Catedral de León

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Este artigo trata sobre unha catedral en España, para a catedral en Nicaragua véxase Catedral de León (Nicaragua).
Catedral de León
Catedral de León
Datos xerais
PaísEspaña España
Rexión Castela e León
TipoCatedral
AdvocaciónSanta María de Regla
Coordenadas42°35′58″N 5°34′00″O / 42.59944444, -5.56666667Coordenadas: 42°35′58″N 5°34′00″O / 42.59944444, -5.56666667
CatalogaciónPatrimonio Histórico de España, Ben de Interese Cultural (1931)
Culto
CultoIgrexa Católica
Diocesediocese de León
Arquitectura
Construción1205-1301
Estilogótico
Medidas100 x 70 m
Páxina webwww.catedraldeleon.org
editar datos en Wikidata ]

A Catedral de León é un templo de culto católico, sé episcopal da diocese de León, España. Está dedicada a Santa María de Regla.

Iniciada no século XIII, é unha das grandes obras do estilo gótico, influída polo gótico clásico francés.[1] Coñecida co alcume de Pulchra leonina,[2] que significa "a fermosa leonesa". Atópase en pleno Camiño de Santiago.[3].

Historia[editar | editar a fonte]

Construcións anteriores[editar | editar a fonte]

As termas romanas
Retrato do século XIX de Ordoño II.

Orixinariamente, baixo a actual localización da catedral, a Legio VII Gemina construíra unhas termas, cun tamaño superior á do actual edificio. Durante a gran restauración do século XIX foron descubertos os seus restos baixo a catedral, e en 1996 exploráronse outros xunto a fachada sur. Nada queda destas primitivas edificacións, agás algúns restos de mosaicos, tegulas e cerámicas, hoxe expostos no Museo. Outros, como os hipocaustos, fican aínda baixo o soar catedralicio.

A primitiva catedral

Durante a reconquista cristiá as antigas termas romanas foron convertidas en palacio real. No ano 916 o rei Ordoño II, que había poucos meses ocupara o trono de León, venceu aos mouros na batalla de San Esteban de Gormaz. Como sinal de agradecemento a Deus pola vitoria, cedeu o seu pazo para construír a primeira catedral. Baixo o episcopado de Fruminio II, é transformado o edificio nun sacro lugar. O templo estaba custodiado e rexido por monxes da orde de San Bieito, e é moi probábel que a súa estrutura fose moi semellante á de tantos outros existentes durante a época mozárabe leonesa. Seguindo a tradición cristiá de soterrar dentro dos templos a quen encarnaban a autoridade "vida de Deus", aquela sinxela catedral viuse logo enriquecida cos restos do rei Ordoño II, rei de Galiza e León, finado en Zamora o ano 924.

Falan as crónicas do paso de Almanzor por estas terras a finais do século X, devastando a cidade e destruíndo os seus templos. No entanto, os danos ocasionados á fábrica da catedral seica foron arranxados inmediatamente, xa que polo ano 999 era coroado nela, nun acontecemento cheo de esplendor, o rei Afonso V. Tras unha sucesión de revoltas políticas e de duras empresas bélicas, contra o 1067 o estado da catedral era de suma pobreza. Isto conmoveu ao rei Fernando I de León, quen, despois de trasladar os restos de Santo Isidoro a León, «envorcouse en favores á mesma». Con este rei iniciouse unha época pacífica, colectando grandes triunfos na expansión do reino cristián. Era o momento do florecemento do románico isidoriano.

A catedral románica

Coa axuda da princesa Urraca de Zamora, irmá do rei, iníciase a construción dunha segunda catedral, acorde cos arelos da cristiandade románica, e dentro do seu estilo arquitectónico. Ocupaba a sé episcopal Paio II. Cando o arquitecto Demetrio de los Ríos, entre os anos 1884 e 1888 escavou o chan da catedral para repor as laxes e cimentar os piares, atopou parte dos muros e fábrica daquela segunda catedral. A través do plano que el mesmo debuxou, podemos apreciar como se configuraba todo dentro da gótica: Era de ladrillo e cachotaría, con tres naves rematadas en ábsidas semicirculares, dedicado o central a santa María, coma na igrexa anterior. Construíuse tamén un claustro no costado norte. Esta nova igrexa tivo unhas dimensións considerábeis, medindo 60 metros de lonxitude e 40 metros de largura máxima. Aínda que toda ela estivese executada dentro das correntes internacionais do románico, contemplando o que sobreviviu da súa estatutaria podemos pescudar que tiña o seu carácter autóctono, utilizándose aínda o arco de ferradura, polo menos como forma decorativa.

Foi consagrada o 10 de novembro de 1073 durante o reinado de Afonso VI de Galiza, León e Castela. É de supoñer que nela traballasen os mesmos canteiros que estaban a construír a Basílica de Santo Isidoro de León.

Esta catedral mantívose en pé até finais do século seguinte. Cando accede ao trono o último rei privativo de León, Afonso IX de León e Galiza, asístese na cidade e no reino de León e Galiza, a un importante cambio social, de creatividade artística e desenvolvemento cultural.

Construción da catedral gótica[editar | editar a fonte]

Interior da catedral de León.

A construción da terceira catedral iníciase contra 1205, mais os problemas construtivos dos alicerces fixeron que logo se paralizasen os traballos, que non proseguiron até 1255, baixo o pontificado do bispo Martín Fernández e o apoio do rei Afonso X o Sabio de Castela, sendo esta nova catedral de estilo enteiramente gótico.

O arquitecto da catedral semella que foi o mestre Henrique, seica natural de Francia, e que xa traballara outrora na catedral de Burgos. É evidente que coñecía a forma arquitectónica gótica da illa de Francia. Faleceu en 1277, sendo substituído polo español Juan Pérez.

