Arco de Tito

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

Coordenadas: 41°53′27″N 12°29′19″L / 41.89083, -12.48861

Arco de Tito
Rome-ArcheTitus.jpg
Presentación
Nome localArco di Tito
LocalizaciónRoma Italia Italia
EstiloRomano imperial
TipoArco de triunfo
PropietarioEstado italiano
Construción
Iniciocara o 80
Dimensións
Altura15,40 m.
Diámetro13,50 m.
Equipo
Restaurado entre 1819 e 1821

O arco de Tito (en italiano Arco di Tito) é un arco de triunfo situado na Vía Sacra, xusto ao sueste do Foro, en Roma. Foi construído pouco despois da morte do emperador Tito (nacido no ano 39 d.C., e emperador entre os anos 79 e 81 d.C.). É unha das obras arquitectónicas fundamentais da época Flavia polas súas características arquitectónicas e escultóricas.

Historia[editar | editar a fonte]

O arco de Tito ergueuse para conmemorar as vitorias deste fronte os xudeus. No 69 Vespasiano, pai de Tito, retorna a Roma para se converter en emperador e deixa a Tito en Xudea para pór fin á rebelión. No 70, Tito consegue entrar en Xerusalén, que é saqueada e o Templo destruído,  e remata a guerra. Cando regresa a Roma, no 71, é acollido nun desfile triunfal e presenta un rico botín. No 81, morto xa Tito, o Senado decide a construción do Arco que será inaugurado baixo o mando de Domiciano (novo emperador; irmán e sucesor de Tito).

Arco deTito como aparecía en 1742-1744. Óleo sobre lenzo de Bernardo Bellotto.

Durante a Idade Media formou parte da fortaleza do Frangipane e será restaurado, igual que o Coliseo, a comezos do século XIX –entre 1819 e 1821-, primeiro polo arquitecto Raffaele Stern e posteriormente por Giuseppe Valadier. A restauración, impulsada polo Papa Pío VII, foi bastante discutida pois fronte ao mármore grego orixinal, empregaron o travertino local. Hai autores que defenden este procedemento para evitar mesturar as partes orixinais coas restauradas e así evitar confusións ou falsificacións, mentres que outros afirman que se procedeu dese xeito por problemas económicos[1].

Descrición arquitectónica[editar | editar a fonte]

Arco de Tito en Roma. Ao fondo, o Coliseo.

O Arco de Tito, sepárase da tipoloxía típica dos arcos da época de Augusto, pois amosa unha mole moito máis compacta, afastándose da arquitectura de influencia helenística. As súas medidas son 15,4 m de alto, 13,5 m de largo e 4,75 m de fondo. O arco interior ten 8,3 metros de altura, e 5,36 de largo.[2]

É, ademais, a primeira obra datada en Roma que presenta capiteis de orde composta. Emprega materiais diversos, fundamentalmente un núcleo de morteiro que é recuberto con placas de mármore: de travertino no zócolo da base e doutro, máis fino, do Pentélico, no resto.

O arco apóiase nun podio ou plinto sobre o que se atopa o corpo formado por unha bóveda de canón asentada sobre dous grosos piares decorados con dous pares de columnas encostadas de capitel composto e xanelas cegas no centro. Sobre o corpo atópase o entaboamento,  que conta cun arquitrabe de tres bandas, un friso (que amosa o desfile triunfal das tropas romanas en Xerusalén) e unha cornixa que sostén o ático, no que aparece unha inscrición e sobre o que debía aparecer unha cuadriga de bronce conducida polo propio emperador[3].

Análise escultórica[editar | editar a fonte]

O saco de Xerusalén. Relevo do Arco de Tito.
O saco de Xerusalén. Reconstrución do relevo do Arco de Tito.

A decoración escultórica é abondosa en gran parte do edificio. Realizadas como altorrelevos, aparecen escenas tanto na parte frontal (nas enxutas aparecen Vitorias que se dirixen á clave, que destaca sobre o resto do arco) como no interior da arco que é onde se atopan as escenas máis relevantes.

