Voo 714 para Sidney

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Voo 714 para Sidney (Vol 714 pour Sydney) é o vixésimo segundo álbum da serie de banda deseñada As aventuras de Tintín, creada polo autor belga Hergé. Apareceu primeiro nas páxinas do semanario Tintín, entre o 27 de setembro de 1966 e o 28 de novembro de 1967, e a súa primeira edición como volume independente tivo lugar en 1968.

Sinopsis[editar | editar a fonte]

Aviso: Esta sección pode revelar detalles da trama e/ou do argumento.

Tintín, o capitán Haddock e o profesor Tornasol diríxense a Sydney para participar, como invitados especiais nunha conferencia internacional sobre astronáutica. Mentres se atopan no aeroporto de Iacarta (Indonesia) esperando o seu voo para Sydney, atópanse con Piotr Pst, a quen coñeceran nunha aventura anterior, recollida no álbum Stock de coque. Pst traballa agora como piloto do excéntrico millonario Laszlo Carreidas. Este último invita aos tres protagonistas a viaxar con el a Sydney no seu avión privado.

Con todo, o mordomo de Carreidas, Spalding e dous dos membros da tripulación do avión tramaron un complot para secuestrar o avión e desvialo a unha illa volcánica no Océano Índico, onde ten lugar unha accidentada aterraxe. Tintín, Haddock, Tornasol e Pst son apresados; Milú logra escapar, pero é tiroteado polos secuestradores e os demais o dan por morto.

Máis adiante, descóbrese que detrás do secuestro do avión está o malvado Rastapopoulos, que pretende facerse coa fortuna que Carreidas garda nun banco suízo. Allan Thompson é o lugartenente de Rastapopoulos. Tintín, Haddock e Tornasol caeron nas súas mans por unha causalidad, xa que Rastapopoulos ignoraba que viaxasen con Carreidas. Aproveitando a circunstancia, con todo, Rastapopoulos planea acabar coas súas vidas para vingarse das derrotas que lle infrinxiron en anteriores aventuras.

Os protagonistas son recluídos nun antigo búnker xaponés da Segunda Guerra Mundial. Carreidas é levado a outro búnker, onde Rastapopoulos ordena ao maligno doutor Krollspell (o nome está posiblemente relacionado co do médico nazi Theodor Morell; Kroll pode aludir tamén ao teatro da ópera berlinés en que tiñan lugar as reunións do Reichstag nazi) que inxecte a Carreidas un «soro da verdade» da súa invención. O produto ten demasiado éxito, xa que Carreidas empeza a confesar todas as maldades que cometeu desde os catro anos, pero non dá a Rastapopoulos a información desexada. Accidentalmente, o doutor inxecta ao exasperado Rastaopoulos unha dose do seu soro.

Entre tanto, Tintín, Haddock, Tornasol e Pst logran escapar do búnker en que foran encerrados, con axuda de Milú. Diríxense ao lugar en que se atopa Carreidas. Rastapopoulos, a causa do soro da verdade, confía a Krollspell que tiña a intención de eliminarlle en canto deixase de serlle útil.

Tintín e os seus amigos irrompen entón no búnker e capturan a Krollspell e a Rastapopoulos. Con todo, Rastapopoulos logra escapar cando se lle pasa o efecto do soro, se reune Thompson e emprende a persecución de Tintín e os seus amigos. Guiado por unha estraña voz na súa mente, Tintín descobre, oculta nunha estraña escultura que representa a cabeza dun astronauta, unha entrada secreta que leva ao interior do volcán.

No interior do volcán, Tintín e os seus amigos coñecen a un estraño personaxe, Mik Ezdanitoff, que lles revela que está en contacto cunha cultura extraterrestre e que lles atraeu ata alí mediante telepatía. Entre tanto, Rastapopoulos e os seus homes descobren a entrada, pero non logran abrila, polo que utilizan explosivos. Ezdanitoff explica que a explosión vai producir a erupción do volcán, polo que deben dirixirse ao cráter, onde poderán recibir axuda dos extraterrestres. Emprenden a marcha cara alí por pasadizos subterráneos, perseguidos de cerca por Rastapopoulos e os seus homes. Tras chegar ao cráter, Ezdanitoff hipnotiza aos protagonistas, que soben a bordo dun prato volante crendo estar embarcando nun avión. Pouco despois, os extraterrestres déixanos no medio do océano nunha balsa. Rastapopoulos e os seus homes, en cambio, son recollidos polos extraterrestres, tamén baixo hipnosis, e non volve saberse nada deles.

Cando un avión recolle a Tintín e os seus amigos, ningún deles (fóra de Milú) recorda o ocorrido desde o momento en que embarcaron no avión de Carreidas. Con todo, o profesor Tornasol conserva un parafuso feito dun metal descoñecido. Na última viñeta, Tintín, Haddock e Tornasol embarcan no voo para Sydney, como tiñan previsto.