Oium

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
A área laranxa corresponde á cultura de Černjachov, mentres que a área vermella representa a extensión da cultura de Wielbark durante o século III. A zona rosa é a illa de Gotland e a zona verde é Götaland. A parte morada representa as fronteiras do Imperio romano

Oium era o nome dunha zona de Escitia onde os godos, segundo o que Xordanes relatou no seu De origine actibusque Getarum (Getica), escrito arredor do 551, se instalaron despois de deixar Gothiscandza, dirixidos polo rei Filimero.[1][2][3] Este autor proporciona a etimoloxía, pero moitos estudosos interpretan a palabra como o caso dativo da palabra xermánica * aujō- ou * auwō-, que significa "céspede ben regado" ou "illa".[2]

Segundo algúns historiadores, a información sobre a historia gótica de Oium que Xordanes relatou, formouse a partir da lectura de escritos e tradicións orais anteriores.[4][5] Como os escritores clásicos e as primeiras fontes bizantinas, tamén Xordanes considera aos godos como un subconxunto dos escitas, dacios e tracios, atribuíndolles unha orixe lendaria. Segundo outros historiadores, as historias de Xordanes teñen algunha relación coas obras de Casiodoro,[6][7] sen a influencia das tradicións orais,[8] e con partes dela que semellan puramente ficticias.[9][10]

Arqueoloxicamente, este período da Escitia gótica correspóndese coa cultura de Černjachov, presente en partes de Ucraína, Moldavia e Romanía.[11][12][13]

Xordanes e a Getica[editar | editar a fonte]

Fusión con escitas, dacios e tracios nas fontes clásicas[editar | editar a fonte]

Xordanes escribiu que os godos eran descendentes de escitas e tracios e, polo tanto, compartían a súa historia. Segundo el, a súa liña real orixinouse preto do mar de Azov,[14] e despois trasladáronse ao norte a Scandzia, onde estableceron unha dinastía separada na illa de Götland. Esta nova dinastía enfrontouse con Vesosis, rei de Exipto, dirixido polo rei Tanausis. Despois dunha batalla librada no río Phasis en Xeorxia, seguiron aos exipcios ata Exipto.[15]

Trala morte de Tanausis, continúa Xordanes, mentres os godos emprenderon outra expedición, unha tribo veciña intentou secuestrar ás mulleres góticas. As mulleres defendéronse derrotando aos seus adversarios, baixo a dirección de Lampedo e Marpesia. As dúas líderes botaron a sorte, e Marpesia seguiu ao inimigo até Asia onde conquistou numerosas tribos e, ao parecer, deu a luz ás Amazonas.[16] A historia continúa, co rei gótico Antiro que se enfrontou con Darío I, rei de Persia, que quería casar coa súa filla. Cando Antiro se opuxo ao matrimonio, foi atacado por Darío e, despois da morte de Darío, polo seu fillo Xerxes. Ningún dos ataques se describe como exitoso.[17]

Noutro momento da historia, Filipo II de Macedonia alíase cos godos casando con Medopa, filla do rei Gudila. Filipo precisaba ouro e decidiu saquear a cidade de Odesos (actual Odesa), pertencente aos godos. Os godos sacaron ao seu Goði que se vestía de branco e tocaba arpas, rezando aos seus deuses para pedir axuda. Este feito sorprendeu o suficiente aos macedonios como para provova-la súa retirada. Segundo Xordanes, un rei chamado Sitalces pediu vinganza moito máis tarde, e reuniu 150.000 homes para atacar aos atenienses. Loitou contra Pérdicas II, a quen Alexandre I deixara o mando, e os godos invadiron Grecia.[18]

Cando mandaba o rei Berebistas, recibiu un sacerdote chamado Deceneo, quen aconsellou aos godos saquear Xermania.[19] Tamén regalou aos godos un código de leis, ilbi-lageineis, ensinándolles lóxica, filosofía e astroloxía. Finalmente escolleu un grupo de sacerdotes aos que se lles ensinou teoloxía e que tomaron o nome de Pilleati. Os restantes godos chamáronse Capillates.[20] Á morte de Dicineo o seu lugar foi ocupado por Comosico, e despois del foi Scoryllus quen gobernou os godos de Dacia.[21]

