Saltar ao contido

Castres, Tarn

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:Xeografía políticaCastres, Tarn
Castres (fr) Editar o valor en Wikidata
Imaxe

Localización
lang=gl Editar o valor en Wikidata Mapa
 43°36′21″N 2°14′24″L / 43.6058, 2.24
EstadoFrancia
Divisións administrativasFrancia Metropolitana
RexiónsOccitania
DepartamentoTarn
Distritosarrondissement of Castres (en) Traducir
División históricacanton of Castres-Est (en) Traducir Editar o valor en Wikidata
Capital de
Poboación
Poboación42.672 (2021) Editar o valor en Wikidata (434,67 hab./km²)
Xeografía
Situado na entidade territorial estatísticaQ108921318 Traducir
Q3550968 Traducir Editar o valor en Wikidata
Superficie98,17 km² Editar o valor en Wikidata
Altitude170 m-151 m-367 m Editar o valor en Wikidata
Comparte fronteira con
Organización política
• Mayor of Castres (en) Traducir Editar o valor en WikidataPascal Bugis (en) Traducir (2001–) Editar o valor en Wikidata
Identificador descritivo
Código postal81100 Editar o valor en Wikidata
Fuso horario
Outro
Irmandado con

Sitio webville-castres.fr Editar o valor en Wikidata

Castres (en occitano Castras) é un concello francés situado no departamento do Tarn e na rexión de Mediodía-Pireneos. Aquí naceu o líder socialista Jean Jaurès, e a cidade acolle un importante museo dedicado a Goya.

Xeografía

[editar | editar a fonte]

Castras está situado nunha chaira ao pé dos montes graníticos do Sidobre e da Montaña Negra, a unha altitude de 172 m sobre o nivel do mar. Atópase a 45 km ao sueste de Albi e a 72 ao leste de Tolosa. A Castras crúzaa o río Agout, que é un afluente do Tarn.

Ten 98,17 km², cunha poboación de 43.000 habitantes, se ben na aglomeración urbana de Castras-Masamet chega a superar os sesenta milleiros de persoas, o que a converte na terceira concentración de xente dunha área eminentemente rural.

A orixe toponímica da vila é ben clara e apunta, coma nos castros da cultura castrexa, á existencia dunha praza fortificada xa en tempo romano. Con todo, o primeiro dato de poboamento hai que remontalo á abadía que, como centro relixioso se constrúe en 647, e que no século IX torna un dos principais centros beneditinos da Occitania coa consagración de San Bieito. Castras e a súa abadía son un fito importante no Camiño de Santiago, pois é atravesado pola Vía Tolosana, e porque o templo garda supostamente as reliquias de San Vicente. Porén a abadía, e con ela Castras, entra en decadencia no século XI, candp en 1074 pasa a depender da abadía de San Vítor, en Marsella.

No século XII a familia Trencavel acorda en Castras un foro que lle permite levar a xurisdición da rexión dun xeito independente a través dun consello de notábeis. Pero a cruzada contra os albixenses puxo a súa independencia contra as cordas, e logo de ser tomada por Simón IV de Montfort, pasa a pertencer ao reino de Francia en 1271. En 1317 o papa Xoán XXII designa a Castras bispado, e así continuará ata a Revolución Francesa.

O condado de Castras

[editar | editar a fonte]

En 1356, o rei Xoán II de Francia converteu o señorío de Castras en condado, pero ese aparente ascenso non impediu unha constante decadencia durante os séculos XIV e XV. Primeiro a peste negra entre 1347 e 1348, logo o Príncipe Negro de Inglaterra e os seus ataques de bandidaxe e a Guerra dos Cen Anos. En 1375 só vivían 4.000 persoas na vila, a metade do que no século anterior. Despois da confiscación das propiedades do duque de Nemours, a quen lle pertencía o condado, o rei Lois XI outorgoullo ao nobre italiano Boffillo del Giudice en 1476, pero corenta anos máis tarde, en 1519, unha disputa entre os seus descendentes e o monarca galo levou a Francisco I a integrar o condado directamente baixo a tutela da coroa (1519).

Entre 1530 e 1560 o protestantismo cativou os habitantes de Castras, que se converteron, e en 1575 a cidade pasa a pertencer ao rebelde exército protestante e de feito é unha das máis importantes vilas protestantes da metade meridional do reino de Francia. A capacidade comercial de Castras nesta época impulsou a súa economía, e conseguiu unha certa autonomía con respecto á coroa. Pero ese esplendor protestante remata co sitio a cidade de 1585, cometido por Henrique de Navarra e definitivamente coa expulsión extramuros dos protestantes en 1629 por orde do rei Lois XIII.

