Saltar ao contido

Cinema de Galicia

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Carlos Velo, figura destacado do cinema galego.

Considérase cinema galego o audiovisual realizado en Galicia ou producido por empresas galegas.

É algo admitido, e cada vez de maneira máis consciente e científica, que as imaxes cinematográficas se atopan profundamente vinculadas á sociedade que as ve nacer, e aínda as impulsa. Non sería lóxico desde ningún punto de vista que pensemos que as películas xorden de maneira autónoma, desarraigados dos homes e mulleres que loitaron para construílos, e sen ningún tipo de vínculo cos espectadores potenciais ós que van dirixidos.
HUESO MONTÓN, A. L.; "Galicia no cine". Galicia Arte. Tomo XVI, Hércules, A Coruña, 1993, páx. 508
Artigo principal: Historia do cinema de Galicia.

Ata a guerra civil

[editar | editar a fonte]
La casa de la Troya (filme de 1925).

Coma noutras partes do mundo, trala chegada a Galicia dos primeiros cinematógrafos, houbo algúns pioneiros que realizaron filmacións. O primeiro operador en filmar en Galicia foi José Sellier, que para os seus espectáculos rodou as primeiras cintas galegas, como Orzán, oleaje, Fábrica de gas e Entierro del General Sánchez Bregua en 1897.[1]

Outros pioneiros foron Xosé Gil (Miss Ledyia, 1916) ou José Signo (La tragedia de Xirobio, 1930). Neses anos ródanse tamén outros filmes ambientados en Galicia como La casa de la Troya e aparecen tamén obras de directores estranxeiros como Carmiña, flor de Galicia realizada polo italiano Rino Lupo, aínda que os interiores se realizaron no Porto, ou Odio, do norteamericano Richard Harlan, rodada en Combarro.

Dúas produtoras galegas realizaron filmes na década de 1930: Galicia Cinegráfica, de José Gil y Gil, en Vigo, e a casa Folk, fundada en Pontevedra polos irmáns Ramón e Enrique Barreiro Vázquez, ambas as dúas compañías centradas en filmes documentais e de noticias. Así, a casa Folk rodou Hacia una Galicia mejor, como mostra da necesidade da autonomía. En 1935 exhibíronse os últimos filmes destas produtoras.[2] Na mesma década comezaron a súa carreira os directores Antonio Román (Terra Meiga, 1932), Carlos Velo (Galicia Saudade, 1936) e José Suárez (Mariñeiros, 1936).[3]

Dende a Guerra Civil a 1975

[editar | editar a fonte]

Despois da guerra civil non se crearon produtoras en Galicia, ao contrario do que ocorreu noutras rexións.[4] A presenza de Galicia no cinema só veu motivada pola orixe galega dalgúns profesionais da industria (Cesáreo González, Adolfo e Ramón Torrado, Xan das Bólas...).[5] Outras figuras galegas destacadas foron o director Manuel Mur Oti e o actor Fernando Rey.

Existen documentais da emigración e do exilio (rescatados algúns deles a finais do século XX). A figura máis destacada é Carlos Velo (1909-1988). Antes de exiliarse a causa da Guerra Civil fixo curtametraxes documentais para logo pasar a México onde o consideran un director de cine mexicano. Nos 80 foi centro de multitude de homenaxes e considerado un pioneiro. Algúns dos seus títulos son Torero, 1956 e Pedro Páramo, 1967 .

Desde 1975 á actualidade

[editar | editar a fonte]

Nesta época é cando xorde o vídeo en Galicia. Comezan a realizarse as primeiras experiencias. Un momento importante ocorre en 1983 cando Luis Álvarez Pousa é nomeado Director Xeral de Cultura e ao ano seguinte nace o Arquivo da Imaxe (1984-1986), un lugar que xera múltiples iniciativas e obras en vídeo. Previamente a esa etapa en vídeo as obras fanse en 35 mm e Super-8.

