Afonso VIII de Castela

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Afonso VII no centro, e a raíña Leonor á esquerda.
Estatua de Afonso VIII.

Afonso VIII de Castela, nado en Soria o 11 de novembro de 1155 e finado en Gutierre-Muñoz (Ávila) o 5 de outubro de 1214, foi un nobre castelán, rei de Castela [1] dende 1158. Chamado tamén Afonso VIII de Borgoña, Afonso o das Navas e Afonso o Nobre.

Minoría de idade[editar | editar a fonte]

Era o único fillo de Sancho III e Blanca de Navarra. Ó morrer o seu pai, o 31 de agosto de 1158, só tiña tres anos de idade, polo que se lle asignou como titor a Gutiérrez Fernando de Castro. Este nomeamento, que levaba implícita a rexencia do reino, orixinou unha sanguenta rivalidade entre dúas poderosas familias nobiliarias, a galega dos Castro, á que pertencía o titor do rei, e a castelá dos Lara que pretendían dita tutela. Lograron facerse co xove rei, ó que trasladaron a Haza, dentro da súa zona de influencia.

Esta rivalidade derivou case nunha guerra civil, e nun período de desgoberno que foi aproveitado polos reinos veciños. En 1159 o rei navarro Sancho IV apoderouse de Logroño e de amplas zonas de A Rioxa, mentres que o tío do xove Afonso, o rei leonés Fernando II, fíxose con Burgos.

A proximidade de Fernando II, aliado dos Castro, ó lugar onde os Lara custodiaban a Afonso VIII, fixo que estes o trasladasen a Soria onde permaneceu ata 1162, cando os Lara, acosados por Fernando, que conquistara as cidades de Segovia e Toledo, decidiron entregarllo ó seu tío, aínda que o impediu a intervención dun fidalgo, que sacou ó pequeno do pazo real, poñéndoo baixo a custodia das vilas leais do norte de Castela, primeiro no castelo de San Esteban de Gormaz, e despois en Atienza e Ávila, cidade que desde entón recibe o título honorífico de "Ávila del Rey" ou "Ávila de los Leales", pola defensa que fixo do xoven monarca.

Reinado[editar | editar a fonte]

Ó cumprir quince anos en 1170, acadando a maioría de idade, Afonso VIII foi proclamado rei de Castela nas Cortes que se convocaron en Burgos. Tras isto casou con Leonor de Plantagenet, filla de Henrique II de Inglaterra e de Leonor de Aquitania, que aportou como dote o condado de Gascuña.

O seu primeiro obxectivo como monarca foi a recuperación dos territorios que lle foran arrebatos ó reino durante a súa minoría de idade. Aliouse co rei aragonés Afonso II o Casto, logrando arrebatar en 1173 a Sancho IV as comarcas que usurpara.

Esta alianza con Aragón quedou reforzada ó casar Afonso II coa súa tía Sancha.

En 1174 cedeu á Orde de Santiago a vila de Uclés (na actual provincia de Cuenca), sendo desde entón a casa principal da orde. Desde esta praza iniciou unha ofensiva contra os musulmáns, que culminou coa reconquista de Cuenca en 1177. A cidade rendeuse o 21 de setembro, festividade de San Mateu, celebrada desde entón polos conquenses.

En 1179 firmou co seu aliado aragonés o tratado de Cazorla, polo que os dous monarcas se repartiron sobre o papel, xa que non tivo resultados reais, os territorios do reino navarro, e ademais fixaron as zonas de conquista dos territorios musulmáns que cada monarca podía emprender, variando o ata entón vixente tratado de Tudilén, que firmaran Afonso VI e Ramón Berenguer IV. Polo novo Tratado de Cazola, o reino de Murcia pasaba a Castela, e a cambio o rei aragonés viuse libre do vasalaxe que debía a Afonso VIII.

No inverno de 1180 firmou en Carrión de los Condes o Fuero de Villasila y Villamelendro, trala petición efectuada polos responsables das citadas vilas.[2]

Tras fundar Plasencia en 1186, e coa intención de unificar á nobreza castelá, relanzou a reconquista, recuperando parte da Rioxa que estaba en mans navarras. Estableceu unha alianza con tódolos reinos peninsulares cristiáns (Portugal, León, Navarra e Aragón) para proseguir ordenadamente conquistando as terras ocupadas polos almohades.

