Micorriza

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Micorriza arbuscular. Esporanxio, hifa, micelio, vesícula, arbúsculo

A palabra micorriza, de orixe grega, define a simbiose entre un fungo (mycos) e as raíces (rhizos) dunha planta. Como noutras relacións simbióticas, ambos os participantes obteñen beneficios.[1] Neste caso a planta recibe do fungo principalmente nutrientes minerais e auga, e o fungo obtén da planta hidratos de carbono e vitaminas que el por si é incapaz de sintetizar mentres que ela pódeo facer grazas á fotosíntese e outras reaccións internas.

Moitas plantas presentan micorrizas para aumentar a absorción de auga e sales minerais do chan. As micorrizas son a asociación entre raíces dunha planta e o micelio dun fungo, de forma que toda a extensión do micelio participa na absorción de nutrientes para a planta.

Na Natureza esta simbiose prodúcese espontáneamente. Estímase que entre o 90 e o 95% das plantas superiores presentan micorrizas de forma habitual. É posible que un mesmo fungo forme a micorriza con máis dunha planta á vez, establecéndose deste xeito unha conexión entre plantas distintas; isto facilita a existencia de plantas parasitas (algunhas das cales nin sequera realizan a fotosíntese, como as do xénero Monotropa), que extraen todo o que necesitan do fungo micobionte e as outras plantas coas que este tamén establece simbioses. Así mesmo, varios fungos (en ocasións de especies diferentes) poden micorrizar unha mesma planta ao mesmo tempo.

Vantaxes da micorrización[editar | editar a fonte]

As vantaxes proporcionadas pola micorrización para as plantas son numerosas. Grazas a ela, a planta é capaz de explorar máis volume de chan do que alcanza coas súas raíces, ao sumárselle neste labor as hifas do fungo; tamén capta con maior facilidade certos elementos (fósforo, nitróxeno, calcio e potasio) e auga do chan. A protección brindada polo fungo fai que, ademais, a planta sexa máis resistente aos cambios de temperatura e a acidificación do chan derivada da presenza de xofre, magnesio e aluminio. Por se todo isto fose pouco, algunhas reaccións fisiológicas do fungo inducen á raíz a manterse activa durante máis tempo que se non estivese micorrizada.

Todo isto redunda nunha maior lonxevidade da planta: de feito, comprobouse que algunhas árbores, como os piñeiros, son incapaces de vivir máis de dous anos cando están sen micorrizar. Noutras especies, esta unión é tan estreita que sen ela a planta non pode subsistir, como é o caso das orquídeas. As plantas cuxas sementes carecen de endosperma (sustancias alimenticias de reserva) dependen completamente do fungo para alimentarse e xerminar posteriormente.

A infección da raíz polo fungo prodúcese a partir de propágulos presentes no chan. Poden ser esporas e anacos de hifas do fungo e tamén raíces xa micorrizadas. Co fin de asegurar o éxito da empresa, seméntaa da maioría de plantas comestibles ou de decoración e as repoboacións forestais que levan a cabo na actualidade acompañan as novas plantas e brotes con fragmentos do fungo máis adecuado para establecer asociacións micorrícicas con cada especie que se vaia a cultivar.

Fungo micorrizo ericoideo

Tipos de micorrizas[editar | editar a fonte]

A maioría das plantas terrestres presentan micorrizas, e o máis probable é que os restantes descendan de plantas micorrizadas que perderon secundariamente esta característica. No caso dos fungos, a maior parte das 5000 especies identificadas nas micorrizas pertence á división Basidiomycota, mentres que en casos máis excepcionais obsérvanse integrantes de Ascomycota. A terceira división que se observou formando micorrizas é Glomeromycota, un grupo que, de feito, só se coñece en asociación micorrizóxena e cuxos integrantes morren cando se lles priva da presenza de raíces.

Segundo a súa morfoloxía, as micorrizas divídense en distintos grupos entre os que cabe destacar dous principais: as ectomicorrizas e as endomicorrizas.

Fungo ectomicorrizo, níscaro, Lactarius deliciosus, (Basidiomycota)
  • As ectomicorrizas caracterízanse porque as hifas do fungo non penetran no interior das células da raíz, se non que se sitúan sobre e entre as separacións destas. Pódense observar a primeira ollada e presentan a chamada Rede de Hartig. Este tipo de micorrización é o que predomina entre as árbores de zonas tépedas, sendo especialmente característico en carballos, eucaliptos e piñeiros. Os fungos son tanto Basidiomycota como Ascomycota.
  • Nas endomicorrizas, en troques, non hai manto externo que poida verse a primeira ollada. As hifas introdúcense inicialmente entre as células da raíz, pero logo penetran no interior destas, formando vesículas alimenticias e arbúsculos. Por iso coñécense tamén como micorrizas VAM. Os fungos pertencen á división Glomeromycota e danse en todo tipo de plantas, aínda que con predominio de herbas e gramíneas. Abundan en chans pobres como os das pradarías e estepas, a alta montaña e as selvas tropicais. No bosque atlántico aparecen xunto ás ectomicorrizas.

Ademais destes dous grandes grupos, distínguense os seguintes tipos menores:

  • Ectendomicorrizas: presentan manto externo, como as ectomicorrizas, pero tamén penetran no interior das células, como as endomicorrizas. Non existen vesículas nin arbúsculos. Obsérvanse tanto en Basidiomycota como Ascomycota e son máis abundantes en anxiospermas que en ximnospermas. Pouco específicas.
  • Orquidoides: Micorrizas de orquídeas, imprescindibles para o seu desenvolvemento e vida xuvenil. En estado adulto, a planta pode chegar a independizarse do fungo nalgúns casos.
  • Ericoides: tipo máis sinxelo e simple.
  • Arbutoides: manto externo e penetración nas células, onde forman rulos.
  • Monotropoides: a forma de penetración nas células é algo diferente.

Descubrimento[editar | editar a fonte]

O primeiro en observar as micorrizas e bautizalas co nome que levan actualmente foi o botánico alemán Albert Berhhard Frank, en 1885, tras detectar a súa presenza en varias árbores froiteiras. En 1900, o francés Bernard descubriu a súa extrema importancia na vida e desenvolvemento das orquídeas. En 1910 comezou a estenderse o seu estudo nas plantas utilizadas en agricultura e xardinaría.

Porén, non foi até 1955, coa publicación dos primeiros estudos de Mosse en Inglaterra, cando as micorrizas deixaron de considerarse como excepcións e aceptouse a súa importancia e xeneralidade reais. En tempos máis recentes, numerosos achados fósiles permitiron determinar que a orixe e presenza das micorrizas son enormemente antigos, pois se chegaron a atopar esporas de Glomeromycota en estratos de até 460 millóns de anos de antigüidade, pertencentes ao período Ordovícico. As formas arbusculares xa se atopan bastante estendidas no momento de aparición das primeiras plantas terrestres no rexistro fósil, fai 400 millóns de anos. Estas plantas, como a especie Rhynia major, carecían de auténticas raíces, presentando unicamente un talo subterráneo ou rizoma do que sobresaían varios talos aéreos. A absorción de nutrientes, por tanto recaía case exclusivamente sobre o fungo micorrícico, polo que se pode dicir que a presenza destes foi imprescindible para a extensión da vida vexetal a terra firme, tras a cal chegarían posteriormente os animais.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Invitación á Bioloxía. Helena Curtis e N. Sue Barnes, Panamericana, 2003.


Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Kirk, P.M., P.F. Cannon, J.C. David & J. Stalpers 2001. Ainsworth and Bisby’s Dictionary of the Fungi. 9th ed. CAB International, Wallingford, UK.