Corsario, corsaria

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Corsario»)

Corsario (do latín cursus ['carreira']) era o nome que se concedía aos navegantes que, en virtude do permiso concedido por un goberno nunha carta de marca ou patente de corso, capturaban e saqueaban o tráfico mercante das nacións inimigas dese goberno.

Historia[editar | editar a fonte]

Ata o século XIX a actividade corsaria estivo sempre a cargo de particulares que armaban buques unha vez obtida a patente de corso e recuperaban o investimento co botín obtido nas presas capturadas e os rescates por pasaxeiros de importancia capturados. O corsario estaba limitado na súa acción pola patente, podendo só capturar mercantes de determinados países e tendo que repartir botín e rescate co Estado en moitas ocasións. Esta é a principal diferenza co pirata, que atacará calquera buque que poida capturar e non ten que render contas a ninguén. Francis Drake é un bo exemplo desta época.

Aínda que a actividade corsaria xa se practicou na antigüidade, o auxe dos corsarios tivo lugar entre os séculos XVI e XVIII. Durante este período todas as potencias navais europeas empregaban sistematicamente os corsarios para entorpecer o tráfico dos seus rivais coas colonias como complemento á súa frota militar regular. Os últimos actos corsarios tradicionais tiveron lugar no século XIX durante a guerra de Cuba.

Posteriormente mantívose a denominación de corsarios ou Buques-Q para aqueles buques pertencentes a mariñas de guerra regulares que entorpecían o tráfico mercante inimigo. A principal actividade deste tipo foi a protagonizada polos alemáns durante ambas as guerras mundiais con medios submarinos principalmente. Tamén os Estados Unidos empregaron esta estratexia contra o Xapón no Pacífico durante a segunda guerra mundial coa súa frota submarina. Neste caso non existe botín e os corsarios limitábanse a afundir os mercantes inimigos.

Antes do desenvolvemento do dereito internacional entre as nacións europeas, non había ningún recurso ao que acollerse para obter satisfacción tras sufrir pequenos agravios. Os corsarios empregábanse para resolver estes asuntos sen entrar en guerra aberta. O goberno dun país proporcionaba unha patente de corso ao propietario dun barco que lle permitía armar o seu barco e atacar a outros barcos que navegaban baixo unha bandeira particular. A cambio, recibían unha porción do botín, indo o resto a parar ás arcas do goberno, o que emendaba o agravio.

Para o país obxectivo, o corsario era practicamente igual que un pirata (en ocasións os corsarios acababan sendo piratas), e ademais esta era a intención. A única diferenza era que os piratas estaban proscritos en todas as nacións, mentres que os corsarios tiñan inmunidade legal no país que os contrataba, e considerábanse prisioneiros de guerra se eran capturados por outros países. Os corsarios ás veces recibían o nome de "piratas cabaleiros". Algúns corsarios recibían tamén o encargo de cazar outros corsarios, mentres que en ocasións os corsarios incorrían na piratería sen que llo encargasen se entraba nos seus plans.

Os países Europeos renunciaron a contratar corsarios na Declaración de París de 1856. Outros países, como os Estados Unidos renunciaron a estas prácticas máis tarde, durante as Convencións da Haia (1899/1907).

Entre os corsarios que actuaron baixo a autoridade do seu país os máis coñecidos foron:

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]