En 1188 reuniuse en Carrión de los Condes co seu sobriño Afonso IX que acababa de suceder ó seu pai, Fernando II, como rei de León. Os dous monarcas firmaron un pacto de boa vontade, que Afonso VIII axiña rompeu para, aproveitando a debilidade do novo rei leonés no seu propio reino, invadir León e facerse con varias poboacións, entre elas Valencia de Don Juan e Valderas, e que iniciou un período de hostilidades que durou ata o 20 de abril de 1194, coa firma do tratado de Tordehumos. Nel o rei castelán comprometíase a devolver os territorios conquistados, e o leonés comprometíase a casar coa filla de Afonso VIII, Berenguela e, de morrer sen descendencia o reino de León pasaría a ser anexionado por Castela.

Batalla de Alarcos[editar | editar a fonte]

O acordo co reino de León permitiulle romper a tregua que mantiña cos almohades desde 1190, e iniciou incursións xunto ó arcebispo de Toledo, Martín López de Pisuerga, chegando ata Sevilla.

O califa almohade Abu Yaqub Yusuf al-Mansur, que se encontraba no norte de África, cruzou o estreito de Xibraltar e desembarcou en Tarifa á fronte dun poderoso exército, co que se dirixiu cara terras castelás. Afonso VIII recibiu a noticia e reuniu ó seu exército en Toledo, e aínda que conseguiu o apoio dos reis de León, Navarra e Aragón para facer fronte á ameaza almohade, non esperou a chegada das tropas e dirixiuse cara Alarcos, unha cidade-fortaleza en construción situada na actual provincia de Ciudad Real, xunto ó río Guadiana. O 19 de xullo sufriu unha forte derrota, que supuxo unha importante perda de territorio e a fixación da nova fronteira entre Castela e o Imperio almohade nos montes de Toledo.

Batalla das Navas de Tolosa[editar | editar a fonte]

Trala batalla de Alarcos, Afonso VIII encontrouse nunha perigosa situación, que en 1212 levou á posible perda de Toledo e de todo o val do Texo, polo que o rei solicitou ó papa Inocencio III a predicación dunha cruzada, á que non só responderon os seus súbditos casteláns, senón tamén os aragoneses co seu rei, Pedro II o Católico, os navarros dirixidos por Sancho VII o Forte, e ordes militares como as de Calatrava, do Temple, de Santiago e de Malta.

Con todos eles, e trala recuperación dos enclaves do val do Guadiana (Calatrava, Alarcos, Benavente...) alcanzou a esperada vitoria sobre o califa almohade Miramamolín na batalla das Navas de Tolosa, producida o 16 de xullo nas inmediacións de Santa Elena (Xaén).

Afonso VIII morreu en 1214, sendo sepultado xunto á súa esposa no Mosteiro de Las Huelgas de Burgos, panteón dos reis de Castela que el mesmo fundara.

Afonso VIII foi o fundador do primeiro estudio xeral español, o studium generale de Palencia, que decaeu trala súa morte. Ademais, a súa corte foi un importante instrumento cultural, coa acollida de trobadores e sabios, especialmente pola influencia da súa esposa gascoa dona Leonor (irmá de Ricardo Corazón de León).

Nupcias e descendencia[editar | editar a fonte]

O rei casou en setembro de 1170 en Burgos con Leonor de Plantagenet, filla de Henrique II de Inglaterra e de Leonor de Aquitania. A influencia política e cultural da reina foi notable, e profesáronse amor sincero. Da súa unión naceron catorce fillos:

A tradición popular conta que mantivo relacións amorosas cunha xudía chamada Raquel. Dita lenda deu lugar a varias obras literarias.

Afonso VIII na literatura[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. A titulación completa era Rex Castelle et Toleti (Rei de Castela e Toledo)
  2. O documento orixinal consérvase no Arquivo Histórico Nacional (Órdenes Militares. Santiago-Uclés, Carpeta 325, nº1). Narganes Quijano, F. e González Díez, E. (2004): Historia abreviada en el curso medio de Valdavia: Villabasta, Villaeles, Villanuño, Arenillas de Nuño Pérez, Villasila y Villamelendro. Ayuntamiento de Villaeles de Valdavia. 284 págs. Palencia ISBN 84-606-3616-X

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Reino de Castela

Segue a:
Sancho III de Castela
Afonso VIII de Castela
Precede a:
Henrique I de Castela
Borgoña