Le Petit Vingtième

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Le Petit Vingtième era o suplemento infantil e xuvenil do diario belga Le Vingtième Siècle.[1] É soado sobre todo porque nas súas páxinas publicáronse as primeiras historias de As aventuras de Tintín, a clásica serie de Hergé.

Historia[editar | editar a fonte]

O suplemento apareceu por primeira vez o 1 de novembro de 1928. Hergé foi o seu director, grazas á confianza do director de Le Vingtième Siècle, o abade Norbert Wallez. Nas páxinas do suplemento publicáronse íntegras as primeiras oito aventuras do personaxe (Tintín no país dos Soviets, Tintín no Congo, Tintín en América, Os xarutos do faraón, O Loto Azul, A orella rota, A illa negra e O cetro de Ottokar. A publicación da seguinte entrega da serie, No país do ouro negro, viuse interrompida pola invasión alemá de Bélxica, en 1940. O último número de Le Petit Vingtième publicouse o 8 de maio de 1940. Tras a liberación, en 1944, as aventuras de Tintín pasaron a publicarse nunha revista de nova creación, a revista Tintín, que apareceu en 1946.

Ademais de aparecer serializadas na publicación, as tres primeiras aventuras de Tintín foron publicadas tamén en álbum por Éditions du Petit Vingtiéme (en 1930, 1931 e 1932, respectivamente). Máis adiante, con todo, Hergé chegou a un acordo coa editorial Casterman, que se ocuparía en diante da edición dos álbums de Tintín.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Delisle, Philippe (2011). De Tintin au Congo à Odilon Verjus, le missionnaire, héros de la BD belge. Éditions Karthala. p. 12. ISBN 9782811133542. [...] édité en 1928 dans Le Petit Vingtième, nouveau supplément pour enfants du quotidien bruxellois Le Vingtième Siècle