Chatti

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
O limes romano do Rin e os pobos xermanos da Germania libera a mediados do século I, aparecendo os catos fronte á provincia romana de Xermania Superior.

Os chatti (tamén catti) eran un antigo pobo xermánico situado no Hesse central e setentrional e na Baixa Saxonia meridional, ao longo do curso superior do río Weser e nos vales e montañas das rexións dos ríos Eder, Fulda e Werra, un distrito aproximadamente correspondente a Hessen-Cassel, aínda que probablemente máis amplo. De acordo con Tácito,[1] entre eles estaban os batavi, ata que unha pelexa intestina os fixo separarse e ocupar novas terras no esteiro do Rin.

Os chatti resistiron con éxito a incorporación ao Imperio romano, uníndose á coalición de tribos do líder guerreiro querusco Arminio que aniquilou as lexións de Varo na Batalla do bosque de Teutoburgo no ano 9. Xermánico posteriormente, no 15, asolou as súas terras en vinganza, pero Roma respondeu á belixerante defensa da súa independencia dos Chatti coa construción das fortificacións fronteirizas do limes ao longo da fronteira sur dos seus territorios no Hesse central durante os primeiros anos do século I. Atopáronse restos dun refuxio moi ben fortificado nun outeiro preto da aldea de Metze (latín: Mattium) no medio do territorio dos chatti ao sur de Kassel.

De acordo con Tácito no seu libro Xermania (capítulo 30), eran guerreiros disciplinados famosos pola súa infantería. Os seus veciños polo norte eran os usipi e tencteri.

Os chatti co tempo convertéronse nunha parte dos seus veciños os francos e foron incorporados no reinado de Clodoveo I, probabelmente cos ripuarios, ao principio do século VI. Aparecen mencionados no Beowulf (poema épico anglosaxón) co nome de Hetwaras.

No 723, o misioneiro anglosaxón Winfrid – despois chamado San Bonifacio, Apóstolo dos Xermanos – predicando entre os chatti, derrubou a súa árbore sagrada, o Carballo de Thor, preto de Fritzlar, como parte dos seus esforzos para rematar a conversión ao cristianismo dos chatti e as outras tribos xermánicas setentrionais.

A palabra "chatti" evolucionou finalmente ao actual "Hesse", tras toda unha serie de cambios fonéticos.

Chasuarii[editar | editar a fonte]

Os chasuarii eran unha tribo xermánica mencionada por Tácito na Xermania. Segundo el, habitaban "alén dos chamavi e angrivarii", que vivían na ribeira baixa do Rin. Moitos, por iso, cren que esta tribo habitaba a rexión moderna de Hannóver. Algúns cren que o nome chasuarii significa habitantes do río Hase, un afluente do Ems. Claudio Ptolomeo, xeógrafo do século II di que os kasouarioi vivían ao leste dos montes Abnoba, próximos a Hessen. Moitos historiadores son da opinión de que os chasuarii eran os mesmos que o pobo dos chattuarii mencionados por algúns autores.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Daniel C. Stevenson. "The Internet Classics Archive" (en inglés). The Histories. Tacitus. http://classics.mit.edu/Tacitus/histories.4.iv.html. Consultado o 2-09-2012.