La Veu de Catalunya

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
La Veu de Catalunya

Portada do 12 de xuño de 1902 coa necrolóxica de Jacint Verdaguer
Nº de páxinas16
Fundación1 de xaneiro de 1899
Remata8 de xaneiro de 1937
Tendenciacatalanista, conservadora
Linguacatalán
LocalidadeBarcelona
ÁmbitoEspaña
Periodicidadediaria
Prezo5 céntimos
editar datos en Wikidata ]

La Veu de Catalunya foi un xornal en catalán que se publicou en Barcelona dende o 1 de xaneiro de 1899 ata o 8 de xaneiro de 1937, con dúas edicións diarias.[1] Comezou como un semanario literario e político en 1891, para pasar a ser diario o 11 de xaneiro de 1899.[1] Foi fundado por Enric Prat de la Riba quen o dirixiu entre 1899 e 1902 cando foi substituído por Josep Morató i Grau. A continuación tamén o dirixiron Joaquim Pellecina Camacho e Ramón d'Abadal i Vinyals.[2]

Foi o voceiro do programa ideolóxico e político da Liga Rexionalista e a liña editorial, conservadora e católica,[3] promoveu a autonomía, o uso normal da lingua en público e a escola catalá. Dende o punto de vista xornalístico, era un xornal moderno, organizado por seccións, con correspondentes e colaboradores no territorio e un equipo que combinaba a xente nova e os mellores xornalistas da época.[4] Foi o xornal catalán máis lonxevo do século, con 38 anos de publicación diaria[5] e 12.651 números.[2]

A cabeceira, deseñada por Domènec i Montaner, amosaba unha aguia de catro raias. Naquel tempo Josep Pla e Eugeni Xammar considerárono o xornal máis importante publicado en catalán, opinión tamén compartida, na actualidade, polo historiador xornalístico Josep Maria Figueres.[6]

Tamén con este nome se publicara o Diari Català de Valentí Almirall, durante un dos períodos nos que estivera suspendido, entre o 30 de xullo e o 28 de agosto de 1880.[5][7][6]

Traxectoria[editar | editar a fonte]

O xornal "La Veu", nome co que se coñecía popularmente, foi a continuación do semanario literario e político do mesmo nome, fundado en 1891 por Narcís Verdaguer, Joaquim Cabot e Jaume Collell e que se publicou até finais de decembro de 1898. A partir do 1 de xaneiro de 1899 transformaríase en diario. Moitos dos editores e colaboradores do semanario converteríanse nas principais figuras políticas e xornalísticas do futuro diario Veu de Catalunya, como Francesc Cambó, Lluís Duran i Ventosa, Josep Puig i Cadafalch, Joaquim Rubió i Ors e Joan Sardà i Lloret. A edición diaria comezou baixo a dirección de Enric Prat de la Riba cunha orientación eminentemente política e en defensa do programa da Liga Rexionalista.

Foi suspendido en diferentes períodos, por artigos publicados en 1900, 1901, 1902 e 1905; en 1902 o seu director foi encarcerado uns días por reproducir un artigo en L'Independent de Perpiñán sobre os viñateiros do Rosellón. Por mor deste artigo un fiscal militar acusou a Prat de la Riba dun delito de rebelión ao entendelo como unha incitación ao independentismo.[8] O xornal tamén foi suspendido en 1917, con motivo da convocatoria da Asemblea de Parlamentarios, co fin de evitar que tivesen unha tribuna pública escrita. En tódolos casos acabou aparecendo con outros nomes (La Creu de Catalunya, Diari de Catalunya, La Veu de Barcelona, El Poble Català, Baluard de Sitges, Costa de Ponent ) para evita-la prohibición. A redacción foi asaltada por un grupo de militares o 25 de novembro de 1905, molestos cunha caricatura de Junceda, o que se coñece como os feitos do Cu-Cut! e que foi o comezo dun proceso de represión da sociedade catalá a través da Lei de Xurisdicións, feitos que estimularían a creación da Solidariedat Catalana, unha alianza de partidos cataláns que chegaría a resultar vitoriosa nas eleccións parlamentarias de 1907.[1]

