Asco (micoloxía)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Ascas do cogomelo de coresma (Morchella elata)

Un asco[1] (do latín ascus, asci en plural) é a célula sexual produtora de esporas dos fungos ascomicetos. Normalmente, os ascos conteñen oito ascosporas, producidas por unha división celular meiótica seguida, na maioría das especies, por unha mitose. Porén, nalgúns xéneros ou especies poden conter unha (por exemplo, en Monosporascus cannonballus), dúas, catro, ou outro número múltiplo de catro. Nalgúns casos, as ascosporas poden producir conidios, que poden encher por centos os ascos (como no xénero Tympanis), ou poden fragmentarse (como nalgúns Cordyceps), enchendo tamén os ascos de células máis pequenas. As ascosporas son inmóbiles e, polo xeral, unicelulares, aínda que non poucas veces poden presentarse septadas nun ou varios planos.

En moitos casos os ascos forman unha camada regular chamada himenio, dentro dun corpo frutífero visíbel a simple vista chamado ascocarpo ou ascoma. Noutros casos, como no lévedo unicelular, non se atopan estas estruturas. En raros casos os ascos dalgúns xéneros poden desenvolver regularmente dentro de ascos vellos descargados, por exemplo no xénero Dipodascus .

Os ascos normalmente ceiban as súas esporas por descarga activa desde a punta mais tamén pódeno facer de xeito pasivo desde un líquido ou en forma de po seco. Tipicamente a descarga activa dos ascos faise nunha punta diferenciada especial, un poro ou un opérculo. Nalgúns xéneros que forman himenio, cando un asco estoura pode inducir a que tamén o fagan os demais ascos do ascocarpo, resultando nunha descarga masiva que se ve como unha nube de esporas incluso nalgunhas especies como Peziza e noutros séntese un estalido ao se ceibaren as esporas.

No laboratorio se teñen empregado ascos, como os de Neurospora crasa, para estudar o proceso da meiose, xa que estas especies fan a meiose moi regular e ordenada. Tamén se poden estudar, grazas a estes ascos, outros fenómenos cromosómicos.

Clasificación dos ascos[editar | editar a fonte]

Ascos de Hypomyces chrysospermus.

A forma dos ascos é importante para clasificar os fungos ascomicetos. Hai catro tipos básicos.

  • Unitunicadas-operculadas teñen un opérculo, que se abre crebando cando as esporas están maduras. Só se atopa este tipo nos fungos que teñen apotecio, por exemplo no cogomelo de coresma. Unitunicado significa con parede simple.
  • Unitunicadas-inoperculadas son ascos cun anel elástico que funciona coma unha valva de presión. A expansión é breve e ceiba as esporas. Este tipo aparece en apotecios e peritecios; un exemplo é a especie Hypomyces chrysospermus.
  • Bitunicadas con ascos en dobre parede, sendo a interior elástica. Só se dá este tipo en seudotecios e nas clases de fungos Dothideomycetes e Chaetothyriomycetes. Exemplos: Venturia inaequalis (sarna da maceira) e Guignardia aesculi (doenza do castañeiro de Indias).
Ascos do lévedo (Saccharomyces cerevisiae) cunha tétrade de catro esporas.
  • Prototunicadas son de forma esférica e sen mecanismo de dispersión activa. Céibanse as esporas por outras influencias como son os animais. Atópanse ascos deste tipo tanto en peritecios como cleidotecios, por exemplo na grafiosie (Ophiostoma), doenza dos umeiros.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Nome galego en Vocabulario ortográfico da lingua galega, A Coruña, Real Academia Galega / Instituto da Lingua Galega, 2004

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]