O municipio ten hoteis e casa de curto aloxamento para poder desenvolver o turismo rural, o que atrae varios centos de visitantes ao ano. Posúe tamén un polígono industrial (o de Arinaga) no que se aloxan máis de 700 empresas.
O Agüimes actual foi fundado en 1491 sobre un importante asentamento aborixe logo de terminada a conquista castelá de Gran Canaria. Foi creado como vila baixo señorío episcopal por orde dos Reis Católicos, e outorgado á Igrexa como compensación pola colaboración desta durante a conquista. O territorio agüimense alberga diversos asentamentos prehispánicos de grande importancia: o propio centro histórico de Agüimes, Guayadeque e Temisas.
A súa riqueza hídrica, grazas aos cursos de auga provenientes da conca do barranco de Guayadeque, permitiu tras a conquista os primeiros cultivos de cana de azucre. Máis modernas son as explotacións de tomate e cogombro na zona de Arinaga destinadas á exportación.
Do mesmo xeito que no resto do sueste de Gran Canaria, parte da poboación de Agüimes optou no pasado pola emigración a Cuba, Porto Rico e outros países de América. Actualmente é unha zona de inmigración, beneficiada polo auxe do turismo no sur da illa e doutras actividades de servizos. Hai que sinalar ademais a puxanza da zona industrial de Arinaga, en torno ao porto homónimo.