En 1933 a edición vespertina ten unha cabeceira propia denominada La Veu del Vespre e foi publicada dende o 2 de maio de 1933 até o 31 de decembro de 1934. E tamén publicou, a partir de 1934, un suplemento dominical chamado La Veu del diumenge.[2]

En xullo de 1936, as instalacións foron intervidas, aínda que se continuou publicando con subtítulos definidores dos cambios de orientación política: Diari de l'autonomia i de la República, Diari antifeixista controlat pel Comitè Obrer i CNT-Diari antifeixista-AIT.

Influencia[editar | editar a fonte]

É salientábel a grande influencia social e política que tivo La Veu no xornalismo do primeiro terzo do século. Era un xornal moderno, dividido en seccións, que promoveu a profesionalización do xornalismo. Equipados cunha ampla rede de colaboradores e correspondentes en todo o mundo, os seus xornalistas crearon os primeiros manuais éticos e estableceron instrucións internas precisas para escribiren artigos, contrastaren fontes ou deseñaren as páxinas.[5]

Nas súas páxinas escribiron políticos, escritores e xornalistas como Enric Prat de la Riba, Francesc Cambó, Raimon Casellas, Josep Maria de Sagarra, Joan Maragal l, Joaquim Folch i Torres, Ildefons Sunyol i Casanovas, Prudenci Bertrana, Josep Maria Junoy, Eugeni d'Ors (baixo o pseudónimo de Xènius), Josep Pla, Josep Lleonart i Maragall, Jaume Bofill i Mates (Puck, Guerau de Liost, One), Josep Carner (Bellafila, Caliban, Dous), Manuel Brunet, Carles Sentís, Irene Polo, Ignasi Agustí, Manuel Brunet, Ferran Agulló (Pol), Manuel de Montoliu[1]. Cómpre salientar a importancia das páxinas literarias e de pensamento, como a colaboración diaria de Xènius co seu “Glosario”, entre 1906 e 1921, os versos de Josep Carner, Rimas da hora; a narrativa de Narcís Oller, as traducións de Sagarra , os artigos de Josep Pla, Gaziel, Maragall . . . [3]

En 1909, Raimon Casellas e Joaquim Folch i Torres crearon a "Páxina artística", desde onde practicaron a crítica de arte.[9] Folch, aprendeu moito de Casellas e, cando este se suicidou en 1910, ocupou o seu lugar á cabeza da sección de arte de La Veu, a miúdo asinando baixo o pseudónimo Flama. Dende esta plataforma, foi un dos primeiros espazos nos que se empregou o termo Noucentisme creado por Eugeni d'Ors, participando na mesma definición do movemento de renovación cultural cando aínda non respondía a unha posición específica e limitada.[9]

En 1920, declara unha tiraxe de 40.000 exemplares, dos que uns 300 mándanse ao estranxeiro.[2] Entre 1929 e 1930, Llucieta Canyà asumiu a sección diaria "Món femení", esencial para coñecer o movemento feminista conservador anterior á Guerra civil.[10]

Pola súa banda, Manuel Brunet encargouse da sección cultural. Nesta sección apareceron os primeiros vinte e oito cantos da Divina Comedia de Dante, traducidas por Josep Maria de Sagarra, cos seus vinte e sete comentarios correspondentes, mais a Guerra civil truncou esta empresa.

Ademais de Prat de la Riba, tamén pasaron pola súa dirección Josep Morató i Grau, Joaquim Pellicena i Camacho e Ramon d'Abadal i de Vinyals.