En 1289 finaba tamén o bispo Martín Fernández, cando a cabeceira do templo xa estaba aberta ao culto. A estrutura fundamental da catedral logo remata, en 1302, abrindo o bispo Gonzalo Osorio a totalidade da igrexa aos fieis, aínda que no século XIV aínda se terminaría o claustro e a torre norte, e a torre sur non se rematou até a segunda metade do século XV. Esta presteza nos traballos danlle unha grande unidade de estilo arquitectónico.

Fachada principal da catedral de León.

A catedral de León, o mesmo cá súa irmá predecesora, a catedral de Burgos, inspírase na planta da catedral de Reims[1] (aínda que de menor superficie), que ben puido coñecer o mestre Henrique. Aínda que autores como Félix Benito Martín afirman que, estruturalmente, ten máis parecido coa de Troyes.[1]

Ao igual que a maioría de catedrais francesas, a de León está construída cun módulo xeométrico baseado no triángulo (ad triangulum), cuxos membros relaciónanse coa raíz cadrada de 3, ao que responden a totalidade das súas partes e do todo. Este aspecto, como a planta, os alzados, e os repertorios decorativos e simbólicos converten esta catedral nun auténtico edificio transpirenaico, afastado da corrente hispánica e pertencente á máis pura escola da Champaña francesa, que lle mereceu os cualificativos d’«a máis francesa das catedrais ibéricas» ou o de Pulchra Leonina, pois se os seus riscos formais ligan co gótico champaniense, os seus significados simbólicos e programa arquitectónico están estreitamente ligados cos da catedral de Saint Denis, a Catedral de Notre-Dame de París e maila catedral de Reims. Xeograficamente tampouco é allea a aquel mundo, pois aínda que ergueita na vella capital dos reis galaico-leoneses, a cidade era un dos fitos máis importantes do Camiño de Santiago, tamén chamado de Camiño Francés.

Ademais da planta, a catedral de León tamén está inspirada na de Reims na estrutura e a forma das capelas do deambulatorio (aquí poligonais) e o desenvolvemento do cruceiro. A influencia da catedral de Chartres pode notarse no pórtico occidental. A de León abandona o modelo da catedral de Reims nos alzados a partir do corpo do triforio, pois aquí é diáfano e acolle os progresos técnicos conseguidos na Sainte Chapelle de París e na catedral de Amiens.

Tamén influencia francesa é o desenvolvemento do presbiterio, coa idea inicial de colocar alí o coro segundo o costume daquela. Individual leonés é a situación do claustro, sen articulación orgánica co templo, a saída da planta das torres da fachada principal, que obriga a amosar o alzado dos arcobotantes da nave central, e maila non continuidade das cinco naves da cabeceira no corpo do templo, que se reducen a tres.

Como risco característico máis importante, goza a catedral leonesa de acadar o summum luminoso de todas as catedrais, cun espazo inmenso de vidreiras ao se reducir a estrutura pétrea de sustentación ao mínimo posíbel, chegando a superar así tecnicamente ás mesmas catedrais francesas.

O lado sur da catedral, dende Puerta Obispo.

O problema foi que gran parte do soar aséntase sobre restos romanos, hipocaustos do século II, o que dificultou a boa cimentación dos piares. A acumulación de humidades e a filtración de augas ocasionou serios inconvenientes aos mestres. Por outra banda, a maior parte do perpiaño da catedral é de pedra de mediocre calidade, de tipo calcario, con escasa resistencia ante os axentes atmosféricos. Ademais, a sutileza do seu estilo é un desafío á materia; os numerosos soportes son sumamente febles, as liñas redúcense a unha depuración total, de xeito que varios arquitectos da época puxeron en dúbida que tal proxecto puidese ficar en pé. Esta estrutura case inverosímil xunto coa má calidade da pedra e a pobre cimentación, provocaron que desde o século XV sufrise constantes intervencións e restauracións, convertendo o templo no paradigma europeo de intervencións de transformación, restauración e conservación.

A lenda da toupeira

Sobor da porta de san Xoán, polo interior, pendura o pelello, a modo de quilla, que a tradición leonesa identificou coma unha «toupeira maligna». Segundo conta a lenda, á noite a toupa estragaba todo o construído ao longo do día, nos primeiros momentos da magna obra do templo. Impacientándose os leoneses porque os traballos da prometida catedral non avanzaban, decidiron acabar con aquel ser maligno: algúns deles agardárona toda a noite e rematárona a tundas. En lembranza daquel feito e en agradecemento á Virxe María, titular do templo, a pelica do animal pendurouse no interior da catedral, na lumieira da porta, na fachada oeste.

A realidade que agocha a lenda é que os traballos da catedral de León atopáronse con numerosos problemas de cimentación, sobre un terreo moi inestábel que, xa daquela, acollera moitas e diversas construcións. A isto uníase a hoxe coñecida mediocre calidade da pedra empregada, traída da localidade de Boñar, na montaña leonesa. Pola súa banda, o que hoxe podemos contemplar na penumbra sobre a xa mencionada porta do templo catedralicio demostrou durante os anos 90 ser en realidade unha coiraza de tartaruga de coiro (Dermochelys coriacea), cuxa orixe aínda é incerta, aínda que se presupón que se trataría da ofrenda realizada por algún home de poder á catedral, inseríndose tal elemento na antiga tradición (clave na constitución de numerosos museos) do coleccionismo de antigüidades e rarezas.

Fachada sur da catedral cos seus engadidos barrocos.
Aspecto da catedral contra 1850. Pódense apreciar os anteriores pinches oeste e sur e a cúpula barroca cos seus pilastróns.

