Lingua afrikaans
Afrikaans Afrikaans | ||
---|---|---|
Pronuncia: | [ɐfriˈkɑːns] | |
Falado en: | Suráfrica e Namibia | |
Rexións: | África Austral | |
Total de falantes: | 7,2 millóns (censo de 2011) Total: 15–23 millóns | |
Familia: | Xermánico Xermánico occidental Baixofranconio Neerlandés Afrikaans | |
Escrita: | Alfabeto latino | |
Status oficial | ||
Lingua oficial de: | Suráfrica Namibia (como lingua minoritaria) | |
Regulado por: | Die Taalkommissie | |
Códigos de lingua | ||
ISO 639-1: | af
| |
ISO 639-2: | afr | |
ISO 639-3: | afr
| |
Mapa | ||
Status | ||
O afrikaans[2][3] é unha lingua xermánica occidental que se fala principalmente en Suráfrica e Namibia.
Falantes
[editar | editar a fonte]Falan o afrikaans como lingua materna 6 200 000 persoas, ademais en Suráfrica pode haber 4 000 000 que o teñan como segunda ou terceira lingua. O 60% dos brancos surafricanos e o 50% dos mestizos teñen o africáner como lingua materna.
- Suráfrica 5 811 547 (censo 1996)
- Namibia 146.000
- Cimbabue 100.000 (ou uns poucos milleiros)
- Botswana 6.000
Distribución xeográfica
[editar | editar a fonte]En Suráfrica o africáner fálase na Cidade do Cabo e en toda a metade occidental do país ademais das cidades de Pretoria, Xohanesburgo e Bloemfontein.
En Namibia a Constitución de 1990 garante ao africáner o status de lingua nacional, aínda que non é oficial como si o era antes da independencia. Aproximadamente o 25% da poboación de Windhoek ten o africáner como lingua materna.
En Cimbabue existía unha comunidade africáner importante, pero a maioría emigraron despois de 1980, e actualmente descoñécese o seu número. En Malaui e Zambia hai pequenas minorías de lingua africáner.
En Botswana fálase no distrito de Ghazi e na vila de Takatokwane, no distrito de Kweneng.
Como resultado da emigración actualmente existen colonias falantes de africáner en Australia (Perth), Nova Zelandia, no Canadá (Vancouver e Toronto), na Arxentina, no Reino Unido (Londres), nos Estados Unidos, nos Países Baixos e Bélxica.
Dialectos
[editar | editar a fonte]- Afrikaans do Cabo Oriental (Oosgrensafrikaans), base da lingua estándar
- Afrikaans do Cabo (Kaaps Afrikaans)
- Afrikaans do Río Orange (Oranjerivierafrikaans).
Orixe
[editar | editar a fonte]Orixinariamente o afrikaans é unha variedade local do neerlandés que se desenvolveu na colonia neerlandesa da Cidade do Cabo despois que a Compañía Holandesa das Indias Orientais establecera alí unha colonia en 1652, aumentada con emigración de holandeses, alemáns e franceses entre os séculos XVIII e XIX, esa poboación europea mesturouse coa poboación local bantú e khoisan, así como con poboación procedente das colonias holandesas de Asia.
Á lingua local denominouse inicialmente holandés do Cabo (Taal Dutch), houbo tamén outras linguas crioulas que influíron no desenvolvemento do afrikaans: o Orange Rivers Afrikaans (ou Kleurling Afrikaans) falada por europeos mesturados con falantes de linguas khoisan, nama e outras poboación africanas (os seus falantes coñecíanse como griqua ou koranna). Os Rehobot Basters era unha poboación rural descendente de homes holandeses e mulleres khoi que falaban un crioulo semellante. O cabo malaio era a variedade africáner falada pola poboación islámica descendente de malaios.
