Ulmeiro

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirixido desde "Ulmus")
Ulmeiro (xénero Ulmus)
U. rubra
U. rubra
Clasificación científica
Reino: Plantae
División: Magnoliophyta
Clase: Magnoliopsida
Orde: Rosales
Familia: Ulmaceae
Xénero: ''Ulmus''
Especies

Ver texto

Os ulmeiros ou olmos son especies arbóreas pertencentes ao xénero: Ulmus, que conta con 204 especies de plantas de flores pertencente á familia Ulmaceae. En Galiza non abundan hoxe en día, mais aínda podemos atopar dúas especies bravas: o ulmeiro de montaña (Ulmus glabra) e o ulmeiro mediterráneo (Ulmus minor). Tamén existe o híbrido natural destes dous últimos: o ulmeiro de Holanda (Ulmus x hollandica).

Etimoloxía[editar | editar a fonte]

En galego recoméndase usar os termos ulmeiro ou olmo.

No dicionario da Real Academia Galega indícase, ademais da forma olmo, a forma umeiro[1], mais no departamento de botánica da Universidade de Santiago de Compostela (Termos esenciais de botánica. Universidade de Santiago de Compostela, 2004) dise que en toda a documentación técnica manexada, esta denominación é unha forma dialectal (propia do galego de Asturias) de se referir ao amieiro: Alnus glutinosa[2]

Os nomes galegos ulmeiro e olmo derivan do seu nome latino ǔlmu máis o sufixo –aria, que daría ulmario. O nome umeiro (tanto para o amieiro como para esta especie) tería raíz prerromana relacionada coa auga, probablemente a raíz um- (que tamén xeraría a raíz latina), como a que presenta o río Umia ou o río Uma (afluente do Río Tea).

Distribución[editar | editar a fonte]

Os ulmeiros forman parte de moitos tipos de fragas e bosques naturais. As especies atópanse en climas temperados e incluso rexións tropicais de América do Norte e Eurasia, chegando até Indonesia.

Durante os séculos XIX e XX plantáronse moitísimos cultivares nas rúas e xardíns como ornamentais en Europa, América do Norte e algunhas partes do hemisferio sur, especialmente en Australia, acadando algúns deles un talle importante.

En Galicia non son comúns agás en xardinaxe, atopando algúns exemplares bravos das especies Ulmus glabra (ulmeiro de montaña) e Ulmus minor (umeiro mediterráneo) nas Fragas do Eume ou nas montañas orientais. Posibelmente as súas poboacións diminuíron hai séculos pola industria naval, pois a comezos da Idade Moderna a Coroa de Castela tallou as máis das grandes e vellas árbores do Reino de Galiza (carballos, umeiros, freixos, nogueiras, castiñeiros, etc), perdéndose un gran potencial forestal para o país. Máis recentemente moitos ulmeiros foron afectados pola grafiose, unha doenza específica do ulmeiro.

Hábitat[editar | editar a fonte]

Medran en solos frescos e ricos, normalmente en lameiros e en bosques de ribeira, de climas temperados mesturado con outras especies típicas das fragas. Non adoita subir dos 1000 m.

Descrición[editar | editar a fonte]

Son árbores caducifolias ou semicaducas que se extenden ao longo do hemisferio norte, dende Siberia a México a Xapón. Moitas especies son de cultivo e se espallaron polo hemisferio sur, especialmente en Australia e Indonesia .

As follas deste xénero teñen follas alternas, sinxelas e serradas, asimétricas na base. Teñen flores hermafroditas sen pétalos que son polinizadas polo vento. Os seus froitos son sámaras.

Especie en perigo[editar | editar a fonte]

Por mor dunha epidemia chamada "grafiose", que consiste nun fungo (Ceratocystis ulmi) que ataca o umeiro, as distintas especies desta emblemática árbore están en perigo de desaparecer; tamén existe unha epidemia producida por un escaravello transportador do fungo que lles produce a enfermidade, principalmente no leste europeo e con más preponderancia na Península Ibérica. Crese que a poboación de ulmeiro común descendeu entre un 80 e un 90%.[3]

Etnografía[editar | editar a fonte]

  • Non lle pidas ao ulmeiro peras, que está sempre sen elas.

Especies seleccionadas[editar | editar a fonte]

Referencia[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Ulmeiro Modificar a ligazón no Wikidata