Alcelaphus lichtensteinii

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

Alcelaphus lichtensteinii
Alcélafo de Lichtenstein
Antílope de Lichtenstein
Antílope de Lichtenstein en Zambia
Antílope de Lichtenstein en Zambia
Estado de conservación
Pouco preocupante (LC)
Pouco preocupante
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Subfilo: Vertebrata
Clase: Mammalia
Orde: Artiodactyla
Suborde: Ruminantia
Infraorde: Pecora
Familia: Bovidae
Subfamilia: Alcelaphinae
Tribo: Alcelaphini
Xénero: Alcelaphus
Especie: A. lichtensteinii
Nome binomial
Alcelaphus lichtensteinii
Peters, 1849
Sinonimia
  • Alcelaphus buselaphus lichtensteinii
  • Bubalis lichtensteinii
  • Sigmoceros lichtensteinii

Alcelaphus lichtensteinii,[1] coñecido vulgarmente como antílope de Lichtenstein ou alcélafo de Lichtenstein, é unha especie de mamífero artiodáctilo ruminante da familia dos bóvidos, subfamilia dos alcelafinos e tribo dos alcelafininos.

É un antílope de tamaño grande que habita nas sabanas e áreas húmidas desde o sur da África Central até Suráfrica.

O seu nome específico honra ao ornitólogo Martin Lichtenstein.

Algúns autores considérano unha subespecie de Alcelaphus buselaphus ,[2] mentres que outros considérana como especie única do xénero Sigmoceros, Sigmoceros lichtensteinii,[1] aínda que recentes estudos de filoxenia molecular denuncian a pertinencia de asignar esta especie a un xénero distinto.[3]

Taxonomía[editar | editar a fonte]

A especie foi descrita en 1849 polo zoólogo e explorador alemán Wilhelm Peters na súa obra Spenerschen Zeitung, 18 de decembro de 1849: p. descoñecida; reimpresa en 1912 en Gesellschaft Natuurforschender Freunde zu Berlin for 1839-59.[1] co nome de Bubalis lichtensteinii.

Foi incluída en Alcelaphus buselaphus en 1962 por Haltenorth,[4] e, en 1997, por Kingdon),[5] pero, considerada como unha especie distinta por outros autores, colocouse nun novo xénero separado, Sigmoceros, en 1979, por Vrba (1979).[6]

Finalmente, incluíuse como especie separada do xénero Alcelaphus por Gentry en 1990.[1]

Características[editar | editar a fonte]

As principais características morfolóxicas deste antílope son:[7]

  • Antílope grande, cos trazos propios dos alcelafos, pero coa rexión frontal moito máis ancha, e sen formar o típico pedúnculo de onde xorden os cornos.
  • Lonxitude de cabeza e tronco: entre 1,70 e máis de 2,00 m
    Lonxitude da cola: de 45 a 75 cm. Altura na cruz: 1,25 m. Peso: entre 120 e 145 kg.
Lámina de Bubalis lichtensteini de The book of antelopes, (1894).
  • Cornos curtos, de 51 a 60,5 cm, comprimidos e grosos na súa base, fortemente anelados agás na porción distal, cunha curvatura dupla, en forma que semella a letra "Z", curvados primeiro cara fóra despois cara arriba e cara adentro e finalmente cara atrás, sendo as porcións terminais case paralelas.
  • A coloración do dorso é parda avermellada, brillante, contrastando coa parda amarelada dos flancos, a rexión ventral moito máis clara, e cos cuartos traseiros, abrancazados.
  • As femias son similares aos machos, pero cos cornos menos robustos.
  • A súas principais diferenzas con Alcelaphus buselaphus (que algúns autores consideran conespecíficas, como vimos) son, á parte de que non viven nas mesmas zonas, pola súa coloración máis contratada, polo perfil do dorso, que é menos descendente (as agullas son proporcionalmente máis baixas que en A. buselaphus) e pola forma dos cornos.

Bioloxía[editar | editar a fonte]

Hábitat[editar | editar a fonte]

Alcelaphus lichtensteinii vive en paraxes despexadas dos bosques de mopáns (Brachystegia), paricularmente nas sabanas arboradas abertas, mesturadas con pequenas zonas de dambos (campos de gramíneas de baixa altitude, subtropicais ou tropicais, estacionalmente húmidos ou inundados, típicos de países como Angola, República Democrática do Congo, Zambia e Zimbabue).

Hábitos[editar | editar a fonte]

Os alcélafos de Lichtenstein viven usualmente agrupados en pequenos rabaños de até 10 cabezas formados por femias coas súas crías e un macho. O macho ocupa unha posición dominante, porén quen conduce o rabaño en caso de perigo é unha femia. Os machos novos forman rabaños eles sós e, os vellos, a miúdo son solitarios. Estes antílopes teñen comportamento territorial. O macho dominante marca o seu terriotrio escaravellando na terra cos cornos, para o que se "axeonlla"; despois, frega coa cara a terra removida para deixala impregnada coa secreción das súas ben desenvolvidas glándulas preorbitais.

