Solenoideos
Solenoideos Solenoidea Navallas / Longueiróns | |||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Ensis ensis | |||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||
| |||||||||||||
Familias | |||||||||||||
|
A dos solenoideos (Solenoidea) é unha superfamilia de moluscos bivalvos da orde dos veneroides, coñecidos popularmente como navallas e longueiróns.
Son mariscos moi apreciados gastronomicamente en Asia e en Europa, e tamén se utilizan como carnada para a pesca de certas especies de peixes.
Características
[editar | editar a fonte]Os solenoideos ou navallas son bivalvos coa cuncha de forma alongada e simétrica. As valvas son lisas e articuladas entre elas en toda a súa lonxitude. Nun dos extremos da cuncha encóntrase a cabeza atrofiada e, no outro, o pé en forma de machada.
Taxonomía
[editar | editar a fonte]Para a maioría dos autores a superfamilia comprende dúas familias:[1][2]
Porén, o National Center for Biotechnology Information (NCBI) estadounidense considera tres:[3]
- Superfamilia Solenoidea
- Familia Cultellidae Davies, 1935
- Familia Pharidae H. Adams & A. Adams, 1856
- Familia Solenidae Lamarck, 1809
Para os máis dos autores, as especies da familia dos Cultellidae estarían integradas na familia dos Pharidae.[1]
Especies galegas e os seus nomes
[editar | editar a fonte]Especies
[editar | editar a fonte]Nas praias de Galicia están documentadas as seguintes especies:
- Familia Pharidae
- Xénero Ensis
- Ensis magnus Schumacher, 1817, sinónimo Ensis arcuatus (Jeffreys, 1865)
- Ensis ensis (Linnaeus, 1758) – navalla propiamente dita
- Ensis minor (Chenu, 1843)
- Ensis siliqua (Linnaeus, 1758) – longueirón propiamente dito
- Xénero Pharus
- Pharus legumen (Linnaeus, 1758)
- Xénero Ensis
- Familia Solenidae
- Xénero Solen
- Solen marginatus Pulteney, 1799, sinónimo Solen vagina auct. – longueirón vello
- Xénero Solen
Nomes
[editar | editar a fonte]Botándolle unha ollada á bibliografía dispoñíbel, parece que todos os solenoideos que se encontran en Galicia son coñecidos, indistinta e maioritariamente, polos nomes de longueirón e navalla.
- Ríos Panisse inclúe, no seu Inventario,[4] as especies:
- Ensis ensis (L.), da que recolle os nomes de aguillolo blanco, aveso, cadela, caíño, carabela, carallete, espadín, meisán e pisasote, rexistradas en cadanseu porto; carallote, en dous; longueirón (e as súas variantes) en 23 localidades, e navalla, en 18.
- Ensis siliqua (L.), carabela, caramela, navalla e longueirón (e variantes), cada unha nun lugar (cómpre dicir que tanto navalla como as tres variantes de longueirón citadas, foron recollidas por Maria do Carmo Henríquez Salido no Grove).
- Solen dactylus, da que rexistra os nomes, obtidos indirectamente, de carallete (Abuín), carallote (P. Crespo, Abuín) lingueirón (P. Crespo), longueirón (P. Crespo, Cornide, Abuín) e navalla (P. Crespo). Por outra parte di que descoñece as claves que manexara o P. Crespo, e que polos nomes vulgares que dá, sospeita que se trata dun sinónimo de Solen vagina, ou ben das dúas especies de Ensis citadas arriba. Desde logo que o Padre Crespo non puido manexar as claves actuais, xa que Solen dactylus é unha especie descrita e 1989 por Cosel, propia das augas de Paquistán; quizais a recollera da obra do presbítero Cristóbal de Medina Conde Relación Ichthyologica, o de los pescados fluviales y marítimos de todas especies, mariscos, árboles, plantas, y otras producciones que se sacan y cogen en estas costas de Málaga, con lo demás perteneciente a la Conchiliologia, publicada en 1789, e que cita a especie Solen Dactylus, que, efectivamente, se identifica coa actual Solen marginatus (que Ríos engloba en Solen vagina)
- Rosa Ramonell, na súa Guía,[5] só recolle tres:
- Ensis ensis, á que lle dá o nome de navalla, admitindo como sinónimos numerosos nomes recollidos da Nomenclatura de Ríos Panisse para Solen vagina,[4] entre eles longueirón.
