Doazón de sangue

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Doante de sangue durante unha doazón.

A doazón de sangue é un procedemento médico no que se extrae sangue dun individuo para, tras un axeitado procesado, poder ser transfundida a outro individuo coa fin de amañar algún déficit ou patoloxía que condicione unha alteración dos compoñentes sanguíneos. A través da doazón de sangue pódense obter, principalmente, concentrado de glóbulos vermellos, plaquetas ou plasma fresco conxelado. Tamén é posíbel obter, a través do fraccionamento do sangue, diferentes medicamentos como a albumina, unha proteína fundamental e a máis abundante no noso organismo, así como factores de coagulación plasmáticos.

A doazón ten por lei un carácter voluntario[1].

A Organización Mundial da Saúde considera a doazón de sangue un elemento vital e insubstituíbel. Recomenda unha taxa de doazón de entre 40 e 60 doazóns por cada 1.000 habitantes e ano para cubrir as necesidades transfusionais dunha poboación. A taxa de doazón en Galicia foi en 2012 de 42 doazóns por cada 1.000 habitantes e ano.[2]

Lexislación[editar | editar a fonte]

En Galicia a doazón de sangue e outros compoñentes está regulada por lei desde 1985. No decreto 1945/1985 de 9 de outubro do Ministerio de Sanidade de España e posterior Real Decreto 1088/2001 do 16 de setembro, establécese que a doazón é sempre voluntaria, anónima, altruísta, universal e de balde.

A Xunta de Galicia tamén regula, no marco das súas competencias, as características da doazón de sangue. No decreto 462/1990, de 20 de setembro, e no último Decreto 100/2005 do 21 de abril, integra e actualiza a normativa europea para complementar a lei estatal[3]. En ditos decretos, refórzase a voluntariedade da doazón, de xeito que ningún organismo nin persoa pode obligar, baixo ningunha circunstancia, á doazón. Ademais, o paciente receptor da transfusión en ningún caso poderá coñecer a identidade do doante, tal e como acontece tamén no caso da doazón de órganos. Establécese tamén a gratuidade do acto de doar, dado que o doente en ningún caso ha de pagar a doazón que recibe. O doante, polo tanto, realiza a doazón de xeito altruísta.

Na lexislación galega incorpórase o concepto de doazón responsábel. Apélase así á responsabilidade do doante para contribuír á seguridade do proceso. Así, o doante ha de proporcinar, ben na entrevista clínica, ben nos cuestionarios que se lle realizan, calquera información relevante sobre o seu estado de saúde, posíbeis infeccións, medicación que se toma, viaxes a rexións con potenciais doenzas endémicas, ou relacións sexuais de risco. O doante debe proporcionar información veraz sobre estes datos dado que a súa sangue vai ser destinada a transfundirse a outros pacientes.

A doazón[editar | editar a fonte]

O procedemento de doazón é realizado en Galicia pola Axencia de Doazón de Sangue e Órganos, un organismo público dependente da Consellería de Sanidade. Noutros países o proceso de doazón está regulado por organismos públicos, fundacións, empresas privadas ou servizos externalizados. En varios sistemas de saúde é a Cruz Vermella a que se encarga de xestionar o proceso de doazón.

Entrevista clínica[editar | editar a fonte]

Antes de proceder á doazón de sangue, e especialmente nos casos en que o doante acude por primeira vez, adóitase realizar unha anamnese ou entrevista clínica coa fin de determinar os datos clínicos máis importantes do potencial doante. O obxectivo desta entrevista é poder identificar posíbeis factores de risco ou condicións que contraindiquen ou condicionen o proceso de doazón.

A anamnese é realizada por un facultativo médico responsábel da unidade, aínda que o proceso pode estar protocolizado e realizado en parte por persoal de enfermería ou incluso mediante cuestionarios.

Ademais da entrevista clínica, o persoal sanitario realiza unha serie de medicións e análises rápidos para preservar a seguridade do doante. Habitualmente mídense parámetros antropométricos (peso, altura e índice de masa corporal), presión arterial e frecuencia cardíaca, e unha análise dos niveis de hemoglobina.

Requisitos[editar | editar a fonte]

En termos xerais, os requisitos para doar en Galicia avaliánse nesta entrevista clínica, e son os seguintes:

  • Ter un peso de máis de 50 quilogramos.
  • Ter máis de 18 anos.
  • En doantes de máis de 65 anos, avaliarase individualmente ao potencial doador para determinar se é axeitado para a doazón.
  • Non ter padecido infeccións potencialmente transmisíbeis, coma VIH, hepatite B, hepatite C, sífilis e doenzas de transmisión sexual en xeral.
  • Non ter viaxado nos últimos 6 meses a rexións con elevada incidencia de determinadas doenzas.
  • En xeral, ter un bo estado de saúde.