Época de reformas e problemas construtivos[editar | editar a fonte]

A extrema fraxilidade do edificio deu problemas moi cedo. No século XV, a construción de torricelas ocas polo mestre Justín na zona sur (a «silla de la reina») e na zona norte («la limona») mellorou as cargas dos arcobotantes cara a cabeceira, mais a feble estrutura seguiu con problemas. Daquela, o mestre Justín rematou a torre sur en estilo gótico flamíxero. Tamén se construíron os remates triangulares dos pinches norte e sur. Nos últimos anos do século XV, lévase tamén a cabo a construción da libraría (actual capela de Santiago) por Juan de Badajoz pai e fillo, en estilo gótico flamíxero. Tamén o coro é obra deste século, así como as pinturas de Nicolás Francés e mais o retablo.

A principios do século XVI, Juan de Badajoz o Mozo construíu o remate do penal en pinche occidental en estilo plateresco, excesivamente pesado e alto. Tamén construíu unha sancristía plateresca para a catedral, no costado sueste, e refixo as bóvedas do claustro. No interior do edificio destacou a construción do trascoro.

No século XVII proseguiron os problemas. O 4 de febreiro de 1631 derrubouse parte da bóveda central do cruceiro.[4] O cabido recorreu a Juan de Naveda, arquitecto de Filipe IV de España, que cubriu o cruceiro cunha gran cúpula, crebando cos contrarrestos do sistema gótico, tan distintos dos do barroco. O excesivo peso provocaría o desprazamento das cargas radiais cara o pinche sur ante a fraqueza dos arcos torais e ao fallaren tamén os alicerces. A lanterna fechouse provisionalmente en 1651, mais a finais do século xa se se advertían algunhas fallas na cúpula que desviaba o seu eixo cara o sur. O crebado pinche sur tivo que ser reedificado por Conde Martínez en 1694, substituíndo o pinche gótico por unha espadana barroca.

Quixo pór remedio a estes desastres Joaquín de Churriguera erguendo catro grandes pináculos arredor da cúpula e sobre os piares do cruceiro, a principios do século XVIII, mais as consecuencias desta intervención serían nefastas. Por León foron desfilando grandes arquitectos, como Giacomo de Pavía, mentres os males seguían agravándose. O Sismo de Lisboa do ano 1755 conmoveu a todo o edificio, afectando de xeito especial aos maineis e ás vidreiras. Abríronse grandes fendas na fachada sur, polo que foi necesario cegar o triforio, desmontar o rosetón, e substituílo por unha fiestra dupla xeminada.

No ano 1830 aumentaron os desprendementos de pedras no pinche do muro penal sur e, para o salvar, Fernando Sánchez Pertejo tivo que reforzar os contrafortes de toda a fachada.

Restauración dos século XIX, XX e XXI[editar | editar a fonte]

Fachada occidental en 1875, anterior á súa restauración e modificación.
Reconstrución da fachada occidental contra 1890.

No ano 1844, o mal estado do edificio fixo que o Estado tivese que acudir á súa reparación, data na que a catedral de León foi declarada Monumento Nacional, o primeiro do patrimonio español. En 1849 o xesuíta P. Ibáñez deseñou e colocou un novo rosetón para o pinche sur.

En 1857 comezaron novamente a caer pedras do cruceiro e a nave central. Matías Laviña, nomeado Arquitecto Director das obras de restauración en 1859,[5] descoñecedor do funcionamento do edificio gótico, desmontou a cúpula de media laranxa de Naveda e os catro pináculos que a flanqueaban e proseguiu desmontando o cruceiro e toda a fachada sur.[5] As críticas sobre o derrubamento provocaron a súa morte en 1868.

Seguíronlle Andrés Hernández Callejo, Juan de Madrazo, o mellor restaurador de España e bo coñecedor do gótico francés, e que proxectou o seu admirábel sistema de cimbras das bóvedas altas. A armazón de cimbras foi un complexísima trabazón de carpintaría, que serviu para soster todos as cargas do templo mentres se procedía á reconstrución de toda a fachada sur e do cruceiro desmontados. Ademais, Madrazo modificou notabelmente a disposición das bóvedas, e volveu refacer dende a arcada a fachada sur, inspirándose na norte, incluíndo o perdido rosetón. O novo pinche triangular foi tamén inspirado polo existente na fachada norte. En xeral, planeou todo o templo tal e como o atopamos hoxe en día, conseguindo un gótico puro. En 1878 tiráronse a cimbras e o edificio aturou as cagas.

A Juan de Madrazo sucedeulle no cargo Demetrio de los Ríos en 1880. Purista, como o anterior, continuou dando á catedral o aspecto gótico primitivo, substituíndo o pinche occidental plateresco, que fixeran Juan López de Rojas e Juan de Badajoz o Mozo no século XVI, por un deseño neogótico análogo ao recentemente construído na fachada sur. Juan Bautista Lázaro concluíu os traballos de restauración. En 1895 emprendeu a ardua tarefa de recompor as vidreiras que levaban anos descompostas.

En 1901 a catedral foi reaberta ao culto, co recuperado esplendor do gótico. Pode afirmarse que esta restauración foi unha das máis complexas e arriscadas realizadas en Europa no século XIX.

Os traballos de restauración continuaron levemente no século XX, especialmente nas primeiras décadas. En 1911, Manuel Cárdenas destruiría lamentabelmente a ‘’Puerta del Obispo’’, edificio civil que unía a catedral co Palacio Episcopal. En 1930, Juan Crisóstomo Torbado terminaría a cancela exterior iniciada en 1794, choendo todo o adro. Este arquitecto acometería despois a restauración do claustro.

Nas últimas décadas traballouse no reforzo das estruturas e limpeza, e tamén a restauración e consolidación das vidreiras, usando as máis modernas técnicas.

