Martiño de Tours

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
San Martiño e o mendigo, por El Greco, ca. 1597-99 (National Gallery of Art, Washington)

Martiño de Tours, tamén coñecido como San Martiño Bispo e San Martiño Cabaleiro, nadu en Sabaria, Panonia (hoxe Szombathely, Hungría) no ano 316 e finado en Candes (hoxe Candes-Saint-Martin), Francia, no ano 397, é o patrón da diocese de Ourense.

Fillo dun tribuno militar romano, seguiu a carreira militar no exército romano, ocupación que abandonou con posterioridade para dedicarse á vida relixiosa.

Conversión[editar | editar a fonte]

O episodio de Amiens no que, ante a súplica dun mendigo, partiu a súa capa á metade con el é a primeira dunha interminable lista de historias relacionadas coa súa xenerosidade relatada por Sulpicio Severo na "Vida de San Martiño". O abandono do exército como consecuencia da súa conversión, cando as tropas de Xuliano o Apóstata se concentraban en Worms para a batalla contra os xermanos, provocoulle a acusación de covardía. A ela contestou que agora non loitaba contra os inimigos senón contra as escravitudes da seu espírito. O relato da súa vida describe que se ofreceu a avanzar en primeira fila, sen armas, sen escudo e sen elmo, por mor de demostrar que era por seguir a Cristo polo que non loitaba contra os homes, non por medo.

Foi acollido como discípulo polo bispo Hilario de Poitiers (un dos Pais da Igrexa latina). Cando este sufriu o exilio, debido ás presións dos arianos, comezou a vivir como eremita. Retirado no illamento e a meditación, foi gañándose o afecto das xentes que acudían a el en busca de consello e conforto. Fundou tres mosteiros: en Milán, no illó de Gallinara e en Ligugé, preto de Poitiers (se cadra sexa este o mosteiro máis antigo de Europa). Neles vivíase nun réxime comunitario de pobreza, penitencia, hospitalidade e estudo anterior á propia regra de Bieito de Nursia.

Bispo[editar | editar a fonte]

San Martiño, na ermida da Nosa Señora da Lanzada (Sanxenxo)

Sulpicio Severo descríbeo como un home alegre e indulxente, manso e forte, querido polas xentes sinxelas. Isto levou a que, con ocasión dunha visita á catedral de Tours para acudir a un enfermo, o pobo o aclamase como bispo. Contra súa vontade, por considerarse indigno de tal ministerio, foi elixido como bispo da cidade de Tours no ano 370. A representación que de el ás veces se fai cun ganso, deriva da lenda verbo deste episodio: fuxindo da multitude que o aclamaba, ocultouse onda un ganso que, ao grallar, revelou o seu agocho.

Non quixo vivir no pazo episcopal e trasladouse a unha ermida, xerme da que sería máis tarde a abadía de Marmoutier.

Despregou unha importante actividade con gran atención ao apostolado e a combater os costumes pagáns. Fundou numerosas parroquias na Galia, especialmente entre as comunidades labregas. Coñécese tamén a súa posición contraria ao maltrato dos prisioneiros e contra a tortura. Isto supúxolle aldraxes e calumnias por parte de xente influente e os altos funcionarios. Non facía acepción de persoas, mesmo existen relatos de que nun banquete chegou a postergar ao propio Emperador (de aí vén a representación coa copa, que lle ofreceu primeiro a un presbítero que ao propio Emperador).

Se ben foi crítico co priscilianismo, non estivo de acordo coa execución do propio Prisciliano nin coa represión posterior, enfrontándose por iso ó bispo Ithacio que era partidario da represión. En Tréveris suplicou, sen éxito, ao mesmo emperador Máximo a clemencia para os supostos herexes. A súa actitude de tolerancia cos priscilianistas pode ser unha das causas da súa sona en Gallaecia.

Despois da súa morte, foi aclamado polo pobo como santo nos seus funerais celebrados o 11 de novembro (que é cando se celebra a súa festa). Chorado por todos, Sulpicio Severo escribiría del: a ninguén xulgou, a ninguén condenou.

Pervivencia[editar | editar a fonte]

Sobre o seu sartego edificouse unha pequena igrexa que recibiu o nome de capela, en lembranza da súa capa compartida (daí ven o nome capela). Trala conversión dos francos Clodoveo fixo da capa reliquia imperial e gardouse máis tarde na Sainte Chapelle de París. A basílica de St. Martin de Tours sería parada obrigada e relevante do Camiño de Santiago.

É o primeiro santo non apóstolo, non mártir. Gregorio de Tours defíneo como patrón especial do mundo enteiro.

San Martiño, patrón de Ourense

Martiño foi un dos santos mais populares na Idade Media como proban a importancia da súa festividade no calendario labrego e as numerosas parroquias e dioceses baixo a súa advocación. Hoxe é patrón dos soldados, tecedores e traballadores do téxtil, dos mendigos, dos presos, dos gansos, así como de Francia e Hungría e das cidades de Bos Aires, Groninga, Avignon, Utrecht, Amiens, das dioceses de Maguncia, Rottemburg e o cantón de Schwyz.

En Galicia destaca por ser o patrón da cidade de Ourense e da diocese do mesmo nome, que dedica a este santo a súa catedral e unha das súas principais festas: o Magosto que se celebra o día 11 de novembro. O evanxelizador do Reino Suevo de Galicia Martiño de Dumio ou de Braga, puxérase baixo a súa advocación.