Orquestra Canaro

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Orquestra Canaro é o nome co que se coñeceu unha célebre dianteira do Deportivo da Coruña, na tempada 1950/51. Estaba formada por Franco, Tino, Corcuera, Oswaldo e Moll, e conseguiu 56 dos 64 goles do equipo naquela campaña na Primeira División, unha cifra que o Deportivo tardou máis de catro décadas en volver igualar.

O termo fai referencia ao director de orquestra uruguaio-arxentino Francisco Canaro, debido a que catro dos cinco dianteiros eran naturais do Uruguai e da Arxentina.

Historia[editar | editar a fonte]

Formación da "orquestra" (1948-1950)[editar | editar a fonte]

O primeiro dos cinco en chegar ao Deportivo da Coruña foi o arxentino Rafael Franco, procedente da liga mexicana e que asinou contrato en agosto de 1948, o mesmo día que outro dianteiro arxentino, Rafael Ponce.[1] O club acababa de ascender á Primeira División, e Franco foi o máximo goleador do equipo con 14 goles, empatado con Manuel Marquínez.

Na tempada seguinte chegou ao banco o tamén arxentino Alejandro Scopelli e incorporáronse Tino e Moll. Tino, natural de San Pedro de Nós, viña de xogar as catro últimas tempadas no Racing de Ferrol, mentres que Moll chegaba procedente do Miramar Misiones, como petición de Scopelli trala súa actuación coa selección uruguaia no Campionato Suramericano. O equipo acabou por primeira vez subcampión de liga, só un punto por debaixo do campión, o Atlético de Madrid de Helenio Herrera. Franco volveu ser o máximo goleador do equipo con 14 tantos, seguido de Marquínez con 9, Moll con 7 e Tino con 5. Con todo, o balance goleador do Deportivo foi o máis baixo entre os dez primeiros clasificados, baseándose o éxito do equipo na solidez da súa defensa, a menos goleada da liga, e do seu porteiro, Acuña, que logrou o seu terceiro Trofeo Zamora.[2][3]

A "orquestra" ao completo (1950-1951)[editar | editar a fonte]

Para a tempada 1950/51 chegou un novo adestrador arxentino, Oso Díaz, substituíndo a Scopelli, que deixou o club e marchou para Chile. Pouco despois o club fichou aos arxentinos Julio Corcuera e Oswaldo García, que completaron a dianteira branquiazul, que pouco despois comezou a ser chamada "Orquestra Canaro", en referencia ao director de orquestra uruguaio-arxentino Francisco Canaro.[4] O equipo perdeu os dous primeiros partidos, contra o Valladolid en Riazor (0-1) e contra o Racing de Santander no Sardinero (4-2). O segundo deles foi o primeiro no que xogaron os cinco dianteiros, marcando Oswaldo e Franco os dous primeiros tantos da tempada, mentres que Moll foi expulsado e sancionado durante catro partidos.[5] A continuación o Deportivo logrou a súa primeira vitoria, cun 4-1 no derbi contra o Celta de Vigo en Riazor, marcando un gol cada un dos membros da dianteira, excepto o sancionado Moll.

O uruguaio reapareceu na xornada 7 contra o Real Madrid, na que o Deportivo conseguiu unha ampla vitoria, por 5-0, con goles de Tino (2), Oswaldo, Corcuera e Franco.[6] Tras gañar na seguinte xornada ao Valencia en Mestalla por 0-3, o club coruñés recibiu en Riazor ao Lleida na novena xornada. O partido acabou 10-1 e pasou á historia como a maior goleada lograda polo Deportivo da Coruña en liga. Os autores dos goles foron Corcuera (3), Moll (2), Tino (2), Franco, Oswaldo e Carlitos.[7]

O equipo conseguiu varias goleadas máis ata o remate da tempada, acabando con 64 goles a favor en 30 xornadas, 56 deles marcados polos cinco membros da "Orquestra Canaro". Tino foi o máximo realizador con 16 goles, seguido de Franco con 14, Oswaldo con 11, Corcuera con 8 e Moll con 7.[8] Con todo, tamén encaixaron 14 derrotas, polo que non puideron pasar do 12º posto final, só un punto por riba dos postos de promoción de permanencia, e o adestrador Oso Díaz foi cesado.[9]

Desintegración e seguintes anos[editar | editar a fonte]

Chacho converteuse no adestrador do Deportivo da Coruña na tempada 1951/52, na que deixaron o club Tino e Franco, o primeiro deles cara ao Zaragoza e o segundo cara ao Valladolid. O equipo marcou 18 goles menos que na tempada anterior, sendo os máximos anotadores Oswaldo, Moll e Arsenio, con 7 goles cada un, seguidos de Corcuera con 6.[10] Co regresou de Tino na tempada seguinte, a orquestra volvía estar case completa, e fixo 31 dos 49 goles do equipo, que tivo que xogar unha promoción para salvar a categoría. O oleirense volveu marchar para o Zaragoza ao ano seguinte, regresando de novo en 1954. Corcuera deixou o club en 1955, un ano despois de que o fixesen Oswaldo e Moll, aínda que estes dous regresaron en 1958, sen achegarse aos números de anos atrás.

A pesar do incremento nos seguintes anos do número de equipos na Primeira División, e como consecuencia, do número de xornadas a disputar, o Deportivo non volveu acadar os 64 goles da tempada 1950/51 ata 42 anos despois, na 1992/93, con Bebeto como referencia no ataque.

Estatísticas en liga[editar | editar a fonte]

Xogador 1948/49 1949/50 1950/51 1951/52 1952/53 1953/54 1954/55 1955/56 1956/57 1957/58 1958/59 1959/60 1960/61 Total
Franco 14 14 14 42
Galicia Tino 5 16 7 2 7 2 2 0 41
Uruguai Moll 7 7 7 8 4 2 35
Corcuera 8 6 5 4 5 28
Oswaldo 11 7 11 7 0 1 0 0 37
Total 14 26 56 20 31 15 7 7 2 2 3 0 0 183

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Franco Reyes y Rafael firmaron ayer por el Deportivo". La Voz de Galicia (en castelán). 4 de agosto de 1948. p. 3. 
  2. "70 anos do primeiro subcampionato dun Deportivo campión durante uns minutos". 23 de abril de 2020. Consultado o 8 de novembro de 2021. 
  3. "Xogadores do Deportivo na tempada 1949/50". BDFutbol (en castelán). Consultado o 8 de novembro de 2021. 
  4. "Retazos". La Voz de Galicia (en castelán). 29 de setembro de 1950. p. 5. 
  5. "Moll suspendido por cuatro partidos". La Voz de Galicia (en castelán). 22 de setembro de 1950. p. 4. 
  6. "El Deportivo derrota al Madrid por 5 a 0". La Noche (en castelán). 23 de outubro de 1950. p. 1. Consultado o 8 de novembro de 2021. 
  7. "La fuerte goleada de ayer en Riazor confirma la victoriosa marcha del Deportivo". La Noche (en castelán). 6 de novembro de 1950. p. 1. Consultado o 8 de novembro de 2021. 
  8. "Cadro de xogadores do Deportivo da Coruña 1950/51". BDFutbol (en castelán). Consultado o 8 de novembro de 2021. 
  9. "La Orquesta Canaro". La Voz de Galicia (en castelán). 9 de decembro de 1969. p. 28. 
  10. "Cadro de xogadores do Deportivo da Coruña 1951/52". BDFutbol (en castelán). Consultado o 8 de novembro de 2021. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]