Alcelaphus caama

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Alcelaphus caama
Alcélafo caama
South Africa-Krugersdorp Nature Reserve-Red Hartebeest01.jpg
Estado de conservación
Pouco preocupante (LC)
Pouco preocupante
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Subfilo: Vertebrata
Clase: Mammalia
Orde: Artiodactyla
Suborde: Ruminantia
Infraorde: Pecora
Familia: Bovidae
Subfamilia: Alcelaphinae
Tribo: Alcelaphini
Xénero: Alcelaphus
Especie: A. caama
Nome binomial
Alcelaphus caama
Geoffroy Saint-Hilaire, 1803
Sinonimia
  • Alcelaphus buselaphus caama Cuvier, 1804

Alcelaphus caama, coñecido vulgarmente como alcélafo caama, é unha especie de mamífero artiodáctilo ruminante da familia dos bóvidos, subfamilia dos alcelafinos e tribo dos alcelafininos, polo que é un parente próximo dos damaliscos, os ñus e o antílope de Hunter.

Durante moito tempo este antílope africano foi considerado como unha subespecie de Alcelaphus buselaphus, Alcelaphus buselaphus caama.

Taxonomía[editar | editar a fonte]

A especie foi descrita por primeira vez en 1803 polo naturalista francés Étienne Geoffroy Saint-Hilaire na súa obra Catalogue des mammifères du Muséum National d'Histoire Naturelle, p. 269. Muséum National d'Histoire Naturelle, Paris. 269.[1]

A autoría e a data de publicación foron validadas pola Opinion 2005 da Comisión Internacional de Nomenclatura Zoolóxica.[1]

Alcelaphus caama sería parafilético de incluírse na especie irmá Alcelaphus lichtensteinii.[1] Porén, a Unión Internacional para a Conservación da Natureza (e outros autores) consideran o xénero Alcelaphus como monoespecífico, sendo Alcelaphis buselaphis caama unha das súas subespecies,[2]

Caracteríasticas[editar | editar a fonte]

As principais características físicas desta especie son:[3]

A plena luz do día, apréciase ben a súa coloración.

Antílope grande, moi semellante ao alcélafo busélafo, co pedículo frontal moi desenvolvido. A altura na cruz é de 125 a 130 cm; o peso, de 169 a 189 kg.

Visto desde atrás, vese ben a mancha abrancazada das ancas.
De perfil, vese a típica curvatuda dos cornos.

Coloración xeral parda amarelada avermellada clara. Mostra unha mancha escura na metade da cara, interrompida entre os ollos por unha banda de cor leonada. O dorso do pescozo, o manto e as patas até a altura dos ombros e das cadeiras, de cor máis ou menos escura. Presenta unha gran mancha abrancazada na parte inferior das ancas, en forte contraste coa parte superior, máis escura, e coas cadeiras.

Os cornos, presentes en ambos os sexos, teñen unha lonxitude de entre 48 e 66 cm, están fortemente anelados na porción basal, e teñen forma de "V" na base cando se ve de fronte o animal; ao principio están curvados lixeiramente cara a adiante e cara a dentro; despois, agudamente cara atrás.

O dimorfismo sexual é escaso, non mostrando características físicas distíntas facilmente identificábeis, pero o tamaño do corpo é lixeiramente inferior nas femias e, sobre todo, o tamaño dos corno, porén, expresa máis dimorfismo entre machos e femias: como os machos loitan entre eles no época da reprodución, propiciando a selección sexual, teñen o cranio máis pesado e os cornos lixeiramente máis grosos que as femias.[4]

Bioloxía[editar | editar a fonte]

Hábitat e distribución[editar | editar a fonte]

Distribución actual das subspecies de Alcelaphus En cor parda, a de A. caama.

O seu hábitat preferido son as rexións secas e áridas, de Namibia, o Kalahari, o sur de Botsuana e o noroeste de Suráfrica.[5] Vive en sabanas e outras áreas herbosas, e tamén en zonas montañosas (até o cume dos Drakensberg.[3]

Antigamente estaba distribuído por case toda a África austral, ocupando a maior parte da antiga provincia do Cabo, o oeste do Trasvaal, a antiga provincia do Estado Libre e a parte oeste de Natal (hoxe na provincia de KwaZulu-Natal), en Suráfrica, en Lesoto, Botsuana e África do Suroeste. Pero na actualidade encóntrase tan só nas rexións áridas da moderna Provincia do Noroeste do Cabo, Botsuana e Namibia.[3]

Foi reintroducido nalgunhas reservas de caza e Parques Nacionais de Suráfrica (non no Parque Nacional Krugger, onde nunca habitou) e tamén no oeste de Zimbabue.[3]

Costumes[editar | editar a fonte]

O alcélafo caama é un animal gregario. Viven en rabaños de 10 a 30 cabezas, aínda que antigamente chegaban a formar, nalgunhas épocas do ano, enormes mandas que cubrían as chairas. Os machos vellos son ás veces solitarios.[3]

Son animais moi veloces, máis ben silenciosos, pero ocasionalmente emiten unha especioe de esbirro ou bufido cando están alarmados.[3]

Os alcélafos caama teñen uns excelentes sentidos do oído e do olfacto, aínda que o seu sentido da vista é pobre. Cando se alarman, foxen; poden alcanzar unha velocidade máxima de 55 km/h. A súa táctica de evasión é a de correr en zig-zag, o que fai máis difícil aos depredadores a súa captura.[6]

Alimentación[editar | editar a fonte]

Aliméntanse basicamente de herba, o que se evidencia polo seu longo fociño, que lle dá ventaxe na capacidade para apañar e mastigar as gramíneas máis eficientemente. Durante a tempada de chuvias nna África meridional, as especies de herbas Andropogon son abundantes, e son a principal fonte da súa dieta.[7] Como todos os herbívoros salvaxes, a súa dieta varía estacionalmente, xa que consumen herbas verdes de máis alta calidade nas tempadas húmidas e materiais de calidade inferior nas épocas secas.[8] Raramente consomen ramiñas e follas.[3]

Femia coa súa cría.