Xulio César intentou someter aos godos sen éxito, e os godos permaneceron libres durante o reinado de Tiberio.[19] Pasou moito tempo e os romanos foron gobernados por Domiciano (reinado de 81-96). Dado que os godos (ou mellor dito os dacios) temían a súa avaricia, romperon a tregua cos romanos saqueando as ribeiras do Danubio e matando a soldados e xenerais. Neste período Diurpaneo (chamado Diurpaneo no 69-86, e Decébalo no 87-106) era o rei dos godos, mentres que Opio Sabino era o gobernador de Mesia despois de suceder a Fonteio Agripa (69-70). No 85, os godos decapitaron a Opio Sabino, esnaquizando numerosas cidades e fortificacións romanas. Domiciano chegou coas súas lexións dende Iliria, e enviou a Fusco cunha forza seleccionada. Fusco utilizou os barcos para construír unha ponte de pontóns e cruzar o Danubio augas arriba dos godos. O exército gótico derrotou aos romanos, matando a Fusco e arrasando o campamento romano (86).

Historia dos godos[editar | editar a fonte]

Despois do uso da historia Dacia, Tracia e Escitia, Xordanes volveu á tradición gótica recitando a liñaxe da familia real comezando por Gapt (Gaut ou Odín). A esta digresión séguelle a información de que os godos entraron en Moesia e Tracia a finais do século II, onde residiron durante algún tempo. Incluso Quinto Aurelio Símaco, escribiu que o emperador Maximino Tracio (reinado de 235 - 238) era fillo dun godo da época e dunha muller alana.

Asentamentos[editar | editar a fonte]

Segundo Xordanes, o rei Filimero levou aos godos na procura dunha terra hospitalaria e, cando chegaron a Oium onde quedaron abraiados pola riqueza do lugar. Cruzaron unha ponte para chegar alí, pero cando pasou a metade do exército a ponte esborrallouse, polo que a outra metade quedou bloqueada.[22] A seguir, os godos reclamaron a terra para si derrotando aos habitantes anteriores, os sármatas.[23]

Posteriormente, durante unha migración a Mesia, Dacia e Tracia os godos abandonaron Oium, mais finalmente regresaron para se estableceren ao norte do Mar Negro. Antes de regresar, dividíronse entre dúas dinastías gobernantes: os visigodos estaban comandados polos baltos, mentres que os ostrogodos polos amalos. Esta última descrición coincide coa da cultura de Wielbark e a cultura de Černjachov, que demostra unha migración xermánica desde a conca do Vístula até Ucraína.[24]

Mitoloxía nórdica[editar | editar a fonte]

Na Saga Hervör faise mención ás batallas góticas contra os hunos, nas que as forzas góticas podían estar compostas por xetas do sur de Suecia, especialmente importantes na saga.[25] A saga enumera os nomes de lugares históricos de Ucraína no período comprendido entre 150 e 450,[26] incluíndo por exemplo un nome dos Cárpatos que moitos estudosos consideran "restos de tradicións extremadamente antigas".[27] A capital dos godos chamábase Árheimar, e estaba situada no Danpar (Dniéper) e foi relacionada con Oium tanto por Heinzel como por Schütte.[28]

Nesta lenda, o escandinavo Heidrek usurpa o trono gótico en Hreiðgotaland. Heidrek parece establecer un primeiro contacto cos hunos secuestrando á súa princesa Sifka, violándoa e mandándoa de volta a casa co herdeiro Hlod. Cando Heidrek morreu nos Cárpatos, sucedeuno o seu fillo Angantyr. O segundo fillo Hlod, que crecera cos hunos, reclamou a súa herdanza e atacou cunha horda duns 200 guerreiros.

