Casa da Moeda de San Petersburgo
Casa da Moeda de San Petersburgo –Санкт-Петербу́ргский моне́тный двор– | |
---|---|
![]() Sede da Casa da Moeda de San Petersburgo na fortaleza de San Pedro e San Paulo | |
Tipo | Entidade pública. |
Fundación | 1724. |
Matriz | Goznak (empresa pública). |
Localización | ![]() ![]() |
Fundador | Pedro I. |
Persoas clave | Konstantin Nikolaevich Krokhmal (director).[1] |
Industria | Cuñaxe. |
Produtos | Moedas, medallas e condecoracións. |
Notas | |
![]() Marca de ceca actual da Casa da Moeda de San Petersburgo | |
Na rede | |
https://spmd.goznak.ru/ | |
[ editar datos en Wikidata ] |
A Casa da Moeda de San Petersburgo (en ruso: Санкт-Петербу́ргский моне́тный двор)[2] é unha ceca pública rusa con sede na fortaleza de San Pedro e San Paulo, en San Petersburgo, fundada en 1724 por Pedro o Grande.
A compañía forma parte da corporación pública centralizada Goznak.
Historia
[editar | editar a fonte]Século XVIII
[editar | editar a fonte]
Considérase como data da súa fundación o 12 de decembro de 1724, cando Pedro I de Rusia ordenou a cuñaxe dunha moeda de ouro na fortaleza de San Pedro e San Paulo. Naquela primeira emisión inscribíronse as letras "БМ", que se mantivo como marca de ceca da Casa da Moeda de San Petersburgo ata 1914.[3]
Nesta ceca cuñáronse moedas rusas de platino, ouro, prata e cobre de todos os valores, así como moedas para outros estados, como ducados dos Países Baixos (1768-1869) ou piastras otomás (1808-1809).[3]
A época de Catarina II (1762-1796), marcada por unha florecente situación económica e cultural en Rusia, converteuse no período de maior produción de moeda na ceca de San Petersburgo no século XVIII.[3] E en paralelo á cuñaxe da moeda, a actividade da ceca tivo neste século moita influencia no desenvolvemento da tecnoloxía rusa. A mediados do século estableceuse nela a División de Metais Nobres, que desempeñou un importante papel nos estudos e nos descubrimentos rusos en ámbitos como a química ou a metalurxia. [4]
Século XIX
[editar | editar a fonte]
Ademais das moedas, a Casa da Moeda de San Petersburgo produciu historicamente medallas de alta calidade artística e foi sede dunha recoñecida escola de gravadores, moi activa nos séculos XVIII e XIX.[4] De entre os medallistas da época do cambio de século destacan os Griliches, pai e fillo (Avenir Grigorievich e Avraam Avenirovich). Xuntos traballaron na casa da moeda durante máis de 30 anos e a eles débenselles máis de 200 medallas artísticas.[5]
Na segunda medade do século XIX, a Casa da Moeda de San Petersburgo converteuse na ceca rusa máis importante e, logo do pechamento da Casa da Moeda de Varsovia e da Casa da Moeda de Ekaterimburgo, quedou como a única en actividade en todo o Imperio Ruso.[5]
Na derradeira metade do século a ceca tivo unha profunda modernización da súa actividade. Adquiriuse equipamento máis moderno, substituíronse as antigas prensas de vapor por outras eléctricas e o seu cadro chegou a estar composto por arredor de 800 traballadores.[5]
Século XX
[editar | editar a fonte]Nos inicios do novo século continuou a expansión e a modernización da ceca, e aumentou o número de obxectos no seu catálogo de produción, ao tempo que seguía a ser o centro da medallística rusa. A súa potente base tecnolóxica permitíalle atender encargas de grandes volumes de produción de moeda.[6]
Mais a Revolución de febreiro de 1917 ocasionou cambios severos na Casa da Moeda de San Petersburgo. Os traballadores dividíronse en grupos consonte a súa orientación ideolóxica, despedíronse os xerentes e os enxeñeiros máis talentosos e comezaron os recortes na produción. En setembro de 1918 había na ceca 755 traballadores, dos que 243 foron despedidos o 1 de outubro dese mesmo ano.[6]

En 1920, cando permanecían na ceca unicamente 148 operarios e 34 oficinistas, o número de encargas comezou a incrementarse, particularmente pola decisión das novas autoridades de producir nela, ademais das moedas, selos de correos, fichas conmemorativas e outros obxectos oficiais. Os ingresos en 1920 ascenderon ata os 20 millóns de rublos.[6] O ascenso na produción foi tan significativo que o 1 de setembro de 1921 xa contaba con 535 empregados e en abril de 1924 se acadou o máximo da década de 1920, con 2.450 traballadores.[7]
A segunda guerra mundial supuxo unha nova crise na Casa da Moeda de San Petersburgo. En agosto de 1941, algúns equipamentos da ceca e 30 operarios foron trasladados a Krasnokamsk, nos Urais, antes do asedio de San Petersburgo, que comezou o 8 de setembro. A principios de 1946, cando a ceca de Krasnokamsk estaba en condicións de regresar a San Petersburgo, o seu cadro ampliárase a 700 traballadores, dos que se despediron 670, e o resto dividiuse entre a Casa da Moeda de Moscova e a de San Petersburgo. A finais de 1946, os equipamentos, as materias primas e os arquivos foron trasladados novamente a San Petersburgo.[8]

A finais da década de 1940, a ceca fixouse o obxectivo de restaurar a súa produción aos niveis de antes da guerra. Na década de 1950, ademais das encargas de moeda ordinaria, comezaron a producirse cuñaxes por encarga privada e a producirse medallas de premios e moedas para o seu uso en diversos países da órbita soviética, como Bulgaria, Mongolia, Romanía, Albania, Checoslovaquia e mesmo Corea.[9]
En 1965 cuñouse en San Petersburgo a primeira moeda conmemorativa, en lembranza do vixésimo aniversario da vitoria na segunda guerra mundial. A simultaneidade de produción de moeda circulante e conmemorativa xa non se detivo ata os nosos días.[10]