Características xerais[editar | editar a fonte]

Xeneralidades do gótico[editar | editar a fonte]

Vista da catedral de León alumeada desde os altos da Candamia.

Na arquitectura gótica xeneralízase o uso dos arcos apuntados (ou arcos oxivais) e a bóveda de cruzaría concentrando así as cargas en puntos determinados e non en todo o muro, que permiten facer catedrais máis esveltas (por unha banda, o arco pode alongarse sen ampliar a súa largura como ocorría no románico e reduce as cargas facendo cubertas máis lixeiras, o que permite abrir os muros). Desaparece a tribuna románica e as cargas laterais que esta arranxaba envíanse aos arcobotantes, arcos que transmiten a carga lateral da cuberta aos contrafortes exteriores, que acostumaban estar rematados con pináculos. As grandes vidreiras son unha mostra do interese do gótico por se comunicar co pobo. Así mesmo, a sensación de verticalidade correspóndese á idea do Xerusalén celeste, en comparación contra a sensación de acollemento e seguranza aos fieis creada no románico. Este tipo de construcións adoitaban ter un número impar de naves (3 ou 5) sustentadas por unha bóveda de cruzaría cuadripartita, sexpartita, de terceletes, de abano ou estrelada.

A fachada principal estruturábase xeralmente en tres vans abucinados, constituídos por arquivoltas e xambas e enmarcados nun gablete, unha galería de reis do Antigo Testamento, un gran rosetón (situado na nave central), un ándito (espazo mediante o cal accédese á fachada para realizar posíbeis reformas) e por dúas torres de características diferentes (rematadas ou non cun pináculo en forma de frecha).

Planta[editar | editar a fonte]

A planta é case unha réplica da catedral de Reims aínda que en formato algo menor. Ten unhas dimensións de 90 m de longa, 30 m de alta e 29 m de larga. Dividida en tres naves, da entrada ao transepto, e cinco naves do transepto ao altar maior. A catedral presenta macrocefalia, é dicir unha cabeceira de maior tamaño que lo común (o largo do transepto neste caso) e que lle resta algo de profundidade e perspectiva porén en troques bríndalle maior espazo para os fieis (por mor de estar no Camiño de Santiago a súa afluencia era maior). As naves da catedral de León cóbrense con bóveda de cruzaría cuadripartita en treitos rectangulares. O cruceiro faino cunha bóveda cuadripartita, que substituíu a cúpula barroca do século XVII nas obras acometidas a finais do século XIX co fin de gardar coherencia co resto da construción. Nos seus muros presenta 125 grandes fiestras, con 1.800 m² de vitrais policromados de orixe medieval, sendo considerados dos mellores do mundo no seu xénero. Deles, salienta o grande rosetón central situado no pórtico central, entre as dúas torres de agulla, así como as da Capela Maior, o transepto norte e a Capela de Santiago.

Planta.
  1. Pórtico da Nosa Sra. “La Blanca”.
  2. Pórtico de San Xoán.
  3. Pórtico de San Francisco.
  4. Capela de San Xoán.
  5. Deambulatorio.
  6. Coro.
  7. Altar Maior e Retablo.
  8. Porta de Nosa Sra. “del Dado”.
  9. Capela de Santa Tareixa.
  10. Claustro.
  11. Capela de San Nicolás.
  12. Capela do Conde de Rebolledo.
  13. Capela de Santo André.
  14. Capela de Santiago.
  15. Capela da Nosa Sra. “del Dado”.
  16. Capela do Tránsito.
  17. Capela do Nacemento.
  18. Capela da Concepción.
  19. Capela da Virxe Branca.
  20. Capela do Consolo.
  21. Capela do Cristo.
  22. Capela do Carme.
  23. Capela de San Francisco.
  24. Porta da Morte.
  25. Porta do Sarmental.
  26. Porta de San Froilán ou da Raíña.

Exterior[editar | editar a fonte]

Fachada occidental da catedral coa súa iluminación nocturna.
Perspectiva das torres da catedral
Triplo pórtico occidental de acceso ao templo.

Fachada occidental[editar | editar a fonte]

Fachada

A fachada occidental é a principal da catedral, e pola que normalmente se accede ao templo. Consta dun pórtico triplo oxival semellante ao da catedral de Reims. Nas xambas, arquivoltas, tímpanos e parteluces das portadas desenvólvese un traballo escultórico de destacado papel no gótico español, actuando de filtro da influencia francesa. Por riba do pórtico, sitúase o gran rosetón central, con vidreiras de finais do século XIII. O pinche triangular neogótico actual foi construído por Demetrio de los Ríos a finais do século XIX durante a súa restauración, sendo desmontado o anterior plateresco do século XVI.

Torres

A fachada atópase flanqueada por dúas torres góticas de 65 e 68 metros respectivamente. O feito que as torres sexan diferentes, en forma e altura, responde a momentos diferentes da construción e é bastante típico do gótico. A torre norte ou das campás foi iniciada no século XIII e rematada no século XIV, sendo máis sobria e maciza, rematada nunha agulla fechada. A torre sur ou do reloxo iniciouse tamén no século XIII, mais non foi concluída até finais do século XV, momento no que o mestre Justín deulle o remate. O seu estilo é gótico flamíxero, cunha agulla calada, estando menos acorde co resto do edificio que a súa compañeira. As torres da catedral de León presentan a particularidade de estaren encostadas ás naves laterais, no canto de xurdir delas. Isto permite a curiosa vista dos arcobotantes das naves laterais desde a fachada occidental.

