Hergé

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Georges Remi, nado en Etterbeek o 22 de maio de 1907 e finado en Bruxelas o 3 de marzo de 1983, foi un autor de banda deseñada belga, máis coñecido polo pseudónimo artístico de Hergé, por ser esa a pronuncia das súas iniciais investidas (R.G.) en francés. Georges Remi foi o creador de As aventuras de Tintín en 1929, que a día de hoxe seguen exercendo unha importante influencia no mundo das historietas, particularmente en Europa. Ademais desta serie, Hergé creou outras con diferentes personaxes, entre as que cabe sinalar As aventuras de Jo, Zette e Jocko e Quique e Flupi.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Infancia e inicios[editar | editar a fonte]

Georges Remi naceu en 1907, fillo de Alexis Remi (empregado dunha casa de confección para nenos) e Elizabeth Dufour, ama de casa. Georges tivo un único irmán menor, Paul, co que nunca tivo moito contacto.

Entre 1914 e 1918 realizou os seus estudos primarios na escola municipal de Ixelles, á vez que tiña lugar a Primeira Guerra Mundial. Mostrando a súa incipiente habilidade para o debuxo, as súas primeiras ilustracións nas marxes dos seus cadernos están inspirados na guerra.

Como cosecuencia da presión do patrón do seu pai, Georges é retirado da escola laica para entrar a cursar os seus estudos secundarios nun colexio relixioso, o Saint Boniface, o que terá unha influencia decisiva no seu posterior posicionamento ideolóxico. A pesar de ser un alumno destacado, polo xeral o primeiro da súa clase, nunca tomou leccións de debuxo (coa excepción dalgunha clase na École Saint Luc).

Xunto co cambio de colexio, abandonou os Boy Scouts de Bégica (non relixiosos) para afiliarse á Federación de Boy Scouts Católicos, feito que posteriormente sería recordado por Hergé con sentimentos de culpa e case de traizón. As tramas das súas bandas deseñadas estiveron influenciadas intensamente pola ética do movemento scout, así como polas viaxes realizadas nesta temperá etapa da súa vida, un deles a España. Á súa época de scout tamén se remontan os seus intereses polos peles vermellas e a fascinación por América.

Na súa adolescencia, canalizou a súa paixón polo debuxo en historietas que serían publicadas en Le Boy-Scout, publicación máis tarde convertida en Le Boy-Scout Belge. Foi en 1922 cando asinou por primeira vez unha destas historietas, e en 1924 cando aparece por primeira vez o pseudónimo que o acompañaría polo resto da súa vida: Hergé.

Aínda que as contribucións a esta publicación eran bastante modestas, limitándose á ilustración dalgúns artigos e ocasionalmente da portada, en xullo de 1926 Hergé crea a súa primeira serie "oficial": Totor, C.P. dos abellóns. O protagonista seguiría aparecendo na revista mensual ata o ano 1930.

Unha vez finalizados os seus estudos secundarios, en 1925, Georges ingresa en Le XXème Siècle, periódico ultraconservador de orientación clerical e nacionalista. No entanto, e de forma paralela ao seu emprego no servizo de subscricións de devandito xornal, seguía ilustrando as aventuras de Totor.

En 1926, Hergé decidiu cumprir co servizo militar, sendo destinado ao Primeiro Rexemento de cazadores a pé. Eventualmente, pasou de ser soldado raso a cabo, e logo a sarxento. Indefectiblemente, dedicaba ao debuxo a maior parte do seu tempo libre.

De volta a Le XXème Siècle[editar | editar a fonte]

Unha vez relevado das súas obrigacións militares, Hergé regresou ao xornal en outubro de 1927, agora como aprendiz de fotógrafo e ilustrador de páxinas especiais. O abate Norbert Wallez, director da publicación, tivo unha grande influencia sobre Remi ao incitalo a ler e a instruírse, e confioulle responsabilidades de maior alcance.

Cando Wallez decidiu ampliar o espectro ao que ía dirixido o seu xornal coa inclusión dun suplemento para mozos, confiou para iso no home que tempo despois se comprometería coa súa secretaria, Germaine Kickens. O 1 de novembro de 1928 apareceu o primeiro número de Le Petit Vingtième, baixo a dirección de Hergé.