En 1984 nacen as I Xornadas de Cine e Vídeo de Galicia do Carballiño dirixidas por Miguel Anxo Fernández Fernández, un lugar de encontro que intermitentemente durante anos serviu para presentar as reflexións do sector audiovisual galego. M.A. Fernández foi un dos máis incansables divulgadores das creacións galegas, daquela conducía un programa de cine na TVG e logo fíxose empresario de salas cinematográficas. Esa labor divulgativa continúa con Eduardo Galán Blanco (Ferrol, 1957) director do espazo DeZine da TVG, crítico e programador de cinema da Televisión de Galicia.

Nos oitenta hai grande efervescencia creadora no campo do vídeo, gran parte dela ligada á cidade da Coruña. Algúns nomes a lembrar son Guillermo Represa (Betanzos, 1958) con Valle de lágrimas -1986- agora montador cinematográfico, Ignacio Pardo (Lugo, 1947) moitas pequenas obras de vídeo experimental agora profesor da Escola de Imaxe e Son da Coruña, Xavier Villaverde (A Coruña, 1958) con Veneno Puro -1984- que acadou gran sona. Daquela época tamén é Manolo Abad (A Coruña, 1953) na actualidade realizador de Luar (programa de variedades da Televisión de Galicia) pero daquela situado na ámbito da creación en vídeo. Contemporáneo a eles é Antón Reixa (Vigo, 1957) escritor, poeta e director (O lapis do carpinteiro, 2003).

1989 é un ano clave no audiovisual galego pola estrea de tres longametraxes: Sempre Xonxa do malogrado Chano Piñeiro (outras obras do autor: Mamasunción -1984-, Esperanza -1986-), Urxa de Carlos A. López Piñeiro e Alfredo G. Pinal e Continental de Xavier Villaverde. Villaverde (Fisterra -1999-, Trece Badaladas -2002-) como Director e Pancho Casal (A Coruña, 1985) como produtor forman un tándem que dura ata hoxe.

O 15 de marzo de 1991 inaugurouse o Centro Galego de Artes da Imaxe (rebautizado como Filmoteca de Galicia en 2022), dirixido inicialmente por Pepe Coira (Rábade, 1963), irmán do realizador Jorge Coira. En 1991 nace tamén a Escola de Imaxe e Son da Coruña, dirixida por Manuel González Álvarez (A Rúa, 1955), un dos maiores defensores do cine e vídeo galego. Coa marcha de González da dirección da escola, o que fora unha iniciativa de primeiro nivel decaeu.[Cómpre referencia]

Na Escola de Imaxe e Son coincide con M. González un dos guionistas galegos máis importantes, Daniel Domínguez (Tui, 1955), autor de Río de Sombras en 1986 e reciclado agora en guionista de series da TVG.

O 25 de xullo de 1985 comezan as emisións da canle galega, a Televisión de Galicia (TVG) que abren unha vía de expansión empresarial e laboral para o sector audiovisual en Galicia. Auxe e expansión dunha industria de dobraxe con gran cantidade de actores moitos deles agora actores das series de ficción galegas. É o caso de Tacho González presentador e actor, un dos primeiros que saíu destacado na IMDb pola súa participación na serie internacional Queen of Swords (2000). Luís Tosar (Lugo, 1971), o actor galego de máis renome na actualidade, tamén pasou pola ficción en TV, no seu caso en Mareas vivas.

Tosar representa un tipo de actor que triunfa fóra de Galicia e volve á súa terra revalorizado. Un caso semellante é o de Manuel Manquiña (Vigo, 1953), actor galego redivivo grazas a Airbag de Juanma Bajo Ulloa, e un dos mellores representantes do cinema galego.[Cómpre referencia]

Ao igual que os actores, os novos realizadores galegos entran con forza da man do século XX, en forma de curtametraxistas, e cada vez máis mozos, coma por exemplo Juan del Río, Chema Montero, Juan Galiñanes, Gonzalo Caride ou o multipremiado Alejandro Marzoa, que estreou en 2013 a súa primeira longametraxe.

A importancia da ficción en televisión pode apreciarse polo desenvolvemento económico que adquiren algunhas das empresas de produción a través de series. Desgraciadamente a puxanza económica non significa que a produción reflicta unha liña de creación cara a un cine (ou neste caso audiovisual) propio de Galicia, frecuentemente -como ocorre na maioría das televisións comerciais do mundo- prodúcense produtos estereotipados, que foxen de calquera tipo de aspecto incorrecto, e seguen un modelo intercambiable a calquera sitio do mundo.

