Saltar ao contido

Babuíno

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Babuínos
Rango fósil: 2 Ma-0 Ma
(Plistoceno temperán– Actual)

Papio anubis


Chamadas do Papio cynocephalus gravadas en Kenya

Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Mammanlia
Orde: Primates
Suborde: Haplorhini
Familia: Cercopithecidae
Xénero: Papio
Erxleben, 1777
Especie tipo
Simia hamadryas
Linnaeus, 1758
Especies

Papio hamadryas
Papio papio
Papio anubis
Papio cynocephalus
Papio ursinus

Sinonimia
  • Chaeropitheus Gervais, 1839
  • Comopithecus J. A. Allen, 1925
  • Cynocephalus G. Cuvier and É. Geoffroy, 1795
  • Hamadryas Lesson, 1840 (non Hübner, 1804: previamente utilizado)

Os babuínos[1] son monos do Vello Mundo de África e Arabia pertencentes ao xénero Papio,[2] que forma parte da subfamilia Cercopithecinae. As cinco especies do xénero son uns dos primates non hominoideos de maior tamaño; só o mandril e o dril son meirandes. Anteriormente, os moi emparentados xeladas (do xénero Theropithecus) e as dúas especies do xénero Mandrillus (mandril e dril) estaban incluídos dentro deste xénero, e ás veces a todos eles se lles denomina informalmente babuínos. Os Papio varían en tamaño e peso segundo a especie, desde o máis cativo, o Papio papio, de 50 cm e 14 kg, ata o máis grande, o Papio ursinus, de 120 cm e 40 kg.

Taxonomía e filoxenia

[editar | editar a fonte]

Distínguense normalmente cinco especies dentro do xénero Papio, aínda que hai un certo desacordo sobre se son realmente especies plenas ou subespecies. Estas son: P. ursinus do sur de África, P. papio do oeste de África, P. hamadryas do corno de África e suroeste de Arabia, P. anubis das sabanas da parte norte de África central, e P. cynocephalus da parte sur do centro e leste de África. Moitos autores distinguen P. hamadryas como especie plena, pero consideran as outras como subespecies de P. cynocephalus e denomínanas en conxunto "babuínos da sabana". Isto pode non ser moi útil: baséase no argumento de que o babuíno hamadrías é diferente en comportamento e fisicamente das outras especies de babuínos, e que isto reflicte unha historia evolutiva separada. Porén, estudos recentes morfolóxicos e xenéticos de Papio mostran que o hamadrías está máis relacionado coas especies de babuínos do norte (P. papio e P. anubis) que coas especies do sur (P. cynocephalus e P. ursinus).[3][4][5]

En 2015 os investigadores atoparon o fósil máis antigo de babuíno datado en hai 2 millóns de anos.[6]

A clasificación tradicional en cinco formas probablemente subrepresenta as variacións dentro de Papio. Algúns autores[7] argumentan que deberían recoñecerse polo menos dúas formas máis, incluíndo o pequeno P. cynocephalus kindae de Zambia, República Democrática do Congo e Angola e o P. ursinus griseipes que se encontra en Zambia, Botswana, Zimbabwe, Mozambique e o norte de Suráfrica. Porén, os coñecementos actuais da diversidade morfolóxica, xenética e de comportamento dentro de Papio é demasiado escasa para chegar a resultados definitivos.

As cinco especies de babuínos do xénero Papio e as subespecies son:[2]

Anatomía e fisioloxía

[editar | editar a fonte]
Face do Papio hamadryas.

Todos os babuínos teñen longos fociños parecidos aos dos cans, mandíbulas pesadas e poderosas con agudos dentes caninos, ollos moi xuntos, unha espesa pelaxe agás na zona do fociño, rabos curtos e áreas duras nas súas protuberantes nádegas, chamadas calosidades isquiais. Estas calosidades son zonas da pel sen pelos e non innervadas que facilitan que o animal estea confortable cando está sentado.

Todas as especies de babuíno mostran un pronunciado dimorfismo sexual, xeralmente en tamaño, mais tamén ás veces en cor ou no desenvolvemento dos caninos. Os machos dos hamadryas teñen tamén grandes melenas brancas.

Comportamento e ecoloxía

[editar | editar a fonte]
Unha cría de Papio anubis coa súa nai no Parque Nacional do Lago Manyara, Tanzania

Os babuínos son animais terrestres, xa que non fan vida arborícola e viven no chan da sabana, en bosques abertos e cuíñas. As súas dietas son omnívoras, pero principalmente herbívoras, aínda que tamén comen insectos e ocasionalmente peixes, marisco, lebres, paxaros, monos Chlorocebus pygerythrus e pequenos antílopes.[8] Forraxean e son activos en momentos irregularmente repartidos do día e a noite. Poden facer incursións nos asentamentos humanos, e en Suráfrica viuse que tamén atacaban ás veces a ovellas e cabras.

Os babuínos en catividade viven ata 45 anos, mentres que na natureza a súa esperanza de vida é duns 30 anos.