- Ensis siliqua, á que adxudica o nome de longueirón, admitindo como sinónimos carabela e linqueirón, pero tamén navalla, e
- Solen marginatus, para o que escolle dous nomes, longueirón e longueirón vello (este último non recollido por Ríos Panisse), ademais de moitos outros, entre eles navalla.
- É dicir que, para esta autora, son aplicábeis os nomes de navalla e longueirón para as tres especies por ela recollidas, aínda que sexan de dous xéneros diferentes. (Pola contra, a RAG distingue entre navalla, nome que dá a Ensis ensis,[6] e longueirón, que reserva para Ensis siliqua,[7] aínda que sexan especies do mesmo xénero).
- Na máis moderna Guía dos moluscos de Galicia, de Emilio Rolán e Jorge Otero-Schmitt,[8] estes autores recollen as seguintes especies, para as que dan os nomes que se indican:
- Ensis arcuatus (os mesmos nomes que para Solen marginatus e, ademais, o de caramela)
- Ensis ensis (no se indica nome)
- Ensis minor (non se indica nome)
- Ensis siliqua (os mesmos nomes que para Solen marginatus e, ademais, o de caramela)
- Pharus legumen (non se indica nome)
- Solen marginatus (carallote, carallete, navalla e longueirón)
- O Vocabulario multilingüe dos profesores Lahuerta e Vázquez,[9] que non recolle só as especies propias das nosas augas, senón moitas outras de distribución mundial que son de interese pesqueiro, e que conta coa colaboración do Termigal para o tratamento lingüístico e terminolóxico, podemos ver:
- – Xénero Cultellus
- Cultellus tenuis – longueirón africano
- – Xénero Ensis
- Ensis directus – navalla de América do Norte
- Ensis ensis – navalla
- Ensis gorensis – navalla de Gorea
- Ensis siliqua – longueirón
- – Xénero Pharus
- Pharus legumen – navallón
- – Xénero Siliqua
- Siliqua patula – longueirón de Alasca
- – Xénero Solecurtus
- Solecurtus strigilatus – navallón curto raspado
- – Xénero Solen
- Solen capensis – longueirón do Cabo
- Solen guineensis – longueirón de Guinea
- Solen margiunatus – longueirón vello
- Solen oblicuus – longueirón antillano
- – Xénero Tagelus
- Tagelus adansonii – navallón de Adanson
- Tagelus plebeius – navallón macizo
Estes autores parecen decantarse por reservar o termo común navalla para o xénero Ensis (e especies similares doutros xéneros), e o de longueirón para Solen (e especies similares doutros xéneros); iso si, coa contradición de que Ensis siliqua é o longueirón propiamente dito
- Por último, no Dicionario de alimentación e restauración, coordinado por Manuel González González e editado pola Xunta de Galicia en 2012 se lle dan ás especies galegas os nomes:[10]
- Ensis ensis – navalla
- Ensis siliqua – longueirón
- Solen marginata – longueirón vello
Marisqueo
[editar | editar a fonte]As navallas viven en praias de area grosa nas zonas infrealitoral e mediolitoral, onde están enterrados até os 40 ou 50 cm de profundidade. Son fáciles de encontrar na marea baixa pola presenza de pequenos orificios en forma de oito.
En Galicia o marisqueo pode realizarse ben mediante unha arte de tracción mecánica que se serve dun angazo denominado rastro da navalla, ben botando sal nos buratos que quedan ao descuberto coa marea baixa, facendo que a concentración de sal sexa demasiado elevada e que o animal saia do seu agocho para escapar a este medio hostil, ou ben metendo un ferro nos buratos.