Portada da Virxe Branca ou do Xuízo Final
Portadas

Realizadas na segunda metade do século XIII, as riquezas das portadas da catedral de León convértena no máximo expoñente da escultura gótica española. O pórtico triplo occidental atópase dedicado nos laterais a San Francisco e a San Xoán Bautista, mentres a portada principal representa o Xuízo Final. A influencia francesa evidénciase nesta portada principal, realizada contra a 1270. Desta, salientan os personaxes das xambas e Nosa Señora A Branca (‘’La Blanca’’) no parteluz, hoxe substituída por unha copia. As figuras presentan o naturalismo propio do gótico que se impón sobre o simbolismo e hieratismo románicos. O traballo das pregaduras nas roupaxes, a expresión e individualización dos rostros e a sensación de movemento son as principais características. O modelo de Nosa Señora A Branca ou Virxe Branca salienta pola súa humanidade, conseguida en gran parte, polo sorriso que lembra ao Anxo da Anunciación da catedral de Reims.

A portada esquerda, ou "de San Xoán", no tímpano amósase o Ciclo da Natividade de Xesús: Visitación, Nacemento, Adoración dos Pastores, Herodes, Epifanía e Matanza dos Inocentes, cun gran sentido da narratividade. Nas Arquivoltas aparece unha alusión da árbore de Xesé, en relación coa xenealoxía de Cristo e historias relacionadas coa vida de San Xoán Bautista, dando o nome á porta.Nesta portada e a seguinte, aparece o "locus apellationis", columna ante a que se administraba xustiza no Reino de León, segundo normas que se remontan ao Fuero Juzgo e ao leonés de 1020, e que provoca a asimilación de Afonso X, patrocinador do templo, coa figura do rei Salomón, representado ao fondo sobre a columna.

A portada central, "da Virxe Branca" ou do Xuízo Final, está presidida polo Cristo Xuíz que mostra os seus estigmas, mentres os anxos portan os instrumentos do seu martirio e a Virxe e san Xoán se axeonllan como principais intercesores. Baixo el e nas arquivoltas desenvolveuse o xuízo no que san Miguel pesa as almas (psicostase) e separa aos benaventurados que van ao paraíso (incluídos Afonso X ou san Francisco, que aparecen con varios instrumentos de música), dos condenados que sofren os tormentos do inferno, sendo devorados por demos ou sendo introducidos en caldeiras a ferver. Nas arquivoltas aparecen escenas da resurrección dos santos. O parteluz de ambas as portas es presidido por unha reprodución da "Virxe Branca" co Neno nas mans (a orixinal está gardada no interior do templo, na capela do mesmo nome), sendo a escultura máis representativa da catedral e unha das de máis calidade do gótico español. Xunto ás portas, aparecen esculturas de santos, evanxelistas e protagonistas do Antigo Testamento. Salienta a escultura de Santiago (recoñecida pola cuncha do seu chapeu; o seu pedestal está gastado, segundo a tradición, polas mans dos peregrinos ao seu paso por León de camiño cara Santiago de Compostela.

A portada da dereita, ou "de san Francisco", está dedicada á Virxe, relatando o tímpano a morte e coroación de María e portando as arquivoltas varios concellos de anxos, e no exterior, as cinco virxes prudentes fronte ás cinco necias. As xambas albergan figuras de varios profetas de distinta cronoloxía.

Fachada sur da catedral.

Fachada sur[editar | editar a fonte]

Fachada

Esténdese cara a porta Bispo, orientada ao sur do templo. Foi a zona que máis sufriu os problemas construtivos da catedral, chegando a ser reconstruída en varias ocasións. No século XVII, o triforio foi cegado, e colocouse un pinche barroco en forma de espadana, e o século XVIII, tras o terremoto de Lisboa, o seu rosetón foi desmontado e substituído por unha fiestra dupla barroca. Afortunadamente, durante as grandes restauracións de finais do século XIX, Matías Laviña proxectou a fachada actual, construíndo un novo rosetón, triforio e pinche neogóticos, imitando a fachada norte, que nunca foi retocada. Á dereita do gran rosetón encontramos a torricela denominada "cadeira da raíña", realizada no século XV polo mestre Justín, e que servía para recoller as cargas horizontais dos arcobotantes cara a cabeceira.

Portada do sarmental na fachada sur, san Froilán preside o parteluz.
Portadas

A portada sur tamén conta con tres pórticos, ao estilo das catedrais góticas francesas, realizados entre 1265 e 1275.

A portada esquerda é a denominada «da morte», pola configuración que acompaña ao peneirado heráldico de Castela e León. Non posúe decoración no tímpano, só nas arquivoltas e xambas. O nome de Porta da Morte procede dunha figura dun esqueleto con ás, colocado en época posterior nunha das ménsulas.

A central, chamada "do sarmental" é moi similar á porta do sarmental da catedral de Burgos, representando a Cristo sedente como Pantocrátor mostrando o Libro da Lei, e arrodeado do tetramorfos: o touro (Lucas), a aguia (san Xoán), o león (San Marcos) e o home (San Mateu). Aos seus lados aparecen evanxelistas sentados, a escribir sobre pupitres. Anxos e anciáns da Apocalipse con instrumentos musicais adornan as arquivoltas. O parteluz está ocupado por unha estatua de San Froilán.

A portada dereita, chamada "de san Froilán", amosa no seu tímpano escenas da vida do santo, a súa morte e o traslado das súas reliquias á catedral leonesa. As arquivoltas están decoradas con anxos. Esta portada tivo grande importancia na Idade Media pois por ela entraba o bispo, ao estar situado fronte ao Palacio Episcopal. Ademais, tamén era empregada por todos os peregrinos que entraban por unha porta da muralla preto da catedral para visitar os restos do santo. Actualmente atópase cegada.

Fachada norte vista desde o Claustro.