Aínda que nun principio o debuxante conformouse coa publicación de Flup, Nénesse, Poussette et Cochonnet, tempo despois retomou a Totor. Cambioulle algunhas letras ao seu nome, asignoulle o oficio de reporteiro e engadiulle a compañía dun fox-terrier chamado Milú. O 10 de xaneiro de 1929, Tintín apareceu por primeira vez nas páxinas do Petit Vingtième.

A primeira aventura do novo reporteiro lévao á Unión Soviética, onde se enfronta aos bolxeviques. Ao concluír a súa publicación semanal, en maio de 1930, un xentío de lectores concentrouse en Bruxelas xunto á Estación de tren, onde o xornal simulou a chegada de Tintín da URSS (un novo vestido como Tintín cun fox-terrier). O enorme e inesperado éxito da publicación animou a Hergé a prolongar as súas aventuras.

É en 1930 cando Georges Remi crea outros dos seus populares personaxes, chamados Quique e Flupi (Quick et Flupke en idioma orixinal), quen permanecerían nas páxinas do suplemento ata fins dos anos 30.

Mentres Hergé comezaba a publicar a segunda aventura de Tintín, Tintín no Congo, as andanzas do protagonista en Rusia comezaban a aparecer nun semanario francés, o católico Coeurs Vaillants, dando inicio desta forma á carreira internacional do autor.

En 1932, ano en que se publica Tintín en América, Hergé ten os seus primeiros contactos coa editorial Casterman, que pronto será a encargada de publicar todos os seus álbums. Nese mesmo ano contrae matrimonio con Germaine Kieckiens, con quen se comprometeu o ano anterior. O matrimonio non tivo fillos.

Entre a publicación de Os xarutos do faraón e a de O Loto Azul, Remi mantería un dos encontros máis transcendentais da súa vida: tras manifestar a súa intención de que unha das aventuras de Tintín transcorrese en China, un capelán suxeriu que coñecese a Tchang Tchong-Jen, un estudante chinés. Este foi quen o familiarizou coa cultura oriental, e Hergé mantería con el unha amizade durante o resto da súa vida.

A partir de 1936, unha nova serie engádese en Le Petit Vingtième: As aventuras de Jo, Zette e Jocko. A diferenza das outras dúas series en que traballaba o debuxante ata entón, a nova historia xorde por pedido dos pais que dirixían Coeurs Vaillants. Temendo que un reporteiro sen pais fose un modelo pouco recomendable para os lector do Vingtième, suxeriron a creación de novos heroes máis ambientados no contorno familiar. Hergé xamais se sentirá a gusto nesta serie, na que non se sentía libre, e abandonaraa tras catro historietas (a quinta será, basicamente, obra dos seus colaboradores).

Á intensa actividade como autor de banda deseñada de Hergé, agregouse unha non menos importante labor como ilustrador. Os seus debuxos apareceron en varias tapas de libros e revistas, así como tamén en varios traballos publicitarios que se realizaron baixo a marca Atelier Hergé (Taller Hergé).

Durante a ocupación nazi de Bélxica, Hergé seguiu publicando a pesar de que moitos profesionais de prensa decidiran abandonar o seu oficio en vista de que os medios de comunicación do país foran postos ao servizo do ocupante alemán (popularmente chamados medios "roubados"). Unha vez pechado Le XXème Siécle en 1939 (co que tivo que deixar inacabada Tintín no país do ouro negro), Hergé fichou por un medio abertamente filonazi, Le Soir, dirixido por Raymond de Becker, e foi durante esa época cando máis debuxou e máis deu a coñecer ao seu personaxe. A primeira das seis historietas creadas durante a guerra será O caranguexo das tenaces de ouro.