Século XXI
[editar | editar a fonte]No século XXI, a Casa da Moeda de San Petersburgo é unha das cecas de maior produción do mundo. Nela cúñanse as moedas circulantes en Rusia en todos os seus valores faciais, e tamén as doutros países, así como moedas conmemorativas e de investimento, medallas, insignias, condecoracións e outros obxectos diversos.[11]
Marcas de ceca
[editar | editar a fonte]Estas son as marcas de ceca utilizadas pola Casa da Moeda de San Petersburgo ao longo da súa historia:[12]
Marca de ceca | Período |
---|---|
БМ | 1796 - 1796 |
СМ | 1796 - 1801 |
СП | 1798 - 1800 |
СПБ | 1724 - 1915 |
СПМ | 1757 - 1847 |
ИМ | 1810 - 1821 1840 - 1843 |
Premios acadados
[editar | editar a fonte]Premio Moeda do Ano
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Premio Moeda do Ano.
Desde 1984, a editora estadounidense Krause Publications concede o Premio Moeda do Ano, en dez categorías. Estes son os premios acadados por moedas cuñadas pola Casa da Moeda de San Petersburgo.[13]

- 2013: Mellor moeda dun evento de relevancia histórica: 10 som (prata) de Kirguizistán de 2011, conmemorativa da Ruta da Seda.[14][15]
- 2003: Moeda máis artística: 25 rublos de 2001 (prata), conmemorativa dos 25 anos do Teatro Bolshoi.[16]
- 1997: Mellor moeda dun evento contemporáneo: 100 rublos de 1995 (prata), conmemorativa do 50º aniversario da fin da segunda guerra mundial.[17]
- 1994: Mellor moeda dun evento de relevancia histórica: 1 rublo de 1992 (cuproníquel), conmemorativa do renacemento da soberanía rusa.[18]
- 1993: Mellor moeda dun evento de relevancia histórica: 3 rublos de 1991 (prata), conmemorativa de Iuri Gagarin, primeiro home no Espazo.[19]
- 1992: Mellor moeda de ouro: 25 rublos de 1990 (ouro), conmemorativa de Pedro o Grande.[20]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Management". The Moscow Mint. Goznak.ru
- ↑ En determinados momentos, a cidade tomou as deniminacións oficiais de Petrogrado (1914-1924) e de Leningrado (1924-1991), co conseguinte cambio no nome da ceca. Neste artigo utilízase en todos os caos a denominación "Casa da Moeda de San Petersburgo".
- ↑ 3,0 3,1 3,2 "The Mint in the second half of the 18th century Arquivado 04 de marzo de 2021 en Wayback Machine.". Goznak.ru
- ↑ 4,0 4,1 "The Mint in the first half of the 19th century. Outstandlng medalists of the mint Arquivado 06 de febreiro de 2021 en Wayback Machine.". Goznak.ru
- ↑ 5,0 5,1 5,2 "The Mint in the second half of the 19th century Arquivado 06 de febreiro de 2021 en Wayback Machine.". Goznak.ru
- ↑ 6,0 6,1 6,2 "The Mint at the beginning of the 20th century Arquivado 06 de febreiro de 2021 en Wayback Machine.". Goznak.ru
- ↑ "The 1920s – 1930s: the first soviet coins developmenent of the coin and order production Arquivado 05 de febreiro de 2021 en Wayback Machine.". Goznak.ru
- ↑ "The Mint during the war Arquivado 05 de febreiro de 2021 en Wayback Machine.". Goznak.ru
- ↑ "The Mint in the 1940s-1950s Arquivado 06 de febreiro de 2021 en Wayback Machine.". Goznak.ru
- ↑ "The Mint in the 1960s-1980s Arquivado 06 de febreiro de 2021 en Wayback Machine.". Goznak.ru
- ↑ "History Arquivado 02 de marzo de 2021 en Wayback Machine.". The Moscow Mint. Goznak.ru
- ↑ "Russian Coin Mint Marks Arquivado 06 de febreiro de 2021 en Wayback Machine.". Russian Coin World.
- ↑ Scarinci, D. (2015). "introduction". En Coin of the Year: Celebrating Three Decades of the Best in Coin Design and Craftsmanship. Krause Publications. ISBN 978-1-4402-4476-6
- ↑ "Krause Publications Announces 2013 Coin of the Year Winners Arquivado 01 de febreiro de 2021 en Wayback Machine.". En Coin Week. 10 de decembro de 2012.
- ↑ "2013 awards". En Scarinci, D. (2015) Arquivado 26 de maio de 2019 en Wayback Machine..
- ↑ "2003 awards". En Scarinci, D. (2015) Arquivado 26 de maio de 2019 en Wayback Machine..
- ↑ "1997 awards". En Scarinci, D. (2015) Arquivado 26 de maio de 2019 en Wayback Machine..
- ↑ "1994 awards". En Scarinci, D. (2015) Arquivado 26 de maio de 2019 en Wayback Machine..
- ↑ "1988 awards". En Scarinci, D. (2015) Arquivado 26 de maio de 2019 en Wayback Machine..
- ↑ "1992 awards". En Scarinci, D. (2015) Arquivado 26 de maio de 2019 en Wayback Machine..
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]![]() |
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Casa da Moeda de San Petersburgo ![]() |
Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Sitio web da Casa da Moeda de San Petersburgo Arquivado 07 de febreiro de 2021 en Wayback Machine. (versión en inglés)