O intradorso do arco está decorado con casetóns cadrados, e nas paredes internas, en cada un dos lados aparecen dous paneis que conmemoran dous momentos do triunfo de Tito, trala toma de Xerusalén, no 70, na primeira guerra xudía.

No lado esquerdo (sur), os soldados romanos portan parte dos tesouros resultado do saqueo do Templo de Xerusalén. Poden distinguirse o candelabro de sete brazos (menorah), a mesa co pan da ofrenda e os vasos sagrados, e as trompetas de prata. Tamén están representadas figuras masculinas cunhas táboas (tabula ansata) nas que aparecerían os nomes das cidades conquistadas durante a guerra[4].

Na parede contraria, aparece cun forte sentido alegórico, o emperador montado nunha cuadriga que é conducida pola deusa Roma, ao mesmo tempo que a Vitoria coróao, mentres que ao redor da escena aparecen os lictores. Próximo á cuadriga aparece a representación do Pobo Romano (un mozo semiespido, cunha capa) e do Senado (un home togado).[4]

No centro da bóveda atópase a ilustración da apoteose de Tito que mostra ao emperador deificado sobre unha enorme aguia símbolo de Xúpiter e Roma. A imaxe representa o momento no que a alma do emperador ascendía ao ceo dende a súa pira funeraria, cando se soltaba unha aguia desde as chamas e que representaba o milagre da apoteose.

As inscricións[editar | editar a fonte]

A inscrición en letras maiúsculas romanas le:

SENATVS

POPVLVSQVE·ROMANVS

DIVO·TITO·DIVI·VESPASIANI·F(ILIO) VESPASIANO·AVGVSTO

VESPASIANO·AVGVSTO

(Senatus Populusque Romanus divo Perico divi Vespasiani filio Vespasiano Augusto)

Que traducido significa "O Senado e o pobo romano (dedícano) ao divino Tito Vespasiano Augusto, fillo do divino Vespasiano[5]."

O lado oposto do arco recibiu novas inscricións despois de ser restaurado durante o pontificado do Papa Pío VII por Giuseppe Valadier en 1821. A restauración fíxose intencionadamente en travertino para diferenciar a construción orixinal das partes restauradas.

A inscrición pontífica di:

INSIGNE · RELIGIONIS · ATQVE · ARTIS · MONVMENTVM

VETVSTATE · FATISCENS

PIVS · SEPTIMVS · PONTIFEX · MAX(IMVS)

NOVIS · OPERIBVS · PRISCVM · EXEMPLAR · IMITANTIBVS

FVLCIRI · SERVARIQVE · IVSSIT

ANNO · SACRI · PRINCIPATVS · EIVS · XXIIII

(Insigne religionis atque artis, monumentum, vetustate fatiscens: Pius Septimus, Pontifex Maximus, novis operibus priscum exemplar imitantibus fulciri servarique iussit. Anno sacri principatus eius XXIV)

(Este) monumento, notable en termos tanto da relixión e da arte, debilitárase pola súa antigüidade: Pío VII, Sumo Pontífice, polos novos traballos sobre o modelo do antigo exemplar ordenou que se reforzara e ​​preservase. No ano 24 do seu goberno sacro.

Influencia arquitectónica[editar | editar a fonte]

O arco de Tito foi modelo ou inspiración para moitos outros arcos erixidos desde o século XV, tales como:

Galería[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Gallico, Sonia. Roma y la ciudad del Vaticano. Guía completa por itinerarios. ATS Italia Editrice, 2007, p.55.ISBN 978-55-7571-350-8
  2. "Arch of Titus". aviewoncities.com. Consultado o 07-12-2017. 
  3. Hart, Frederic (1989). Arte (Historia de la pintura, escultura y arquitectura). Madrid: Akal. ISBN 978-84-7600-411-1. 
  4. 4,0 4,1 VV., AA. (1999). Roma y el Vaticano (Las guías de oro). Bonechi. p. 39. ISBN 9788847601406. 
  5. CIL 6.945

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]