Amanita dos Césares

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Raíña
Clasificación científica
Reino: Fungi
Filo: Basidiomycota
Clase: Agaricomycetes
Orde: Agaricales
Familia: Amanitaceae
Xénero: Amanita
Especie: A. caesarea
Nome binomial
'Amanita caesarea'
(Scop.) Pers., 1801
Sinonimia
  • Agaricus aurantiacus Bull.
  • Agaricus aurantius Bull.
  • Agaricus aureus Batsch
  • Agaricus caesareus Schaeff.
  • Agaricus caesareus Scop.
  • Amanita aurantia (Bull.) Lam.
  • Fungus caesareus (Schaeff.) Kuntze
  • Venenarius caesareus (Scop.) Murrill
  • Volvoamanita caesarea (Scop.) E. Horak

A raíña ou amanita dos Césares[1] (Amanita caesarea), é un cogomelo comestíbel, nativo do sur de Europa e pertencente á familia Amanitaceae e á orde Agaricales.[2] Aseméllase á Amanita arkansana e mais á Amanita jacksonii. As súas esporas son brancas. A súa carne ten un sabor e un recendo agradábeis, polo que é un cogomelo moi apreciado, podendo consumirse incluso cru.

Aínda que ás veces aparece, é rara en Galiza[3].

Etimoloxía[editar | editar a fonte]

O seu nome común deriva do feito de ter sido un dos cogomelos favoritos dos emperadores romanos. O nome de raíña tamén vén por ser un dos cogomelos máis apreciados[4].

O seu basónimo é Agaricus caesareus Scop., 1772.

Hábitat e desenvolvemento[editar | editar a fonte]

O seu corpo frutífero desenvólvese entre o verán e o outono. Localízase especialmente nas rexións cálidas das zonas meridionais de Europa. Amosa preferencia polos terreos silíceos e clareiros dos bosques, atopándoselle principalmente baixo sobreiras, aciñeiras, carballos, castiñeiros e, ocasionalmente, coníferas. Polas condicións axeitadas é abundante na Serra de Gata (España). En Galiza non é moi común, xa que prefire zonas mediterráneas, porén tense visto algúns anos en bosques e carballeiras coma en Gondomar[4]

Descrición[editar | editar a fonte]

A Amanita caesarea ten un sombreiro de entre 8 e 20 cm de diámetro, de cor alaranxada, laranxa viva ou laranxa moi forte, con cutícula lisa e separábel. En exemplares novos, o sombreiro é hemisférico e vaise aplanando conforme se desenvolve o esporocarpo. As lamelas son de cor amarela dourada, e o da mesma cor, cilíndrico, provisto no seu terzo superior dun anel amarelo, e adoita medir entre 8 e 15 cm de alto e de 2 a 3 cm de diámetro. A volva é grande, branca e membranosa. Cando comeza a medrar ten a aparencia do interior dun ovo de galiña, semellando a volva á clara branca ou abrancazada e o píleo emerxente do fungo á xema amarela.

Gastronomía[editar | editar a fonte]

Pódese comer o cogomelo tanto frixido coma cru, ou cortado en toros finos e macerados con aceite de oliva.

Observacións[editar | editar a fonte]

Cómpre distinguila do rebentabois (Amanita muscaria), de chapeu avermellado ou escarlata, lixeiramente cóncavo, case hemisférico en exemplares novos e máis achatado en exemplares maduros, xa que é tóxica e posúe propiedades psicoactivas.

O ovo da raíña é comestíbel e doce, mais é pequeno e pode ser, para os ollos menos preparados, confundido co extremamente velenoso ovo da especie cacaforra da morte (Amanita phalloides).

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Nomes vulgares galegos recomendados por VV. AA. (2012) Vocabulario forestal, Santiago de Compostela, Universidade de Santiago de Compostela / Deputación de Lugo
  2. Kirk, P.M.; Cannon, P.F.; Minter, D.W.; Stalpers J.A. (2008). Dictionary of the Fungi (10ª ed.). Wallingford: CABI. pp. 12-13. ISBN 0-85199-826-7. 
  3. Blog con imaxes deste cogomelo en Galiza - http://hongosgalicianportugal.blogspot.com.es/2011/04/replica-un-iluminado-micofilo.html
  4. 4,0 4,1 http://hongosgalicianportugal.blogspot.com.es/2011/04/replica-un-iluminado-micofilo.html

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]