Fachada norte[editar | editar a fonte]

Fachada

A fachada norte da catedral é a menos visíbel por mor da súa situación por riba do claustro. Só se pode apreciar deseño propio claustro ou desde as alturas da vila. Consta dun pinche con triforio presidido por un gran rosetón con vidreiras de finais do século XIII. O pinche triangular e a súa rosa calada é do século XV, e foi usado como modelo para a reconstrución dos pinches dos lados sur e oeste nas restauracións de finais do século XIX. Á esquerda da fachada está outra torricela, "la limona", realizada no século XV para recoller as cargas horizontais dos arcobotantes cara a cabeceira. Esta fachada non foi retocada polas grandes restauracións, ficando inalterada dende a súa construción.

Portada policromada da Virxe do Dado na fachada norte, que dá acceso ao claustro.
Portadas

Na súa orixe constaba, como nos casos anteriores, dunha portada tripla, se ben esta non dá ao exterior do templo, senón que fica cuberta pola peza de acceso ao claustro.

A portada esquerda foi cegada e desapareceu coa construción do claustro.

A portada central, coñecida como a da Virxe do Dado, levouse a cabo na última década do século XIII e aínda conserva a maioría da policromía, do século XV. No tímpano, un Cristo beice desde a améndoa mística que suxeitan os anxos e flanquean os evanxelistas. No parteluz aparece a escultura da "Virxe do Dado", chamada así pola lenda sobre un soldado que guindou os seus dados a causa dunha adversidade no xogo, cara a face do Neno, que sangrou milagrosamente (fronte a ela represéntase o milagre nunha vidreira). Nas xambas aparecen Paulo, Pedro, Santiago, Mateu e maila Anunciación a María.

A portada dereita úsase como entrada e saída á peza que dá saída ao claustro. O tímpano non é escultórico, senón que posúe unha pintura gótica da Virxe co Neno. Nas arquivoltas hai figuras vexetais. Tamén conserva a policromía.

Naves[editar | editar a fonte]

A catedral de León conta con tres naves e un transepto. A nave central mide 90 metros de longo e 30 de altura, mentres que as dúas naves laterais miden 15 metros de altura, e únense a través do deambulatorio. Desde o exterior, son perfectamente visíbeis todos os contrafortes, os arcobotantes e os pináculos ao longo das naves, que serven para desviar as cargas do edificio ao exterior e poder furar as naves con grandes fiestras. Tamén existen gran cantidade de gárgolas, con forma de animais ou monstros míticos, que servía para cuspir ao exterior a auga que caía da cuberta a través dos arcobotantes.

Ábsida da catedral de León, vista desde o barrio de El Ejido.

De cara ao exterior o máis importante é a substitución dos muros de pedra polos vans con vidreiras. As dúas naves laterais están perforadas con vans desde a fachada occidental deica o transepto, constituíndo as grandes fiestras da parte baixa do edificio. A nave principal está perforada con grandes fiestras que percorren todo o edificio, incluído o transepto e a ábsida, dando lugar ao claristorio. Xusto por baixo está o triforio calado que tamén percorre o edificio. Este alixeiramento dos muros é o que dá lugar á "desmaterialización" da arte gótica. Algunhas volutas e enfeites que se poden ollar na pedra entre as grandes fiestras da nave principal son obra das restauracións de finais do século XIX.

Ábsida[editar | editar a fonte]

A ábsida é a parte máis antiga da catedral, por mor de que as igrexas comezaban a se construír pola cabeceira para poder realizarse culto antes da conclusión definitiva do templo. A vista da catedral desde a ábsida é unha das máis impresionantes, porque é nesta zona onde os arcobotantes acadan a súa maior espectacularidade. Os arcobotantes desvían as cargas cara o exterior permitindo alixeirar os muros, que poden ser furados por grandes fiestras. Durante gran parte do ano, os pináculos da ábsida da catedral leonesa son usados como pousadeiro e niños por numerosas cegoñas. Algunhas delas pasan o inverno en León.

Interior[editar | editar a fonte]

En canto ao seu alzado interior, a catedral segue co modelo francés en tres pisos ou rexistros. O primeiro é o dos arcos formeiros (arco formeiro) apuntados con piares fasciculares, cuxos boceis insírense nos nervios das bóvedas creando un eixo que marca a verticalidade do interior. O segundo piso conta cun triforio e o terceiro é o cleristorio, o conxunto de vidreiras.

Coro[editar | editar a fonte]

Coro e órgano na nave central.

En León, tamén segundo o costume estranxeiro, estaba situado orixinalmente na cabeceira, diante do altar maior. En 1746, finalmente foi trasladado ao centro da nave maior. O arquitecto Cárdenas en 1915 abriría o grande arco central cuns enormes cristais que recuperan, en parte, a vella perspectiva da nave central e a vista do altar maior.

O cadeirado actual, quizais substituto dun anterior, foi realizado entre 1461 e 1481 en estilo gótico en madeira de nogueira. Trátase dun dos cadeirados máis antigos de España. A un primeiro mestre Henrique, carpinteiro que consideraría o traballo, sucederon Juan de Malinas e o mestre Copín, imaxineiros das principais tallas (testeiros e respaldos). Un riquísimo elenco de motivos congrega aos habituais personaxes do Antigo Testamento e aos santos nos lugares máis visíbeis, contrapoñéndoos a varias figuras profanas de ton burlesco e costumista, á moda nórdica. Os autores non se recataron en utilizar figuras de cregos para satirizar vicios, en mordaces escenas que chegan ás veces á obscenidade.

Trascoro[editar | editar a fonte]

Primeiramente un antecoro que miraba aos fieis desde o altar clausurado e inaccesíbel, foi trazado por Juan de Badajoz o Mozo en estilo plateresco. A obra remataríase entre 1560 e 1590 en plena contrarreforma, elevando a súa envergadura con imaxes laterais e un grande arco triunfal. Estéban Jordán labrou os catro relevos de alabastro con escenas da Anunciación, Nacemento e Adoración.

