Maxina ou a filla espúrea

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Maxina
Capa do manuscrito de 1870
Título orixinalMagina ou a filla espúrea
Conto gallego - castellano da miña abó
Autor/aMarcial Valladares Núñez
OrixeGaliza
Lingualingua galega
Xénero(s)novela
Data de pub.1880 (manuscrito de 1870)
editar datos en Wikidata ]

Magina ou a filla espúrea (tamén Majina ou a filla espúrea; Maxina ou a filla espúrea; Maxina ou a filla espuria ou simplemente Maxina, segundo as edicións) é unha novela de Marcial Valladares. Escrita en 1870, en pleno Rexurdimento, está considerada a primeira novela moderna en lingua galega.[1]

Trama[editar | editar a fonte]

Otilia é unha moza compostelá de dezaseis anos, dunha familia burguesa. Nun baile de máscaras é violada, e ao cabo dá a luz a unha nena, Maxina. A nena é levada ó orfanato, e despois é criada por dous aldeáns, Inés e Caitán, que xa teñen outro rapaz, Ermelio.

Ao quedaren orfos os meniños póñense a traballar na casa doutros labregos, pero son sacados polo padriño de Ermelio, o señorito Salvio, e mais polo marqués de Tria-Castela, que ao cabo, nunha anagnórise, resulta ser o avó biolóxico de Maxina, pois fora o seu fillo o que violara a Otilia.

Os irmáns marchan estudar a Madrid, e ao cumpriren dezaoito anos casan e reciben a herdanza dos seus protectores. Por outra banda, Otilia, que ía casar con Salvio, tolea.

XV

[...] visitaron a capela das reliquias e moitas outras; deron un paseo polos claustros, contemplando dende eles as erguidas torres daquela gran basílica, especialmente a do reloxo e, voltos ó sagrado templo, tomaron auga bendita e saíron pola porta da Quintana.

Narración[editar | editar a fonte]

A obra, narrada en terceira persoa, está estruturada en 17 capítulos, que responden a cambios no espazo ou no tempo.

Personaxes[editar | editar a fonte]

Os personaxes da novela responden aos arquetipos literarios, xa non só das novelas románticas do século XIX, senón das obras clásicas universais. A obra ten un trasunto moralizante, e existen os papeis 'bos' (heroe, princesa...) e malos (vilán).

  • Maxina; Otilia; Inés e Caitán; Ermelio; Salvio; O marqués de Tria-Castela; Veranio.

Espazo[editar | editar a fonte]

A novela discorre no espazo urbano de Santiago de Compostela e no rural en aldeas do val do río Ulla, preto do Pico Sacro. Esta oposición aparece reflectida no aspecto sociolingüístico da obra, ao contrapor a lingua castelá da cidade co galego da aldea.

La Ilustración Gallega y Asturiana n.º 21.

Tempo[editar | editar a fonte]

A acción comeza in medias res, cando Otilia vai dar a luz. Hai analepses, ao retomar os feitos pasados no baile. O autor define ben o tempo da acción, que dura en total 19 anos. Comeza o 2 de febreiro de 1850, no baile de máscaras, e remata na voda de Maxina e Ermelio, en 1869, xa que antes houbo nove meses de xestación.

Lingua[editar | editar a fonte]

No momento da escritura da obra aínda non existía unha normativa oficial do galego. Con todo, o papel como lexicógrafo de Valladares Núñez definiu uns certos criterios no texto.

A obra alterna a lingua castelá dos personaxes da sociedade urbana co galego da narración e dos personaxes aldeáns. Con todo, son numerosos os castelanismos no texto en galego e os galeguismos no castelán. Amais, distínguese entre un galego 'culto' na narración, e un galego 'popular' na voz dos personaxes, con gheada, seseo, vulgarismos, dialectalismos e hipergaleguismos.

Respecto á grafía, aparecen frecuentemente a letra y, e vacílase no uso de j, g e x. Amais do acento gráfico agudo, aparece o grave para marcar a abertura vocálica, e nun caso mesmo o til circunflexo. É común o uso do guión e mais do apóstrofo.

Publicación e edicións[editar | editar a fonte]

O manuscrito máis antigo da novela, doado á Real Academia Galega polo Centro Gallego de Buenos Aires, é de 1870. A novela saíu publicada a partir do 28 de xullo de 1880[2] en 11 números da revista La Ilustración Gallega y Asturiana, dirixida por Manuel Murguía.

En 1970 foi reeditada pola Editorial Galaxia, con ilustracións de Xohán Ledo e cun limiar de R. Carballo Calero.[3] Outras edicións, máis recentes, fixéronas Vía Láctea Editorial (1988), Edicións Xerais de Galicia na Biblioteca das Letras Galegas (1991 e 2008), El Correo Gallego na Biblioteca 114 (1992) e La Voz de Galicia na Biblioteca Galega 120 (2001).

En 2021 Galaxia reeditouna co apoio da Consellería de Cultura, Educación e Universidade por medio da Secretaría Xeral de Política Lingüística e coa colaboración da Real Academia Galega (Dixitalización do manuscrito realizada por Unayta). Nesta edición ofrécese un texto actualizado, acompañado coa reprodución facsimilar caligráfica do manuscrito orixinal realizado en 1870 e depositado nos arquivos da Real Academia Galega.[4][5]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Xunta e Editorial Galaxia impulsan unha nova edición de 'Maxina ou a filla espuria', a primeira novela galega moderna". www.lingua.gal. Consultado o 2021-09-10. 
  2. La Ilustración Gallega y Asturiana Arquivado 06 de xaneiro de 2015 en Wayback Machine. tomo II, n.º 21, Madrid, 28 de xullo de 1880.
  3. Vista previa en Google Books.
  4. "Maxina ou a filla espuria". editorialgalaxia.gal. Consultado o 18 de xullo de 2021. 
  5. Vilas, Bertha (outubro, novembro, decembro, 2021). "O conto-noveliña do señor de Vilancosta". Grial LIX (232): 84–85. ISSN 0017-4181. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]