Ausiàs March

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Táboa de San Sebastián (século XV) atribuída a Jacomart da Colexiata de Xátiva, onde antes se pensaba que estaba retratado Ausiàs March.

Ausiàs March, nado en Gandia en 1397 e finado en Valencia en 1459, foi un poeta e cabaleiro valenciano medieval. Orixinario dunha familia da pequena nobreza con afeccións poéticas. Foi un dos poetas máis importantes do Século de Ouro valenciano e da literatura catalá.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Fillo do tamén cabaleiro e poeta Pere March, naceu en Gandia ao redor de 1397 (aínda que algunhas versións sosteñen que naceu en Beniarjó, vila próxima a Gandia). De mozo participou nas expedicións que o rei Afonso V o Magnánimo realizou polo Mediterráneo.

Foi Señor de Beniarjó, Pardines e Vernissa, e falcoeiro maior de Afonso V. Foi armado cabaleiro en 1419. Participou na expedición de Afonso V a Córsega e Sardeña, e noutras expedicións contra os piratas do Mediterráneo. En 1425 retirouse ás súas posesións valencianas, instalándose en Gandia en 1428. De notar é neste período a súa relación persoal e literaria co príncipe Carlos de Viana, herdeiro ao trono de Navarra.

Tumba de Ausiàs March na Catedral de Valencia.

A partir dos vinte e sete anos xa non sairía da súa terra; primeiro en Gandia, onde administraba as súas propiedades; e despois en Valencia, onde tivo unha vida moi movida e desordenada. Comeza a escribir en 1430. Tres anos máis tarde, o infante Xoán, Duque de Gandia, confirma os seus privilexios como señor feudal.

En 1437, aos corenta anos casou con Isabel Martorell, irmá de Joanot Martorell, autor de Tirant lo Blanc. Dous anos máis tarde Isabel morre e Ausiàs March contrae segundas nupcias con Joana Escorna, quen morreu en 1443. A pesar de carecer de fillos lexítimos nos seus matrimonios sábese da existencia de amantes e 4 fillos naturais.

Ausiàs March morreu o 3 de marzo do ano 1459 en Valencia, deixando cinco fillos bastardos pero ningún lexítimo. Foi enterrado na catedral de Valencia, onde aínda pode verse a súa laxa sepulcral, preto da Porta da Almoina.

Obra[editar | editar a fonte]

Ausiàs March abandona a tradición da poesía trobadoresca e a súa retórica brillante, máis artificiosa e distante, o que lle permite a expresión da íntima meditación persoal dun home-poeta que aparece desapercibido de toda ficción e disposto a falarnos de todo aquilo que lle obsesiona: o amor, as relacións do home con Deus, a dor e a morte, o pecado e a virtude. Estes problemas son reais e persoais, do mesmo xeito que o son as mulleres que aparecen (xa non é a idealizada "midons" (a miña dona) dos provenzais), que xa non son Beatrices nin Lauras distantes e platónicas, puras ideas con nome propio, senón mulleres reais, cos seus vicios e virtudes, que son amadas ou odiadas por razóns concretas e non por un afán de idealización.

A obra de March está constituída por cento vinte e oito poemas. En 1539 recompiláronse 46 das súas composicións en Valencia. A maioría de estudosos decántanse por clasificaren a súa obra en ciclos temáticos. De feito, cada un destes ciclos forma unha unidade de sentido, e obsérvase unha evolución formal e conceptual nos diferentes ciclos, polo que se chegou a considerar a súa obra completa como un inmenso poema.

Os cantos de amor[editar | editar a fonte]

Na súa produción o amor é un tema tan importante que chega a xerar outros con entidade propia, pero sempre como causa ou efecto deste. Na obra de March a muller é unha persoa real, humana e individual e, en consecuencia a relación home-muller será a mestura do amor sensual (sentidos) e o amor intelectual (contemplación e pensamento).

O autor só manterá da poesía trobadoresca o feito de dedicar os seus poemas a unha muller, á que se refire mediante unha senhal para esconder o seu verdadeiro nome. Podemos dividir estes cantos en cinco sinais que representan cinco etapas da vida do autor.

  • Plena de Seny (Chea de razón).
  • Llir entre Cards (Lirio entre cardos).
  • Amor, amor.
  • Mon darrer bé (Meu derradeiro ben).
  • Oh, foll amor (Oh, tolo amor).

Os cantos de morte[editar | editar a fonte]

O tema da morte non é exclusivo deste ciclo, formado só por seis poemas dedicados a carpir a morte dunha soa muller, sen usar "senhal". A destinataria parece ser a súa segunda esposa, Joana Escorna. O poeta, cunha sinceridade moi humana reflexiona sobre os temas máis comúns que a morte dunha muller amada pode ocasionar: o destino da alma, a dor pola súa ausencia e o recordo do pasado. O poeta séntese, mesmo, culpábel. da morte da súa muller.

Estilo[editar | editar a fonte]

March afástase de todo preciosismo e adecúa o estilo ao tema que trata: culto e conciso nos poemas filosóficos, pero sen renunciar aos xiros populares e o ton desenvolvido cando a situación o require. O verso predominante ao longo de toda a súa obra é o decasílabo en coplas cruzadas ou encadeadas. Utiliza un valenciano moi depurado, desapercibido por vez primeira de provenzalismos que até entón poboaban a tradición poética catalá.

Métrica[editar | editar a fonte]

A estrutura das súas obras segue os canons provenzais, por exemplo versos decasílabos en dous hemistiquios cesurados na cuarta sílaba, agrupados en estrofas de oito versos coa presenza dunha tornada final que contén o "sinal" (pseudónimo).

Importancia de Ausiàs March[editar | editar a fonte]

Ausiàs March é probablemente o home de letras máis recoñecido da literatura medieval en catalán. Este xuízo apóiase no seguinte:

  • Foi un poeta moi lido e exerceu fonda influencia incluso en grandes poetas doutras linguas. Ademais, toda a poesía en catalán do século XVI tentou emular a súa obra.
  • A cantidade de manuscritos que nos chegaron, así como as numerosas traducións que se fixeron das súas obras.
  • A súa obra distanciouse de todo o anterior, e adquiriu un ton moi persoal, sincero e depurado, que contrastaba coa artificiosa retórica do amor cortés.
  • Escribe a súa obra en valenciano a diferenza da lírica trobadoresca que se escribía en occitano.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]