Durante o transcurso da guerra, xurdiron dous factores que levarían a unha revolución no estilo de Hergé. Primeiro, a escaseza de papel forzou a publicar Tintín como unha tira diaria de tres ou catro viñetas, en lugar das dúas páxinas semanais que eran práctica habitual en Le Petit Vingtième. Para crear tensión ao final de cada tira en lugar de ao final de cada páxina, Hergé tivo que introducir gags máis frecuentes e maior ritmo na acción. Segundo, Hergé tivo que desviar a atención das aventuras nos temas de actualidade para evitar controversias, virando a historias cun sabor escapista: unha expedición a un meteorito (A estrela misteriosa), a procura dun tesouro (O segredo do Unicornio e O tesouro de Rackham o Roxo), e a de como desfacer unha antiga maldición Inca (As sete bólas de cristal e O templo do Sol).

Nestas historias, Hergé puña máis énfases nos personaxes que na trama, e de feito os compañeiros máis memorables de Tintin, o capitán Haddock e o Profesor Tornasol (Professeur Tryphon Tournesol en francés), foron engadidos nesta época. Haddock debutou en O caranguexo das tenaces de ouro, mentres que Tornasol fíxoo en O tesouro de Rackham o Roxo. O impacto destes cambios non se reflectiu no número de lectores; en posteriores reedicións, estas historias atópanse entre as máis populares.

En 1943, Hergé coñeceu a Edgar Pierre Jacobs, outro debuxante de banda deseñada, ao que contratou para axudarlle a revisar os primeiros álbums de Tintín. A contribución máis notable de Jacobs sería o redeseño dos vestiarios e fondos na edición revisada de O cetro de Ottokar. Ademais, comezou a colaborar con Hergé nunha nova aventura, As sete bólas de cristal (ver arriba).

Problemas da posguerra[editar | editar a fonte]

A ocupación de Bruxelas finalizou o 3 de setembro de 1944. As aventuras de Tintín foron interrompidas cara ao final de As sete bólas de cristal cando as autoridades aliadas pecharon Le Soir. Durante o caótico período de post-ocupación, Hergé foi arrestado catro veces por diferentes grupos (a Seguridade do Estado, a policía xudicial, o Movemento Nacional Belga e a Fronte da Independencia) acusado de simpatizar co Nazismo e o Rexismo. A orixe destas acusacións atopábase principalmente na continua actividade profesional de Hergé baixo a ocupación nazi, o que lle valeu ante moitos o cualificativo de "colaboracionista", e o feito de que coas súas viñetas potenciase dun xeito decisivo a distribución e venda do Le Soir controlado directamente polos nazis.

Aínda que non existe un compromiso político claro na súa obra, e algunhas das historias publicadas antes da guerra eran críticas co expansionismo territorial do fascismo, (principalmente O cetro de Ottokar mostraba a Tintín traballando na derrota dunha velada alegoría da Anschluss, anexión de Austria á Alemaña Nazi) tampouco vese completamente libre de sospeita.

Sospeitas que aparecen desde o primeiro álbum (Tintín no país dos Soviets), encargado por Norbert Wallez, recoñecido fascista co obxectivo de darlles unha imaxe negativa do comunismo e a Unión Soviética aos mozos belgas desde o suplemento xuvenil do diario católico Le Vingtième Siècle. Pasan polo nada disimulado carácter racista de Tintín no Congo e reflíctense especialmente en A estrela misteriosa onde o principal vilán do álbum é un xudeu neoiorquino chamado Blumenstein, e nunha de cuxas viñetas aparecen dous xudeus estereotipados, un dos cales alégrase da noticia do fin do mundo porque "así non tería que pagar aos meus provedores". En edicións posteriores da obra esta viñeta suprimiuse e outra na que a expedición rival de Tintín enarboraba a bandeira americana foi retocada. Así mesmo Hergé cambiou o nome de Blumenstein por Bohlwinkel, e situoulle, en lugar de en Nova Iorque, nun país imaxinario, San Rico. Con todo, descubriu despois, con sorpresa, que Bohlwinkel era tamén un apelido xudeu.

Posteriormente tería tempo de arrepentirse dalgunhas das súas decisións, así en marzo de 1973 declaraba no curso dunha entrevista co Haagse Post: «Recoñezo que eu tamén crin que o futuro de Occidente podía depender da Nova Orde. Para moitos a democracia mostrouse decepcionante e a Nova Orde traía novas esperanzas. Á vista de todo o que pasou tratábase naturalmente dun grande erro poder crer en iso». Ese mesmo ano engadiría nunha entrevista coa revista flamenca Elsevier: « A miña inxenuidade daquela época rozaba a necedade, poderiamos dicir que ata a estupidez».