Altar maior[editar | editar a fonte]

Altar maior da catedral, arrodeado polas vidreiras da ábsida.

O altar maior ou capela maior da catedral está actualmente ocupado por un retablo neogótico montado por Juan Bautista Lázaro con cinco táboas procedentes do retablo perdido realizado por Nicolás Francés a mediados do século XV, e outras de procedencia diversa (Palanquinos etc). Representan a vida de San Froilán, o traslado do corpo de Santiago e a Presentación da Virxe, nunha mestura de estilo gótico internacional e gótico flamengo. Salientan as táboas laterais, en especial o Descendemento da esquerda.

No altar, a arca de San Froilán, que recolle os seus restos,[6] é unha obra mestra do prateiro Enrique de Arfe (1519-1522) con algunhas modificacións barrocas. O altar está fechado por unha reixa de estilo plateresco, obra de Juan de Badajoz o Mozo.

Deambulatorio e capelas[editar | editar a fonte]

Deambulatorio da catedral.

Arredor da parte traseira do altar maior atópase o deambulatorio. No caso da catedral de León, como moitas outras do Camiño de Santiago, o deambulatorio ten un grande espazo, para permitir o paso de abundantes peregrinos e evitar aglomeracións. Consta de cinco capelas de forma hexagonal, dispostas arredor do deambulatorio, e delimitadas por reixas. Cada unha destas capelas está presidida por unha gran fiestra dupla con vidreiras.

Escultura orixinal da Virxe Branca na capela do mesmo nome.

As capelas son:

  • Capela do Carme
  • Capela do Cristo
  • Capela de acceso á sancristía
  • Capela da Consolación
  • Capela da Virxe Branca: garda a imaxe orixinal da Virxe Branca dende 1954.
  • Capela da Concepción
Detalle das vidreiras da capela de Santiago.
  • Capela do Nacemento
  • Capela de Santiago
  • Capela de Santa Tareixa

Claustro[editar | editar a fonte]

Vista do claustro catedralicio.

A catedral de León foi deñada sen claustro, mais finalmente ergueuse entre finais do século XIII e principios do século XIV. Esta construción cubriu a entrada norte que, dende aquela, ficou resgardada. Este claustro ten unha planta cadrada de 30 metros de lado, posúe seis intercolumnios por lado e 24 piares en total, respondendo ás proporcións establecidas nos claustros cistercienses. Ao seu arredor agrúpanse diversas dependencias, entre elas, o actual Museo Catedralicio.

Os arcos apuntados e capiteis do muro interior presentan escenas bíblicas e da vida cotiá, mostrando de novo o diálogo do divino e o humano, típico do gótico. Os murais entre as arcadas do claustro foron pintados cos episodios da vida de Cristo por Nicolás Francés nos anos 60 do século XV, aínda que algúns deles son obra posterior de Lorenzo de Ávila e outros.

A comezos do século XVI, Juan de Badajoz o Mozo refixo as bóvedas do claustro. Aproveitou os lenzos e os arcos formeiros e montou 28 bóvedas de cruzaría complicadas e decoradas. Filacterios e medallóns presentan un complexo programa iconográfico, vinculado coa Virxe de Regla. Baixo as bóvedas pode observarse unha completa colección de sepulcros que revelan as etapas da actividade escultórica catedralicia, mais sendo na súa maioría obras tanto do século XIII como do século XIV.

No centro do patio e por diversos lugares do claustro consérvanse restos dos pinches oeste e sur, que foron desmontados durante as restauracións do século XIX polos arquitectos "purificadores" da catedral.

Sepulcro do bispo Martín "el Zamorano".

Algúns dos sepulcros son:

  • Sepulcro de don Martín "el Zamorano"
  • Sepulcro do bispo don Rodrigo
Sepulcro de Ordoño II, rei de Galiza.
  • Sepulcro de Martín Fernández
  • Sepulcro do rei Ordoño II de Galiza. Ordoño II foi rei de Galiza desde o ano 910 e rei de Galiza e de León desde o ano 914. A el débese a construción da primeira catedral leonesa no século X, ten unha complexa sepultura no trasaltar, xusto tralo altar maior e fronte á capela da Virxe Branca. Aínda que a maior parte da obra é do século XV, o xacente é do século XIII, contemporáneo á catedral. Ten aspecto sereno e unha postura equivocada pois algún dos seus riscos semella máis propio dunha figura ergueita que deitada.
Mural de Nicolás Francés no claustro.

Atópase tamén un mostrario de pinturas do século XV.

Vidreiras[editar | editar a fonte]

A arte da vidreira na catedral de León

A catedral de León é coñecida especialmente polo seu conxunto de vidreiras, quizais o máis importante do mundo xunto co da catedral de Chartres. Conservadas a maioría das orixinais, feito estraño en catedrais desta época, foron construídas entre os séculos XIII e XVI. En opinión de Gómez Moreno, as máis antigas serías as das capelas absidais.[7] A técnica da vidreira ten a súa orixe, segundo se cre, na cultura musulmá. Dela foi tomada pola arte cristiá, que os utilizou desde o século XI para acadar o seu auxe dous séculos máis tarde. No século XVI entrou nunha total decadencia, e máis tarde, coa perda de interese polo medieval, os vitrais foron eliminados de moitos templos. Isto, xunto coa fraqueza propia do vidro, é a causa de que se conserven tan poucas coleccións.

