceibos de crebaduras e sucidade. A debulla do centeo constituía unha gran festa con participación de toda a aldea.[22] Por outra banda íanse preparando de maneira moi especial unhas cordas feitas con palla entrelazadas pola parte da espiga; viñan a medir un metro de longo e con elas se ataban os colmos á estrutura de madeira. As cordas reciben o nome de bincayos, venceyas e bilortas.

Nivelado da palla.

Despois de toda esta preparación os colmeiros procedían á instalación seguindo dúas técnicas diferentes: a paleta e a beu. Todo este proceso foi transmitido por cada xeración e é o que se uso nos reteitados que aínda se conservan.

O teitado a paleta é o máis el más afanoso e o máis caro aínda que tamén o máis duradeiro; cómpre de auténticos profesionais. O nome cólleo da ferramenta que se emprega para o nivelado do colmo e outras angueiras. (É un utensilio de madeira que ten forma de espada de 65 cm de longo por 12 cm de largo.) Prepárase a tarefa encastelando en primeiro lugar xunto á casa os feixes de colmo á espera da súa colocación. Vanse colocando cara arriba sobre a estrutura de madeira coa espiga cara arriba deixando abaixo un beiril que protexerá das choivas. A partir desta ringleira vertical de monllos vanse colocando os demais, tendo en conta que se debe tapar sempre o tramo de espigas. Para as unións utilízanse os chamados tornos, uns vástagos que adoitan ser de madeira de salgueiro. Os feixes vanse igualando pola parte inferior utilizando para isto unha paleta que dá o nome a esta técnica. Se no proceso fica algún buraco entre monllo e monllo, cóbrese con máis palla ben colocada coa axuda da paleta. Na cumieira do cono ponse ás veces un pote do revés que a suxeita perfectamente. As pallozas e os hórreos dos Ancares leoneses (Balouta e Campo del Agua) están teitados con esta técnica.

Pódese ver na cumieira desta palloza o beu, aínda que non a cobre por enteiro.

O teitado a beu —chamado tamén a baguna ou a vara— resulta máis económico pois non é necesario substituír toda a palla. É ademais un trabalo máis doado de realizar. Os feixes de colmo encáixanse de xeito máis sinxelo polo que hai que suxeitalos doutra forma. Coas pólas de uz ou de abeleira fabrícanse unhas cinchas ou correas trenzadas que constitúen o beu. Esas cinchas ben tortas vanse colocando circularmente sobre os feixes de colmo. Ás veces chegan a ocupar todo o teito e ás veces detéñensena metase ou no primeiro terzo. O colmado queda ben abeirado dos ventos. O cumial faise a base de atados de soga de palla e xesta.

O teitado de xestas é moi apreciado pola súa duración e consistencia. Aplícase sobre outro material que lle serve de base e que acostuma ser un arbusto tipo uz.[23] Sobre este substrato espállanse os monllos de xesta ou xesta branca. Para o corte da xesta seguiuse tradicionalmente un rito relacionado co calendario lunar, facéndoo coincidir (o corte) co cuarto minguante; é logo cando se ten a seguridade de obter uns ramallos que poden durar até máis de doce anos. Cos ramallos de xesta vanse facendo feixes e vanse colocando ao pé da casoupa para teitar. Non hai utensilios especiais ademais da fouce e as escadas; as propias mans do colmeiro van fabricando sobre a marcha unha soga chamada cibiella coa que se atan os feixes. O colmeiro comeza o seu traballo pola parte inferior, ascendendo cara a cumieira en fileiras verticais de 1 m de largo. O monllo colócase co talo cara arriba e a póla encáixase cara abaixo; sepáranse dúas pólas e se mete a terceira no medio, clavándoa ben apertada. Os feixes de xesta ben colocados e ben apertados poden acadar un espesor de medio metro, aumentando este espesor na parte dianteira da cumieira porque se supón que é a zona máis exposta ás inclemencias do tempo. Os colmeiros realizan todo este traballo en tempo seco.

As cabanas de xesta ao seren construcións de planta rectangular requiren dunha terminación no bico especialmente deseñada para esa liña na que se xuntan as dúas abas a dúas augas. Os remates do cume fanse seguindo unha destas catro técnicas:

