Saltar ao contido

Agromar (obra de teatro)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Agromar
Portada da primeira edición
Autor/aXosé Filgueira Valverde
CubertaTorres
OrixeGalicia
LinguaGalego
Xénero(s)Teatro
Data de pub.1936
FormatoTapa branda
Páxinas94
editar datos en Wikidata ]

Agromar é unha obra de teatro en lingua galega de Xosé Filgueira Valverde. Apareceu publicada en maio de 1936 co pseudónimo de J. Acuña, impresa no obradoiro de Palacios en Lugo.

...é unha peza didáctica, orientada a defender e fomentar os valores da auténtica Galicia rural perante os falsos valores dunha cultura vilega mimética e esóxena.
Dedicatoria de Filgueira nun exemplar de Agromar.

O prólogo está asinado polo propio Filgueira Valverde, que xa usara o pseudónimo de J. A. para publicar varios artigos na revista Logos. Por norma xeral os prólogos alógrafos (non escritos pola persoa autora do libro) tenden a ser laudatorios, mais este recorre á captatio benevolentiae a través do tópico da modestia. O retrato que fai de J. Acuña ten moitos datos biográficos coincidentes cos do autor (alumno de Losada Diéguez, estudante na Universidade de Santiago de Compostela, membro do Seminario de Estudos Galegos...)

Argumento

[editar | editar a fonte]

Nun accidente de tráfico cun Chenard-Walcker, Lolo atropela un home que vai nun carro de bois e ao señorito Juan. O home morre e Juanito está grave, precisando unha transfusión de sangue. Os señoritos da vila non están dispostos a doar sangue, pero si o fai Xelo por unha aposta.

Logo da transfusión, o señorito Juan pasa a ser Xanciño, ou Nito, pasando a ser un aldeán máis. No remate Nito está sachando nos terróns e ponse a falar con el un señorito que non o recoñece. A farsa remata cun mitin de Don Enrique, facendo un chamamento a seguir a tradición fronte á modernidade.

Narración

[editar | editar a fonte]

Personaxes

[editar | editar a fonte]

Os personaxes son todos masculinos:

  • Xanciño: mozo de boa familia, coñecido tamén como señorito Juan ou como Nito. Ten afinidades co personaxe de Adrián Solovio da obra de Otero Pedrayo Arredor de si (1930).
  • Don Enrique, médico galeguista.
  • Xelo, Chinto, Goros e Fuco, rapaces da aldea.
  • Lolo, Antón, Chano, Perico e un anónimo, rapaces da vila.
  • Tulé, can de Xelo.

Estrutura

[editar | editar a fonte]

A obra estrutúrase en dous lances (o primeiro de tres escenas e o segundo de cinco) e un epílogo. A portada inclúe un deseño de Torres, no que aparecen varios aldeáns e varios rapaces da vila.

O tempo histórico discorre a comezos do século XX, cando os automóbiles aínda non eran frecuentes polos camiños galegos, e cando as transfusións sanguíneas aínda se comezaban a desenvolver. O tempo narrativo abrangue dous períodos diferenciados: os dous lances discorren continuados, sen rupturas, mentres que o remate ten lugar un tempo despois, indeterminado.

A acción discorre na aldea e na vila. As anotacións ao respecto recomendan un decorado con "calquera cousa que suxira nas escenas o lugar da acción: a rúa, a casa do médico, o pazo, os agros...". O primeiro lance ten lugar no exterior, na rúa, e o segundo no interior do pazo, na habitación de Nito. O remate ten lugar no exterior, nunha leira.

O espazo podería ter lugar preto de Pontevedra, pois faise referencia á Misión Biolóxica de Galicia. Aparecen nomeadas tamén A Coruña e Agolada.

No momento da escritura da obra aínda non existía unha normativa oficial do galego, mais o autor segue uns certos criterios no texto, resultando un idioma apto para a representación teatral ao tempo que inclúe unha alternancia de códigos. Fronte a outros textos bilingües anteriores, como Maxina ou a filla espúrea, nesta obra non hai diglosia, senón que o galego aparece como referente. Amais, hai un modelo de castelán agalegado co propósito de ridiculizar o seu emprego, con galeguismos léxicos e morfosintácticos.

Aparece por escrito algún fenómeno dialectal, como o seseo posnuclear en voces como rapás, ves e lus. O plural das palabras rematadas en -n é -ns (vacacións, mazáns); porén, o plural das palabras rematadas en -l faino segundo o modelo central (xornás, millerirás, casás).

Usa o infinitivo conxugado. Aparecen hiperenxebrismos (escadeiras, sinceiridade, primaveira), vulgarismos (perfeución, leutricidá) e arcaísmos (vegadas, tíduo, door), amais de neoloxismos (o anglicismo sport), castelanismos e lusismos (após de).

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Sanmartín Rei, G. (2002): "Agromar [1936] e a(s) lingua(s): un discurso exemplificador do combate contra a diglosia", en Revista galega de Filoloxía nº 3, páx 199-224.

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]