Beben regularmente cando hai auga dispoñíbel, pero poden pasar sen ela durante longos períodos de tempo.[3] De feito, os alcélafos caama están considerados como os menos dependentes da auga que a maioría dos alcelafinos, e só teñen necesidade de beber auga cando os melóns e os tubérculos son inaccesíbeis.[8]

Reprodución[editar | editar a fonte]

Estes antílopes teñen un período de xestación de oito meses, ao cabo dos cales as femias paren unha soa cría. Os partos adoitan producirse nun padrón estacional antes de que comecen as chuvias de verán.
Despoios do nacemento, as crías permanecen ocultas na densa vexetación antes de unirse a un grupo, para aumentar as súas posibilidades de sobrevivir aos ataques dos depredadores, xa que son moi débiles.[5]

A maioría das femias comezan a criar aos dous anos de idade, e poden preñar outra vez 9 ou 10 meses despois do parto.[9]

Inimigos[editar | editar a fonte]

Os carnívoros que depredan a esta especie son o león, as hienas pintas, o guepardo e o leopardo.[5] Porén, non son a fonte primaria de alimento de calquera destas especies. Para os leóns surafricanos os alcélafos caama só representan ao redor do 7% da súa dieta; a das hienas constitúe o 3,5%; a dos guepardos, o 1,75% e a dos leopardos o 6,25%. Os leóns tipicamente cazan machos adultos, mentres que as hienas pintas e os leopardos tenden a cazar becerros.[10]

Poboación e status[editar | editar a fonte]

O alcélafo caama é agora relativamente abundante nunha ampla zona, pero estivo ao bordo da extinción contra 1875 debido á caza abusiva.
Hoxe abunda no Kalahari Gembsbok National Parfk en Botsuana e na África suroccidental, e as súas poboacións incrementáronse moi satisfactoriamente nas rexións onde foi reintroducido.[3]

A Unión Internacional para a Conservación da Natureza clasifica o estado da especie como LC (pouco preocupante). Pero hai que ter en conta que esta entidade considera só unha única especie dentro do xénero Alcelaphus: Alcelaphus buselaphus.[2]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 Wilson & Reeder (2005): Mammal Species of the World.
  2. 2,0 2,1 Alcelaphus buselaphus ssp. caama na Lista vermella da UICN.
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 3,5 3,6 3,7 3,8 Dorst, J. & Dandelot, P. (1973), pp. 223-226.
  4. Capellini, I. (2007): "Dimorphism in the hartebeest. Sex, size and gender roles: evolutionary studies of sexual size dimorphism", en D. J. Fairbairn; W. U. Blanckenhorn & T. Szekely (Eds.), pp. 124–132.
  5. 5,0 5,1 5,2 Red Hartebeest (Alcelaphus caama) na web do Kruger National Park.
  6. A Guide to the: Red Hartebeest - Alcelaphus buselaphus en EcoTravel (en inglés)
  7. Schuette, J.; Leslie, D.; Lochmiller, R. & Jenks, J. (1998): "Diets of hartebeests and roan antelopes in Burkina Faso: Support of the long-faced hypothesis" J. of Mammology 79 (2): 426–436.
  8. 8,0 8,1 McNaughton, S. & Georgiadis, N. (1986): "Ecology of African Grazing and Browsing Mammals" Annual Review of Ecology and Systematics 17: 39.
  9. Hartebeest: Alcelaphus buselaphus. ThinkQuest. 1988.
  10. M. G. L. Mills: "Prey selection and feeding habits of the large carnivores in the Southern Kalahari" Koedoe; Supplement (1984),pp. 281-294.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Dorst, J. & Dandelot, P. (1973): Guía de campo de los mamíferos salvajes de África, Barcelona: Ediciones Omega, S. A.
  • Groves, Colin & Peter Grubb (2011): 'Tribe Alcelaphini in Wallace, 1876 en Ungulate Taxonomy. Baltimore, Maryland, USA: The Johns Hopkins University Press. ISBN 978-1-4214-0093-8.
  • Haltenorth, T. & Diller, H. (1986): A Field Guide of the Mammals of Africa including Madagascar. London: William Collins Sons & Co Ltd. ISBN 0-00-219778-2.
  • Kingdon, J. (1989): East African Mammals: An Atlas of Evolution in Africa Volume 3, Part D: Bovids. Chicago: University of Chicago Press. ISBN 0-226-43725-6.
  • Kingdon, J. (1997): The Kingdon Field Guide to African Mammals. Academic Press, London and New York: NaturalWorld.
  • Nowak, R. M. (ed.) (1991): Walker's Mammals of the World. Fifth Edition. Baltimore, Maryland, USA:: The Johns Hopkins University Press.
  • Rodríguez de la Fuente, F. (1970): Enciclopedia Salvat de la fauna. Tomo I. África (Región etiópica). Pamplona: Salvat, S. A. de Ediciones, pp. 112–123.
  • Wilson, D. E., & Reeder, D. M. (editors) (2005): Mammal Species of the World — A Taxonomic and Geographic Reference. Third edition. Baltimore, Maryland, USA: The Johns Hopskins University Press. ISBN 0-8018-8221-4.

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]