Moulinsart

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Château de Cheverny, no que se baseou o deseño do Castelo de Moulinsart

Moulinsart, localidade nalgún lugar de Europa Occidental e nas súas proximidades o Castelo de Moulinsart ou Mansion Pasador, son todos lugares ficticios nas bandas deseñadas de As aventuras de Tintín, do debuxante e guionista de Bélxica, Hergé.

Situado nalgún lugar probablemente de Valonia, nas aventuras de Tintín é, a partir dun determinado momento, a residencia habitual do protagonista, Tintín, o seu can Milú, do capitán Haddock e do profesor Tornasol, ademais do mordomo Néstor. A súa residencia máis característica está inspirada no castelo de Cheverny, da rexión francesa do Loira, aínda que Hergé suprimiu as ás laterais para darlle unha aparencia máis modesta.

Moulinsart aparece por primeira vez en O segredo do Unicornio. Aparece inicialmente como a residencia dos irmáns Paxaro, unha parella de gángsteres anticuarios que se enfrontarán con Tintín e Haddock. Ao termo da aventura descóbrese que o castelo pertencera ao cabaleiro Francisco de Hadoque, quen o recibiu como agasallo de Luís XIV de Francia en premio ás súas actividades corsarias. Este cabaleiro é, casualmente, antepasado de Haddock e dono do tesouro que Tintín e o capitán buscan ao longo de toda a historia. Haddock adquire entón o castelo, e mantén no seu posto ao mordomo Néstor.

Desde entón, Moulinsart aparece en case todas as aventuras de Tintín. A trama de As xoias da Castafiore desenvólvese enteiramente no castelo e os seus arredores.

No álbum que segue cronolóxica e argumentalmente a O segredo do Unicornio, O tesouro de Rackham o Roxo, atopamos a Haddock convertido nun aristócrata, fascinado sen dúbida pola súa nova casa, aínda que aos poucos irá perdendo os aires de novo rico. Tintín parece vivir aínda no seu modesto piso (como dato curioso, antes de comprar Moulinsart Haddock era o veciño de arriba de Tintín).

O pobo próximo ao castelo parece ben provisto: ten unha estación de tren, unha leitería chamada Lactas, un marmorista, Isidore Boullu, unha orquestra, A Harmonía de Moulinsart, a carnicería Sanzot, un podador, Émile Vanneau, un vertedoiro municipal e un posto de xendarmería.