Este último procedemento precisa certa destreza, pois, unha vez descuberto o burato, crávase de súpeto un peculiar pau denominado fisga ou gancha introducíndoo entre as valvas, de xeito que a navalla, ao sentir a presión e pechalas, se aferra a ela, podendo así o mariscador tirar da fisga e deixar o bivalvo ao descuberto.
Hoxe en día tamén é habitual a súa captura por mergullo a pulmón, método máis selectivo e que non dana o medio ambiente mariño.
Usos
[editar | editar a fonte]Cociña
[editar | editar a fonte]As navallas cocíñanse amplamente en Asia e Europa, aínda que nesta última rexión o seu consumo fíxose bastante raro nos últimos anos debido a un cambio nas actitudes dos consumidores, excepto en España e singularmente en Galicia, onde cada vez son máis apreciadas.
Cocíñanse de forma moi directa, asadas á grella ou á prancha, a miúdo salteadas con aceite, allo, herbas aromáticas, e chiles ou con salsa de soia, dependendo do país. En Galicia adoitan facerse grellados ou abertos á prancha, adobados con aceite, allo e zume de limón.
Poden conxelarse, e a súa carne segue sendo firme despois de desconxelalas.
Segundo Cunqueiro, falando dos bivalvos,
«cando máis simplemente se guisan estas cusas, millor. Hai que salvar o seu natural por riba de todo».[11]
E que
«as ameixas, os croques, os longueiróns, fan moi bos arroces, que non deben levare máis que o aceite no que se dora a cebola e abre o arroz, e a ameixa, ou o croque, ou o longueirón. Nada de pemento, aínda que lle vai ben que amarelée o arroz o azafrán».[11]
Carnada para a a pesca
[editar | editar a fonte]As navallas tamén se empregan como carnada para a pesca de, entre outros peixes, a dourada (Sparis aurata) e outros espáridos ou a robaliza.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 1,2 Solenoidea Lamarck, 1809 no WoRMS.
- ↑ Solenoidea, TSN 566880;Lamarck, 1809 no SIIT.
- ↑ Solenoidea no NCBI.
- ↑ 4,0 4,1 Ríos Panisse, M. C. (1977), pp. 142-144.
- ↑ Ramonell, R. (1985), pp. 97-103),
- ↑ navalla, 2ª acep. Arquivado 22 de xullo de 2013 en Wayback Machine. no dicionario da RAG.
- ↑ longueirón Arquivado 22 de xullo de 2013 en Wayback Machine. no dicionario da RAG.
- ↑ Rolán e Otero (1996).
- ↑ Lahuerta e Vázquez (2000).
- ↑ González, M., coord. (2012).
- ↑ 11,0 11,1 Cunqueiro, A. (1973), p. 69.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Cunqueiro, Á. (1973): A cociña galega. Vigo: Editorial Galaxia. ISBN 84-7154-181-5.
- González González, M., coord. (2012): Dicionario de alimentación e restauración. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia. Termigal. ISBN 978-84-453-5056-0.
- Lahuerta Mouriño, Fernando e Francisco X. Vázquez Álvarez (2000): Vocabulario multilingüe de organismos acuáticos. Santiago: Xunta de Galicia. ISBN 84-453-2913-8.
- Ramonell, R. (1986): Guía dos mariscos de Galicia. Vigo: Editorial Galaxia. ISBN 84-7154-506-3.
- Ríos Panisse, Mª del Carmen (1977): Nomenclatura de la flora y fauna marítimas de Galicia.I. Invertebrados y peces. Verba, Anejo 7. Santiago de Compostela: Universidade de Santiago de Compostela. ISBN 84-7191-008-X.
- Rolán, R. e Jorge Otero-Schmitt (1996): Guía dos moluscos de Galicia. Vigo: Editorial Galaxia. ISBN 84-8288-072-1.
Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Pescadegalicia.com Xunta de Galicia.
- Solenoidea en ADW.