Finalmente, os godos son axudados polo vello rei dos Xetas, Gizur, e a guerra rematou cunha épica batalla nas chairas do Danubio, cando Angantyr mata a seu irmán Hlod.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Merrills (2005), p.120
  2. 2,0 2,1 Green (1998), p.167
  3. "JORDANES. THE ORIGIN AND DEEDS OF THE GOTHS, capítulo IV, 25". people.ucalgary.ca (en inglés). 22 de abril de 1997. Consultado o 5 de outubro de 2022. 
  4. Merrills 2005, p.120 ("A influencia das tradicións orais nesta pasaxe [onde se introduce Oium] é palpable) e p. 121 ("Xerome e Orosio identificaron aos godos cos xetas de Escitia mencionados na historiografía antiga.)
  5. Wolfram (2006), pp. 43-90
  6. Amory 1997, pp. 36 e 292.
  7. Kulikowski pp. 50-51
  8. Amory 1997, p. 295 (É un erro pensar que parte do material en Getica deriva de tradicións orais).
  9. Kulikowski 2006, p. 66.
  10. Günnewig 2003, pp. 38-39
  11. Green 1998, pp. 167-168
  12. Kulikowski 2006, pp. 62-63
  13. Heather & Matthews 1991, pp. 50-52 e 88-92
  14. "JORDANES. THE ORIGIN AND DEEDS OF THE GOTHS; capítulo V, 38 e 39". people.ucalgary.ca (en inglés). (tradución de Charles C. Mierow). 22 de abril de 1997. Consultado o 5 de outubro de 2022. 
  15. "JORDANES. THE ORIGIN AND DEEDS OF THE GOTHS. Libro VI, 47". people.ucalgary.ca (en inglés). (tradución de Charles C. Mierow). 22 de abril de 1997. Consultado o 8 de outubro de 2022. 
  16. "JORDANES. THE ORIGIN AND DEEDS OF THE GOTHS, Libro VII, 49". people.ucalgary.ca (en inglés). (tradución de Charles C. Mierow). 22 de abril de 1997. Consultado o 8 de outubro de 2022. 
  17. "JORDANES. THE ORIGIN AND DEEDS OF THE GOTHS, Libro X, 61-64". people.ucalgary.ca (en inglés). (tradución de Charles C. Mierow). 22 de abril de 1997. Consultado o 8 de outubro de 2022. 
  18. "JORDANES. THE ORIGIN AND DEEDS OF THE GOTHS, Libro X, 66". people.ucalgary.ca (en inglés). (tradución de Charles C. Mierow). 22 de abril de 1997. Consultado o 11 de outubro de 2022. 
  19. 19,0 19,1 "JORDANES. THE ORIGIN AND DEEDS OF THE GOTHS, Libro XI, 68". people.ucalgary.ca (en inglés). (tradución de Charles C. Mierow). 22 de abril de 1997. Consultado o 11 de outubro de 2022. 
  20. "JORDANES. THE ORIGIN AND DEEDS OF THE GOTHS, Libro XI, 71-72". people.ucalgary.ca (en inglés). (tradución de Charles C. Mierow). 22 de abril de 1997. Consultado o 11 de outubro de 2022. 
  21. "JORDANES. THE ORIGIN AND DEEDS OF THE GOTHS, Libro XI, 67". people.ucalgary.ca (en inglés). (tradución de Charles C. Mierow). 22 de abril de 1997. Consultado o 11 de outubro de 2022. 
  22. Merrills 2005, p. 120
  23. "JORDANES. THE ORIGIN AND DEEDS OF THE GOTHS, Capítulo IV, 28". people.ucalgary.ca (en inglés). 22 de abril de 1997. Consultado o 5 de outubro de 2022. 
  24. Heather (1999), p. 16
  25. Pritsak (1981), p. 214
  26. Pritsak (1981), p. 214
  27. Pritsak (1981), p. 199
  28. Pritsak (1981), p. 209

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]