Saltar ao contido

Sempre Xonxa

1000 12/16
Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Sempre Xonxa
 Instancia de
 Xénero
 Lingua orixinal
 Cor
Autoría
 Director/a
 Guionista
 Editor/a de cine
Temática
 Ambientado en
Publicación
 Data de publicación
25 de novembro de 1989 Editar o valor en Wikidata
 País de orixe
 Recadación
138.638,32 € Editar o valor en Wikidata
Dimensións
 Duración
1 hora e 54 minutos Editar o valor en Wikidata
Fontes e ligazóns
Redes
IMDB: tt0098329 Filmaffinity: 616355 TCM: 512090 Editar o valor en Wikidata
Wikidata

Sempre Xonxa é un filme galego dirixido por Chano Piñeiro e estreado en 1989.[1] Foi a primeira longametraxe galega rodada en 35 mm e comparte con Urxa, de Carlos A. López Piñeiro e Alfredo García Pinal, e con Continental, de Xavier Villaverde, a honra de ser unha das primeiras longametraxes de ficción en galego. Durante vinte anos foi o filme en galego máis visto da historia, con 62.203 espectadores nos cinemas logo da súa estrea,[2][3] só superado por O que arde en 2019.[4]

Escultura-banco homenaxe a Chano Piñeiro, elaborada pola Escola de Cantería da Deputación de Pontevedra. Praza do Concello de Forcarei, xullo de 2021.

Sempre Xonxa é un filme sobre as consecuencias emocionais da emigración. Dous nenos, Pancho e Birutas que viven placidamente na mesma aldea están platonicamente namorados de Xonxa. Pero un dos rapaces, o Birutas, ten que emigrar, deixando a Xonxa e a Pancho na aldea. Cando o Birutas regresa de América, convertido nun home rico, Xonxa xa está casada con Pancho.

Personaxes

[editar | editar a fonte]

A historia abrangue o período que vai de 1946 a 1986, e estrutúrase en catro episodios, vinculado cada un deles a unha estación do ano. A primavera corresponde á infancia; o verán, á puberdade; o outono, á madurez e á forzada emigración; e o inverno á vellez e mais ó retorno.

Trátase dun filme realista, aínda que pode considerarse encadrado dentro do realismo máxico propio de Álvaro Cunqueiro, destacando neste sentido o personaxe do Caladiño, que entronca coa Galicia máxica e lendaria dos contos populares. Na primeira parte do filme aparece retratado o mundo da aldea galega durante o franquismo, ao igual que xa fixera Chano Piñeiro en Mamasunción.

Produción

[editar | editar a fonte]

O guión de Sempre Xonxa coñeceu o seu primeiro bosquexo xa a finais de 1985, antes incluso da rodaxe de Esperanza. A inspiración encontrouna Chano Piñeiro nas historias da emigración que oíra relatar no seu Forcarei natal e nas aldeas de Rubillón e Baíste (Avión), nas que gravou Mamasunción. Tivo ata nove versións antes do guión definitivo en 1988. Entre versión e versión, Chano Piñeiro comezou a buscar as localizacións do filme. Atopounas en Santoalla, no concello de Petín.[5] Esta aldea sería a vila de Trasdomonte na ficción.

A rodaxe comezou en 1988 pero por motivos económicos e técnicos demorouse durante ano e medio. Polo camiño, esgotou as finanzas e a saúde do seu director. Foi estreada en 1989, acadando un grande éxito nos cines de Galicia. No resto de España pasou completamente desapercibida, o cal é facilmente comprensible debido á súa temática centrada na emigración e o mundo rural galegos. A nivel internacional gañou diversos premios e tivo unha certa vida comercial especialmente en países onde a emigración galega tiña certa presenza.

A personaxe de Xonxa foi interpretada por Uxía Blanco, un papel que a colocaría como a máis importante actriz do incipiente panorama audiovisual galego. Miguel Ínsua encarnou a Birutas, mentres que Xavier R. Lourido fixo de Pancho. Unha das interpretación máis salientables foi a de Roberto Vidal Bolaño como mestrescola da aldea. Tamén participaron no filme as actrices Aurora Redondo e Loles León, así como o fotógrafo Manuel Ferrol, que se interpretou a si mesmo, co que Piñeiro quixo facer unha homenaxe ós fotógrafos populares que retrataron a Galicia emigrante.

A rodaxe de Sempre Xonxa estivo ateigada de dificultades. Chano Piñeiro esperaba contar co apoio do ministerio de Cultura, que lle negou ata tres veces a subvención. As dificultades financeiras trabaron a produción e esgotaron a Chano Piñeiro. Só se continuou cando conseguiu o patrocinio da consellería de Cultura da Xunta de Galicia (dise que grazas á influencia de Xosé Luís Barreiro Rivas, vicepresidente do goberno galego, amigo de Piñeiro e forcareirés coma el), da Deputación de Pontevedra e da Comisión do V Centenario da descuberta de América.

Con todo, a produción presentaba complexidades que Chano Piñeiro non calibrou axeitadamente. Para empezar, tivo que alongar a rodaxe máis do previsto para poder rodar nas distintas estacións do ano. Ademais, o seu dominio da produción cinematográfica aínda non era completo, o cal supuxo máis demoras.

  1. Arenas, José (25 de novembro de 1989). ""Cinegalicia", tres filmes para una puesta de largo". ABC (en castelán): 88. Consultado o 4 de novembro de 2009. 
  2. Catálogo ICAA (ed.). "Ficha da ICAA de Sempre Xonxa". Arquivado dende o orixinal o 01 de xuño de 2020. Consultado o 2 de novembro de 2019. 
  3. Mato, Mar (31 de outubro de 2019). ""O que arde" disputa a "Sempre Xonxa" a medalla de ouro do filme en galego máis visto da historia". Faro de Vigo. Consultado o 2 de novembro de 2019. 
  4. praza.gal, ed. (18 de novembro de 2019). "'O que arde' convértese no filme en galego máis visto en salas, superando a 'Sempre Xonxa'". Consultado o 20 de novembro de 2019. 
  5. Yáñez, María (10 de xullo de 2018). "‘Santoalla’, o documental que conta en clave de ‘thriller’ o homicidio de Martin Venfondern". Praza Pública. Consultado o 11 de xullo de 2018. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]