Na súa época de esplendor non se tiñan como meros elementos decorativos, senón que eran unha parte fundamental do edificio. A técnica do arcobotante permitía practicamente eliminar os muros como elemento de sostén, polo que se podían perforar para abrir grandes fiestras, que recubertas con vidreiras, daban ao templo unha máxica aparencia. Neste sentido, a catedral de León foi un dos edificios que máis metros cadrados dedicou á creación de vans para vidreiras en proporción ao seu tamaño. En metros cadrados distribúense da seguinte maneira: 464 metros na súa parte baixa, 282 no triforio e 1.018 na zona superior, o que fai un total de polo menos 1.764 metros cadrados de superficie, segundo as medicións de Demetrio de los Ríos. O conxunto conta con 134 grandes fiestras e 3 grandes rosetóns. Esta enorme superficie cobra maior importancia por mor das dimensións contidas da catedral.

Porén, semella que entre os séculos XV e XVI foron tapiadas parte das grandes fiestras inferiores (das que sé se conservaron as partes superiores e as rosas orixinais) e do triforio para dar maior consistencia ao edificio polos seus problemas construtivos. A finais do século XIX, acométese a restauración e recuperaciónda das vidreiras, primeiro por Demetrio de los Ríos e, cando este faleceu o 27 de xaneiro de 1892, por Juan Bautista Lázaro[7] coa creación doutras novas, usando a técnica construtiva medieval. Na restauración de Lázaro, presentouse á Exposición Nacional de Belas Artes de 1897 e obtivera a medalla de ouro. Rematouse totalmente en 1901.[7]

Museo Catedralicio Diocesano[editar | editar a fonte]

Sala do Museo Catedralicio Diocesano.

Foi inaugurado o ano 1981 e é o resultado da fusión do antigo museo catedralicio co diocesano. Este último fora creado polo bispo Almarcha o ano 1945, aínda que o maior incremento dos seus fondos realizouse a partir da década dos sesenta.

Na actualidade constitúe un conxunto único no seu xénero, albergando pezas de todas as etapas da historia da arte, desde a prehistoria até o século XX, todas elas repartidas en dezasete salas, na contorna do claustro catedralicio.

Arquivo[editar | editar a fonte]

Ao longo dos séculos realizáronse diversos traballos e actuacións no Arquivo co fin de conservar os manuscritos e todo tipo de documentación que nel se ía recollendo. O máis antigo dos traballos realizados é o Libro del tumbo (códice núm. 11), onde se copiaron os testemuños, privilexios e doazóns dos séculos X, XI e XII. A copia é de fins do século XII, levando o último documento a data de 1171.

Fondo documental[editar | editar a fonte]

Actualmente existen na Catedral 88 códices, preciosos pola súa data e máis valiosos polas súas miniaturas. Ademais dos Códices, o Arquivo agocha un fondo documental de pergamiños, valioso pola súa calidade e número (supera os 1800) e outros moitos fondos. Ademais hai selos rodados, de cera e de chumbo, de grande interese para a sixilografía. Tamén libros de contas e unha escolma de Actas Capitulares, desde últimos do século XIV até o presente; arquivo musical, libros litúrxicos e cantorais e planos da restauración da catedral no século XIX e bosquexos de vidreiras.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 Benito Martín, Félix (1994). "Aspectos históricos de la catedral de León. La influencia de las catedrales europeas". Conservación de vidrieras históricas: Análisis y diagnóstico de su deterioro. Restauración. Memoria del seminario en conservación de vidrieras históricas. Os Ánxeles: The Getty Conservation Institute. pp. 45–54. ISBN 0-89236-492-0. 
  2. Quadrado, José María (2007). Recuerdos y bellezas de España. Provincia de León. (edición facsímil). Maxtor. p. 315. ISBN 84-9761-359-7. 
  3. A catedral de León é coñecida especialmente por levar ao extremo a «desmaterialización» da arte gótica, é dicir, a redución dos muros á súa mínima expresión para seren substituídos por vitrais coloreados, constituíndo unha das maiores escolmas de vidreiras medievais do mundo
  4. Losada (2007), p. 324
  5. 5,0 5,1 Losada (2007), p. 330
  6. Risco, Manuel (monxe agostiño) (1792). Iglesia de León y monasterios antiguos y modernos de la misma ciudad. Oficina de don Blas Román. p. 67. 
  7. 7,0 7,1 7,2 Muñoz Cosme, Alfonso (1994). "Arquitectura y vidrieras: evolución del siglo XIII al XIX". Conservación de vidrieras históricas: Análisis y diagnóstico de su deterioro. Restauración. Memoria del seminario en conservación de vidrieras históricas (Os Ánxeles: The Getty Conservation Institute). pp. 26–34. ISBN 0-89236-492-0. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Díaz-Jiménez, Juan Eloy (1907). "Catedral de León. El retablo". Revista de Archivos, Bibliotecas y Museos (Madrid: Tipografía de la Revista de Archivos, Bibliotecas y Museos). OCLC 889382881. 
  • Grau Lobo, Luis A. (2000). La Catedral de León y sus vidrieras. León: Editorial Everest. ISBN 8424136144. 
  • Laviña, Matías (2001). La Catedral de León. Memoria. (ed. facsimil; orixinal 1876). Valladolid: Editorial Maxtor. ISBN 84-95636-48-4. 
  • Llamazares Rodríguez, Fernando (2007). "Simón Gavilán Tomé y su relación con el escultor José de Sierra". Norba: revista de arte. XXVII: 123–143. ISSN 0213-2214. 
  • Losada Varea, Celestina (2007). La arquitectura en el otoño del Renacimiento: Juan de Naveda 1590-1638. Santander: Universidade de Cantabria. ISBN 978-84-8102-438-8. 
  • Puente, Ricardo (1989). La Catedral de Santa María de León. León: Imprenta Moderna. ISBN 8440445016. 
  • Rivera Blanco, José Javier (1992). Las Catedrales de Castilla y León. León: Editorial Edilesa. ISBN 8480120126. 

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]