Cando se alarman emiten un "bufido-esbirro" a través das fosas nasais. Cando os machos pelexan con outros na época da reprodución, ás veces emiten un brado.

Estes antílopes teñen unha vista e un oído moi agudos pero, aparentemente, non teñen moi desenvolvido o sentido do olfacto.[7]

Alimentación[editar | editar a fonte]

Os antílopes de Lichtenstein son animais de pasto, e comen durante a maior parte do día, e pola noite. Descansan deitándose na herba, durante as horas máis calorosas do día. Beben diariamente, usualmente pola mañá cedo.[7]

Reprodución[editar | editar a fonte]

Durante a época de celo os machos pelexan entre si para lograren o maior número de femias posíbel para reproducírense. O período de xestación é de 240 días, e a maioría das crías (usualmente unha por parto) nacen nos meses de xullo e agosto.[7]

Relacións interespecíficas[editar | editar a fonte]

Para pastaren xuntos. Os rabaños de antílopes de Lichtenstein adoitan unirse temporalmente a outros antílopes, especialmente ao antílope equino (Hipotragis equinus) e aos ñus, e tamén a cebras.[7]

Inimigos. O principal depredador da especie é o león. Tamén o son, en menor medida, os licaóns, o guepardo e o leopardo. Cada ano son mortos polos predadores aproximadamente a metade dos individuos novos. Ademais, son obxecto de caza por parte do home.[7]

Distribución e status[editar | editar a fonte]

O antílope de Lichtenstein encóntrase nas sabanas e zonas húmidas de Angola, República Democrática do Congo, Malawi, Mozambique, Suráfrica, Tanzania, Zambia e Zimbabue. Recentemente extinguido en Burundi.[2]

A especie é moi vulnerábel á caza furtiva, e a súa supervivencia a longo prazo está estreitamente vinculada á continuidade da protección efectiva das súas poboacións en áreas tales como reservas de caza, como a Selous Game Reserve e outras zonas clave para a especie no oeste e o sur de Tanzania e Zambia. Aínda así, a maioría destas poboacións son estábeis. E esta situación non cambiará mentres nestas áreas continúen apoiando as poboacións sas. Por iso a UINC considera na actualidade a situación da especie como LC (pouco preocupante).[2]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 Wilson, Don E. & Reeder, DeeAnn M., eds. (2005):Mammal Species of the World.
  2. 2,0 2,1 2,2 Alcelaphus buselaphus ssp. lichtensteinii na Lista vermella da UICN. Versión 2014.2
  3. Conrad A. Matthee & Terence J. Robinson (1999): "Cytochrome b Phylogeny of the Family Bovidae: Resolution within the Alcelaphini, Antilopini, Neotragini, and Tragelaphini" Molecular Philogenetics adn Evolution 12 (1): 31-46.
  4. Haltenorth, T. & Diller, H. (1986), p. 82-84.
  5. Kingdon, J. (1997).
  6. Groves, Colin & Peter Grubb (2011).
  7. 7,0 7,1 7,2 7,3 7,4 7,5 Dorst, J. & Dandelot, P. (1973), pp. 226-228.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Dorst, J. & Dandelot, P. (1973): Guía de campo de los mamíferos salvajes de África, Barcelona: Ediciones Omega, S. A.
  • Groves, Colin & Peter Grubb (2011): 'Tribe Alcelaphini in Wallace, 1876 en Ungulate Taxonomy. Baltimore, Maryland, USA: The Johns Hopkins University Press. ISBN 978-1-4214-0093-8.
  • Haltenorth, T. & Diller, H. (1986): A Field Guide of the Mammals of Africa including Madagascar. London: William Collins Sons & Co Ltd. ISBN 0-00-219778-2.
  • Kingdon, J. (1997): The Kingdon Field Guide to African Mammals. Academic Press, London and New York: NaturalWorld.
  • Nowak, R. M. (ed.) (1991): Walker's Mammals of the World. Fifth Edition. Baltimore, Maryland, USA:: The Johns Hopkins University Press.
  • Rodríguez de la Fuente, F. (1970): Enciclopedia Salvat de la fauna. Tomo I. África (Región etiópica). Pamplona: Salvat, S. A. de Ediciones, pp. 112–123.
  • Wilson, D. E., & Reeder, D. M. (editors) (2005): Mammal Species of the World — A Taxonomic and Geographic Reference. Third edition. Baltimore, Maryland, USA: The Johns Hopskins University Press. ISBN 0-8018-8221-4.

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]