En certos experimentos viuse que os babuínos poden adquirir habilidades en ortografía, o cal forma parte da capacidade de ler.[9]

Predadores

[editar | editar a fonte]

Os seus principais predadores son os crocodilos do Nilo, leóns, as hienas Crocuta crocuta e Hyaena hyaena, leopardos e guepardos.[10] Son considerados unha presa difícil para os leopardos, o cal é principalmente unha ameaza para os babuínos novos. Os machos grandes adoitan enfrontarse a eles, momento en que elevan as pálpebras, mostran os seus dentes bocexando, chiando, facendo xestos e perseguindo aos intrusos/predadores. Os babuínos morren ás veces por picadura de mambas negras, aínda que non son as presas deses réptiles. Isto ocorre xeralmente cando un babuíno irrita accidentalmente a unha desas serpes.[11]

Sistemas sociais

[editar | editar a fonte]
Unha manda ou tropa de babuínos.

A maioría dos babuínos vivien en mandas ou tropas xerárquicas. O tamaño dos grupos varía de 5 a 250 animais (xeralmente uns 50), dependendo das circunstancias específicas, especialmente da especie e da época do ano. A estrutura dentro dunha destas mandas varías considerablemente entre os babuínos hamadrías e o resto das especies, ás veces denominadas colectivamente babuínos da sabana. Os hamadrías adoitan formar grandes grupos compostos de moitos haréns máis pequenos (un macho cunhas catro femias), aos cales son recrutadas femias da manda cando son aínda moi novas para aparearse. Outras especies de babuínos teñen unha estrutura máis promiscua cunha estrita xerarquía de dominancia de tipo matrilinear. O grupo do babuíno hamadrías inclúe normalmente un macho máis novo, pero non intentará aparearse coas femias a non ser que o macho máis vello sexa eliminado.

Os babuínos poden determinar por medio de cambios vocais como son as relacións de dominancia entre os individuos. Cando ten lugar unha confrontación entre diferentes familias ou cando un babuíno de rango inferior toma unha iniciativa ofensiva, os babuínos mostran máis interese neste intercambio que a que teñen para os intercambios entre membros da mesma familia ou cando un babuíno de maior rango toma a ofensiva. Isto débese a que os enfrontamentos entre diferentes familias ou rangos poden ter un maior impacto no conxunto da manda que os conflitos internos nunha familia ou que cando un babuíno reforza a súa dominancia.[12]

Nos haréns dos babuínos hamadrías o macho garda celosamente as súas femias, ata o punto de agarrar e morder as femias cando vagan afastándose demasiado lonxe. Malia todo, algúns machos asaltan haréns para obter femias. Tales situacións adoitan causar loitas agresivas entre os machos. As ameazas visuais van xeralmente acompañadas destas liortas agresivas. Isto incluirá un rápido palpebreo xunto cun bocexo no que abren moito a boca e mostran os dentes. Algúns machos teñen éxito ao roubar unha femia doutro harén. En moitas especies, as crías de babuínos son tomadas como reféns durante as loitas.

Apareamento e nacemento

[editar | editar a fonte]
Un Papio anubis coa súa cría no Parque Nacional do Lago Manyara, Tanzania.

O comportamento de apareamento do babuíno varía grandemente dependendo da estrutura social da manda. Nos grupos mixtos dos babuínos da sabana, cada macho pode aparearse con calquera femia. A orde de apareamento entre os machos depende parcialmente do seu rango social e as loitas entre machos non son raras. Porén, hai posibilidades máis sutís; en grupos mixtos, os machos ás veces tratan de gañarse a amizade das femias. Para conseguir a súa amizade, poden acicalar a femia, axudarlle a criar o seu fillo ou darlle comida. Hai unha alta probabilidade de que esa cría sexa o seu propio fillo. Algunhas femias claramente prefiren eses machos amigables como parellas. Porén, os machos tamén capturan crías durante as loitas entre machos para protexerse de ataques doutros machos, que se conteñen se ven que o opoñente leva unha cría en brazos.

Unha femia inicia o apareamento presentando aos seus cuartos traseiros inchados ante a face do macho.[13]

As femias normalmente dan a luz despois dunha xestación de seis meses e xeralmente teñen unha soa cría. As crías pesan entre 600 e 900 g ao nacer en P. hamadryas, 1068 g en P. anubis e 854 g en P. cynocephalus. Os neonatos teñen unha pelaxe distintiva (negra, marrón ou marrón avermellada), que manteñen ata o final da lactación, momento en que cambian á pelaxe adulta típica de cada especie. As nais adoitan ser as principais coidadoras das crías, aínda que varias femias poden compartir ese labor para todas as súas crías.[14]

Un ano despois do parto prodúcese a desteta. Chegan á madurez sexual entre os cinco e os oito anos. Os babuínos macho abandonan o grupo no que naceron, normalmente antes de chegaren á madurez sexual, mentres que as femias son filopátricas e permanecen no mesmo grupo toda a vida.[15][16]