Debido a todo iso, e como outros antigos empregados da prensa controlada polos nazis, Hergé atopouse illado do traballo na prensa, pasando os seguintes dous anos traballando con Jacobs, así como cunha nova asistente, Alice Devos, adaptando a cor varias das primeiras aventuras de Tintín.

O exilio de Tintín finalizou o 6 de setembro de 1946. O editor e combatente da resistencia Raymond Leblanc proporcionou o apoio financeiro e as credenciais anti-nazis necesarias para lanzar a revista Tintín con Hergé. Esta publicación semanal contaba con dúas páxinas das aventuras de Tintín, comezando co que restaba de As sete bólas de cristal, así como con outras tiras e artigos diversos. Tivo un tremendo éxito, cunha tirada superior aos 100.000 exemplares semanais. É probable que Hergé sufrise algún tipo de condena xudicial de non ser pola creación deste suplemento. Nese sentido, sinalouse a miúdo que foi Tintín quen salvou a Hergé.

Tintin foi sempre publicitado simplemente como "por Hergé", sen mencionar a Edgar Pierre Jacobs e outros asistentes de Hergé. Co incremento da contribución de Jacobs á produción das tiras, este comezou a demandar un recoñecemento nos créditos (de feito, compartiron o pseudónimo Olav nunha serie de pequenas pranchass elaborados por ambos). Hergé opúxose, finalizando así a súa frutífera colaboración. Jacobs comezou entón a producir as suas propias bandas deseñadas, incluíndo aos aclamados Blake e Mortimer.

Crise persoal[editar | editar a fonte]

O incremento de esforzo que a revista Tintín supuxo para Hergé, así como o cargo de conciencia e o resentimento acumulados tras a fase de «depuración» da posguerra, comezaron a pasarlle factura. En 1949, mentres traballa nunha nova versión de Tintín no país do ouro negro (a primeira versión quedou inacabada, como xa se dixo, debido ao comezo da Segunda Guerra Mundial), Hergé sofre unha crise nerviosa que lle obriga a tomar un brusco descanso de catro meses. A principios de 1950 sofre unha nova crise traballando en Obxectivo: a Lúa. Durante ambas as ausencias, a revista Tintín vese obrigada a escusarse ante os seus lectores, publicando, a modo de recompensa, pranchas de As fazañas de Quique e Flupi.

Para alixeirar a carga de traballo de Hergé, o 6 de abril de 1950 créanse os Estudos Hergé. Estes contaban con diversos asistentes que axudaban a Hergé na produción das aventuras de Tintín, destacando entre eles Bob De Moor, que colaboraría con Hergé no resto das aventuras de Tintín, con detalles e fondos tales como as espectaculares paisaxes dalúa de Explorando a lúa. Coa axuda do estudo, Hergé produciu O caso Tornasol (considerado por algúns como a súa mellor obra e unha das máis brillantes bandas deseñadas da historia) en 1954, seguida de Stock de coque en 1956.

Ao termo deste período, a súa vida persoal volvía estar en crise. O seu matrimonio con Germaine rompía tras vinte e cinco anos, pois se namorou de Fanny Vlaminck, unha nova artista que acababa de unirse aos Estudos Hergé. Posteriormente, comeza a ter pesadelos recorrentes que lle levan a consultar a un psicanalista suízo, quen lle aconsella deixar de traballar en Tintín. En lugar diso, embárcase na creación de Tintín no Tíbet, posiblemente a máis persoal das historias de Tintín.