A mutua interferencia do afrikaans con estas outras variedades crioulas levou á a unha grande regularidade da gramática. O holandés do Cabo diverxía ademais do neerlandés na introdución de préstamos do baixoalemán, alemán, francés, portugués, do malaio e outras linguas malaio-polinesias e das linguas africanas, aínda que comparte o 85% do léxico co neerlandés.
Gramática
[editar | editar a fonte]O afrikaans presenta unha forte simplificación gramatical comparada co neerlandés, non distingue xéneros gramaticais nos substantivos, o plural indícase mediante o morfema -e, (neerlandés -en, -n, -s, -'s) e posúe un único artigo, die.
Non presenta inflexión verbal, hai que colocar o pronome antes para saber quen fai a acción.
Conta con 15 vogais, e é unha das poucas linguas xermánicas en empregar a dobre negación: Hy kan nie Afrikaans praat nie. (literalmente El pode non africáner falar non.)"
Historia
[editar | editar a fonte]O afrikaans considerouse un dialecto do neerlandés ata comezos do século XX, lingüisticamente aínda está próximo ao holandés (dialecto neerlandés) que se falaba nas provincias de Holanda do Norte e Holanda do Sur no século XVII, e por extensión ao neerlandés moderno.
O holandés do Cabo diverxía do neerlandés na introdución de préstamos do baixoalemán, alemán, francés, portugués, do malaio e outras linguas malaio-polinesias e das linguas africanas.
Arnoldus Pannevis (1838-1884) foi un reverendo neerlandés considerado o pai do africáner, á súa chegada a Suráfrica deuse de conta que a lingua difería considerablemente do neerlandés, e puxo os alicerces para que fose considerada unha lingua diferente.
Despois da guerra boer de 1899-1902 produciuse un movemento de reivindicación política da lingua que deu como resultado que en 1925 o goberno da Unión Surafricana oficializara o africáner, en substitución do holandés. A máis grande asociación de defensa do africáner fundouse en Cidade do Cabo o 19 de agosto de 1930, a Afrikaanse Taal- en Kultuurvereniging (ATKV), aínda que ao seu primeiro mitin só acudiron 33 persoas, ao ano seguinte xa tiña 30 seccións locais.
En 1933 publicouse a tradución completa da Biblia.
En 1976 a intención do goberno surafricano de establecer o afrikaans como lingua vehicular das escolas negras en substitución do inglés provocou disturbios en Soweto que chamou a atención internacional sobre o réxime do apartheid. A Constitución de 1994 proclama o afrikaans unha das once linguas oficiais do país, malia iso o inglés cada vez actúa máis como lingua pública.
En 1996 a SABC reduciu as emisións de televisión en afrikaans, como reacción en 1999 fundouse unha televisión de pago en afrikaans (KykNet) con moito éxito
Escrita
[editar | editar a fonte]Ao primeiro os falantes de afrikaans escribían en neerlandés estándar, pero arredor de 1850 o afrikaans comeza a se utilizar en folletos relixiosos ou políticos, pero aínda considerado un dialecto rexional. En 1856 aparece o primeiro libro en afrikaans, era un libro relixioso islámico en alfabeto árabe, escrito na variedade coñecida como cabo malaio ou africáner do Cabo.
En 1875 creouse a Genootskap vir Regte Afrikaanders (Sociedade dos verdadeiros Africáners) que publicou moitos libros en africáner, incluíndo gramáticas, dicionarios, material relixioso e historias, e elaborou unhas normas baseadas nos dialectos falados polos brancos.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Moseley, Christopher e Nicolas, Alexandre. "Atlas of the world's languages in danger". unesdoc.unesco.org. Consultado o 11 de xullo de 2022.
- ↑ Termo aprobado pola Comisión de validación terminolóxica da Real Academia Galega. Pódese acceder ao rexistro en TERGAL
- ↑ Definición de afrikaans no Dicionario de Galego de Ir Indo e a Xunta de Galicia.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Existe unha versión da Wikipedia en Lingua afrikaans |
Vexa no Galizionario as palabras en Afrikaans |