Rastapopoulos

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Roberto Rastapopoulos, ou, con máis frecuencia, simplemente Rastapopoulos é un personaxe ficticio das banda deseñadas da serie As aventuras de Tintín, do debuxante belga Hergé.

Características[editar | editar a fonte]

Rastapopulos é un millonario mafioso e gran inimigo de Tintín. Desprovisto de escrúpulos, organiza os máis enrevesados complots para conseguir os seus fins. Adoita rodearse de xente do mesmo estilo, e varias veces está asociado no crime con Allan Thompson, outro personaxe recorrente. A pesar dos seus aires de grandeza, finalmente sempre queda o seu carácter de novo rico charramangueiro e ridículo.

Aparece por vez primeira anonimamente xunto ao protagonista nunha escena final de Tintín en América. O primeiro encontro entre ambos os personaxes ten lugar a bordo do barco Epomeo, que navega polo Mar Vermello. Non hai rivalidade nese primeiro momento, pero a escena xa mostra que Rastapopoulos é un personaxe pouco recomendable. Tintín volverá atopalo unhas páxinas máis adiante no medio do deserto, dirixindo unha película para a produtora de cine Cosmos Pictures. En O Loto Azul, álbum no que continúa a trama iniciada no anterior, Tintín descubrirá que Rastapopoulos é quen dirixe o tráfico de opio que fai de fío condutor de ambos os álbums. Reaparece en Stock de coque dedicado ao tráfico de escravos no Mar Vermello, xunto ás costas de Khemed, camuflado baixo a identidade de marqués de Gorgonzola. Desaparecerá deixando que Tintín crea que foi devorado polas quenllas. O seu último enfrontamento ten lugar en Voo 714 para Sidney: Rastapopoulos intenta apoderarse da fortuna do millonario Laszlo Carreidas. Desaparecerá xunto ao seu socio Allan Thompson nun... prato volante.

Rastapopoulos é tamén un personaxe importante na trama de Tintín e o lago dos tiburóns, película realizada en 1972 (e non debuxada por Hergé) que máis tarde se editou como banda deseñada.

Supostamente tamén aparecería no inacabado Tintín e a Arte-Alfa, aínda que Hergé non chegou a desvelar a identidade do malo no álbum.