Publicada na revista Tintín desde setembro de 1958 a novembro de 1959, Tintín no Tíbet leva a Tintín ao Himalaia en busca de Chang Chong-Chen, o mozo chinés con quen establecía amizade en O loto azul. A aventura permitiu a Hergé enfrontarse aos seus pesadelos enchendo o álbum de austeras paisaxes alpinos, brindándolle unha contorna poderosamente espazosa no que predomina a pureza da cor branca, cor que alagaba os seus pesadelos. O habitualmente rico elenco de personaxes foi reducido ao mínimo -Tintín, o capitán Haddock e o sherpa Tharkey- mentres a historia concentrábase na desesperada procura de Chang. Hergé chegou a recoñecer a esta persoal e emocional aventura como a súa favorita. O termo da historia pareceu tamén sinalar o fin dos seus problemas: os pesadelos deixaron de atormentarlle, divórciase de Germaine en 1975 (separáronse en 1960), e finalmente casa con Fanny Vlaminck en 1977.

Últimos anos[editar | editar a fonte]

As últimas tres aventuras completas de Tintín foron producidas a un ritmo moito menor: As xoias da Castafiore en 1961, Voo 714 para Sydney en 1966 e Tintín e os Pícaros en 1975. Con todo, por esa época Tintín comeza a aparecer noutros medios. Desde o inicio da revista Tintín, Raymond Leblanc usara a Tintín para merchandising e publicidade. En 1961 estréase a primeira película de Tintín: O misterio do toisón de ouro, co belga Jean-Pierre Talbot como Tintín. Tamén se realizaron varias películas de animación, sendo a primeira O templo do Sol en 1969.

O éxito financeiro de Tintín permitiu a Hergé dedicar maior tempo ás viaxes. Percorre Europa amplamente, e en 1971 visita Estados Unidos por primeira vez, atopándose con nativos americanos cuxa cultura fora fonte de fascinación para el. En 1973 visita Taiwan, aceptando unha invitación cursada tres décadas antes polo goberno do Kuomintang, en agradecemento por O loto azul.

Nun notable exemplo de como a realidade supera á ficción, Hergé consegue restablecer contacto co seu vello amigo Tchang Tchong-jen, anos despois de que Tintín rescatase ao ficticio Chong-chen Chang nas últimas páxinas de Tintín no Tíbet. Tchang, de conviccións comunistas, fora degradado a barrendeiro durante a Revolución Cultural, antes de converterse en director da academia de belas artes de Xangai durante a década de 1970. Volveu a Europa para reunirse con Hergé en 1981, mudándose a París en 1985, onde permaneceu ata o seu falecemento en 1998.

Hergé morre o 3 de marzo de 1983, aos 75 anos, na Cínica Universitaria Saint Luc de Bruxelas, debido a complicacións da anemia que sufría desde facía varios anos, deixando inacabada a vigesimocuarta aventura de Tintín, Tintín e a Arte-Alfa. Polo seu expreso desexo de non deixar a Tintín en mans doutro artista, foi publicada a título póstumo como un conxunto de bosquexos e notas en 1986. En 1987, Fanny pecha os estudos Hergé, Substituíndoos pola Fundación Hergé. En 1988, a revista Tintín deixa de publicarse.

Unha versión animada de Hergé fai varios cameos na serie de TV As aventuras de Tintín, producida por Ellipse-Nelvana.

Desde o ano 2000 Tintin é publicado nunha diversidade de países asiáticos e as súas aventuras van aparecendo aos poucos en diferentes versións, tamén en branco e negro e en páxinas de mala calidade de impresión, en países como China e as súas remotas rexións ou Mongolia e en Xapón. A policía detivo, en relación a este fenómeno de piratería, a falsificadores que distribuíran sen permiso miles de copias pirata dos seus álbums.

Premios[editar | editar a fonte]

En 1973, Hergé recibiu o Premio Saint-Michel, e en 1977 foille outorgada a Medalla vermella da cidade de Angulema, en Francia. En 1978, Hergé foi nomeado Oficial da Orde da Coroa, en Bruxelas.

Significado de Tintín[editar | editar a fonte]

Tintín converteuse nun personaxe que forma xa parte da cultura universal. A súa actitude pugnaz contra as inxustizas e a súa valentía para facer fronte ao tirano e arrostrar un desafío alá onde se lle presente, unido a súa sempiterna mocidade; son marcas de autor dun personaxe aceptado hogano como símbolo de rebeldía e xustiza.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]