Existen outras condicións que se avalían en función do risco de poder padecer infeccións transmisíbeis, como por exemplo:

  • Ter unha elevada incidencia de relacións sexuais con numerosos compañeiros sexuais.
  • Terse realizado piercing, tatuaxes ou procedementos invasivos.

Nalgúns países a doazón está vetada a homes que teñen sexo con outros homes (HSH) ou a varóns homosexuais e bisexuais[4]. Está considerado unha forma de discriminación, e moitos colectivos LGTB afirman estar baseado en estereotipos, xa que non existen evidencias científicas dunha maior transmisión de VIH e outras doenzas transmisíbeis en doantes homosexuais.

Extracción[editar | editar a fonte]

Unha vez superada a entrevista clínica e descartadas as posíbeis contraindicacións para a doazón, considérase ao doante apto. A extracción do sangue realízase por parte do persoal de enfermería. O procedemento realízase de forma estéril, desinfectando a zona de punción con alcol ou clorhexidina. A zona de venopunción adoita ser calquera dos brazos, concretamente nas veas basílica ou cefálica. Igual que acontece cunha extracción sanguínea para unha analítica, o brazo é arrodeado cun compresor elástico co obxectivo de acumular a maior cantidade de sangue nas veas do brazo. A punción realízase cunha vía periférica, habitualmente dun calibre 14G.

O procedemento leva normalmente entre 5 e 7 minutos. O volume de sangre extraído é de 500 mililitros, dos cales 450 ml destínanse á transfusión e os 50 ml restantes empréganse para analizar mediante probas de laboratorio o grupo sanguíneo e a calidade do sangue, incluído a análise de diferentes infeccións[5].

Procesamento[editar | editar a fonte]

Unha vez extraído, o sangue ten que ser procesado para poder ser almacenado e empregado. En Galicia este proceso realízase desde 1993 no Centro de Transfusión de Galicia de Santiago de Compostela.

O sangue procedente das doazóns pódese procesar para obter diferentes compoñentes, os cales denomínse hemoderivado:

  • Concentrado de glóbulos vermellos: son empregados para transfundir a doentes con anemia, hemorraxias ou en intervencións cirúrxicas con perda importante de sangue. Os glóbulos vermellos teñen unha vida de 40 días, con condicións de temperatura entre 4 e 6 graos centígrados.
  • Plasma: o plasma é a parte do sangue ao que se lle extraeron os glóbulos vermellos e plaquetas. Empréganse en queimaduras graves, doenzas sanguíneas coma a hemofilia, doenzas hepáticas, e outras condicións que poidan causar alteracións na coagulación. Tamén poden ser usados para revertir a acción de medicacións anticoagulantes. Do plasma pódense extraer outras proteínas coma albumina, gammaglobulinas ou factor VIII (empregado na hemofilia]]. O plasma habitualmente consérvase conxelado, denominándose moitas veces plasma fresco conxelado (PFC).
  • Plaquetas: as plaquetas son fundamentais para o proceso de agregación e coagulación. Poden ser necesarias en doentes con enfermidades que afecten as plaquetas, hemorraxias agudas ou como reversor de fármacos antiagregantes. Convérvanse durante 5 días posteriores á doazón a unha temperatura que varía entre 20 e 24 °C.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. A voluntariedade das doazóns son recollidas no Real Decreto 1945/1985 de 9 de outubro do Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade de España e posterior Real Decreto 1088/2001 do 16 de setembro.
  2. "A doazón de sangue en Galicia." (PDF). ados.sergas.gal. Consultado o 14/01/2021. 
  3. O Decreto 462/1990, de 20 de setembreo, regula a hemodonación, hemoterapia e os Banco de sangue en Galicia.
  4. "A FDA relaxa as pautas de doazón de sangue para homes homosexuais y outros.". nytimes.com. Consultado o 14/01/2021. 
  5. Seed, Olive (decembro de 2010). "No evidence of a significantly increased risk of transfusion‐transmitted human immunodeficiency virus infection in Australia subsequent to implementing a 12‐month deferral for men who have had sex with men (CME).". The Journal of AAGG Transfussion. 50 (12): 2722–2730. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]