Relacións cos humanos

[editar | editar a fonte]

No antigo Exipto, Babi era a deificación do Papio hamadryas e era un animal sagrado.[17][18] O babuíno represéntase asociado con Tot, funcionando como asisente de Tot ou como representación do propio Tot con cabeza de babuíno (ou máis frecuentemente de ibis).[19]

A familia de virus e cepas do Herpesvirus papio infecta aos babuínos. Os seus efectos nos humanos son descoñecidos.[20]

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para babuíno.
  2. 2,0 2,1 Groves, C.P. (2005). "GENUS Papio". In Wilson, D.E.; Reeder, D.M. Mammal Species of the World: A Taxonomic and Geographic Reference (3rd ed.). Baltimore: Johns Hopkins University Press. pp. 166–167. OCLC 62265494. ISBN 0-8018-8221-4.
  3. Newman TK, Jolly CJ, Rogers J (2004). "Mitochondrial phylogeny and systematics of baboons (Papio)". American Journal of Physical Anthropology 124 (1): 17–27. PMID 15085544. doi:10.1002/ajpa.10340. 
  4. Frost SR, Marcus LF, Bookstein FL, Reddy DP, Delson E (2003). "Cranial allometry, phylogeography, and systematics of large-bodied papionins (Primates:Cercopithecinae) inferred from geometric morphometric analysis of landmark data". Anatomical Record 275 (2): 1048–1072. PMID 14613306. doi:10.1002/ar.a.10112. 
  5. Wildman DE, Bergman TJ, al-Aghbari A, Sterner KN, Newman TK, Phillips-Conroy JE, Jolly CJ, Disotell TR (2004). "Mitochondrial evidence for the origin of hamadryas baboons.". Molecular Phylogenetics and Evolution 32 (1): 287–296. PMID 15186814. doi:10.1016/j.ympev.2003.12.014. 
  6. http://www.livescience.com/51937-earliest-baboon-fossil.html
  7. Jolly, CJ (1993). "Species, subspecies, and baboon systematics". En WH Kimbel; LB Martin. Species, Species Concepts, and Primate Evolution. New York: Plenum Press. 
  8. "AWF: Wildlife: Baboon". African Wildlife Foundation. Arquivado dende o orixinal o 17 de setembro de 2008. Consultado o 2008-08-18. 
  9. Jonathan Grainger; Stéphane Dufau; Marie Montant; Johannes C. Ziegler; Joël Fagot (2012). "Orthographic processing in baboons (Papio papio)". Science 336 (6078): 245–248. PMID 22499949. doi:10.1126/science.1218152. 
  10. "AWF: Wildlife: Baboon". African Wildlife Foundation. 
  11. Bauchot, Roland (2006). Snakes: A Natural History. Sterling. pp. 41,76,176. ISBN 978-1-4027-3181-5. 
  12. Bergman TJ, Beehner JC, Cheney DL, Seyfarth RM (2003). "Hierarchical classification by rank and kinship in baboons". Science 302 (November 14): 1234–1236. PMID 14615544. doi:10.1126/science.1087513. 
  13. Altmann, J.; Hausfater, G.; Altmann, S. A. (1988). "Determinants of reproductive success in savannah baboons, Papio cynocephalus". En Clutton-Brock T. H. Reproductive success: studies of individual variation in contrasting breeding systems. Chicago (IL): University Chicago Press. pp. 403–418. 
  14. EOL - Encyclopedy of Life. Reproduction Arquivado 29 de decembro de 2016 en Wayback Machine. Regents of the University of Michigan.
  15. Larissa Swedell. Imfene. Baboons, Conservation & Education. Dispersal and Philopatry in Baboons Arquivado 24 de decembro de 2016 en Wayback Machine.
  16. Swedell, L (2011) African Papionins: Diversity of Social Organization and Ecological Flexibility. IN Primates in Perspective, Second Edition (Campbell CJ, Fuentes A, MacKinnon KC, Bearder SK, Stumpf, RM, eds). New York: Oxford University Press, pp. 241-277.
  17. Budge, Ernest Alfred Wallis (1904). The gods of the Egyptians: or, Studies in Egyptian mythology, Vol II. Methuen Publishing. pp. 91–92. ISBN 978-0-486-22056-7. LCCN 04004378. OCLC 97634. 
  18. Pinch, Geraldine (2002). Handbook of Egyptian mythology. ABC-CLIO. p. 112. ISBN 978-1-57607-763-4. LCCN 2002004567. OCLC 49421586. 
  19. Budge, E. A. Wallis. The Gods of the Egyptians Volume 1 of 2. New York: Dover Publications, 1969 (orixinal en 1904). Vol 1. Páxina 403
  20. Eberle R, Black DH, Blewett EL, White GL. Prevalence of Herpesvirus papio 2 in baboons and identification of immunogenic viral polypeptides. Lab Anim Sci. 1997 Jun;47(3):256-62. PMID 9241626

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]