Leonor de Aquitania

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Leonor de Aquitania.

Leonor de Aquitania (Aliénor d’Aquitaine ou Éléonore de Guyenne en francés ou Eleanor of Aquitaine en inglés), nada en Poitiers no 1122 e finada en Fontevraud o 1 de abril de 1204, foi duquesa de Aquitania e Güiena, condesa de Gascuña por dereito propio, así como raíña consorte de Inglaterra e Francia. Tamén foi a nai de Ricardo Corazón de León e de Xoán sen Terra.

Casou co rei de Francia Luís VII co que tivo dúas fillas, máis tarde casaría con Henrique II de Inglaterra. Logo do seu primeiro matrimonio no cal participou na Segunda Cruzada, Leonor ocupou un importante papel na política da Europa Occidental.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Primeiros anos[editar | editar a fonte]

Nada no 1122, Leonor foi descendente dos nobres gobernantes do gran territorio de Aquitania, situado ó sur de Francia. A pequena Leonor, creceu baixo o amparo de titores que a dotaron do amor polas belas artes e de inmediato mostrou dotes para a música e as linguas[1].

Os quince anos, finou o seu pai Guillerme X de Poitiers e Leonor herdou o ducado de Aquitania, moi ansiado por Francia. A causa disto, a solución máis razoable foi a de ligar ambas as liñaxes e quedou deste xeito ligado o futuro de Leonor ó do futuro Luís VII de Francia. A voda tivo lugar o 25 de xullo de 1137 en Bordeos e como era de costume na época, as celebracións duraron varios días. A parella estivo no palacio de l'Ombrière, preto de Burdeos ata a súa partida á París. A noite de vodas, os noivos foron coroados duques de Aquitania na catedral de Saint Pierre de Poitiers. [2]. Nese mesmo ano ascenderon ó trono francés, tras a morte do rei Luís VI.

Raíña de Francia[editar | editar a fonte]

No ano 1145, Leonor de Aquitania tivo a súa primeira filla, María, futura condesa de Champaña. As tensións entre a parella comezaron moi cedo, cando a raíña apoiou o matrimonio ilexítimo da súa irmá Petronila co conde Raúl I de Vermandois, mentres que o rei enviaba o seu irmán Roberto a invadir o condado como castigo pola bigamia do conde.

Leonor convenceu o seu marido de participar na Segunda Cruzada (1147-1149). Antes da partida promoveu torneos para recadar recursos, recolleu doazóns e foi a todas as abadías a pedir a bendición. Acompañou o seu marido na expedición, así como outras damas da nobreza, máis ela, contaba co título de líder feudal do exército de Aquitania en pé de igualdade con outros dirixentes.

Durante a expedición, as diferenzas entre Leonor e Luís creceron pois mentres que Leonor desexaba a loita para reconquistar o condado de Edessa, que pertencía ó seu irmán Raimundo de Toulouse, Luís consideraba máis importante acadar Xerusalén. A discusión rematou cunha rebelión por parte dos cabaleiros de Aquitania, e o exército quedou dividido.

No 1149, Luís e Leonor regresan a Europa, pasando por Roma onde Uxío III promoveu a súa reconciliación. A segunda filla do matrimonio, Alicia Capeto, naceu pouco despois, pero a relación xa estaba esgotada. No 1152 o matrimonio é anulado por consanguinidade e Leonor recuperou o control dos seus territorios.

Raíña de Inglaterra[editar | editar a fonte]

Anverso do selo de Leonor no que se le Leonor, pola graza de Deus, Raíña dos Ingleses, Duquesa dos Normandos. No reverso, a lenda di Leonor, Duquesa de Aquitania e Condesa dos Angevins.[3].

O 18 de maio de 1152, Leonor casou na catedral de Santo Andrés de Burdeos, co que sería o rei Henrique II de Inglaterra, unindo os seus dominios en Francia cos que xa posuía o seu novo marido (Anjou, Maine e Normandía alén de Inglaterra e Gales). Deste xeito formábase o chamado Imperio Anxevino, no cal os reis de Inglaterra sendo vasalos do rei de Francia, controlaban un territorio oito veces maior ó controlado por Luís VII.

Deste matrimonio naceron oito fillos, cinco homes e tres mulleres. Na súa corte, establecida principalmente en Poitiers, tivo un grande auxe a literatura cabaleiresca, sendo mecenas de moitos trobadores. A existencia dunha amante do seu marido, provocou o enfrontamento entre Leonor e Henrique, a partir de 1173, Leonor promoveu a rebelión de tres dos fillos do rei contra o seu pai. Tras reprimir a rebelión, Henrique encarcerou a Leonor, primeiro en Chinon e máis tarde en Salisbury, onde permaneceu en arresto ata a morte de Henrique en 1189.

Viúva[editar | editar a fonte]

Á morte de Henrique II de Inglaterra o 6 de xullo de 1189, Leonor foi liberada por orde do novo rei, o seu fillo Ricardo Corazón de León. Viaxou por toda Inglaterra e liberou os prisioneiros do antigo rei ós que mandou xurar fidelidade a Ricardo. Ela gobernou no seu nome ata comezos de 1191[4]. Cando Ricardo partiu á Terra Santa durante a Terceira Cruzada, Leonor vai buscar a Berenguela de Navarra e condúcea, en pleno inverno, ata Messine onde Ricardo se dirixía para partir cara a Terra Santa[5]. Acadárono o 30 de marzo e a voda celebrouse o 16 de maio.

Cando Ricardo Corazón de León volvía da cruzada, foi capturado en Austria. Leonor indignada pola falta de reacción por parte do Papa (quen protexía normalmente os cruzados), escríbelle para recriminarlle a súa actitude e pedirlle axuda para rescatar o seu fillo. Ela mesma foi quen entregou o rescate a Henrique VI, fillo de Federico I Barbarroxa no inverno de 1193.[6].

No 1200, con oitenta anos, da mostras dunha gran fortaleza cando decide viaxar cara a Castela, cruzando os Pireneos para escoller entre as súas netas, as infantas de Castela - fillas da súa filla Leonor e de Afonso VIII de Castela- a que sería a esposa do fillo de Filipe II de Francia, o futuro Luís VIII. A escollida foi Branca, unha das máis célebres raíñas de Francia, rexente do reino en tres ocasións e modelo de virtude e habilidade política.

Leonor de Aquitania, finou o 1 de abril de 1204 en Fontevrault ós 82 anos, sendo sepultada alí mesmo co seu esposo Henrique II e co seu fillo Ricardo Corazón de León.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Libro: Mis Favoritos. Autor: Juan Antonio Cebrián. Editorial: La esfera de los libros. Páxinas: 69-72. Capítulo: Leonor de Aquitania
  2. Mascureau, in Labande, p 122
  3. Bonnie Wheeler, John Carmi Parsons; Eleanor of Aquitaine: Lord and Lady; Palgrave Macmillan, 2003
  4. Labande,p. 96
  5. Labande, p. 96-98
  6. Labande, p. 100-104
Commons
Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Leonor de Aquitania