Entre os filmes feitos en Galicia é salientable pola cantidade de persoas que a viron O bosque animado de 2001 (Dygra Films), segundo datos do ICAA foi vista por 509.132 espectadores (a 05/10/2004).

Novo Cinema Galego

[editar | editar a fonte]

A estrutura empresarial

[editar | editar a fonte]

A produción galega -agás casos illados- depende case exclusivamente das subvencións da Xunta de Galicia e do soporte económico da TVG. Existen dúas asociacións empresariais que funcionan como lobbies: AGAPI e AEGA que se reparten maioritariamente o financiamento.

Segundo datos oficiais (ano 2001) o sector audiovisual emprega a 1705 persoas entre Produción, Distribución, Emisión e Exhibición; facturando o sector da produción en torno a 51 millóns de euros. [Cómpre referencia]

Tamén podemos considerar as emisoras de Televisión Local, as empresas de dobraxe, as empresas de produción non asociadas, os esforzos dos independentes etc.,....

O cinema dixital e os debuxos animados son os que traerían o recoñecemento do exterior para o cinema galego. A produción O bosque animado, de Dygra Films, recibiu no 2001 dous Goyas á mellor película de animación e á mellor canción orixinal, e sete premios Chano Piñeiro do audiovisual galego.

  1. Castro de Paz 1996, pp. 41-49
  2. Castro de Paz 1996, pp. 104-116
  3. Castro de Paz 1996, pp. 116-118
  4. Castro de Paz 1996, pp. 121-136
  5. Castro de Paz 1996, pp. 156-157

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Castro de Paz, José Luis, ed. (1996). Historia do cine en Galicia. Vía Láctea Editorial. ISBN 84-89444-22-6. 
  • Fernández, Miguel Anxo (1999). "Vintecinco anos dunha demanda histórica: cine galego, 1974-1999". Grial (143): 475–497. 
  • Smith, Paul Julian (2012). "Óperas primas: el caso del documental en México y España (Eugenio Polgovsky, Los herederos, México 2008 y Alberte Pagán, Tanyaradzwa, España/Galicia, 2009)". Berthier, Nancy; Fernández, Álvaro A. Ópera prima en el cine documental iberoamericano (1990-2010). Universidad de Guadalajara. ISBN 978-607-450-618-1
  • Martínez Martínez, María Isabel (2015), O cine de non ficción no Novo Cinema Galego (2006-2012): Conceptualización, contextos e singularidades, PhD, Universidade De Vigo.
  • Villarmea Álvarez, Iván (2016). "Transnational Identities in Galician Documentary Film: Alberte Pagán's Bs. As. and Xurxo Chirro's Vikingland". Oliete-Aldea, Elena; Oria, Beatriz, and Tarancón, Juan A. Global Genres, Local Films. The Transnational Dimension of Spanish Film. Bloomsbury. ISBN 978-1-5013-0298-5
  • Colmeiro, José (2017). Peripheral Visions/Global Sounds. From Galicia to the World.
  • Ledo Andión, Margarita (ed.) (2017), Para unha historia do cinema en lingua galega. [1] Marcas na paisaxe, Editorial Galaxia, ISBN 978-84-9151-172-4
  • Donoso, Sara (2019). Miradas cruzadas: Pintura e paisaxe no audiovisual galego contemporáneo, Estraperlo, A Coruña.
  • Ledo Andión, Margarita (ed.) (2019), Para unha historia do cinema en lingua galega. [2] A foresta e as árbores, Editorial Galaxia, ISBN 978-84-9151-335-3
  • Ledo Andión, Margarita (ed.) (2020), Para unha historia do cinema en lingua galega. [3] De illas e sereas, Editorial Galaxia, ISBN 978-84-9151-488-6
  • Nogueira, Xosé (ed.) (2021), Para unha historia do cinema en lingua galega. [4] Lume na periferia, Editorial Galaxia, ISBN 978-84-9151-766-5

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]