Na Francia moderna e contemporánea

[editar | editar a fonte]

No século XVII Castras vive un novo período de rexurdimento. Logo da demolición das fortalezas por orde do monarca francés, a cidade expandiuse e o comercio e as actividades artesanais recibiron un forte impulso. As peles, o coiro e sobre todo a la rexurdiron, e tamén a cultura coa creación da Academia de Castres en 1648 e a fundación de numerosos conventos como consecuencia da acción contrarreformista. Ademais Castras foi designada sede do Tribunal do Edicto, unha corte especializada nos casos que afectaban a protestantes e que fora creada polo edicto de Nantes. En 1665 case a metade da poboación era protestante.

Nos seguintes anos, Castras sufrirá distintos golpes: primeiro o traslado do tribunal do Edicto a Castelnaudary, logo, a revogación do edicto de Nantes, que obrigou a moitos protestantes a exiliarse; posteriormente a peste de 1720 e un incendio que asolou a cidade en 1724. En 1758 Castras perdía o seu foro. En 1760, dous protestantes de Castras eran implicados no caso Sirven, acusados de asasinar a súa filla para evitar que se convertese ao catolicismo. Condenados a morte, foron finalmente absoltos grazas á acción de Voltaire en 1771.

A Revolución francesa supuxo un pau administrativo para Castras. O seu representante na Convención Nacional, o pastor Marc David Lasource opúxose a que os cregos católicos contrarios á Constitución Civil do clero fosen deportados á Güiana, e por esa razón foi guillotinado en outubro de 1793. O carácter conservador do clero na zona levou a administración a suprimir o bispado, e Castras pasou a pertencer á diocese de Albi. En 1797 perdeu ademais a prefectura que recibira en 1790, tamén en beneficio de Albi.

Porén, a economía da vila desenvolveuse rapidamente no século XIX: en 1815 instálase nela o primeiro muíño mecanizado de la, e empurra a industria téxtil, especializada en tecidos de luxo. En 1860 había 50 muíños de la na cidade, que empregaban a 3.000 persoas. Ao remate do século instaláronse na cidade industrias de construción mecánica, que lle permitiron a Castras converterse nun polo de fabricación militar na primeira guerra mundial. En 1865 chegou o tren a Castras, e contra a fin do século xa superaba a Albi por número de habitantes. Porén, a crise de téxtil do século XX e unha importante incomunicación por estrada foron razóns para un importante decline económico e de poboación da cidade.

Cultura e turismo

[editar | editar a fonte]

Os dous puntos de interese máis importantes de Castras dende o punto de vista turístico son o Museo de Goya e o Museo de Jean Jaurès. O Museo de Goya é a segunda colección de pintura española de Francia despois da que se garda no Louvre, e constituíuse fundamentalmente a partir das achegas da familia do pintor local Marcel Briguiboul. Abriuse en 1840 e contén cadros de Francisco Pacheco, Diego Velázquez, Bartolomé Esteban Murillo, José de Ribera, Juan de Valdés Leal, Alonso Cano, e por suposto Francisco de Goya, de quen se gardan tres cadros e unha amplísima colección de gravados.

O museo de Jean Jaurès, dedicado a esta figura fundamental do socialismo francés, abriu en 1954 na casa natal do político, no centro da cidade. Ademais dos xa mencionados Lasource, Birguiboul e Jaurès, tamén naceu aquí o escritor Roger Peyrefitte, e faleceu na cidade o matemático Pierre de Fermat.

Entre os edificios relixiosos débese mencionar a igrexa de San Bieito, que foi no seu día a catedral de Castras, construída entre os séculos XVII e XVIII. O antigo pazo episcopal (XVII), obra do arquitecto Jules Hardouin-Mansart, o mesmo autor do castelo de Versalles e mais o xardín do bispado, tamén concibido polo mesmo xardineiro de Versalles (Le Nôtre), completan o conxunto. Na actualidade, o pazo episcopal é a sede da casa do concello. Finalmente, a torre románica de San Bieito é o vestixio que queda da abadía beneditina.

Tamén son dignos de mención un teatro rococó construído en 1904 e o Centro de arte contemporánea da cidade.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Cidades irmás

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]