Outros colaboradores[editar | editar a fonte]

  • Roser Matheu i Sadó
  • Jaume Carrera i Pujal
  • Domènec Carles i Rosich
  • Dionís Puig i Soler
  • Esteve Suñol i Gasòliba
  • Salvador Genís i Bech
  • Ramón Rucabado i Comerma

Colección documental no Arquivo Histórico da Cidade de Barcelona[editar | editar a fonte]

O Arquivo Histórico da Cidade de Barcelona (AHCB) conserva nos seus fondos 395 debuxos orixinais de Valentí Castanys que se publicaron nas páxinas de La Veu de Catalunya, entre o 1 de novembro de 1933 e o 3 de xaneiro de 1936. Ese 1 de novembro aparece o anuncio, nunha nota destacada, da nova colaboración en La Veu de Catalunya de Valentí Castanys, e destaca as súas notables calidades como caricaturista.

Esta colección, doada á AHCB por La Veu de Catalunya en 1936, caracterízase por seren debuxos de bolígrafos en tinta chinesa, cun trazo limpo e seguro, de coidada técnica e un formato moi similar, onde hai caricaturas inconfundibles dos principais protagonistas da vida política do país, durante os turbulentos anos da Segunda República.[11]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 LlSD. Gran Enciclopèdia Catalana, ed. "La Veu de Catalunya". enciclopedia.cat (en catalán). Consultado o 16-7-2020. 
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 Checa Godoy (1989), p. 230.
  3. 3,0 3,1 Salvà, Bernat (18-8-2014). "Una veu influent i prestigiosa". elpuntavui.cat (en catalán). Consultado o 17-7-2020. 
  4. Farradellas, Víctor. ""La Mancomunitat no hauria pogut existir sense ‘La Veu de Catalunya"". sapiens.cat (en catalán). Arquivado dende o orixinal o 29-06-2019. Consultado o 17-7-2020. 
  5. 5,0 5,1 5,2 Grèbol, Marc (14-7-2014). "La Veu de Catalunya: ‘Diari no polítich, però clar i català’". nuvol.com (en catalán). Consultado o 17-7-2020. 
  6. 6,0 6,1 Figueres (2014).
  7. Torrent & Tasis (1996), pp. 150-151.
  8. Bosch i Cuenca, Pere (19-11-2017). "La veu empresonada". elpuntavui.cat (en catalán). Consultado o 17-7-2020. 
  9. 9,0 9,1 Vidal i Jansà, Mercè. "Folch i Torres, Joaquim". Diccionari d'historiadors de l'art català, valencià i balear. Institut d'Estudis Catalans (en catalán). Consultado o 17-7-2020. 
  10. Real Mercadal (2006).
  11. Barjau, S., Guiral, A., Sendra, E. L'humor gràfic a Barcelona. De "La Flaca" (1868) a la transició democràtica (1975-1978). Barcelona: Arxiu Històric de la Ciutat de Barcelona-EFADOS, 2015 (en premsa)

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Barjau, Santi; Guiral, Antoni; Sendra, Eloïsa (2017). L'Humor gràfic a Barcelona : de La Flaca (1868) a la transició democràtica (1975-1978) (en catalán). Barcelona: Efados. ISBN 9788416547005. 
  • Checa Godoy, Antonio (1989). Prensa y partidos políticos durante la II República (en castelán). Salamanca: Universidad de Salamanca. ISBN 84-7481-521-5. 
  • Figueres i Artigues, Josep M. (1999). El primer diari en llengua catalana. Diari Català (1879-1881). (en catalán). Barcelona: Institut d'Estudis Catalans. ISBN 84-7283-477-8. 
  • Figueres, Josep M. (2014). La Veu de Catalunya (1899-1937) (en catalán). Barcelona: Editorial Base. ISBN 978-84-15711-72-8. 
  • Real Mercadal, Neus (2006). Dona i literatura a la Catalunya de preguerra (en catalán). Barcelona: Publicacions de l'Abadia de Montserrat. ISBN 84-8415-779-2. 
  • Torrent, Joan; Tasis, Rafael (1966). Història de la premsa catalana, Vol. I (en catalán). Barcelona: Bruguera. 
  • Vidal i Jansà, Mercè (1991). Teoria i crítica en el Noucentisme: Joaquim Folch i Torres (en catalán). Barcelona: Institut d'Estudis Catalans i Publicacions de l'Abadia de Montserrat. ISBN 84-7283-174-4. 

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]