  • Suxeición con zancas e xugos. As zancas son unhas pólas grosas ou taboleiros de faia ou acivro. Serven para suxeitar o teito e se colocan da cabalo sobre as abas suxeitándose no cume cuns traveseiros chamados de xugos que á súa vez quedan trabados coa ayuda dun pasadoiro ou torno. Este sistema emprégase tamén na Europa do norte, en Alemaña, Holanda, Dinamarca e Suecia.
  • Suxeición con gabitos. Os gabitos son paus gallados que acadan o metro e medio. Fíncanse na xesta suxeitando coa forquilla as latas do cume. Estes gabitos acostúmanse colocar lixeiramente inclinados para que a choiva esvare e non caia en vertical. O aspecto final é coma un encristado.
  • Suxeición con terróns de herba chamados tepes. Os tapinos ou tepes son recadros de herba moi compactada que inclúe as súas raíces. Alcanzan un espesor de 10 cm e unhas dimensións de 60 x 50 cm. Úsase especialmente nos chozos.
  • Suxeición con tuerus. Os tuerus son cascas de faia que protexen o cume.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Cerrato Álvarez, Ángel (2004). Construccions de sostre de palla: pervivència i destrución. Revista de Folklore: Joaquín Díaz. ISSN 0211-1810. 
  2. Menéndez 2008: p. 27
  3. Menéndez 2008 p. 28
  4. Nos Ancares leoneses tamén utilizan a palabra palloza; no resto do territorio, teito.
  5. Cfr: Almagro Gorbea, 1992, El origen de los celtas en la Península Ibérica. Protoceltas y celtas, Polis, 4 pp. 5 e 31.
  6. Menéndez 2008 pp. 49, 55 e 56
  7. Menéndez 2008 p. 58
  8. Menéndez 2008 p. 59. Cfr Mark Gimson en As Pallozas, p. 78
  9. Menéndez 2008 p. 65
  10. También se han encontrado huesos de animales domésticos que por aquella época eran bastante más grandes. Cfr Audouze, F. e Büchsenschütz, O. 1992, Towns, Villages Andalucía Countryside of Celtic Europe, London
  11. A orixe e uso destas vivendas con corte incorporada está ben documentado até o século XIX. As máis antigas pertencen ao noroeste europeo, especialmente á rexión de Frisia. (Audouze, F. e Büchsenschütz, O. 1992, p.132). Os arqueólogos deron o nome de byre-houses a este tipo de casas estudadas na Gran Bretaña.
  12. Alonso González, Joaquín Miguel. "Técnica constructiva: acción y tradición". Arquitectura tradicional de la comarca de Omaña y Valle de Samario. Caja de España (Edición digital: Fundación Saber.es). ISBN 84-95702-32-0. Consultado o 31 de maio de 2011. 
  13. Pérez Alvarez, María José. Omaña y sus concejos en el siglo XVIII. Universidad de León. ISBN 84-7719-670-2. 
  14. Véxase, por exemplo, no Boletín Oficial da Provincia de León, o nº 230 (9 de outubro de 1965), nº 237 (19 de outubro de 1965) nº 265 (22 de novembro de 1965), nº 267 (24 de novembro de 1965)
  15. Menéndez 2008 pp. 155 e 101
  16. Estas cabanas séguense a utilizar nos comezos do século XXI, co mesmo uso que en tempos remotos. Ademais a contorna e a paisaxe do Parque despertou o interese de viaxeiros e visitantes que, ao teren que adaptarse ás normas esixidas, non constitúen masas de turistas nin hai automóbiles que poidan prexudicar a zona.
  17. Este costume de colaboración mantense de xeito espectacular na illa de Gotland (Suecia) e en Fårö, outra pequena illa máis ao norte. Trátase dunha festa chamada Tackating naa que se reúne un grupo numeroso de persoas para realizar o teitado nun só día. Tralo traballo comeza a festa, un xantar para todos os participantes.Menéndez 2008 p. 387
  18. Pequeno exemplo: Machu, fema, gabias, ḷḷatas, tarranchas, ciebu, treme, zancas, chavichón, cumal, pical, gabitos, tuerus etc.
  19. Segundo o Banco de datos terminolóxicos do Termcat (a través do Buscatermos da USC) tráta se dunha masa de terra compacta, de forma prismática ou rectangular cuberta de plantas herbáceas, xeralmente gramíneas e leguminosas, que se transplanta para formar unha camada de céspede.
  20. Menéndez 2008 p. 277 e seg
  21. Menéndez 2008 p. 144
  22. Menéndez 2008 p. 187 e seg.
  23. Flora popular de España p.124y 125

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Álvarez González, Mario (2001). El teito de escoba en Somiedo. Oviedo: Colexio Oficial de Aparelladores e Arquitectos Técnicos do Principado de Asturias. ISBN 84-699-5484-9. 
  • García Martínez, Adolfo (1994). Somiedo, parque natural (Vol. II). Senda Editorial. ISBN 978-84-87078-01-9. 
  • Menéndez, Carmen-Oliva (2008). Teitos. Cubiertas vegetales de Europa Occidental: de Asturias a Islandia. Colexio Oficial de Aparelladores e Arquitectos Técnicos do Principado de Asturias. ISBN 978-84-612-7656-1. 
  • González-Tablas Sastre, Francisco Javier (2001). Celtas y Vettones. Los castros de Ávila. Universidad de Salamanca. ISBN 84-89518-76-9. 
  • Esparza Arroyo, Ángel (2001). Celtas y Vettones. Los astures. Universidad de Salamanca. ISBN 84-89518-76-9. 
  • Martín Bravo, Ana María (2001). Celtas y Vettones. Las casas y el urbanismo. Universidad de Salamanca. ISBN 84-89518-76-9. 
  • Salinas de Frías, Manuel (2006). Los pueblos prerromanos de la península Ibérica. Akal. ISBN 9788446020301. 

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]