Chocolate quente

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á busca
Cuncas de chocolate mesto, como se adoita servir en Galicia.

O chocolate quente é unha bebida mesta que se fai desfacendo en leite quente chocolate de facer[1], produto obtido a partir da mestura de cacao, manteiga de cacao, azucre e fariña ou amidón. Pódeselle engadir nata batida e especias doces como canela ou cravo. O chocolate quente é unha bebida tradicional de Galicia[2].

Historia[editar | editar a fonte]

Véxase tamén: Chocolate.

As primeiras árbores do cacao (en singular, cacahuaquahitl) medraban de xeito natural nas zonas sombrizas dos matos tropicais das concas do Amazonas e do Orinoco, hai uns 4.000 anos. Os primeiros cultivadores foron ou ben os olmecas, hai tres mil anos, que ocupaban unha área de selvas tropicais ao sur de Veracruz, no golfo de México, ou ben os maias ao norte de Guatemaa. Estes, contra o século IV a. C., varios séculos despois da desaparición dos olmecas, establecéranse nunha vasta rexión ao sur do México actual, que se estende dende a península de Iucatán en América Central ao longo da rexión de Chiapas e a costa de Guatemala no Pacífico. Os maias chamaban á árbore do cacao cacahuaquchtl. O cacao era para eles símbolo de vida e fertilidade.

Os maias crearon unha beberaxe agre feita de sementes de cacao que consumían exclusivamente os reis e os nobres e tamén usada para dar solemnidade a determinados rituais sagrados. Nos seus libros, os maias describen diversas formas de elaborar e perfumar a bebida: máis líquido ou máis mesto, con máis ou menos escuma, con aditivos como chile picante...

O chocolate usábase con fins terapéuticos. Os feiticeiros mais prescribían o consumo de cacao tanto como estimulante como polos seus efectos calmantes. Os guerreiros consumíano coma unha bebida reconstituínte, e a manteiga de cacao era usada coma ungüento para sandar feridas. Era tamén usado coma moeda. A bebida foi coñecida polos descubridores españois e foron eles os primeiros en servilo quente, adozalo con azucre de cana, tralo seu descubrimento trasladouse a España e alí tornouse moi popular (véxase: Chocolate), tralo seu ingreso en España aos pouco foise trasladando a diversos países europeos.

En Galicia sábese que o chocolate se consome dende o século XVII, cando é nomeado por vez primeira en escritos en lingua galega sobre os costumes dos aldeáns. Frei Martín Sarmiento xa escribía en 1746: ...inda que tomaron mui quente e fervendo muito chicolate...[3] Todas as casa, humildes e podentes, tiñan unha chocolateira, unha pota de barro cun asa que se apoiaba na trepia, na lareira para ferver o chocolate de facer con leite.

Lenda[editar | editar a fonte]

Segundo a lenda, o deus Quetzalcóatl (representado polos mortais como 'a serpe emplumada') baixou dos ceos para transmitir sabedoría aos homes e tróuxolles un agasallo: a planta do cacao. Seica, os outros deuses non lle perdoaron que dese a coñecer un alimento divino e vingáronse desterrándoo: foi expulsado das súas terras polo deus Tezcatlipoca. Outra versión conta que Quetzalcóatl era un deus bondadoso que estaba enfrontado a Tezcatlipoca, o deus cruel; este puido máis ca el e condenouno ao desterro. Sexa como for a historia, o certo é que antes de se marchar prometeu volver por onde sae o sol no ano ce-acatl, segundo o calendario azteca, o que despois se asociou coa chegada de Hernán Cortés.

Usos gastronómicos[editar | editar a fonte]

Unha cunca de chocolate quente.

A bebida do chocolate quente bébese en Europa e en varias gastronomías de América Latina. En España, tamén en Galicia hoxe en día, por exemplo, é moi popular o chocolate con churros tomado na época invernal, e tamén servido para acompañar o roscón de reis. En Suíza e Francia é moi popular a cunca de cacao acompañada de doces. En moitos países latinomericanos, tómase o chocolate quente no almorzo, ou á tarde, acompañado de pan ou empanadas. No Perú, o chocolate quente forma parte dunha arraigada tradición. Este sérvese xunto co panetón no almorzo do día de Nadal malia xa ter nesa data comezado o verán no hemisferio sur. Esta tradición crese que comezou no Cuzco polo que se adoitan vender libras ou barras de chocolate desa rexión produtora de cacao.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Nome do chocolate en VV. AA. (2012) Dicionario de alimentación e restauración, Santiago de Compostela, Termigal. Xunta de Galicia. Real Academia Galega
  2. As primeiras referencias son de 1697, coa forma chicolate, textos no Tesouro Informatizado da Lingua Galega, da USC.
  3. http://ilg.usc.es/TILG/?tipo_busca=lema&pescuda=chocolate&categoria=Todas&desde=1600&ate=2050 Textos no Tesouro Informatizado da Lingua Galega, da USC.]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Coady, Chantal, Chocolate. Manual para sibaritas, Evergreen-LocTeam, Barcelona, 1998.
  • Martí Escayol, Maria Antònia, El placer de la xocolata. La Història i la cultura de la xocolata a Catalunya, Editorial Cossetània, Valls, 2004.
  • Schiaffino, Mariarosa, Chocolates y bombones, Mondibérica, Madrid, 1986.

Outros artigos[editar | editar a fonte]